Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 28 Xoves, 11 de febreiro de 1999 Páx. 1.521

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 1 de febreiro de 1999 de modificación parcial da do 1 de decembro de 1989 pola que se implanta un novo sistema de información contable.

O Decreto 90/1997, do 10 de abril, polo que se establece a organización recadatoria da Xunta de Galicia, atribúe ós órganos de recadación da Consellería de Economía e Facenda a competencia para recadar en vía executiva os recursos dos organismos autónomos e dos entes públicos vinculados á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, prevé que aqueles poidan asumi-la xestión recadatoria dos recursos doutras administracións públicas en virtude de lei ou convenio.

Imponse a necesidade de adapta-la Orde do 1 de decembro de 1989, modificada pola Orde do 31 de maio de 1994 pola que se implanta un novo sistema de información contable na Administración da Xunta de Galicia para recolle-la xestión dos citados recursos. Para conseguir este obxectivo, créase unha nova agrupación contable, denominada Recursos doutros entes públicos, que se divide en:

-Recursos doutros entes públicos. Dereitos que cobrar.

-Recursos doutros entes públicos. Obrigacións que pagar.

Esta nova agrupación supón o campo adecuado para recolle-los ingresos por taxas de organismos autónomos que son recadados pola Administración xeral e que ata a data eran contabilizados en conceptos extraorzamentarios.

Deste modo a nova agrupación proporcionará unha imaxe detallada da xestión recadatoria de todos estes recursos que, baseándose en diferentes normas, acordos ou convenios, sexa realizada pola Administración xeral.

Artigo 1.-Modificación do artigo 26 da Orde do 1 de decembro de 1989.

Engádense ó artigo 26.Un os seguintes apartados:

«s) Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Dereitos que cobrar.

t) Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Obrigacións que pagar.».

Artigo 2.-Modificación do artigo 27.Un da Orde do 1 de decembro de 1989.

Engádense ó artigo 27.Un da Orde do 1 de decembro de 1989 os apartados seguintes:

«j) Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Dereitos que cobrar.

k) Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Obrigacións que pagar.».

Artigo 3.-Novo artigo 43 bis.

Engádese un artigo 43 bis coa seguinte redacción:

«Artigo 43 bis.

Cada oficina contable recollerá no «Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Dereitos que cobrar», a situación e os movementos daqueles recursos doutros entes públicos diferenciados da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos que teña encomendada a xestión recadatoria esta última, desde o punto de vista da súa relación con terceiros.

Así mesmo, cada oficina contable recollerá no «Estado de xestión de recursos doutros entes públicos. Obrigacións que pagar» a situación e os movementos dos recursos a que se refire o parágrafo anterior que xa foron recadados, desde o punto de vista da súa entrega ós entes públicos titulares deles.».

Artigo 4.-Modificación do artigo 56 da Orde do 1 de decembro de 1989.

O punto 5 do artigo 56 da Orde de 1 de decembro de 1989, queda redactado como segue:

«5. Estado de situación e movementos de operacións non orzamentarias, con distinción das operacións relativas a recursos doutros entes públicos xestionados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma.».

Artigo 5.-Modificación do artigo 61 da Orde do 1 de decembro de 1989.

O artigo 61 queda como segue:

«Artigo 61.

O estado de situación e movementos de operacións non orzamentarias reflectirá o detalle das realizadas durante o exercicio das distintas contas e conceptos en que se recollan este tipo de operacións, mostrando a súa situación e movementos, clasificadas en:

-Debedores.

-Acredores.

-Partidas pendentes de aplicación.

-Movementos internos de tesourería.

-Outras contas de relación.

-Recursos doutros entes públicos. Dereitos que cobrar.

-Recursos doutros entes públicos. Obrigacións que pagar.».

Artigo 6.-Modificación do artigo 69 da Orde do 1 de decembro de 1989.

O artigo 69 queda como segue:

«Artigo 69.

Respecto das operacións non orzamentarias, poñeranse de manifesto os ingresos e pagamentos realizados durante o exercicio, así como os saldos exis

tentes ó comezo do exercicio e ó final do período a que se refira.

Incluirase separadamente información relativa a recursos doutros entes públicos xestionados pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, distinguindo os ingresos e os gastos.».

Disposición derradeira

O disposto na presente orde será de aplicación con efectos do un de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 1999.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda