Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 1999 Páx. 1.522

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 20/1999, do 5 de febreiro, polo que se regula a débeda da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio 1999.

A Lei 11/1992, de 7 de outubro (DOG nº 200, do 14 de outubro), de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece no título II capítulo I Das operacións de endebedamento, as normas ás que se deberán suxeita-las operacións de endebedamento.

O artigo 29.2º establece que o endebedamento tanto da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos terá que ser autorizado por lei, a cal, sen prexuízo de fixar calquera outra característica das operacións de endebedamento por realizar, deberá sinala-lo importe máximo autorizado.

Do mesmo modo, o artigo 31 establece que no endebedamento que a Comunidade Autónoma leve a cabo con persoas físicas ou xurídicas para atender necesidades transitorias de tesourería, calquera que sexa a forma como se documente, o prazo de reembolso será inferior a un ano. O límite máximo destas operacións establécese na lei de orzamentos de cada exercicio.

A Lei 6/1998, do 29 de decembro (DOG nº 252 do 31 de decembro), de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999 establece:

1. No seu artigo 25.1º fíxase, de acordo co previsto no artigo 32 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a variación da posición neta debedora da Comunidade Autónoma ó final do exercicio 1999. En canto á autorización e formalización da emisión das operacións de endebedamento, é de aplicación o artigo 33 da mencionada Lei 11/1992, no que se establece que a emisión de débeda pública ou operacións de crédito que realicen a Comunidade Autónoma ou os seus organismos

autónomos terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda, dentro dos límites sinalados pola lei.

2. No seu artigo 26 establécese que o Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá concertar ou emitir operacións de débeda de Tesourería durante o exercicio 1999 de acordo co disposto no artigo 31 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Co presente decreto acórdase a autorización pertinente para que, á medida que xurdan as necesidades de financiamento, poida ser formalizada esta débeda pola Consellería de Economía e Facenda.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Capítulo I

Débeda a longo prazo.

Artigo 1º

1. Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para a formalización, durante 1999, de operacións de endebedamento ata un importe que non supere o límite máximo da variación da posición neta debedora fixado no artigo 25.1º da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999. Enténdese como variación da posición neta debedora o resultado de deducir do importe das operacións de endebedamento que se formalicen en 1999 as amortizacións de débeda que se efectúen no mesmo exercicio.

2. Estas operacións de endebedamento poderán formalizarse de maneira fraccionada en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma atendendo ás circunstancias dos mercados financeiros.

Artigo 2º

As operacións ás que se refire o artigo anterior poderán realizarse por un prazo superior a un ano, e levaranse a cabo mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos, ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado de natureza semellante. Poderanse utilizar simultaneamente os procedementos indicados dentro dos límites anteriormente sinalados.

Capítulo II

Débeda de Tesourería.

Artigo 3º

Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para concertar operacións de crédito ou emitir débeda pública, en calquera das súas modalidades, por un prazo de reembolso inferior a un ano, para atender necesidades transitorias de tesourería.

Artigo 4º

O importe que se concertará ou emitirá, de acordo co artigo anterior non poderá superar en ningún momento, como límite acumulativo máximo para as operacións en vigor o disposto no artigo 26 da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposición adicional

O conselleiro de Economía e Facenda fixará as condicións, tipo de xuro, modalidade, amortización e demais características ás que terán que axustarse as operacións de débeda reguladas neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Economía e Facenda para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de febreiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda