Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 10 de febreiro de 1999 Páx. 1.482

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 3 de febreiro de 1999 pola que se regulan as axudas e subvencións para o fomento do emprego polas entidades locais a través dos programas de cooperación no exercicio de 1999.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta Comunidade Autónoma asume as funcións e servicios transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, polo Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, atribúeselle a esta, a través da Dirección Xeral de Fomento do Emprego, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Así, corresponde, agora, a esta consellería a convocatoria, xestión e control das subvencións e axudas públicas da política de emprego xestionadas anteriormente polo Inem, entre as que están o programa de fomento do emprego no ámbito da colaboración coas entidades locais, cos órganos da Administración xeral do Estado e os seus organismos autónomos, comunidades autónomas, universidades e institucións sen ánimo de lucro, para a contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese social e xeral e o de contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local.

Por outra banda, a Unión Europea, coa finalidade de intentar palia-la elevada taxa de desemprego na Comunidade Autónoma prevé, a través do Fondo Social Europeo, entre outras medidas, o cofinanciamento xunto con diversos poderes públicos dos estados membros de programas tendentes á creación de emprego.

Estas medidas de fomento do emprego público dirixidas ás anteditas entidades, ás outras administracións e ás entidades sen ánimo de lucro, agrúpanse, xa no ámbito competencial da Administración autonómica e xunto con outros programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, baixo a rúbrica de Programas de Cooperación, respectando, en todo caso, as liñas mestras dos programas estatais ou comunitarios dos que traen causa e, conceptual e orzamentariamente os acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia 1998-2001, asinados pola Xunta de Galicia, polo sindicato nacional de Comisións Obreiras de Galicia, polo sindicato Unión Xeral de Traballadores de Galicia e pola Confederación de Empresarios de Galicia, o 13 de xullo de 1998.

A filosofía dos denominados programas de cooperación corresponde á necesidade de dar un tratamento global e coordinado ás liñas de fomento do emprego público ou institucional, desde unha perspectiva de dinamización e de xeración de novas actividades no medio rural, con repercusión no emprego e na creación de alternativas de ocupación

laboral que, inicialmente impulsadas e subvencionadas pola Administración, sexan capaces de perdurar e de ser mantidas ben outras instancias da Administración autonómica, ben por polas propias entidades locais afectadas ou ben, na medida do posible, pola propia iniciativa privada, a través do mantemento do emprego xerado pola vía do mantemento do servicio.

Na presente convocatoria recóllense aquelas liñas de axuda que, integradas nos anteditos programas, se dirixen ás entidades locais, agás as relativas ós axentes de emprego e desenvolvemento local que por esta-lo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais revisando diversos aspectos da súa regulación, convocaranse unha vez publicada a nova orde estatal reguladora deles. Así a orde estructurarase en tres capítulos: un dedicado ás disposicións comúns, tales como solicitude, tramitación, resolución e pagamento; e outros dous dedicados a regula-las condicións particulares de cada un dos programas: obxecto, requisitos, seguimento, etc.

Por outra banda, deben terse presentes as directrices emanadas do Consello Europeo Extraordinario de Luxemburgo sobre o emprego, relativas á mellora da capacidade de inserción profesional, ó desenvolvemento do espírito de empresa, ó fomento da capacidade de adaptación dos traballadores e das empresas e ó reforzamento da política de igualdade de oportunidades que deben materializarse cando se realice a selección das entidades beneficiarias e dos desempregados participantes en cada unha das accións concretas ás que a esta dea lugar.

Noutro orde de cousas, a presente convocatoria axústase ó disposto no Decreto 377/1998, do 23 de decembro, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en materia de medidas activas de emprego, no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e, en concreto, no relativo ós principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión das axudas e subvencións e o financiamento destas axudas realizarase con cargo ós créditos dos programas 14.04.241A.460.0 que figuran na Lei 6/1998, do 29 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1999.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora de Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo primeiro

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Finalidade.

A presente orde ten por finalidade a definición e regulación dos distintos programas de axudas da Consellería de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, están destinadas ó financiamento de accións de fomento de emprego por parte das entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

Dentro dos programas de cooperación, a Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude subvencionará ás entidades locais que contraten:

1. Traballadores desempregados para a realización de obras e servicios de interese xeral e social.

2. A prestación de servicios públicos con empresas de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por xoves.

Artigo 3º.-Solicitudes.

1. As entidades locais que pretendan beneficiarse destas subvencións deberán formaliza-las correspondentes solicitudes, nos modelos que se publican como anexos á presente orde, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que estarán ó seu dispor nas oficinas de emprego, nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, subscrita polo titular ou representante legal da entidade local, debidamente acreditado e deberá ir acompañada da documentación que para cada programa se especifica en cada un dos capítulos da presente orde.

2. As solicitudes dirixiranse ás delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.41º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos en cada caso esixidos ou a documentación achegada contivese erros ou sexa insuficiente, a delegación provincial requirirá ó solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite, ó abeiro do disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Os expedientes, unha vez completos, remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu estudio e proposta de resolución.

3. Para os efectos previstos na presente orde a Comisión de Valoración estará composta polo secre

tario provincial, que a presidirá, e serán vocais o xefe do servicio de Fomento do Emprego e un xefe de sección del, actuando este último como secretario.

Artigo 5º.-Resolución.

1. Dentro dos seis meses seguintes á entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver, logo do informe da Comisión de Valoración e fiscalizada a proposta pola respectiva Intervención Territorial, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, dictará a resolución que proceda, debendo ser notificada ós interesados.

2. Transcorrido o prazo de seis meses sen que recaese resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude.

3. Contra as resolucións dos delegados provinciais poderá interpoñerse recurso administrativo ordinario no prazo dun mes ante a conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Artigo 6º.-Pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo, logo da presentación do xustificante de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, unha vez cumprido o obxecto para o que foi concedida, o que se xustificará mediante á presentación dos orixinais ou copias compulsadas dos contratos de traballo formalizados e debidamente rexistrados, dos partes de alta na Seguridade Social, no caso da axudas previstas no capítulo II, e do contrato administrativo de prestación de servicios públicos e copia compulsada do documento nacional de identidade dos socios traballadores, dos autónomos e, se é o caso, dos contratos debidamente rexistrados dos traballadores contratados por conta allea, no caso da axuda do capítulo III.

2. A documentación xustificativa deberá remitirse á respectiva delegación provincial no prazo dun mes desde o inicio da obra ou servicio, agás autorización expresa de ampliación do prazo por aquelas.

Artigo 7º.-Control.

1. En todo caso, as entidades locais someteranse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións reguladas nesta orde e ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

2. O incumprimento total ou parcial de calquera das obrigas, condicións ou finalidades establecidas

na presente orde dará lugar ó reintegro total ou parcial, segundo proceda, da axuda ou subvención percibida e mailos xuros de demora, nas condicións e de conformidade co establecido no artigo 78.51º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, sen prexuízo do establecido na Lei 8/1988, do 7 de abril, sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo II

Das subvencións para a contratación

de desempregados para a realización de obras

e servicios de interese xeral e social

Artigo 8º.-Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación de traballadores desempregados para a realización de obras ou servicios de interese xeral e social.

2. A subvención consistirá no financiamento dos custos salariais, nos termos establecidos no artigo 10º, dos traballadores contratados ó abeiro da presente orde.

Artigo 9º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependendentes ou vinculadas a unha Administración local que se obriguen á contratación de traballadores desempregados para a execución de obras ou a prestación de servicios de interese xeral e social e que dispoñan de capacidade técnica e de xestión suficientes para a execución do correspondente proxecto.

Artigo 10º.-Contía.

1. A contía da subvención que percibirán as entidades locais será a necesaria para sufraga-los custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social por tódolos conceptos na mesma cantidade que a fixada para o salario segundo o convenio colectivo vixente, por cada traballador desempregado contratado.

A citada contía máxima reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

2. As axudas previstas no presente capítulo financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Artigo 11º.-Requisitos e criterios para a selección das obras e servicios.

1. As obras e servicios que se van realizar deberán ser de interese xeral e social e competencia das entidades locais, incluídas aquelas que se realicen sobre bens inmobles que poñan á disposición da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e se refiran a:

a) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos titu

lares de Iniciativas Locais de Emprego, durante 5 anos e mediante o pago reducido de alugueres.

b) Obras destinadas á construcción ou reparación de instalacións para poñelas á disposición dos promotores de Iniciativas Locais de Emprego, para a posta en marcha das anteditas iniciativas.

c) Obras ou servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

d) Obras ou servicios que sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro.

e) Servicios de interese colectivo que teñan por finalidade dota-las entidades locais dunha infraestructura básica e altamente operativa para dar resposta inmediata a situacións de emerxencia como incendios forestais ou urbanos, inundacións, nevadas ou calquera outra situación que implique un risco para as persoas ou bens.

f) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

g) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e xoves en dificultade e/ou con desarraigo social.

h) Aqueloutras obras ou servicios de recoñecido interese xeral ou social que poidan demandar ás entidades locais e que redunden en beneficio dos cidadáns.

2. Ademais as obras ou servicios deberán cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polas empresas ás que se adxudique a súa execución.

b) Que na súa execución ou prestación se favoreza a formación e práctica profesionais dos desempregados.

c) Que a porcentaxe mínima de traballadores desempregados que se vaian ocupar na realización da obra ou servicio sexa do 75 por 100.

d) Que as obras e servicios se poidan executar na súa totalidade dentro do ano natural do exercicio orzamentario no que se produce a colaboración, agás que por causas debidamente xustificadas, o órgano competente para resolver autorice que poidan quedar rematadas dentro dos tres primeiros meses do exercicio orzamentario seguinte.

e) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo das partidas orzamentarias non subvencionadas para a realización das obras ou servicios, mediante certificación do órgano competente da entidade local.

3. De entre as obras e servicios que cumpran os anteditos requisitos farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os que teñan un ámbito de actuación superior ó municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno, así como ós actores sociais presentes no territorio.

b) Os proxectos que fomenten a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral.

c) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

d) Os proxectos que acrediten un maior nivel de inserción laboral, ben mediante a incorporación directa dos traballadores á entidade local á finalización do proxecto ou no prazo que se acorde entre a entidade beneficiaria e o órgano competente para resolver, ou calquera outra fórmula de previsión para a inserción laboral que, sendo obxectivable, este considere suficiente.

e) Proxectos que conten, se é o caso, co financiamento das entidades solicitantes para realizar accións complementarias que melloren a eficacia deste programa. Para estes efectos terase en conta o esforzo invertidor para cada suposto.

f) As que se realicen, preferentemente, en períodos de baixo nivel de contratación, cando as obras ou servicios sexan executados nunha zona ou localidade con ciclos de emprego estacional.

Artigo 12º.-Requisitos e criterios para a selección dos traballadores.

1. Os traballadores que sexan contratados para a realización das obras e servicios e polos que se outorgue a subvención deberán ser desempregados inscritos no Servicio Público de Emprego.

2. As entidades beneficiarias da subvención solicitarán os traballadores desempregados necesarios mediante a presentación de oferta pechada no Servicio Público de Emprego, nos modelos normalizados para o efecto, facendo referencia ós requisitos e características que deben reuni-los traballadores que se contratarán para o adecuado desempeño das funcións inherentes ós postos de traballo ofertados, debendo presentarse unha por cada categoría profesional dentro de cada ocupación.

A oferta, na súa formulación non poderá conter elementos que poidan servir de base para calquera tipo de discriminación, que non responda ós criterios preferenciais establecidos no parágrafo seguinte.

3. Recibida a oferta realizarase unha sondaxe de demandantes en función das características dela, proporcionando o número de candidatos por posto de traballo que solicite a entidade beneficiaria, que en ningún caso poderá ser inferior a dous, de acordo cos seguintes criterios:

a) Maior adecuación ó posto de traballo ofertado.

b) Condición de discapacitado do demandante de emprego.

c) Nivel de protección por desemprego dos posibles beneficiarios.

d) Existencia de responsabilidades familiares, entendéndose por estas ter a cargo do traballador desempregado que se contrata o cónxuxe, fillos menores de vinteseis anos, maiores incapacitados ou menores acollidos.

e) Idade e condición de muller.

4. Cando as obras ou servicios que se vaian realizar sirvan para complementar ou remata-los traballos dunha escola obradoiro de duración inferior a 24 meses, darase preferencia ós traballadores desempregados que participaran naquela.

5. Os candidatos serán remitidos á entidade beneficiaria co fin de que esta realice a selección definitiva, que deberá ser notificada ó Servicio Público de Emprego.

Artigo 13º.-Contratación dos traballadores.

1. Seleccionados os traballadores na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación nos termos expresados na solicitude en relación coa resolución de concesión das axudas.

2. Os contratos de traballo celebrados cos traballadores seleccionados rexistraranse na oficina de emprego correspondente coa indicación de Programas de Cooperación Xunta de Galicia-entidades locais, debendo incluírse, en cada contrato o código reflectido na resolución de concesión das axudas.

3. A entidade beneficiaria remitirá á delegación provincial unha certificación na que conste a formulación de oferta pechada, a relación nominal de traballadores desempregados facilitada polo Servicio Público de Emprego, así como a relación nominal dos traballadores seleccionados e contratados, no prazo e xunto coa documentación prevista no artigo 6º da presente orde.

4. Con carácter xeral, no suposto de baixas temporais ou definitivas dalgún dos traballadores contratados con anterioridade á finalización da obra ou servicio, a entidade beneficiaria poderá substituílo por outro traballador de similares características, seleccionado na forma sinalada no artigo 12º, sen que en ningún caso poida producirse un incremento da subvención concedida, debendo facerse cargo a entidade beneficiaria dos sobrecustos que estas substitucións leven consigo, ou devolve-las cantidades non gastadas en caso de non substituílo.

Estas substitucións deberán ser notificadas ás delegacións provinciais no prazo de cinco días desde a súa formalización.

Artigo 14º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da seguinte documentación que se presentará por triplicado exemplar:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1) A representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

2) A aprobación do proxecto da obra ou servicio para o que se solicita a subvención.

3) A disposición de financiamento para as partidas orzamentarias que sexan financiadas por aquela.

4) De conformidade co previsto no convenio colectivo que sexa de aplicación, as retribucións dos traballadores, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e mailas cotizacións á Seguridade Social, no modelo que se achega como anexo IV.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Se é o caso, proxecto global do conxunto dos plans de obras e servicios que se van realizar, no modelo que se publica como anexo II.

d) Unha memoria de cada obra ou servicio, no modelo que se publica como anexo III, acompañada do proxecto e planos cando o tipo de obra así o esixa.

Artigo 15º.-Inicio das obras ou servicios.

A obra ou servicio iniciarase no prazo de trinta días naturais, contados a partir da data de inicio prevista na resolución. Non obstante, cando concorran causas debidamente xustificadas, o delegado provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude poderá autoriza-lo inicio da obra ou servicio con posterioridade ó devandito prazo.

Artigo 16º.-Contido das resolucións.

A resolución que poña fin ó expediente de solicitude conterá, como mínimo, os seguintes elementos:

a) Denominación da obra ou servicio aprobado.

b) Denominación do proxecto global.

c) Duración e data de inicio.

d) Contía da subvención que se vai outorgar.

e) Categoría profesional dos traballadores que se van contratar, así como a modalidade contractual que se pretenda utilizar.

f) Localización xeográfica da realización da obra ou servicio.

g) Código que se vai incluír nos contratos para a súa posterior mecanización e rexistro para efectos estatísticos.

Artigo 17º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate da obra ou servicio, a entidade local remitirá á respectiva delegación provincial un informe certificado de fin de obra ou servicio, no modelo normalizado que para o efecto sexa establecido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego.

2. Para efectos de difusión pública, no lugar onde se realicen as obras e servicios deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e, se é o caso, polo Fondo Social Europeo.

Capítulo III

Das subvencións para a contratación de servicios

públicos con empresas de economía social

constituídas por xoves

Artigo 18º.-Obxecto.

1. O presente programa ten por obxecto o fomento do emprego, no ámbito da colaboración coas entidades locais, a través da subvención da contratación por parte destas, da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con entidades de economía social dirixidas e constituídas, preferentemente, por xoves.

2. Para os efectos previstos no presente capítulo entenderase por entidades de economía social constituídas e dirixidas, preferentemente, por xoves as seguintes:

a) As cooperativas de traballo asociado e as sociedades laborais das que a maioría dos seus socios traballadores sexan menores de 30 anos.

b) Os autónomos menores de 30 anos que teñan contratados, como mínimo, dous traballadores por conta allea, dos que, alomenos, un sexa menor de 30 anos.

Artigo 19.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios da subvención as entidades locais ou entidades dependentes ou vinculadas a unha Administración local, que se obriguen á contratación ou á prórroga da contratación da prestación de servicios públicos de interese xeral e social con entidades de economía social sempre que:

a) A entidade local non rescindira ou non renovara nos tres anos inmediatamente anteriores un contrato co mesmo obxecto.

b) A duración mínima do contrato sexa igual ou superior a 6 meses.

c) Se respecta a lexislación vixente en materia de contratación administrativa das administracións públicas.

2. No suposto de prórrogas, non se poderá subvencionar unha mesma contratación durante máis de tres exercicios orzamentarios.

Artigo 20º.-Contía.

1. A subvención consistirá no financiamento de ata o 80 por 100 do custo total da contratación do servicio, ata un límite máximo de 3.000.000 de pesetas anuais.

2. Se a entidade local percibise algunha outra subvención para o mesmo concepto proveniente doutras administracións ou entes públicos ou privados, a cantidade resultante non poderá superar o 80 por 100 do custo total da contratación.

3. As axudas previstas no presente capítulo financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.04.241A.460.0.

Artigo 21º.-Criterios para a selección dos contratos que se van subvencionar.

De entre as entidades solicitantes que reúnan os requisitos sinalados, farase unha selección co obxecto de outorgárlle-las correspondentes subvencións, dando preferencia a:

a) Os proxectos que, fomentando a xeración de novas actividades ligadas ó territorio e á creación de novas alternativas de emprego e ocupación laboral se realicen, preferentemente, nalgún dos seguintes subsectores:

1) Servicios de utilidade colectiva, tales como mellora da vivenda, vixilancia e seguridade, revalorización de espacios públicos urbanos, transportes colectivos, comercios de proximidade, así como actividades que afecten á xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais así como aquelas que incidan, directa ou indirectamente, no control da enerxía.

2) Servicios de ocio ou culturais, tales como promoción do turismo, desenvolvemento cultural local, promoción do deporte e sector audiovisual.

3) Servicios personalizados de carácter cotián, tales como coidado de nenos, prestación de axuda a domicilio a persoas incapacitadas ou maiores, axuda a familias e xoves en dificultade e/ou con desarraigo social.

b) Os proxectos que na súa realización permitan e apoien a creación permanente de maior número de postos de traballo estables.

Artigo 22º.-Documentación.

O modelo de solicitude das axudas e subvencións previstas no presente capítulo, que se publica como anexo I á presente orde, deberá ir acompañada da

seguinte documentación que se presentará por triplicado exemplar:

a) Certificación do secretario da entidade local na que consten os seguintes extremos:

1) A representación que ostenta a persoa que asina a solicitude.

2) O acordo de adxudicación provisional do contrato, cando este sexa preciso, a súa duración e o seu custo.

b) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal da entidade local.

c) Memoria explicativa da conveniencia da prestación dos servicios, no modelo que se publica como anexo V, que inclúa, ademais, os datos identificativos da empresa concesionaria.

Artigo 23º.-Seguimento e publicidade.

1. No prazo dun mes desde o remate do contrato, a entidade local remitirá á respectiva delegación provincial un informe pormenorizado dos servicios realizados pola empresa contratada, dos postos de traballo xerados, así como das perspectivas de continuidade dela.

2. Para efectos de difusión pública, nas accións que se realicen deberá figurar, de forma visible, cartel publicitario, en modelo normalizado, no que constará o cofinanciamento pola Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude da Xunta de Galicia e polo Fondo Social Europeo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión das axudas e subvencións previstas na presente orde estará supeditada á existencia de crédito orzamentario.

Segunda.-Se por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examina-las solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto sexa designado polo órgano competente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Fomento do Emprego para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución da presente disposición.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 1999.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude