Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 1999 Páx. 1.464

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 29 de decembro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Casas Móvil, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Casas Móvil, S.A. que tivo entrada nesta Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 18-12-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social polos delegados de persoal o día 30-11-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 29 de decembro de 1998.

P.S. (Decreto 227/1998, do 10 de xullo)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Consellería de Xustiza,

Interior e Relacións Laborais

Convenio colectivo empresa Casas Móvil, S.A.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

As normas do presente convenio serán de aplicación a tódolos traballadores da empresa Casas Móvil, S.A. NIF A-15.123.318 sita na estrada de Arteixo, km 3, Arteixo-A Coruña.

Artigo 2º.-Normas complementarias.

En todo o non pactado expresamente neste convenio, será de aplicación a Lei 8/1980, do Estatuto dos traballadores, os convenios colectivos provincial e nacional da industria siderometalúrxica e demais disposicións vixentes.

Artigo 3º.-Vixencia, denuncia e prórroga.

O convenio entrará en vigor con tódolos seus efectos a partir do 1 de xaneiro de 1998 e terá vixencia ata o 31 de decembro de 1998.

Cun mes de antelación, polo menos, ó termo da súa vixencia calquera das partes poderá denuncialo, notificándollo á autoridade competente e poñéndoo en coñecemento da outra parte, por medio de carta certificada ou outra forma fidedigna. As partes comprométense a constituí-la comisión negociadora no prazo máximo dun mes.

En caso de non ser denunciado entenderase prorrogado por períodos anuais, se ben as condicións económicas se incrementarán na contía prevista para este ano do IPC.

Artigo 4º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte de 9.968 pesetas por mes, segundo táboas salariais adxuntas descontándose 475 ptas., por cada día laborable que se falte ó traballo, agás nos supostos seguintes:

a) En caso de accidente de traballo.

b) En caso de enfermidade percibirase os sete primeiros días, descontándose o resto.

c) En caso de hospitalización, mentres dure, incluída convalecencia.

d) Cando a falta ó traballo se deba á utilización de horas sindicais.

Os menores de 18 anos percibirán 1.880 pesetas por este concepto.

Artigo 5º.-Antigüidade.

A) Establécese un complemento salarial por este concepto de 2.600 ptas. mensuais por cada quinquenio de permanencia na empresa. No conxunto do quinquenio incluirase o período de aprendizaxe excepto o primeiro ano. Os quinquenios comezarán a devengarse a partir do primeiro de mes en que se cumpra.

B) A letra A) do presente artigo 5º non terá efecto para os contratos asinados con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1999, e manterase vixente para os asinados con anterioridade a esta data.

Artigo 6º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense dúas gratificacións, unha de Nadal e outra de verán, que se farán efectivas, a primeira delas antes do día 20 de decembro e a segunda antes do 15 de xullo. Consistirán ambas nunha mensualidade de salario e antigüidade, incrementadas, cada paga, en 6.381 pesetas. O dito incremento de seis mil trescentas oitenta e unha pesetas cada paga extra, convense para o exercicio do ano 1998, e será negociable no próximo convenio en función das ratios de productividade conseguidos no ano actual.

Artigo 7º.-Axudas de custo.

Tódolos traballadores que, por necesidades do servicio, teñan que desprazarse a municipios distintos a aquel en que radique o centro de traballo, percibirán unha axuda de custo de 2.810 pesetas ó día.

Os días de saída devengarán idéntica axuda de custo, e o de chegada reducirase á metade se pasa a noite no seu domicilio, a menos que tivese que efectua-las dúas comidas principais fóra.

Se os gastos orixinados superan o importe da axuda de custo, o exceso deberá ser aboado pola empresa, logo da xustificación dos traballadores.

Artigo 8º.-Xornada de traballo.

Será de 1.804 horas efectivas de traballo, no cómputo anual, segundo o calendario oficial de festas.

Se por disposición oficial ou por acordo sectorial se modificase a xornada, automaticamente quedará modificado o convenio neste punto.

O 31 de decembro, a empresa presentará ós membros do comité de empresa unha proposta de calendario laboral para o seguinte ano.

Artigo 9º.-Premio ou plus de asistencia e puntualidade.

Para premia-la asistencia e puntualidade, establécese un premio ou plus para tódalas categorías de 432 pesetas por día de traballo.

Dada a condición deste premio ou plus:

1. Só se devengará por día efectivo de traballo.

2. Pérdese o premio ou plus dun día por:

2.1. Unha falta ó traballo.

2.2. Dous atrasos.

2.3. Dúas omisións da fichaxe ou control de entrada.

2.4. A ausencia ó traballo, total ou parcial, sen xustificar.

3. Pérdese o premio ou plus do mes por:

3.1. Tres faltas ó traballo, excepto por enfermidade.

3.2. Seis omisións da fichaxe ou control de entrada.

3.3. Seis atrasos.

3.4. Tres faltas leves.

3.5. Dúas faltas graves.

3.6. Unha falta moi grave.

Para os efectos anteriores considerarase:

1. Atrasos:

1.1. As horas exactas de entrada e saída indicaranse mediante os sinais que a empresa estableza.

Os traballadores deberán encontrarse nos seus postos de traballo ó darse os sinais de principio e fin de xornada.

O non cumprir estes requisitos suporá a consideración de atraso, abandono de posto de traballo ou simulación de presencia doutro traballador.

2. A falta parcial ó traballo:

2.1. Toda fichaxe ou control de entrada que exceda de trinta minutos sobre o horario de entrada e saída durante a xornada laboral, excepto nas causas xustificadas.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

Perante a grave situación de paro existente e co obxectivo de favorece-la creación de emprego, ámbalas partes acordan a conveniencia de reducir ó mínimo indispensable as horas extraordinarias de acordo cos seguintes criterios:

1. Horas extraordinarias habituais: supresión.

2. Horas extraordinarias motivadas por forza maior, entendendo por tales as que veñan esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos extraordinarios e urxentes, así como en caso de risco de perda de materias primas: realización.

3. Horas extraordinarias estructurais: mantemento.

Co fin de clarifica-lo concepto de horas extraordinarias estructurais entenderanse como tales as necesarias por períodos imprevistos ou períodos punta de producción, ausencias imprevistas, cambios de quenda ou outras circunstancias de carácter estructural derivadas da actividade de que se trate, sempre que non poidan ser substituídos pola utilización das distintas modalidades de contratación previstas legalmente, podendo ser compensadas por un tempo equivalente de descanso, en lugar de ser retribuídas monetariamente, sempre que o traballador o acepte.

A cotización por horas extraordinarias motivadas por causa de forza maior e polas estructurais realizarase de acordo co previsto no parágrafo 2º do artigo 7 do Real decreto 1/1985, do 5 de xaneiro, e Orde do 15 de xaneiro de 1985.

Tamén en relación co obxectivo de estimula-la creación de emprego a través da reducción de horas extraordinarias, as partes coincidiron na importancia do estricto cumprimento do artigo 35 do Estatuto dos traballadores.

Terán a consideración de horas extraordinarias as que se realizan sobre a xornada laboral ordinaria. Aboaranse con incremento de alomenos un 75% que correspondería a cada hora ordinaria.

A iniciativa do traballo en horas extraordinarias corresponderalle á dirección da empresa e á libre aceptación do traballador, agás no referente a horas extraordinarias estructurais ou debidas a causas de forza maior; neste caso a súa realización será obrigatoria.

O número de horas extraordinarias non poderá ser superior a oitenta por ano. O Goberno poderá reducir ou suprimi-lo número máximo de horas extraordinarias por tempo determinado, con carácter xeral ou para certas ramas de actividades ou ámbitos territoriais para incrementa-las oportunidades de colocación dos traballadores en paro forzoso.

Non se terá en conta, para efectos da duración máxima da xornada laboral, nin para o cómputo do número máximo das horas extraordinarias autorizadas, o exceso das traballadas para previr ou repasar sinistro u outros danos extraordinarios e urxentes, sen prexuízo do seu aboamento como se se tratase de horas extraordinarias.

A dirección de empresa informará mensualmente o comité de empresa sobre o número de horas extraordinarias realizadas, especificando as causas, e, se é o caso, a distribución por seccións. Así mesmo, en función desta información e dos criterios máis arriba sinalados, a empresa e os representantes legais dos traballadores notificaranllo mensualmente á autoridade laboral, para efectos de dar cumprimento ó establecido na normativa vixente sobre cotización á Seguridade Social.

Artigo 11º.-Vacacións.

Establécese un período anual de trinta días naturais de vacacións retribuídas pola totalidade das percepcións; non obstante, este período poderá fraccionarse cando a empresa e os traballdaores ou os seus representantes así o acorden.

As vacacións deberán desfrutalas obrigatoriamente dentro de cada ano natural, e non poderán ser compensadas en metálico nin acumuladas por anos sucesivos.

Artigo 12º.-Licencias retribuídas.

A tódolos traballadores que o soliciten, logo da xustificación da súa necesidade, seralles concedida licencia sen perda de retribución polos motivos e períodos seguintes:

a) Por matrimonio do traballador: catorce días laborables, en caso de que un dos cónxuxes sexa o propio traballador, e un día natural se o fosen irmáns, fillos ou pais.

b) Por nacemento dun fillo: tres días laborables, ampliables a un máis, cando o traballador necesite realizar un desprazamento para tal efecto.

c) Por falecemento de pais, pais políticos, avós, fillos, netos, cónxuxe e irmáns, tres días laborables, ampliables a un máis cando o traballador teña que realizar un desprazamento.

d) Por falecemento de irmáns políticos e fillos políticos: dous días naturais.

e) Por enfermidade grave de pais, pais políticos, avós, fillos o cónxuxe: dous días laborables.

f) Por enfermidade grave de fillos políticos: dous días naturais.

g) Por traslado do seu domicilio habitual: un día.

h) Por tempo necesario para acudir á consulta médica da Seguridade Social co límite establecido no apartado 5º do artigo 60 da ordenanza laboral para as empresas siderometalúrxicas, xustificándoo adecuadamente.

Tamén terán dereito aqueles traballadores que o soliciten, a dous días de licencia sen soldo por enfermidade ou defunción de familiares da liña recta ascendente ou descendente sen limitación ou colaterais ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

i) Por asuntos propios: dous días laborables ó ano sen dereito a ningunha percepción.

Artigo 13º.-Respecto de dereito, compensación e absorción.

Respectaránselles a tódolos traballadores as situacións persoais actualmente consolidadas en canto determinen maiores dereitos cós concedidos por este convenio, respecto das materias obxecto de regulación.

Artigo 14º.-Percepción en caso de ILT.

Os traballadores en situación de ILT orixinada por enfermidade común percibirán unha compensación económica que complete a prestación da Seguridade Social, ata o cento por cento dos conceptos salariais máis antigüidade, nos seguintes termos:

A) Nos sete primeiros días de baixa, completarase en todo caso.

B) Deste o oitavo día ata dous meses de baixa, completarase a prestación só a criterio da empresa.

C) A Partir dos dous meses ata un ano, a empresa completarao necesariamente.

O empresario poderá verifica-lo estado de enfermidade ou accidente do traballador que sexa alegado por este para xustifica-las súas faltas de asistencia ó traballo, mediante o seu recoñecemento a cargo do persoal médico.

En caso de accidente laboral, percibirán unha compensación económica que complete a prestación da Seguridade Social ata o cento por cento dos conceptos salariais máis antigüidade desde o primeiro día de baixa.

A negativa do traballador ó dito recoñecemento poderá determina-la suspensión do complemento.

Artigo 15º.-Aviso de cesamento.

Os traballadores que voluntariamente causen baixa na empresa deberán comunicarllo cunha antelación mínima de quince días; en caso contrario, poderán descontarse da liquidación os días de atraso na notificación.

Artigo 16º.-Axuda por xubilación.

Os traballadores que se xubilen como mínimo á idade regulamentaria de 65 anos percibirán un premio consistente nunha mensualidade se levan na empresa de cinco a dez anos de antigüidade; se levasen de dez a vinte anos de antigüidade, percibirán dúas mensualidades, se levasen de vinte anos de antigüidade en adiante percibirán unha mensualidade por cada quinquenio, ata un máximo de cinco mensualidades.

Artigo 17º.-Xubilación especial ós 64 anos.

As partes acordan recomendarlles ós traballadores afectados polo presente convenio a utilización do sistema especial de xubilación ós 64 anos, ó cento por cento dos dereitos pasivos, con simultánea contratación doutros tarballadores desempregados rexistrados nas oficinas de emprego, co número igual ó de xubilacións anticipadas que se pacten, por calquera das modalidades de contrato vixentes na actualidade, excepto as contratacións a tempo parcial, con período mínimo de duración en todo caso superior ó ano, e tendendo ó máximo legal respectivo, sempre e cando legalmente se estableza tal posibilidade de xubilación especial ós 64 anos, en consonancia co antes sinalado, todo iso de acordo co establecido no R.D.L. 14/1981, do 20 de agosto, e normas complementarias.

Artigo 18º.-Seguro de vida.

A empresa concertará unha póliza ou renovará a xa existente, garantíndolles ós traballadores ou beneficiarios a percepción de 1.620.000 pesetas en caso de morte, sexa por morte natural ou por accidente, e en caso de invalidez absoluta.

Os traballadores que causen alta na empresa durante a vixencia deste convenio serán incluídos no seguro, unha vez que superen o período de proba.

A efectividade deste artigo páctase pola vixencia do presente convenio.

Artigo 19º.-Comisión mixta.

Será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio, coas seguintes funcións específicas:

1. Interpretación auténtica do convenio.

2. Vixilancia do cumprimento do pactado.

3. Seguimento da evolución das relacións entre as partes contratantes.

4. Entender en cantas cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

As resolucións adoptadas de mutuo acordo terán carácter vinculante. En caso de dúbida, a comisión enviará a consulta á autoridade laboral competente.

Artigo 20º.-Roupa de traballo.

A empresa ademais de proporcionar ós seus obreiros tódolos elementos de protección que determina a ordenanza de traballo, subministraralle a cada productor dúas fundas de traballo ó seu ingreso na empresa e, transcorrido un ano de servicio, entregarán un máis, e outro cada seis meses, contados desde este ano, e deberán te-las ditas pezas de roupa as iniciais ou indicativos da empresa. Así mesmo, facilitaranse dúas toallas ó ano.

Artigo 21º.-Cláusula de revisión.

A revisión das táboas salariais ou outro concepto económico non será modificada nin á alza nin á baixa durante 1998. Calquera modificación económica para o ano 1999 tomará como base o índice de prezos

o consumo (IPC), subministrado pola Administración.

Artigo 22º.-Cota sindical.

A empresa procederá ó desconto da cota sindical, nos termos establecidos na Lei orgánica de liberdade sindical.

Artigo 23º.-Cambio de convenio.

As partes comprométense a adherirse ó convenio colectivo provincial para as empresas siderometalúrxicas da provincia da Coruña, por solicitude dunha das partes contratantes, logo da notificación á outra parte, cun prazo dun mes de antelación. Dado o presente convenio de empresa concíbese como unha totalidade indivisible; unha vez producida a adhesión quedará sen validez en tódolos seus termos, tanto sociais como económicos, sen que os traballadores poidan alega-la subsistencia dalgún deles como condición máis beneficiosa.

Cláusula adicional primeira.

As partes comprométense a destinar, no próximo convenio colectivo, o 60% dos aumentos que se pacten a incrementa-los conceptos e as súas táboas anexas, destinándose o 40% restante a prima-la productividade, en función dos datos obtidos.

Cláusula adicional segunda.

Co obxecto de elaborar unha ficha de datos de cada traballador desta empresa, estes deberán achegar a esta o seguinte:

-Fotografía tipo DNI actual.

-Domicilio do traballador.

-Teléfono da súa casa, se é o caso, teléfono para avisos de urxencia.

-De ser posible, grupo sanguíneo do traballador, para casos de transfusións.

-Alerxias e calquera tipo de antibiótico ou medicinas.

Acordos complementarios ó convenio colectivo

Ano de 1998

Durante a vixencia do convenio colectivo de 1998 páctase expresamente a submisión das partes ás seguintes normas, agás que o seu contido fose modificado en sentido máis favorable ós traballadores, por algunha disposición oficial ou pactada.

Norma 1ª.-Traballos de categoría superior.

Tódolos traballadores, en caso de necesidade, poderán ser destinados a categoría superior co salario que corresponde á súa nova categoría, reintegrándose ó seu antigo posto cando cese a causa que motivou o seu cambio.

Este caso non pode ser de duración superior a catro meses ininterrompidos, e deberá o traballador, ó cabo deste tempo, volver ó seu antigo posto e categoría.

Cando un traballador realice catro meses consecutivos traballos de categoría superior, respectarase o seu salario na dita categoría superior, e ocupará a vacante se lle correspondese de acordo coas normas sobre ascenso ou, en caso contrario, reintegrarase ó seu primitivo posto de traballo, e ocupará aquela vacante o que lle corresponda.

Non obstante o exposto nos parágrafos anteriores, no caso de que un traballador ocupa un posto de categoría superior durante doce meses alternos, consolidará o salario da dita categoría a partir deste momento, sen que iso supoña necesariamente a creación dun posto de traballo desta categoría.

Os tres parágrafos anteriores non son aplicables nos casos de substitución por servicio militar, enfermidade, accidente de traballo, permisos ou ocupacións de cargos oficiais; nestes casos a substitución comprenderá todo o tempo que duren as circunstancias que o motivasen.

Norma 2ª.-Rexistro do persoal.

Establécese a obriga de levar rexistro xeral de persoal dentro de cada empresa.

Como mínimo deberá figurar neste os datos correspondentes a todos e cada un dos traballadores que se detallan a continuación:

1. Nome e apelidos.

2. Data de nacemento do traballador.

3. Data de ingreso do traballador na empresa.

4. Cargo ou posto que ocupa.

5. Categoría profesional na que está inscrito.

6. Data de nomeamento ou promoción desta categoría.

7. Salario base correspondente á dita categoría.

8. Número de orde derivado da data de ingreso.

Norma 3ª.-Plus de toxicidade, penosidade ou perigosidade.

A excepcional penosidade, toxicidade ou perigosidade nos traballadores quedará normalmente comprendida na valoración de postos de traballo e na fixación dos valores dos incentivos.

Cando non quede comprendida noutros conceptos salariais, aboaráselle ó persoal que teña que realizar aqueles labores unha bonificación do 20% sobre o seu salario base. A bonificación reducirase á metade se se realiza un traballo excepcionalmente tóxico, penoso ou perigoso durante un período superior a sesenta minutos de xornada, sen exceder de media xornada.

Naqueles supostos nos que moi singularmente concorrese de modo manifesto a excepcional penosidade a toxicidade e a marcada perigosidade superior ó risco normal da industria, o 20% pasará a se-lo 25% se concorresen dúas circunstancias das sinaladas, e o 30% se fosen as tres.

Se por mellora das instalacións ou procedemento desaparecesen as condicións de penosidade, toxicidade ou perigosidade no traballo, unha vez confirmada a desaparición destas causas pola autoridade competente, deixará de aboarse a citada bonificación, podendo recorre-la decisión adoptada de acordo co procedemento legal.

A falta de acordo entre empresa e traballadores respecto á cualificación de traballo penoso, tóxico ou perigoso, resolverano as delegacións provinciais de traballo, logo do asesoramento do organismo técnico estatal correspondente, inspección de traballo, e calquera outro que consideren oportuno.

Norma 4ª.-Participación dos traballadores.

A empresa respectará o dereito de tódolos traballadores a sindicarse libremente, admitirá que os traballadores afiliados a un sindicato poidan celebrar reunións fóra das horas de traballo, e sen perturba-la actividade normal das empresas, non poderán suxeita-lo emprego dun traballador á condición de que non se afilie ou renuncie á súa afiliación a actividade sindical.

Táboa salarial ano 1998

Categorías

S. base

x14

P. Asis.

x14

P. Tpte.

x12

Incent.

x12

S. mes

S. ano

Tit. superior138.4349.0899.96821.988179.4792.461.306
Tit. medio133.6789.0899.96821.988174.7222.394.714
Xefe vendas122.3029.0899.96821.988163.3472.235.456
Xefe post-vendas122.3029.0899.96821.988163.3472.235.456
Xefe Advº 1ª122.3029.0899.96821.988163.3472.235.456
Xefe Advº 2ª120.2599.0899.96821.988161.3042.206.851
Oficial Advº 1ª110.8969.0899.96817.276147.2292.019.228
Oficial Advº 2ª106.5869.0899.96812.563138.2061.902.336
Oficial Advº 3ª101.2219.0899.9689.426129.7031.789.573
Aux. Advº 1ª101.2219.0899.9689.426129.7031.789.573
Aux. Advº 2ª98.8389.0899.9689.426127.3211.756.219
Contable114.6339.0899.96817.276150.9662.071.542
Xefe almacén122.3029.0899.96821.988163.3472.235.456
Xefe taller122.3029.0899.96821.988163.3472.235.456
Mestre taller121.9259.0899.96817.276158.2582.173.639
Vendedor 1ª110.8969.0899.96817.276147.2292.019.228
Vendedor 2ª106.5869.0899.96812.563138.2061.902.336

Categorías

S. base

x14

P. Asis.

x14

P. Tpte.

x12

Incent.

x12

S. mes

S. ano

Vendedor 3ª101.2219.0899.9689.426129.7031.789.573
Oficial 1ª taller105.5619.0899.96817.276141.8941.944.546
Oficial 2ª taller103.7279.0899.96812.563135.3481.862.315
Oficial 3ª taller101.4009.0899.9689.426129.8831.792.088
Dependente101.9059.0899.96814.139135.1011.855.706
Dependente menor98.9619.0899.96814.139132.1571.814.494
Especialista100.9479.0899.9687.069127.0731.757.458
Chofer camión105.5619.0899.96817.276141.8941.944.546
Chofer turismo103.7079.0899.96814.920137.6841.890.310
Probador105.5619.0899.96817.276141.8941.944.546
Lavado e Engr.99.2879.0899.9687.069125.4141.734.229
Recepcionista105.5619.0899.96817.276141.8941.944.546
Mozo e peón99.2669.0899.9686.281124.6041.724.472
Telefonista98.9219.0899.96812.563130.5411.795.028