Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 1999 Páx. 1.523

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 1 de febreiro de 1999 pola que se convoca o Premio das Letras e das Artes de Galicia.

Por medio do Decreto 288/1994, modificado no seu artigo 5 polo Decreto 286/1995, creouse o Premio das Letras e das Artes de Galicia. Este premio ten como finalidade a de recoñecer e recompensa-lo labor daquelas persoas que co seu labor creador contribuíron á conservación, á expansión e ó engrandecemento da cultura galega en calquera campo dela. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócase o Premio das Letras e das Artes de Galicia correspondente a 1999 co fin de recoñecer e recompensa-los méritos daquelas persoas que dedicaron gran parte da súa actividade ás letras e ás artes en calquera das súas múltiples manifestacións, con resultado de engrandecemento e afirmación dos valores culturais de Galicia.

Artigo 2º

O premio está dotado con cinco millóns (5.000.000) de pesetas con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.B.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Artigo 3º

3.1. O premio será indivisible e non poderá concederse a título póstumo.

3.2. O premio poder ser declarado deserto.

Artigo 4º

1. A presentación dos candidatos poderá realizala calquera institución, fundación, academia, federación, asociación ou centro cultural ou de investigación, mediante escrito dirixido ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo modelo que figura como anexo da presente orde, ó que se xuntará o currículo do candidato.

2. O escrito e o currículo ó que se fai referencia no parágrafo anterior serán presentados no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou nos rexistros das delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, antes do 15 de marzo do presente ano.

Artigo 5º

1. O premio fallarase o día 17 de maio, día das letras galegas nun acto institucional.

2. O xurado poderá convocar para este acto ata cinco finalistas.

Artigo 6º

Tódalas decisións do xurado serán inapelables.

Artigo 7º

As institucións, fundacións, academias, federacións, asociacións, centros culturais ou de investigación que propuxeren candidatos e non resultaren premiados, poderán retira-la documentación presentada no prazo de trinta (30) días naturais contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o dictame. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo