Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 01 de marzo de 1999 Páx. 2.260

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 1 de decembro de 1998 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ó sector vitícola e fructícola polas perdas consecuentes á climatoloxía adversa na primavera de 1998, entre distintas entidades financeiras e a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Con data do 26 de outubro, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e nove entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer una liña de axudas e apoio financeiro ó sector vitivinícola e fructícola, ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos económicos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e do decreto da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, 281/1998, do 8 de outubro, polo que se establecen medidas extraordinarias para os sectores vitivinícola e fructícola de Galicia.

En virtude do exposto,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, facer público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que o subscribiron, que figuran como anexo II.

ANEXO I

Convenio de apoio ós sectores vitícola e fructícola polas perdas consecuentes á climatoloxía adversa na primavera de 1998

Parte expositiva:

Primeiro.-Que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria pode levar a cabo todo tipo de accións que contribúan á mellora do sistema productivo agrario e ó seu desenvolvemento

equilibrado e integrado, podendo establecer convenios con entidades de dereito público ou privado co obxecto de captar sistemas de apoio e financiamento co obxectivo da mellora do sector agrario.

Segundo.-Que a entidade financeira asinante está interesada en participar no programa posto en marcha desde a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de apoio ós sectores vitícola e fructícola para o que está disposta a outorgar apoio financeiro ós profesionais do sector que reúnan a condición de beneficiarios nunhas condicións especiais.

Terceiro.-Que, ó abeiro do disposto na Lei 13/1995, do 18 de maio, de contratos das administracións públicas, quedan excluídos do ámbito dela os convenios de colaboración que realice a Administración con persoas físicas ou xurídicas suxeitas ó dereito privado, sempre que o seu obxecto non estea comprendido nos contratos regulados nela ou en normas administrativas especiais. Non obstante, disponse no número 2 deste artigo que estes convenios se regularán, preferentemente, polas súas normas administrativas especiais, aplicándoselles, supletoriamente, os principios da propia lei para resolve-las dúbidas e lagoas que puidesen presentarse.

Cuarto.-Que no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1998 existe dotación orzamentaria adecuada e suficiente na aplicación orzamentaria 09.04.615-A.770 para lles facer fronte ás obrigas económicas derivadas do disposto no presente convenio.

Quinto.-Que no Decreto 281/1998, do 8 de outubro, se especifican as axudas financeiras para os sectores vitícola e fructícola polas perdas consecuentes ós danos ocasionados polas extraordinarias condicións climáticas da primavera do presente ano, prevéndose no seu artigo 4 que estas se instrumentarán a través de convenios que se van subscribir con entidades financeiras, nos que se fixen as condicións e requisitos relativos á xestión, administración e delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións delas.

Xa que logo, de acordo con todo o anteriormente exposto, tidos en conta os intereses comúns de ámbalas dúas partes, a través do presente convenio preténdese articular un marco de colaboración con suxeición ás seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto do presente convenio é o establecemento do xeito e condicións nas que terá que desenvolverse a colaboración entre as partes asinantes en relación coas medidas de apoio financeiro que estas lles presenten ós sectores vitícola e fructícola polas perdas no presente ano, de acordo co establecido no Decreto 281/1998, do 8 de outubro.

Segunda.-Beneficiarios.

Poderán solicita-los préstamos acollidos ó presente convenio os titulares de explotacións vitícolas,

fructícolas e adegas que reúnan os requisitos que a continuación se indican:

3. Titulares de explotacións vitícolas e fructícolas:

a) Que a explotación estea situada no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que xustifiquen perdas na producción e na colleita do presente ano, como consecuencia do clima extraordinariamente adverso, superiores ó 30% respecto á media das produccións dos tres últimos anos.

c) Que estean ó día no cumprimento das obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

d) Que non teñan pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega.

e) Que se comprometan a mante-la actividade de producción na explotación durante un mínimo de cinco anos desde a data de concesión da axuda.

4. Titulares de adegas:

a) Que realicen a súa actividade no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Que teñan a súa razón social na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que xustifiquen unha diminución da producción de viño superior ó 30% da media de producción dos tres últimos anos.

d) Que acrediten non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que estean ó día no cumprimento das súas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

f) Que se comprometan a mante-la actividade durante cinco anos.

Terceira.-Actividades subvencionables.

Só serán subvencionables as perdas das rendas ocasionadas polas condicións climáticas extraordinarias da pasada primavera referente á perda da colleita non atribuíble á sarabia.

Cuarta.-Modalidades das axudas.

O apoio financeiro outorgado pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria concrétase nunha subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos concertados entre as entidades financeiras colaboradoras e os beneficiarios das axudas para a realización das actividades recollidas na cláusula primeira, sen que isto supoña un aumento da súa capacidade de producción.

Quinta.-Condicións dos préstamos.

Os préstamos que as entidades financeiras colaboradoras lles concedan ós beneficiarios deste programa terán as seguintes características:

1. Importe do principal: calcularase baseándose no recollido no artigo 5 do Decreto 281/1998, do 8 de outubro, no referente ós baremos que se vaian

aplicar e ó recollido no anexo do dito decreto no referente ó cálculo das perdas e da porcentaxe delas.

2. Prazo de amortización: ata catro anos, dos que un, o primeiro, será de carencia.

3. Tipo de xuro e subsidiación: fíxase un tipo de xuro preferencia de 4,90 por 100 anual, revisable automaticamente o 1 de xaneiro de cada ano, sendo a primeira revisión o 1 de xaneiro do 2000.

O novo valor do tipo de xuro será o MIBOR (ou índice que o substitúa) a un ano correspondente ó mes de novembro anterior, incrementado en 1,25 puntos e redondeado á décima de punto máis próxima.

Cada revisión do tipo de xuro actualizará o tipo de xuro da totalidade dos préstamos formalizados desde o inicio da vixencia do convenio.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria subsidiará os puntos do tipo de xuro necesarios para que o que en cada momento teña que paga-lo prestatario sexa o 1% sobre o capital disposto.

4. Amortización: as amortizacións do principal efectuaranse en cotas trimestrais iguais, con vencemento o último día do trimestre natural respectivo, debéndose recoller no instrumento de formalización do préstamo o número de cotas e o importe delas para toda a vida do préstamo.

5. Liquidación de xuro: as liquidacións do 1% de interese a conta do prestatario realizaranse trimestralmente, coincidindo co último día de cada trimestre natural, calculándose os xuros en función do capital vivo, agás, se é o caso, para o ano de carencia, no que se calcularán estes en función do préstamo efectivamente disposto.

6. Gastos: a concesión e cancelación dos préstamos acollidos ó presente convenio non devengará ningunha comisión por conta do prestameiro.

7. Conta restrinxida: as disposicións da cantidade prestada efectuaranse a través dunha conta restrinxida aberta na entidade financeira prestameiro a nome do prestatario na que se efectuarán tódolos aboamentos e pagamentos do préstamo concedido durante a vida del.

Sexta.-Tramitación das solicitudes.

Segundo o disposto no artigo do devandito Decreto 281/1998, do 8 de outubro, as solicitudes poderán presentarse, con independencia do establecido no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, tanto nas xefaturas provinciais do Servicio de Sanidade e Producción Animal e Vexetal como nas axencias de extensión agraria ou nas oficinas das entidades financeiras colaboradoras, no modelo oficial que

figura como anexo ó dito decreto e por cuadruplicado exemplar.

1. Cando as solicitudes se presenten nas xefaturas provinciais do Servicio de Sanidade e Producción Animal e Vexetal ou nas axencias de extensión agraria serán estas as que lles dean rexistro de entrada, quedándose cunha copia, entregándolle outra ó solicitante e achegándolle as dúas restantes á oficina respectiva da entidade financeira colaboradora, que se quedará con outra copia e achegará, no prazo dun mes debidamente informada, a outra xunto co xustificante da aprobación do préstamo ó respectivo Servicio Provincial de Sanidade e Producción Animal e Vexetal, a través dunha única oficina da entidade financeira que para o efecto designe esta para cada provincia.

2. Cando o posible beneficiario opte por presentar directamente a súa solicitude na entidade financeira será esta a que lle dea entrada e, de modo inmediato, lle achegue unha copia dela á Xefatura Provincial do Servicio de Sanidade e Producción Animal e Vexetal ou da comarca onde estea situada a explotación ou a instalación, entregándolle outra ó interesado e quedando cunha terceira. A restante, xunto coa documentación e co xustificante da aprobación do préstamo, remitiralla ó respectivo Servicio Provincial de Sanidade e Producción Animal e Vexetal da forma establecida no parágrafo anterior.

3. En calquera caso, cando se presente a solicitude directamente na entidade financeira esta velará que con ela se achegue a seguinte documentación:

C) Axudas a explotacións vitícolas e fructícolas:

* Fotocopia compulsada do DNI ou NIF do titular da explotación.

* Xustificación da titularidade dos bens afectados.

* Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda por ningún concepto coa Administración Pública da Comunidade Autónoma galega.

* Certificación xustificativa de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

* Certificación da declaración das colleitas de uva dos tres anos anteriores e do presente correspondente á mesma superficie, feita polo consello regulador correspondente ou facturas de venda dos catro anos no caso dos fructicultores e viticultores non acollidos a consellos reguladores.

* Valoración do custo dos elementos que hai que repoñer ou reparar, ou documento que acredite ter pendente de pagamento investimentos de calquera tipo feitos na explotación.

* Compromiso de mante-la actividade da explotación durante cinco anos.

D) Axudas ás adegas.

* Fotocopia compulsada do CIF da empresa.

* Xustificación da titularidade dos bens afectados.

* Acreditación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

* Certificación xustificativa de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

* Aforamentos de viño das variedades autorizadas ou recomendadas feitas polos consellos reguladores, se é o caso, ou facturas correspondentes ós tres últimos anos e ó presente no resto. Poderán completarse cunha declaración das existencias que van inspecciona-los técnicos da consellería.

* Valoración do custo dos elementos que hai que repoñer ou reparar ou documentos que acrediten ter pendentes de pagamento investimentos de calquera tipo feitos nas empresas.

* Compromiso de mante-la actividade durante cinco anos.

4. As entidades financeiras colaboradoras asinantes do presente convenio non poderán aceptar ningunha solicitude que se presente nas súas oficinas despois do 27 de novembro.

Sétima.-Formalización dos préstamos e disposicións de fondos.

1. Unha vez que a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria lle comunique á entidade financeira a concesión da axuda para a subsidiación do tipo de xuro do préstamo, aquela terá un prazo máximo de tres meses para proceder a súa formalización, considerándose ineficaz a resolución de concesión da axuda se neste prazo non se subscribise aquel, agás autorización expresa da Dirección Xeral de Producción Agropecuaria, logo de solicitude razoada do beneficiario, xunto coa conformidade da entidade financeira.

2. O instrumento de formalización do préstamo recollerá, nunha das súas cláusulas, que este se acolle ó presente convenio e deberá establecer, así mesmo, dun xeito claro, o tipo de xuro obxecto da subsidiación e o tipo resultante para o beneficiario segundo o especificado na cláusula quinta deste convenio.

3. A entidade financeira colaboradora queda obrigada a comunicarlle ó respectivo Servicio Provincial de Sanidade e Producción Animal e Vexetal a formalización do préstamo, xuntando copia da póliza, ó mesmo tempo que procede o aboamento na conta designada para o beneficiario do 100% do seu importe, cantidade da que aquel poderá dispoñer inmediatamente.

Oitava.-Liquidación e aboamento do importe de subsidiación.

A liquidación da subsidiación do tipo de xuro por conta da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria será feita polas entidades financeiras anualmente, dando traslado dela ós servicios centrais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria na primeira quincena de decembro de cada ano, para que, logo das compro

bacións que se consideren oportunas, proceda o seu aboamento no prazo de tres meses desde a súa presentación.

Para o anterior, unha vez chegado o devandito período anual respectivo, a entidade financeira achegaralle á consellería unha certificación das liquidacións dos préstamos por ela concedidos coa solicitude de pagamento da devandita liquidación de subsidiación, pechada o último día do ano correspondente. Con ela, para o obxecto de realiza-las comprobacións oportunas, deberase acompaña-la relación individualizada das súas operacións, o seu capital vivo teórico -unha vez deducidas as amortizacións anticipadas- os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención devengada segundo o saldo vivo anual ou saldo disposto, así como o tipo de xuro aplicable.

Novena.-Modificación da concesión.

No caso de que a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria autorice unha modificación da subvención concedida ó beneficiario, de acordo co establecido no artigo 11 do devandito decreto da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria de 1998, a resolución pola que se acorda a modificación notificaraselle de xeito inmediato á entidade financeira colaboradora para que se proceda á adaptación do préstamo ás novas circunstancias contidas na resolución de modificación; feito isto deberanllo comunicar, pola súa banda, ó respectivo Servicio Provincial de Sanidade e Producción Animal e Vexetal.

Décima.-Perda da subsidiación.

Cando o prestameiro perda o dereito á subsidiación do tipo de xuro por algunha das causas recollidas no artigo 12 do Decreto 281/1998, do 8 de outubro, a consellería comunicarallo de modo inmediato, unha vez dictada a oportuna resolución, á entidade financeira para que exclúa das liquidacións correspondentes o importe da axuda concedida ó respectivo beneficiario pola subsidiación do tipo de xuro.

Se o préstamo se amortiza anticipadamente segundo o disposto na cláusula quinta punto catro, ou se cancelase, a entidade financeira deberallo comunicar, de xeito inmediato, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para que se proceda en consecuencia.

Décimo primeira.-Vixencia.

A vixencia do presente convenio estenderase dende a data da súa sinatura ata que se produza o vencemento do último préstamo concedido ó seu abeiro, é dicir, como máximo catro anos desde a formalización do dito préstamo.

Décimo segunda.-Réxime xurídico.

O presente convenio, que é de carácter público e administrativo, rexerase polas disposicións nel sinaladas e, supletoriamente, polas xerais de lexislación de contratos do Estado ás que as partes se someten, incumbíndolle a súa interpretación, en vía

administrativa, á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, na súa calidade de órgano de contratación deste.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir substanciaranse perante a xurisdicción contencioso-administrativa, de acordo co disposto na lei reguladora da devandita xurisdicción.

Décimo terceira.-Comisión de seguimento.

Coa finalidade de axiliza-la posta en marcha e execución do acordado no presente convenio haberá unha comisión de seguimento na que estarán representadas, paritariamente ámbalas dúas partes asinantes del.

ANEXO II

Relación de entidades financeiras colaboradoras:

-Caixas:

Caixa Rural de Lugo.

-Bancos:

Banco Central Hispano.

Banco Santander.

Banco Simeón.

Banco Gallego.

Banco Bilbao Vizcaya.

Banco Atlántico.

Banco de Galicia.

Argentaria, Caja Postal e Banco Hipotecario, S.A.

Bankinter.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 1998.

Ángel Bernardo Tahoces

Secretario xeral da Consellería de Agricultura,

Gandería e Política Agroalimentaria