Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Martes, 02 de marzo de 1999 Páx. 2.318

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 47/1999, do 18 de febreiro, polo que se regulan os incentivos á contratación laboral por reordenación do tempo de traballo que implique creación de emprego neto en Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º asume como competencia propia desta Comunidade Autónoma, de acordo co marco constitucional previsto no artigo 149.1º.7 da Constitución española, a execución das competencias e funcións en materia laboral, atribuíndose estas á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais creada polo Decreto 287/1993, do 10 de decembro, e regulada polo Decreto 227/1998, do 10 de xullo.

A Xunta de Galicia xunto coas organizacións sindicais CC.OO. de Galicia, UGT-Galicia e maila Confederación de Empresarios de Galicia, consideran as cuestións relativas ó emprego como unha das prioridades fundamentais para o período 1998-2001, coincidindo en que é a reflexión sobre as causas do desemprego e a identificación das mellores liñas de acción para afrontar este problema o punto de partida necesario para unha actuación coherente e eficaz no plano do emprego.

Esta necesidade de incrementa-lo emprego neto impulsou ás referidas partes a realizar un importante esforzo de diálogo coa finalidade de plasmar acordos sobre os que senta-las bases para unha maior xeración de emprego. Este esforzo concretouse na adopción, entre outros, do Acordo de medidas para a reordenación do tempo de traballo e a creación de emprego en Galicia, subscrito con data do 13 de xullo de 1998 pola Xunta de Galicia, o sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia -CC.OO.-, a Unión Xeral de Traballadores de Galicia -UGT-Galicia-, e a Confederación de Empresarios de Galicia -CEG.

Este acordo adoptado no marco das directrices aprobadas por Resolución do 15 de novembro de 1997 do Consello da Unión Europea para a creación de emprego, considera positivo impulsa-la contratación laboral, en sectores ou empresas, que sexa froito dos acordos formalizados a través da negociación colectiva e que leven consigo á modernización da organización e das formas de traballo co obxectivo da creación de emprego neto.

Así, no punto primeiro do dito acordo establécese expresamente a vontade do Goberno da Xunta de Galicia de incentiva-la creación de emprego neto que sexa consecuencia de acordos, sectoriais ou de empresa, tendentes a facer efectiva a reordenación do tempo de traballo ás necesidades reais dos procesos productivos, e que contribúan a aumenta-la productividade e competitividade das empresas.

Con este obxectivo instouse os interlocutores sociais asinantes do acordo, a abrir negociacións para o efecto de elaborar unha proposta consensuada sobre os incentivos concretos que se van establecer,

dirixidos á creación de novos postos de traballo como consecuencia de medidas de distinto tipo sobre reordenación e reducción do tempo de traballo así como relativos ó tempo de traballo parcial estable nas condicións que se regule na normativa estatal.

Transcorrido o prazo previsto no punto segundo do citado acordo e non téndose formulada proposta conxunta e consensuada de incentivos, a Xunta de Galicia, no marco da economía de mercado recoñecida pola Constitución española e desde o respecto ó dereito á negociación colectiva, piares sobre os que debe centrarse a actuación dos poderes públicos, asume o compromiso establecido no acordo, con base nos seguintes criterios establecidos nel:

«Subvención á contratación de persoas en situación de paro, e que derive dos acordos que se adopten a nivel sectorial ou de empresa, en materias tales como o cómputo anual do tempo de traballo, a reducción do tempo de traballo e das horas extraordinarias habituais, o traballo a tempo parcial nas condicións que se regulen na normativa estatal, se a houbese, a formación permanente e a interrupción da actividade profesional.

Estes incentivos afectarán as contratacións indefinidas que supoñan creación de emprego neto.

En todo caso quedará garantida a voluntariedade das partes na adopción dos acordos concretos no ámbito da negociación colectiva.

Procurarase a simplificación da tramitación administrativa dos incentivos que se establezan».

Por todo canto antecede, é polo que por iniciativa conxunta dos conselleiros de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e por proposta do conselleiro de Presidencia e Administración Pública, tralo dictame do Consello Galego de Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Principios xerais

Artigo 1º.-Ámbito obxectivo.

O presente decreto ten por obxecto o establecemento do marco xurídico regulador dos incentivos que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de fomento do emprego, pode outorgar para incentiva-la creación de emprego neto, que sexa consecuencia dos acordos voluntarios que se adopten a nivel sectorial ou de empresa, que contribúan a aumenta-la competitividade e productividade, en materia de reordenación e reducción do tempo de traballo e das horas extraordinarias habituais, con base nos acordos de medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

As disposicións do presente decreto serán de aplicación ós centros de traballo de empresas privadas independentemente da súa forma xurídica, situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Modalidades de incentivos: finalidade, beneficiarios e contía.

Artigo 3º.-Finalidade dos incentivos.

Os incentivos que se regulen terán por finalidade fomenta-la contratación de carácter indefinido, a tempo completo e a tempo parcial e fixos descontinuos, de traballadores por conta allea derivada de acordos voluntarios que, teñan ou non a súa orixe nun acordo sectorial, sexan subscritos pola empresa e a representación legal dos traballadores e de non existir esta por acordo maioritario cos traballadores, sobre:

a) Reordenación do tempo de traballo, entendida como o establecemento de modificacións na distribución horaria da xornada laboral, así como a implantación ou reordenación do traballo a quendas, e a conversión de horario partido en continuado ou viceversa.

b) Reducción do tempo de traballo sobre a xornada pactada en cómputo anual.

c) Reducción das horas extraordinarias realizadas con carácter habitual e/ou a súa compensación por tempos de descanso equivalente.

Os acordos deberán conter medidas complementarias en contrapartida das anteriormente referidas, que incidan na mellora da productividade da empresa, e que contribúan, en consecuencia, a aumenta-la súa competitividade.

Artigo 4º.-Beneficiarios.

Poderán acceder ós incentivos que se establezan, as empresas que contraten por conta allea con carácter indefinido, a tempo completo e a tempo parcial e fixos descontinuos, a traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego, sempre que as ditas contratacións supoñan incremento neto do cadro de persoal fixo.

Non serán de aplicación os incentivos que se regulen, nos seguintes supostos:

a) Contratacións realizadas que comporten a existencia dalgunha das relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou outras disposicións legais.

b) Contratacións que afecten o conxuxe, ascendentes, descendentes e outros parentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao inclusive, do empresario e das persoas que ocupen cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de admi

nistración das empresas que teñan forma xurídica societaria, excepto nas empresas de economía social con respecto ós socios de traballo.

c) Contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data da contratación, prestaran servicios na mesma empresa ou grupo de empresas mediante contrato por tempo indefinido. Esta causa de exclusión é aplicable ó suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas respecto das que a empresa solicitante das axudas sucedera en virtude do artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

d) Contratacións realizadas con traballadores que finalizaran a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de tres meses previos á formalización do contrato polo que se solicita subvención.

Artigo 5º.-Alcance dos incentivos.

Os incentivos que se regulen terán como obxecto contribuír á diminución do custo da cota empresarial á Seguridade Social, segundo as contías que se establezan para os distintos supostos na correspondente orde de convocatoria.

En ningún caso os incentivos establecidos neste decreto poderán, en concorrencia, se é o caso, con outras axudas públicas para a mesma finalidade, supera-lo 60% do custo salarial anual correspondente ó contrato que se subvenciona.

Capítulo III

Do procedemento de tramitación e pagamento dos incentivos

Artigo 6º.-Tramitación e pagamento.

O procedemento para a concesión dos incentivos establecerase na correspondente orde de convocatoria da consellería competente en materia de fomento do emprego, a que regulará, entre outros, os seguintes extremos:

a) Aplicación orzamentaria á que se imputa a subvención.

b) Obxecto, condicións e finalidade da concesión da subvención.

c) Requisitos dos beneficiarios.

d) Documentación que deba xuntarse á solicitude.

e) Indicación dos órganos competentes para a resolución do procedemento.

f) Prazo de presentación das solicitudes.

g) Prazo de resolución dos expedientes.

h) Indicación do órgano ante o que, de se-lo caso, poderá interpoñe-lo correspondente recurso administrativo.

i) Contía ou xeito de determinación da subvención e, se é o caso, posibilidade de conceder anticipos dela.

j) Prazo e forma de xustificación por parte do beneficiario da aplicación definitiva dos fondos recibidos,

incluso os librados, se é o caso, en concepto de anticipos.

k) Se é o caso, posibilidade de terminación convencional do procedemento.

Capítulo IV

Seguimento e control dos incentivos

Artigo 7º.-Seguimento.

O seguimento da implantación efectiva dos incentivos previstos levarase a cabo no seo da comisión constituída polas partes asinantes segundo o previsto no punto 4 do anexo II dos acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001.

Artigo 8º.-Control.

O control do cumprimento da finalidade dos incentivos que se establezan corresponderá á Inspección de Traballo e Seguridade Social, a través da autoridade laboral, que lle fixará anualmente os obxectivos nesta materia, unha vez lle sexa comunicada pola consellería competente en materia de fomento do emprego a relación de incentivos concedidos anualmente.

Artigo 9º.-Incumprimento.

O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas neste decreto e na respectiva orde de convocatoria, así como a duplicación da axuda con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social, Administración institucional, autonómica ou local, cando se supere o máximo previsto no artigo 5º do presente decreto, dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, do incentivo percibido e dos xuros de demora de conformidade co establecido no artigo 78.5º, da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia mediante acordo adoptado polo órgano competente, garantindo en todo caso a audiencia ó interesado.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do previsto na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Disposicións adicionais

Primeira.-As correspondentes ordes de convocatoria poderán establecer, como requisito para a obtención dos incentivos regulados neste decreto, as porcentaxes mínimas da xornada ou tempo de traballo reducido que teñen que cubrirse coas novas contratacións para as que se solicite subvención.

Segunda.-Este decreto terá vixencia ata o 31 de decembro do ano 2001 e os seus asinantes efectuarán unha valoración anual do seu grao de eficacia.

Non obstante o anterior, as ordes e demais disposicións dictadas en aplicación deste decreto, esgotarán a súa vixencia segundo se vaian extinguindo as actuacións a que deran lugar.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse os conselleiros de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública