Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 1999 Páx. 1.469

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 2 de febreiro de 1999 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego, no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, a través dos programas de cooperación.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Por outra banda a Unión Europea, coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade Autónoma prevé, a través do Fondo Social Europeo, entre outras medidas, o cofinan

ciamento xunto cos diversos poderes públicos dos estados membros de programas tendentes á creación do emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica e xunto con outros programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, baixo a rúbrica de «Programas de Cooperación», respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente, os acordos sobre medidas para o crecemento e o Emprego en Galicia 1998-2001, rubricados pola Xunta de Galicia, polo Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

A filosofía dos denominados «Programas de Cooperación» corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben por outras instancias da Administración autonómica, ben polas propias entidades afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado a través do mantemento do servicio.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen especificamente ás administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Por outra banda, non poden perderse de vista as directrices emanadas do Consello Europeo Extraor

dinario de Luxemburgo sobre o Emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades, presentes no deseño dos programas regulados nesta orde, e que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a mesma de lugar.

Noutra orde de cousas, a presente convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións. O financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.241A.482.0 que figuran na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

A presente orde ten por finalidade a definición e regulación dos distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de «Programas de Cooperación», están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego no ámbito da colaboración con órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará as entidades que estando previstas nos artigos 11º e 19º contraten, respectivamente, traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social e axentes de emprego.

Artigo 3º.-Contía.

1. A contía máxima da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será igual ó resultado de

multiplica-lo número de traballadores desempregados contratados polo número de meses de duración do contrato e polo importe do módulo que lle corresponda en función do grupo de cotización á Seguridade Social do traballador contratado, conforme o establecido no parágrafo seguinte.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. Os módulos correspondentes a cada grupo de cotización dos traballadores contratados serán os seguintes:

Módulo A: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán ó salario mínimo interprofesional mensual, vixente cada ano, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos que corresponderan ó dito salario mínimo por cada traballador contratado nos grupos de cotización da Seguridade Social 10 e 11.

Módulo B: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a dúas veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 9 ó 5, ambos inclusive.

Módulo C: os custos salariais totais que se van subvencionar ascenderán a tres veces o salario mínimo interprofesional mensual vixente en cada ano, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias, así como a cotización á Seguridade Social por tódolos conceptos por cada traballador contratado dentro do grupo de cotización da Seguridade Social, 4 ó 1 ambos inclusive.

3. Se a entidade solicitante percibise algunha outra subvención para man de obra, outorgada por outras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar, conxuntamente coa subvención da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, o custo total da contratación, incluídas as cotizacións á Seguridade Social.

4. As axudas previstas na presente orde, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.482.0.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As entidades que estando previstas nos artigos 11º e 19º pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-la correspondente solicitude nos modelos que se publican como anexos á presente orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego e nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade, debidamente acreditado, e deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos da presente orde.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Fomento do Emprego da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será de un mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 5º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos sinalados no artigo anterior ou a documentación achegada contivera erros ou sexa insuficiente, o órgano competente para instruí-lo procedemento, requirirá a solicitante para que, nun prazo non superior a dez días, emende a falta ou achege os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, arquivándose sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992 do 26 de novembro.

2. Completos os expedientes, remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde, a Comisión de Valoración estará composta polo subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, que a presidirá; e serán vocais os xefes dos servicios de xestión de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación, actuando este último como secretario.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da Comisión de Valoración e fiscalizada a proposta pola Intervención delegada, o director xeral de Fomento do Emprego dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados. Transcorrido o antedito prazo sen que recaera resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

2. Excepcionalmente, e cando exista crédito dispoñible, poderán resolverse as solicitudes presentadas fóra do prazo previsto no artigo 4º, a proposta da comisión de valoración, en atención ó interese xeral ou social da obra ou servicio ou da perspectiva de xeración de emprego.

3. Contra as resolucións do director xeral de Fomento do Emprego poderá interpoñerse recurso

administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 7º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados.

b) Orixinais ou copias compulsadas dos partes de alta na Seguridade Social.

c) Un certificado do órgano competente da entidade beneficiaria no que consten, de conformidade co previsto no convenio colectivo que sexa de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á dirección xeral de Fomento do Emprego no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa de ampliación do mesmo por aquela.

Artigo 8º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio subvencionado, a entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Fomento do Emprego un informe certificado de fin de obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar donde se realicen as obras ou servicios, deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Artigo 9º.-Control.

1. En todo caso, as entidades beneficiarias someteranse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, en relación coas subvencións reguladas nesta orde, e ás previstas na lexislación do Consello de Contas así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento co Fondo Social Europeo.

2. O incumprimento total ou parcial das obrigas, condicións ou finalidades establecidas na presente orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo

proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.5º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, do réxime financieiro e presupostario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación de desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social

Artigo 10º.-Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto a subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 3º, dos traballadores contratados ó abeiro da presente orde.

Artigo 11º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención os órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidade e entidades sen ánimo de lucro, que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que dispoñan de recoñecida capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se van realizar deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados ou prestados polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e práctica profesionais de desempregados.

c) Que se executen ou presten dentro do ano natural no que se outorgue a subvención, agás que por causas debidamente xustificadas o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

2. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos, farase unha selección dando maior preferencia a:

a) Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

b) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación

directa dos traballadores á entidade beneficiaria á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde co órgano competente para resolver ou calquera outra fórmula de inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

c) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

d) Os proxectos cofinanciados polas entidades solicitantes.

e) Os proxectos de maior interese xeral e social.

3. En ningún caso serán obxecto de subvención aquelas solicitudes presentadas polas institucións sen ánimo de lucro coa finalidade de executar obras.

Artigo 13º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta pechada no Servicio Público de Emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se van contratar para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación, que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, proporcionando o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

c) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

d) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

e) Idade e condición de muller.

4. Cando as obras ou servicios que se van realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos

dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, darase preferencia ós traballadores desempregados que participaran naquela.

5. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego.

Artigo 14º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas.

2. Os contratos de traballo celebrados cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correpondente coa indicación de «Programas de Cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades», debendo incluírse en cada contrato o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitirá á Dirección Xeral de Fomento do Emprego unha certificación na que conste a formulación de oferta pechada, a relación nominal de traballadores desempregados facilitada polo Servicio Público de Emprego, así como a relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 7º da presente orde.

4. Con carácter xeral, no suposto de baixas temporais ou definitivas dalgún dos traballadores contratados con anterioridade á finalización da obra ou servicio, a entidade beneficiaria podera substituílo por outro traballador de similares características, seleccionado na forma sinalada no artigo 13º, sen que en ningún caso poida producirse un incremento da subvención concedida, debendo facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións impliquen ou devolve-las cantidades non gastadas en caso de non substituílo.

Estas substitucións deberán ser notificadas á dirección xeral de Fomento do Emprego no prazo de cinco días desde a súa formalización.

Artigo 15º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación que se presentará por duplicado exemplar:

a) Acreditación da representación que ten e, no caso de entidades sen ánimo de lucro, ademais fotocopias compulsadas do seu documento nacional de identidade e da documentación do apoderamento.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade solicitante.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante nos que resulte acreditada a ausencia de ánimo de lucro, para os supostos nos que tivese esa natureza.

d) Se é o caso, proxecto global do conxunto de plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

f) Unha memoria de cada obra ou servicio que se vai realizar, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

Artigo 16º.-Contido da resolución.

A resolución administrativa que poña fin ó expediente conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional dos traballadores que se van contratar así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

f) Localización xeográfica provincial da realización da obra ou servicio.

g) Código que se vai incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

Artigo 17º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o director xeral de Fomento do Emprego poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación

de axentes de emprego

Artigo 18º-.Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto a subvención da contratación de axentes de emprego a tempo completo e por un período dun ano para a realización de funcións relacionadas coa dinamización e xeración de novas actividades con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación laboral e, en especial, de:

a) Prospección de recursos ociosos ou infrautilizados e de proxectos empresariais.

b) Difusión e estímulo das potenciais oportunidades de creación de actividades entre desempregados, promotores, emprendedores e institucións colaboradoras.

c) Acompañamento técnico na iniciación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas xeradoras de novos empregos.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais dos traballadores contratados ó abeiro da presente orde, nos termos establecidos no artigo 3º.

Artigo 19º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención os órganos e organismos das administracións públicas, distintas da local, universidades e fundacións constituídas por achegas dunha Administración pública ou que esta forme parte dos seus órganos de goberno ou dirección, que se obriguen á contratación de axentes de emprego, para a realización das anteditas funcións e que dispoñan de recoñecida capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 20º.-Selección dos axentes de emprego.

1. Para a selección dos axentes de emprego crearase un grupo mixto de traballo presidido pola persoa que se designe pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego. Este grupo de traballo establecerá os criterios e o procedemento para a realización da selección procurando a maior adecuación ó posto de traballo, tendo en conta que os seleccionados deben ser desempregados.

2. Na selección dos axentes de emprego será requisito imprescindible que os candidatos dispoñan de formación académica de nivel universitario, diplomado ou licenciado, en ciencias económicas e empresariais, en socioloxía, en dereito, en relacións laborais ou noutras análogas.

3. Os contratos de traballo celebrados rexistraranse na oficina de emprego coa indicación «Programas de cooperación Xunta de Galicia-outras administracións ou entidades».

4. Con carácter xeral, no suposto de baixa temporal ou definitiva do axente de emprego con anterioridade á finalización do período subvencionado, a entidade beneficiaria poderá substituílo por outro seleccionado na forma sinalada no presente artigo, sen que en ningún caso poida producirse un incremento da subvención concedida, debendo facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que esta substitución implique ou devolve-las cantidades non gastadas en caso de non substituílo.

Estas substitucións deberán ser notificadas á Dirección Xeral de Fomento do Emprego no prazo de cinco días desde a súa formalización.

Artigo 21º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da

seguinte documentación que se presentará por duplicado exemplar:

a) Certificación do órgano competente da entidade na que conste a representación que ten a persoa que asina a solicitude.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

c) Fotocopia compulsada da escritura pública e dos estatutos de constitución da entidade solicitante.

d) Unha memoria, no modelo que se publica como anexo IV, fundamentando a solicitude, incluíndo unha descrición dos obxectivos perseguidos coa contratación e as tarefas que desempeñará o axente de emprego.

Artigo 22º.-Seguimento.

As entidades beneficiarias deberán remitir á Dirección Xeral de Fomento do Emprego, semestralmente, unha memoria descritiva das actividades realizadas polos axentes de emprego.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se, por calquera causa, no momento no que a Comisión Central de Valoración teña que examina-las solicitudes de subvención, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se designe.

Terceira.-As entidades que percibisen ó abeiro da Orde do 27 de abril de 1998 subvención para a contratatación de traballadores desempregados para a prestación de servicios relacionados coa dinamización e xeración de novas actividades con repercusión na creación de postos de traballo como consecuencia da súa actuación, poderán solicita-la correspondente prórroga para 1999, no prazo establecido no artigo 4.3º. A resolución que, se é o caso, aprobe a concesión da subvención para 1999 poderá ter efecto retroactivo, sempre que non se interrompese a contratación e a prestación dos servicios polos traballadores obxecto da subvención.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude