Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Xoves, 25 de febreiro de 1999 Páx. 2.126

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 22 de febreiro de 1999 pola que se establece a paralización temporal da flota de cerco para 1999.

A crise biolóxica en que se atopa a sardiña do stock ibero-atlántico e que nos últimos anos vén sendo diagnosticada de maneira insistente e rotunda nos informes científicos do Comité Asesor para a Xestión de Pesquerías (ACFM), do Consello Internacional para a Explotación do Mar (CIEM), do Comité Científico e Económico da Pesca da Comisión da Unión Europea e de diferentes informes elaborados por técnicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), afecta de maneira moi especial á flota galega de cerco.

As recomendacións destes organismos propoñen medidas drásticas a curto prazo para a recuperación da poboación de sardiña. Sen embargo, e dado que o obxectivo proposto é de difícil aplicación por razóns socioeconómicas, recóllese tamén nas recomendacións a alternativa de implementar un plan de recuperación a máis longo prazo.

Na situación actual, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia considera necesario establecer, como medida de choque, unha parada temporal por razóns biolóxicas que, xunto con outras medidas de reducción do esforzo pesqueiro posta en marcha, contribúan á recuperación do recurso, ó tempo que faga viable a operatividade da súa flota de cerco. O período máis indicado para realiza-la paralización sitúase, segundo os informes científicos existentes, na primavera, para a maior protección do stock desovante, datos corroborados pola última paralización temporal realizada no ano 1993.

Polas razóns expostas, ó amparo do disposto no artigo 12 da Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia, e no artigo 14 do Regulamento (CE) nº 2468/1998 do Consello do 3 de novembro de 1998 (IFOP) e consultada a comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca, regulada polo Decreto 427/1993, do 17 de decembro, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Queda prohibida a modalidade de pesca de cerco nas augas de competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, desde o 1 ó 31 de marzo de 1999, ámbolos dous incluídos.

Artigo 2º.-Condicións.

As embarcacións acollidas ó paro temporal por motivos biolóxicos deberán permanecer en porto os días que dure a inmobilización efectiva dos buques, que será, obrigatoriamente, dentro do período establecido no artigo primeiro.

O rol das devanditas embarcacións será entregado nas capitanías marítimas correspondentes ó porto en que teñan a súa base, para a súa retención a partir do comezo da paralización e durante o tempo que permanezan en tal situación.

Artigo 3º.-Obxecto e financiamento.

Os armadores das embarcacións pesqueiras afectadas por esta medida que acrediten a súa dedicación á modalidade de pesca de cerco, e que teñan a súa base nos portos de Galicia, poderán acollerse ás axudas reguladas na presente orde.

As ditas axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 12.03.614.B.770.0 do exercicio de 1999, comprometéndose a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a promove-los axustes orzamentarios necesarios, co obxecto de poder conceder no seu día as axudas tanto ós armadores como ós tripulantes.

Artigo 4º.-Axudas.

1. Os armadores das referidas embarcacións poderán ter dereito a percibir unha axuda, en función dos días de inmobilización efectiva dos buques. A contía máxima desta determinarase conforme o baremo que figura como anexo I da presente orde e que, en todo caso, quedará condicionada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Para poderen ter dereito a estas axudas, deberá tramitarse o correspondente expediente de regulación de emprego, por causa de forza maior impropia, para o efecto, o que se acreditará.

2. Así mesmo, poderá concedérselles unha axuda suplementaria, dentro dos límites do anexo I, ós armadores afectados pola suspensión das actividades que se manteñan ó día das cotas empresariais e da Seguridade Social dos seus tripulantes.

3. Os tripulantes de embarcacións pesqueiras acollidas ó disposto nesta orde poderán percibir unha axuda máxima por día de parada temporal de:

Técnico: 3.746 ptas.

Mariñeiro: 2.673 ptas.

Para poder ter dereito a estas prestacións, os tripulantes deberán atoparse legalmente enrolados un mínimo de seis meses no ano 1998, e estar nesa situación ó comezo da parada temporal por motivos biolóxicos.

Estas axudas serán incompatibles coas prestacións por desemprego, debéndose acreditar.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os armadores que pretendan acollerse ás axudas previstas no artigo 4º, números 1 e 2 da presente orde, presentarán unha solicitude conforme o modelo do anexo II nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, dentro do prazo que comezará o día seguinte da publicación da presente orde no DOG e que rematará o día 15 de marzo de 1999.

Á solicitude xuntaráselle, por triplicado exemplar, a seguinte documentación debidamente compulsada:

-Fotocopia do DNI ou do NIF do solicitante.

-En caso de que o solicitante non sexa o titular, deberá achegar poder notarial que o faculte para actuar no nome daquel.

-Copia do rol de despachos, no que se poida verifica-la actividade do buque á modalidade de cerco un mínimo de seis meses no ano 1998.

-Certificación da capitanía marítima de ter depositado o rol do barco a partir do comezo do período de paralización.

-Copia do documento TC-1 e TC-2 do último mes controlado.

-Certificación bancaria acreditativa da conta do beneficiario da axuda, para efectos de cobro, na que conste o código da entidade e da sucursal e número de conta do beneficiario, así como ficha bancaria.

2. Os tripulantes das embarcacións que pretendan acollerse ás axudas previstas no artigo 4º, número 3 da presente orde, presentarán nas delegacións territoriais ou comarcais da consellería, solicitude conforme o modelo do anexo III, dirixida ó conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Á solicitude xuntaráselle, por triplicado exemplar, a seguinte documentación debidamente compulsada:

-Fotocopia do DNI.

-Documentación acreditativa de atoparse enrolado nunha embarcación acollida á parada temporal por motivos biolóxicos, segundo o disposto no artigo e punto de referencia.

-Certificación bancaria acreditativa da conta do beneficiario da axuda, para efectos de cobro, onde conste o código da entidade e da sucursal e número de conta do beneficiario, así como ficha bancaria.

A data límite para a presentación da devandita solicitude rematará o día 30 de abril de 1999.

Artigo 6º.-Resolución.

Recibidas as solicitudes e unha vez valoradas, a Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados elevará proposta ó conselleiro de Pesca, Marisqueo

e Acuicultura quen dictará a correspondente resolución.

A Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados poderá en calquera momento requeri-los solicitantes das axudas, para que presenten a documentación que considere necesaria para completar ou acredita-los datos e documentos achegados.

Naqueles casos nos que se presenten dúbidas con relación ó cumprimento das condicións fixadas para a obtención das axudas, a Dirección Xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados poderá, previamente á correspondente resolución, formular consulta non vinculante a unha representación da comisión sectorial de cerco do Consello Galego de Pesca, elixida polos membros da citada comisión entre eles mesmos, a que se pronunciará nun prazo máximo de sete días.

Artigo 7º.-Pagamentos.

En cumprimento do disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, modificado pola Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión, os beneficiarios das subvencións, tanto armadores como tripulantes, con independencia da súa contía e antes de que se proceda á tramitación da fase de proposta de pagamento realizada por quen recoñeceu a existencia da obriga, terán que acreditar que se atopan ó día das súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Así mesmo, para proceder ó pagamento das axudas ás que se fai referencia no artigo 4º, número 2, o solicitante deberá presentar copia dos documentos TC-1 e TC-2 xustificantes do aboamento das cotas mencionadas.

Artigo 8º.-Incompatibilidades.

Os armadores ou os tripulantes dos barcos que, acolléndose ó paro temporal por motivos biolóxicos regulado na presente orde, volvan faenar dentro do período previsto no artigo 1º en calquera zona ou modalidade pesqueira, perderán o dereito ás axudas aquí reguladas, con independencia da sanción que conforme a Lei 6/1991, do 15 de maio, de infraccións en materia de protección de recursos marítimo-pesqueiros, lles puidese corresponder.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Estructuras Pesqueiras e Mercados para interpretar e desenvolver tódolos extremos referidos á presente orde, que entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 1999.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Arqueo do buque en T.R.B.Contía máxima da prima por buque en ptas./día de paralización efectiva

Ata 25 TRB 3.328 ptas. + 752 ptas. por TRB

Máis de 25 e ata 50 TRB 4.160 ptas. + 715 ptas. por TRB

Máis de 50 e ata 70 TRB10.815 ptas. + 582 ptas. por TRB

Máis de 70 TRB14.642 ptas. + 519 ptas. por TRB