Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Luns, 01 de marzo de 1999 Páx. 2.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 18 de febreiro de 1999 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para a realización e mellora de infraestructuras nos polígonos empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os polígonos empresariais e as infraestructuras de solo empresarial existentes en Galicia con anterioridade ó Plan de solo empresarial de Galicia do 14 de maio de 1991 e cun alto nivel de ocupación de empresas, teñen, como consecuencia dos anos transcorridos desde a súa creación, determinadas carencias infraestructurais como pode ser en materia de novas tecnoloxías de comunicación, de adecuación daqueles ás esixencias de normativas actuais e de servicios comúns de carácter xeral que lles permita unha actualización permanente fronte ós seus competidores.

A necesidade de renovación destas infraestructuras, para evita-la súa obsolescencia, ou de creación por non estaren previstas na súa orixe, e co obxecto de motiva-lo esforzo común de renovación e actualización permanente, como elemento dinamizador da economía e do emprego local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Industria e Comercio considera oportuno establecer medidas de apoio que permitan desenvolver proxectos investidores en materia de infraestructuras de instalacións e de servicios ás empresas.

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron concedidas

DISPOÑO:

Artigo 1º.- Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a mellora dos servicios e o acondicionamento de infraestructuras existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas situadas en polígonos empresariais teñan condicións máis competitivas para desenvolve-la súa actividade.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán as corporacións locais, sociedades públicas e privadas que xestionen solo empresarial, e as asociacións de empresarios de polígonos empresariais que leven, polo menos, cinco anos en funcionamento na data de publicación desta orde, cun nivel mínimo de ocupación do 60% en número de parcelas e que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables a elaboración ou execución de estudios e proxectos de investimentos para a incorporación de novos servicios e a actualización

e mellora dos existentes en materia de comunicacións, subministración eléctrica, iluminación, saneamento, vías, ou a dotación de infraestructuras para a prestación de servicios avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade, e formación, segundo o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

A contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar ata o 100% do custo de elaboración do estudio ou proxecto técnico e ata o 50% do investimento incentivable nas actuacións de execución, mellora ou acondicionamento, con cargo á aplicación 08.02.661-C.760.0 actuacións en materia de infraestructuras en polígonos industriais, que figura na Lei 6/1998 do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1.-As solicitudes axustaranse ó modelo que figura no anexo e deberán presentarse por triplicado exemplar, xunto cos seguintes documentos:

-Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución.

-Orzamento detallado por capítulos e conceptos.

-No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico facultado e visado polo colexio oficial correspondente.

-Informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

-Titularidade das infraestructuras do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

-Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da sociedade e do poder notarial correspondente; a inscrición de ámbolos dous documentos debe constar no Rexistro Mercantil.

No caso de empresas individuais, presentarase unha fotocopia compulsada do DNI do titular.

-Copia compulsada do último recibo de pagamento do imposto de actividades económicas.

-Fotocopia do CIF da empresa ou do NIF en caso de empresas individuais.

-Certificado actualizado de inscrición de empresa no Rexistro Industrial, se procede.

Artigo 6º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral dos servicios centrais, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes rematará ós trinta días naturais contados a partir do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 7º.-Tramitación.

1.-De conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

2.-Examinada a documentación e logo do correspondente informe técnico, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó mesmo tempo se inclúan na resolución.

Artigo 8º.-Prazo de resolución.

A non notificación da resolución no prazo de seis meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta e quedará expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Xustificación do investimento e pagamento da axuda concedida.

1.-Para percibiren a subvención, os beneficiarios deberán achega-la documentación acreditativa da realización das actuacións previstas, que motivaron a concesión da axuda, nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, de tres exemplares consistentes en:

-Solicitude de cobramento.

-Memoria na que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudio ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

-Xustificantes dos pagamentos realizados e certificacións por conceptos, e de fin de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director, no caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións.

-Certificación acreditativa de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais, da Administración central, e de non ter pendente ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

-Declaración das axudas solicitadas ou certificacións das obtidas noutros organismos para a mesma actividade.

2.-Os beneficiarios presentarán a devandita documentación acreditativa dos investimentos e gastos realizados antes do 31 de octubro de 1999.

3.-A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen que se levou a cabo a realización do investimento de acordo co proxecto presentado.

4.-Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria, na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código da conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

5.-No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, deberá presentarse, ademais, a documentación establecida no artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Anticipos.

Con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial segundo proceda, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50% da subvención concedida, naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo coas condicións establecidas no citado artigo 35 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 11º.-Reducción e concorrencia de axudas.

No caso de que o investimento ou actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e asegurada a consecución do obxecto, a subvención que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda do custo da actividade que vaia desenvolve-lo beneficiario ou da porcentaxe máxima establecida no artigo 4º desta orde, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que se puidesen derivar.

Artigo 12.-Revogación.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, logo da audiencia ó interesado á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e mailos xuros de demora, sen prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro.

Artigo 13.-Renuncia.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 14º.-Lexislación aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición adicional

Poderán acollerse ás axudas que se regulan na presente orde as solicitudes presentadas ó abeiro da orde de convocatoria correspondente ó exercicio de 1998 que non puideran atenderse por limitacións orzamentarias, sempre que así o solicite o interesado.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1999.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio