Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 08 de febreiro de 1999 Páx. 1.360

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 1999 pola que se convocan dúas bolsas de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de IDT.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento con dependencia orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, en virtude do Decreto 374/1998, do 29 de decembro, polo que se modifica o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, polo que se establece a súa estructura orgánica, ten atribuídas, entre outras funcións, a elaboración, e, se é o caso, execución, de plans específicos de apoio á formación e actualización do persoal investigador.

Por outra parte o artigo 3.11º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade co convenio de colaboración asinado entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública, disponse:

Primeiro.-Obxecto.

A Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Escola Galega de Administración Pública convocan dúas bolsas de colaboración en tarefas de sensibilización social e seguimento do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, así como de seguimento e impulso do V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e o III Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento, na perspectiva da súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas comprenden desde o 1 de marzo de 1999 ata o 31 de decembro de 1999, e poderán prorrogarse por un ano, en función do aproveitamento do adxudicatario, sempre que exista crédito adecuado e suficiente.

A dotación económica de cada bolsa será de 110.000 pesetas mensuais, así como un seguro de asistencia sanitaria e de accidentes. Para este fin disponse na

aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.00 dun crédito por importe de 2.250.000 ptas.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ser titulado/a superior universitario.

b) Non estar obrigado a realiza-lo servicio militar ou prestación social substitutoria durante o período de desfrute da bolsa.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou no da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo, dirixida ó secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou ó director da EGAP.

b) Currículum vitae cos documentos acreditativos e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas na licenciatura.

c) Documentos que acrediten o cumprimento do requisito b) da base cuarta ou no seu defecto declaración xurada na que se faga consta-lo cumprimento do dito requisito.

d) Memoria relativa ó V Programa Marco Comunitario de Investigación e Desenvolvemento e o III Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento e a súa coordinación co Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico en cinco folios, como máximo.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento ou persoa en quen delegue.

Vocais: o secretario da EGAP e o subdirector xeral de Planificación e Prospectiva da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Secretario: un xefe de servicio da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección realizarase mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Coñecementos da lingua galega: ata un punto.

c) Coñecementos de informática: ata dous puntos.

d) Coñecementos de inglés e francés: ata un punto por cada idioma.

e) Outros méritos do currículum vitae: ata dous puntos.

f) Memoria: ata cinco puntos.

O tribunal poderá realizar unha entrevista cos aspirantes que acrediten máis de dez puntos no anterior baremo. Tratará sobre os seus méritos curriculares e a memoria e terá unha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25% da que lle corresponde por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, baixo as indicacións do secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e as do xefe da unidade nas que se integren co horario de traballo de mañá e/ou tarde, de luns a venres.

Así mesmo, deberán realizar na Escola Galega de Administración Pública aqueles cursos que a EGAP e a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento consideren adecuados para a súa formación.

Os bolseiros presentarán, ó remate das bolsas, un informe sobre os traballos realizados que quedarán en propiedade da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Escola Galega de Administración Pública.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento poderá, en coordinación coa Escola Galega de Administración Pública e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e a aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1999.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública