Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 1999 Páx. 1.825

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 5 de febreiro de 1999 pola que se establecen liñas de actuación e estímulo á formación de mulleres naquelas profesións ligadas a sectores e actividades considerados prioritarios en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

O Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude en materia de medidas activas de emprego, determina unha regulación unificada de tódalas convocatorias de axudas e subvencións que en materia de medidas activas de emprego realiza a citada consellería en canto á súa presentación, tramitación, valoración e resolución, e na súa disposición derradeira primeira, autorízase a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta disposición.

A consolidación das actividades económicas existentes, sobre todo a aparición de actividades novas na súa concepción, vén esixir un incremento na capacitación dos recursos humanos utilizados nelas.

A innovación técnica e organizativa das actividades económicas, a incorporación masiva da muller ó mundo do traballo e a preocupación que leva consigo a plena integración comunitaria demandan plans adecuados á realidade actual, plans nos que a formación que se imparta se adapte ás necesidades existentes.

A formación para o emprego débese conformar como unha acción programática co fin de superar concepcións tradicionais de ofertas de emprego en profunda transformación.

Igualmente, o Fondo Social Europeo, a través do marco comunitario de apoio, considera a formación como unha das accións principais que hai que desenvolver, sinalando o colectivo das mulleres como un dos prioritarios.

Neste marco, a presente orde pretende concreta-los principios xerais contidos no dito decreto no relativo á formación ocupacional, coordinando as accións de formación coas actividades de orientación profesional e a execución de accións e programas que faciliten a inserción laboral das mulleres e a mellora da súa cualificación profesional.

Como consecuencia da posta en funcionamento do Servicio Galego de Colocación o 1 de xaneiro de 1997, incorpórase a obriga das entidades impartidoras de introduci-lo currículo dos/as alumnos/as que rematen os cursos na base de datos do dito servicio.

As ditas axudas financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 14.50.212A.467.0, 14.50.212A.481, 14.50.212A.487 e 14.50.212A.489.0, recollida na de Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999

e cos fondos reflectidos no marco comunitario de apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública dos plans de actuación, as condicións e os requisitos para a realización do programa de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a prol das mulleres mediante a execución das seguintes actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo:

a) Apoio a programas de formación profesional realizados por entidades locais, asociacións, empresas ou grupo de empresas en favor das mulleres.

b) Coordinación de accións de formación ocupacional con actividades de orientación profesional e plans de fomento da economía social e a promoción de empresas.

c) Programas destinados a facilita-la inserción laboral das mulleres impulsando a súa cualificación profesional, naquelas profesións demandadas polo mercado de traballo.

d) Proxectos formativos de cáracter singular que poidan achegar un valor engadido ás accións anteriores.

Artigo 2º.-Xestión e execución.

1. A xestión das accións previstas na presente orde correspóndelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a través do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Poderán colaborar na impartición das accións previstas no presente programa e, consecuentemente, solicita-la súa inclusión na programación, as entidades que se citan a continuación:

a) As centrais sindicais e organizacións empresariais legalmente constituídas, ben por si mesmas ou conxuntamente.

b) As entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) As asociacións e outras entidades de carácter social que carezan de ánimo de lucro.

d) As empresas ou grupos de empresas, exclusivamente para a formación de activas.

e) Os centros inscritos no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Comunidade Autónoma.

Para a impartición das accións de formación profesional ocupacional poderá establecerse a sinatura de convenios entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as entidades concesionarias.

2. Tódalas entidades sinaladas no parágrafo anterior e que obteñan a concesión de axudas para a impartición de accións previstas na presente orde non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a súa impartición.

Artigo 3º.-Colectivos beneficiarios.

Terán preferencia para participar nas accións previstas na presente orde:

a) As mulleres que se atopan inactivas e poidan acredita-la súa condición de desempregadas.

b) Traballadoras en activo, con exclusión das que presten os seus servicios en calquera tipo de Administración pública, sexa cal sexa o seu vínculo con ela.

Artigo 4º.-Selección de alumnas.

1. Con carácter xeral, o número de alumnas participantes en cada curso estará comprendido entre 15 e 20, sen que en ningún caso poidan terse en conta máis de 15 alumnas para o cómputo da subvención, non podendo iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 12.

2. A entidade que vai imparti-lo curso realizará unha convocatoria pública mediante anuncio que se publicará de conformidade coas instruccións que establecerá o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller en modelo normalizado, na que necesariamente se deberá facer consta-lo financiamento da acción por parte do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, polo menos a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia, e efectuará a selección entre as que acudan a ela, tendo en conta que as alumnas seleccionadas deben ser, agás nos cursos de activas, desempregadas, o que deberán acreditar mediante a inscrición nalgunha das oficinas de emprego do Servicio Público de Emprego no momento da súa incorporación ó curso, ou ben mediante certificación acreditativa da vida laboral da desempregada, levantando a correspondente acta que se deberá remitir ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, con sete días de antelación ó comezo dos

cursos.

Así mesmo deberán remitir á oficina de emprego correspondente, relación de candidatas seleccionadas para os cursos e comunica-las incidencias (altas/baixas) que se produzan ó longo del.

O custo dos anuncios que non se adapten ós anteditos requisitos e a calquera outro que puidera ser establecido polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller non será aboado con cargo ás axudas previstas na presente orde.

3. As alumnas deberanse incorporar o curso na data do seu inicio. De non se incorporaren ou de se produciren baixas dentro do primeiro cuarto del, poderanse substituír por alumnas procedentes da convocatoria pública, sempre que teñan o nivel de acceso correspondente á fase do curso á que se incorporen. Neste caso a persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel da alumna.

4. Os cursos nos que, a pesar de que se intentase completa-lo número de alumnas, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ó 50% do número programado, poderán ser suspendidos polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Neste caso a entidade terá dereito a unha indemnización que será proposta pola Comisión de Avaliación prevista no artigo 12º e será aprobada pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller calculada en función das circunstancias concorrentes en cada caso.

Artigo 5º.-Dereitos e deberes das alumnas.

1. As alumnas que resulten seleccionadas para un curso non poderán asistir a outro simultaneamente, nin causar baixa nun para acceder a outro incluído dentro da programación de formación ocupacional do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. As alumnas terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento os cursos de formación ocupacional e a de facilita-la documentación que sexa solicitada pola entidade impartidora dentro dos 5 primeiros días lectivos, sendo causa de exclusión destes incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes.

3. As alumnas que rematen os cursos con aproveitamento obterán un diploma oficial, no modelo que estableza o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, acreditativo da súa realización no que constarán os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI da alumna.

b) Denominación do curso.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e programa impartido (incluído o módulo de políticas de igualdade).

e) Entidade impartidora.

Poderá concederse o diploma a aquelas alumnas que causen baixa no curso por colocación, cando a/o docente considere que ten os coñecementos equivalentes ó nivel do curso e asistira ó 75 por 100 das horas del.

Artigo 6º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e desenvolveranse, agás no caso de activas, preferentemente en horario de mañá.

2. Nas especialidades formativas terán preferencia as vinculadas a profesións ou oficios con menor índice de ocupación feminina, nos termos que establece a orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 -9-1998 e que, en todo caso, estarán incluídas no catálogo de especialidades formativas.

As accións formativas deben incluír obrigatoriamente un módulo de políticas de igualdade, que terá unha duración mínima de 8 horas e máxima de 12 horas.

Artigo 7º.-Inicio e remate.

Con carácter xeral as accións formativas deberanse iniciar antes do 31 de maio, mentres que o seu remate e xustificación producirase, necesariamente, como data límite o 30 de novembro de 1999, debendo

estar xustificados os custos inherentes a eles, mediante certificación do xefe do Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, o 30 de decembro de 1999.

Quedan exceptuadas dos prazos establecidos no parágrafo anterior as accións formativas derivadas dos supostos previstos no artigo 13º.3 da presente orde.

Artigo 8º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ó abeiro da presente orde serán obxecto de subvención para compensa-los custos derivados da súa execución.

2. As anteditas subvencións terán unha contía máxima por cada curso que será a resultante do nº de horas do curso, polo número de alumnas e o importe do seu módulo. Os módulos asignaranse a cada curso segundo a súa clasificación en función do seu nivel formativo e do grao de dificultade da técnica utilizada.

3. Computaranse como alumnas que remataron o curso aquelas que precisen abandonalo antes da súa finalización por ter atopado un emprego ou ocupación productiva, sempre que se acredite documentalmente tal extremo e o número de alumnas que o rematen non supere o do previsto para el.

4. A percepción da subvención prevista no presente artigo, que financia o 100% dos custos xerados pola impartición da acción formativa, será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza.

Artigo 9º.-Gastos subvencionables.

1. Os gastos correspondentes a cada curso dividiranse en tres módulos: «A» referido ós custos de profesorado, «B» referido ó resto dos custos aboables do curso, e «C» referido ás bolsas e axudas ás alumnas. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo, sendo a suma deles igual ó custo máximo subvencionable.

2. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «A», os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de profesorado, comprendendo os soldos ou honorarios do persoal docente incluíndo os gastos de Seguridade Social.

b) Gastos de persoal directivo e administrativo e do dedicado ó seguimento e control do curso e, en xeral, das actividades de coordinación sen que poida superarse, en ningún caso, o 15 por cento do módulo «A». Estas actividades non poderán ser realizadas polo persoal docente do curso.

3. Poderanse considerar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ó módulo «B», os gastos desagregados seguintes:

a) Gastos de seguros de accidentes das alumnas, comprendendo o importe das pólizas ou primas correspondentes a tódalas alumnas asistentes, polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso.

b) Gastos de medios e materiais didácticos como textos e outros dun só uso pola alumna e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación quedando excluídos os gastos de amortización de equipamento e ferramentas.

c) O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá esixi-la xustificación dos custos.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos.

e) Gastos xerais, comprendendo aqueles gastos que, sen estaren incluídos nos parágrafos anteriores, se deban imputar ou teñan a súa orixe na actividade do curso: alugueres e seguros, tanto de instalacións como de maquinaria; teléfonos e comunicacións; gastos de administración da entidade necesarios para a posta en funcionamento e permanencia dos cursos; e publicidade expresamente demandada e realizada de conformidade coas normas establecidas na presente orde, para a execución dos cursos aprobados e programados.

Sobre os custos dos módulos «A» e «B» efectivamente gastados e xustificados poderase calcular un 10% correspondente ós gastos de difícil xustificación. Este importe deberase imputar, en todo caso, ó módulo «A».

4. O módulo «C» estará constituído polas bolsas, cando se trate de desempregadas minusválidas, e as axudas de transporte, manutención e aloxamento ás alumnas, ás que terán dereito de conformidade coas normas que en desenvolvemento da presente orde dicte a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e sempre que a partir do comezo do curso correspondente poidan acreditar, de modo suficiente, atopárense nos supostos de concesión e a súa duración sexa superior a catro horas diarias e vinte semanais.

Artigo 10º.-Solicitudes.

1. As entidades que, cumprindo as condicións establecidas no artigo 2º, desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas na presente orde deberán formaliza-la correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I á presente orde asinada polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado.

A solicitude deberá acompañarse da seguinte documentación:

a) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

b) Memoria detallada xustificativa da acción no modelo normalizado que se publica como anexo III á presente orde, na que se farán consta-los criterios que se van utilizar para a selección das alumnas. Cando se trate de asociacións, consignarase o número de membros que a integran.

c) Se é o caso, compromiso de contratación asumido pola entidade impartidora ou por aquela que vaia contratar alumnas formadas.

d) Declaración expresa subscrita polo titular ou polo representante legal da entidade de non percibir ningún tipo de axuda da mesma natureza concedida por calquera outra entidade pública ou privada.

e) Declaración pola que se expresa a submisión ás actuacións de comprobación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

f) No caso de ter impartido cursos incluídos na programación da consellería correspondentes ó exercicio de 1998, deberán xustifica-lo grao de inserción laboral acadado polas alumnas formadas.

g) Ficha de solicitude de transferencia bancaria (anexo IV).

2. As solicitudes presentaranse no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ou nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que correspondan ó domicilio da solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se as solicitudes fosen presentadas nas delegacións provinciais, estas remitiranas ó día seguinte ó da súa recepción ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 11º.-Prazo.

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá o solicitante para que, nun prazo de dez (10 ) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrucción dos expedientes será o establecido no artigo 6 do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes.

2. Unha vez realizados os trámites sinalados no parágrafo 1º do artigo 6 do antedito decreto, os expedientes remitiránselle á Comisión da Avaliación para o seu informe, proposta de resolución e posterior elevación ante o órgano competente para resolver.

3. Para os efectos do disposto no parágrafo anterior a Comisión de Avaliación estará composta pola secretaria do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que a presidirá, e serán vocais o xefe de Servicio de Cooperación, Estudios e Programas e o xefe de servicio de Administración Xeral, que actuará como secretario.

4. A Comisión de Avaliación á hora de barema-las solicitudes terá en conta, entre outros, os seguintes criterios:

a) A existencia de compromiso de contratación, valorándose para tales efectos, tanto o número de mulleres que se van contratar como a duración e características dos contratos.

b) As que promovan unha cualificación das mulleres naquelas profesións nas que se atopan subrepresentadas, as que estean especialmente ligadas a sectores económicos prioritarios en Galicia ou nas actividades económicas das súas comarcas, e as que fomenten o autoemprego e a economía social.

c) O grao de cumprimento demostrado pola entidade na impartición das accións formativas, concedidas en exercicios anteriores; valorándose para tales efectos a calidade da acción impartida, o índice de inserción laboral das alumnas formadas, así como o cumprimento das condicións de seguimento e avaliación, e a correcta xustificación dos gastos.

d) A mellor idoneidade do centro no que se vai imparti-la formación, valorando para iso o nivel de adecuación das instalacións, aulas e talleres ás esixencias das accións formativas propostas.

e) A maior adecuación do perfil do persoal docente, do material didáctico dispoñible e da metodoloxía do programa proposto.

f) A inclusión dunha fase de prácticas profesionais non laborais, adecuada ós coñecementos impartidos.

g) A inclusión de módulos de orientación e información profesional, que conteñan información sobre as posibilidades de emprego abertas para a formación recibida e orientación sobre as técnicas de busca de emprego, posibilidades de autoemprego e fórmulas de economía social.

h) A poboación e o número de mulleres desempregadas do territorio para o que se solicitan os cursos.

i) A existencia doutros recursos formativos na zona.

Artigo 13º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, logo do informe da Comisión de Avaliación, de cubri-lo trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. Contra a dita resolución poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude. A resolución dictada pola conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo.

2. A resolución dos expedientes deberase producir no prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ó de remate do prazo para a presentación das solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e con carácter excepcional, poderanse efectuar resolucións complementarias fóra do prazo establecido cando non fose posible efectualas dentro del, cando existisen fondos provenientes de renuncias totais ou parciais de subvencións inicialmente concedidas ou doutros remanentes dos módulos.

Artigo 14º.-Obrigas.

Ademais das obrigas establecidas no artigo 9 do Decreto 377/1998, do 23 de decembro, os beneficiarios das axudas deberán:

a) Remitirlle, dentro dos 7 días anteriores ó comezo dos cursos, ó Servicio de Cooperación, Estudios e Programas do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller:

a.1) O programa docente completo, estructurado por módulos, indicando o tempo en horas de cada un deles, así como os contidos teórico-prácticos del.

a.2) As datas de inicio e remate dos cursos e, se é o caso, a planificación temporal das actividades relacionadas co curso.

a.3) A relación de docentes que van imparti-lo curso, xunto coa documentación acreditativa de que a súa formación e experiencia é suficiente.

Unha copia desta documentación deberá expoñerse no taboleiro de anuncios do centro onde se imparta. Calquera modificación posterior destas circunstancias deberá ser autorizado previamente polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

b) Remitir, no prazo de 10 días a partir do inicio dos cursos, as fichas do Sistema Informático de Formación Ocupacional (SIFO) así como mensualmente a folla de control de asistencias.

c) Realizar un informe da situación laboral das alumnas formadas, unha vez transcorridos 6 meses e un ano desde a finalización do curso, co fin de coñece-la súa porcentaxe de colocación.

d) Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acorda-los órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, tanto no relativo ó desenvolvemento da acción formativa coma á súa xestión e tramitación administrativa e documental.

e) Contratar un seguro de accidentes para as alumnas polos riscos que inclúan os de traxecto ó lugar de impartición das clases prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período do curso ou das prácticas non laborais en empresas.

f) Realizar unha memoria descritiva dos cursos unha vez finalizados estes.

g) Introduci-lo currículum das alumnas que rematen o curso, coa súa conformidade, na base de datos do Servicio Galego de Colocación na forma que estableza a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Artigo 15º.-Pagamento.

O aboamento da subvención farase efectivo da forma seguinte:

a) Ata un 50% do total do orzamento de gastos, en concepto de anticipo, no momento no que o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller reciba comunicación da entidade impartidora notificando o inicio das actividades, así como a documentación sinalada nas alíneas a) e b) do artigo anterior.

b) O 50% restante, unha vez rematada a acción formativa e recibida a certificación do responsable da entidade, acreditativa do cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida, ademais da liquidación final na que se xustifiquen tódolos gastos coa relación de facturas e a certificación de gastos por módulos.

Nos supostos de proxectos formativos con compromiso de contratación, non se realizará a liquidación final mentres non se remitan copias dos contratos de traballo rexistrados polo organismo público competente.

Cando a entidade beneficiaria da subvención sexa unha corporación local, antes de proceder ó cobro, deberá acreditar que non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Se se trata de entidades con ánimo de lucro, antes de proceder ó cobro terá que acreditar que está ó día na súas obrigas tributarias e sociais e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das subvencións recollidas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación teña que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario/a que para o efecto designe a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e, sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer noutro/a funcionario/a do mesmo servicio có substituído.

Terceira.-A Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá financia-la elaboración do diagnóstico de necesidades e de plans de formación ocupacional e de reciclaxe profesional naqueles sectores productivos que considere oportunos, nos ámbitos local, comarcal e autonómico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no ámbito das súas competencias, para dicta-las resolucións e intruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude