Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 08 de febreiro de 1999 Páx. 1.363

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de xaneiro de 1999 pola que se regula a concesión de subvencións a empresas privadas encamiñadas a aumenta-lo coñecemento e o uso social da lingua galega.

1. A Xunta de Galicia promove o uso do galego como lingua propia de Galicia e recoñece, así mesmo, que as empresas privadas, pola súa incidencia e implantación territorial e social, poden constituírse en promotoras da extensión do uso do idioma galego.

2. Segundo o exposto, a Comisión Coordinadora para a Normalización Lingüística de Galicia anima as empresas a que promovan o emprego da lingua galega, introducíndoa no ámbito económico e mercantil.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ten o obxectivo de fomenta-lo uso da lingua galega nas actividades mercantís, comerciais e publicitarias, coa finalidade de cumpri-lo disposto na Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística. Por iso crese conveniente arbitra-las medidas e os procedementos económico-administrativos necesarios para concederlles subvencións a aquelas empresas privadas legalmente constituídas, que realicen actividades de promoción da lingua galega.

Por todo isto, e de acordo coa normativa vixente en materia de subvencións, faise pública a presente convocatoria, e para tal fin,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Suxeitos.

A presente orde vai dirixida ás empresas privadas legalmente constituídas que promovan o emprego da lingua galega no ámbito económico e mercantil, agás as empresas que elaboren xornais e revistas.

Artigo 2º.-Obxecto.

Convócanse subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a realización de accións de promoción da lingua galega no ámbito económico e mercantil, con suxeición ás normas contidas na presente orde, con cargo á partida orzamentaria 07.06.353F.470.0, por unha contía de 100.000.000 de ptas., correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999.

a) Destinaranse 67.000.000 de ptas., distribuídas en subvencións de ata 250.000 ptas. cada unha.

b) Destinaranse 33.000.000 de ptas., distribuídas en subvencións de ata 1.500.000 ptas. cada unha, para os proxectos de maior interese ou dificultade de realización, anovación, difusión social ou perdurabilidade temporal.

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 1.500.000 pesetas por acción solicitada. Non obstante, por proposta motivada da comisión de avaliación, poderanse conceder subvencións en porcentaxes superiores ás anteriormente indicadas. De non esgotarse o orzamento sinalado no anterior punto b, o remanente poderá incrementa-lo orzamento do punto a).

Cada solicitante poderá presentar un máximo de tres solicitudes de subvención, e cada unha delas referirase a un único proxecto de actividade.

Artigo 3º.-Requisitos.

Subvencionaranse actividades de promoción que estean correctamente realizadas en galego, segundo o disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro) e se celebren entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 1999.

Os adxudicatarios das subvencións velarán dun xeito especial pola calidade lingüística das actividades que realicen.

Artigo 4º.-Criterios de concesión.

Consideraranse criterios preferentes de concesión da subvención, sen orde de prelación, os seguintes tipos de actividades:

1. O fomento do coñecemento e uso social do galego en actuacións de carácter permanente.

2. A creación ou mantemento dun gabinete lingüístico ou a contratación dun asesor ou asesores lingüísticos. Xunto coa solicitude deberase enviar un proxecto coas funcións que vai realizar dentro da empresa (formación, asesoramento, dinamización, etc.).

3. A publicidade da empresa en calquera soporte ou medio e, en especial, a realización de actividades audiovisuais total ou parcialmente publicitarias (por exemplo, a través da radio, a televisión, Internet, etc.).

4. A traducción de documentación, publicacións, etc.

5. A elaboración de documentación permanente da empresa (como manuais ou regulamentos internos, libros de contabilidade, comunicacións, etc.).

6. A modificación, para a lingua galega, do nome comercial, a marca ou marcas colectivas e de garantía.

7. A rotulación permanente exterior ou interior de locais e vehículos.

Respecto dos puntos 6 e 7, os correspondentes textos deberán estar redactados integramente en galego e non poderán coincidir literalmente con outra lingua.

Artigo 5º.-Documentación.

No momento de face-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación:

1. Solicitude debidamente cuberta utilizando o anexo I da presente orde.

2. Fotocopia compulsada da escritura pública de constitución da empresa solicitante e da constancia da inscrición da escritura no Rexistro Mercantil.

3. Fotocopia compulsada do poder notarial do representante da empresa solicitante e da constancia da inscrición do poder no Rexistro Mercantil.

4. Acreditación de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

5. Fotocopia do CIF da empresa.

As empresas individuais presentarán, no canto dos documentos especificados nos puntos 2, 3 e 5, unicamente unha fotocopia compulsada do NIF do titular.

Cando a actividade proposta inclúa contratación de persoal lingüista, de acordo co estipulado no artigo 4º, acreditarase, xunto co proxecto presentado, a competencia en lingua galega do citado persoal.

Artigo 6º.-Entrega da documentación.

As solicitudes, no modelo oficial, xunto coa documentación citada no artigo precedente, presentaranse no prazo de 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Procedemento.

Recibidas as solicitudes, serán tramitadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que procederán a aplica-los criterios e prioridades desta orde, redactando

un informe proposta de concesión, denegación ou exclusión, se fose o caso, das subvencións.

Artigo 8º.-Órgano informante.

Será competente para a valoración do informe proposta citado no artigo anterior unha comisión de avaliación presidida polo director xeral de Política Lingüística, ou persoa en quen delegue, e composta polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Promoción e Ensino da Lingua Galega.

-A xefa do Servicio de Xestión e Promoción Lingüística.

-Un representante do IGAPE.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Política Lingüística, que actuará de secretario con voz e sen voto.

A citada comisión poderá pedir asesoramento ás institucións ou persoas que considere convenientes para a avaliación dos proxectos.

Artigo 9º.-Resolución.

Á vista do informe da comisión de avaliación, o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria dictará a resolución que porá fin á vía administrativa.

Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, de acordo cos artigos 57 e seguintes da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

As notificacións publicaranse no taboleiro de anuncios da Oficina de Información e Atención ó Cidadán (edificio administrativo de San Caetano, bloque 2, baixo, Santiago de Compostela) e no Diario Oficial de Galicia. Notificaránselles así mesmo ós interesados.

A concesión de anticipos e pagamentos parciais regularase de acordo coa lexislación vixente na materia.

Se no prazo de tres meses non recaese resolución expresa desta convocatoria, as solicitudes presentadas entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Aceptación da subvención e compromisos.

As empresas seleccionadas terán que lle comunicar por escrito a súa aceptación da subvención

concedida, e os compromisos que isto impón, á Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no prazo máximo de dez días contados a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. A omisión desta comunicación dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

En toda publicación para a que se conceda unha subvención constará impreso coa mesma técnica cós créditos da empresa que leve adiante o proxecto, o patrocinio da Dirección Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 11º.-Xustificación.

O prazo improrrogable de xustificación e entrega da totalidade da documentación que a seguir se cita, nas condicións expresas na presente orde, rematará o día 15 de outubro de 1999.

Antes da citada data, deberán remitirse á Dirección Xeral de Política Lingüística, xunto cun escrito no que se cite o número de expediente e os documentos remitidos:

1. Xustificantes orixinais, ou fotocopia compulsada, dos gastos realizados, de acordo coa resolución de concesión e nos termos expresados no proxecto presentado, por un valor mínimo equivalente ó dobre da axuda outorgada, xunto cunha relación numerada deles e unha relación pormenorizada das facturas que incluirá o número de factura, o emisor, suma parcial folla por folla e suma do total da relación. No caso de que o importe xustificado sexa inferior ó dobre da axuda concedida, esta reducirase de maneira proporcional.

Non se admitirán xustificantes de adquisición de material inventariable.

As datas dos xustificantes estarán comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 15 de outubro de 1999.

2. Nos gastos en concepto de asesoramento lingüístico, o persoal terá que ser licenciado en filoloxía galega ou equivalente, ou tratarse de profesorado especialista en lingua e literatura galegas. Só se admitirán os seguintes xustificantes de gasto:

a) Nóminas ou facturas das persoas contratadas.

b) Certificados da Tesourería da Seguridade Social relativos ás persoas contratadas, se é o caso.

3. Certificación de estar ó día das súas obrigas tributarias expedida pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

4. Certificación de atoparse ó día das súas obrigas sociais expedidas pola correspondente delegación ou axencia do Ministerio de Economía e Facenda.

5. Certificación de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia expedida pola Consellería de Economía e Facenda.

6. Mostras materiais ou exemplares impresos da actividade subvencionada, no caso de realizalos dentro da actividade, e, en tódolos casos, xustificación documental da realización desta (mediante vídeo, dossier de prensa, disquetes, publicacións, contratos, etc.) e o correcto emprego do galego nos termos do artigo 3º da presente orde.

O incumprimento destas obrigas por parte do interesado dará lugar ó arquivo do expediente sen máis trámite.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

Os beneficiarios das subvencións teñen a obriga de facilitarlles ós servicios competentes da Dirección Xeral de Política Lingüística toda a información requirida. Así mesmo, os devanditos órganos poderán levar a cabo labores de inspección destinados a verificar que as subvencións sexan destinadas á finalidade para a que foron concedidas.

Calquera alteración verbo dos datos que figuran no impreso de solicitude e calquera outro incumprimento das normas contidas na presente orde, terá como consecuencia a revogación da axuda. A empresa interesada, se fose o caso, terá que reintegra-las cantidades percibidas.

No caso de que se lle conceda á mesma empresa, no prazo de vigor da presente orde, outra subvención por esta mesma finalidade, a dita empresa terá que llo comunicar á Administración. A este respecto, é de aplicación o disposto no artigo 78.3 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 1999.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria