Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 04 de febreiro de 1999 Páx. 1.275

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 1999 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza de técnico de imaxe e son do grupo III, vacante no cadro de persoal laboral desta universidade.

Este rectorado, en uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei de reforma universitaria en relación co artigo 3.2 e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza de técnico de imaxe e son do grupo III, vacante no seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza de técnico de imaxe e son do grupo III, do convenio colectivo do persoal laboral das universidades públicas de Galicia (DOG do 18 de outubro de 1996), polo sistema de promoción interna e polo sistema de acceso libre.

1.2. Os procesos de selección de promoción interna e libre realizaranse separadamente, e será en primeiro lugar o de promoción interna. As vacantes non cubertas pola quenda de promoción interna acumularanse á de acceso libre.

1.3. O seleccionado polo sistema de promoción interna terá preferencia sobre o da quenda libre para a elección de praza.

1.4. Os/as aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas de acceso.

1.5. O procedemento de selección dos aspirantes será o de concurso-oposición, do que as probas e valoracións se axustarán ó que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.6. A adxudicación das prazas ós aspirantes que superen o proceso selectivo, efectuarase de acordo coa puntuación total obtida sumando ámbalas dúas fases.

1.7. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

2. Requisitos dos aspirantes

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos na data de remate do prazo de presentación

de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato:

a) Ser español ou nacional de calquera Estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos dezaoito anos de idade.

c) Estar en posesión do título de FP II da rama de imaxen e son.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado de servicio de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado por sentencia firme para o exercicio da función pública.

2.2. Os aspirantes que concorran ás probas pola quenda de promoción interna deberán reunir, ademais, os seguintes requisitos:

a) Te-la condición de persoal laboral fixo de calquera das universidades públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Pertencer a distinta categoría que a das prazas convocadas na presente convocatoria.

c) Ter permanecido un mínimo de 6 meses na súa categoría profesional.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá solicitalo ó rector da Universidade de Santiago de Compostela en instancia segundo o modelo que figura como anexo IV a esta convocatoria, no prazo de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Os/as aspirantes deberán facer constar na súa solicitude o sistema polo que se inscriben, libre ou de promoción interna, segundo corresponda.

3.2. A instancia irá acompañada de fotocopia do DNI.

3.3. Os documentos xustificativos dos méritos valorables na fase de concurso, serán achegados no prazo improrrogable de 10 días contados a partir do seguinte á publicación das cualificacións do último exercicio da fase específica, polos aspirantes que o superaran da seguinte forma:

3.3.1. Certificación acreditativa dos servicios prestados, expedida pola unidade de persoal da Universidade Pública de Galicia onde prestaron os ditos servicios referidos a data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

3.3.2. Fotocopia dos diplomas dos cursos de formación e cualificación profesional.

3.3.3. A experiencia profesional acreditarase mediante certificación da correspondente xerencia ou unidade de persoal da Administración onde prestase servicios.

3.3.4. A certificación acreditativa dos extremos indicados na base 3.3.1., 3.3.2. (certificaranse os cursos que consten no expediente) e 3.3.3., expedirase de oficio para os aspirantes que presten ou prestasen os seus servicios na Universidade de Santiago de Compostela, e engadirase á solicitude do aspirante.

3.3.5. En calquera momento a universidade poderá requirir dos/as candidatos/as os orixinais ou copias debidamente compulsadas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.4. A presentación de solicitudes e da documentación indicada nos parágrafos anteriores farase nos rexistros xerais da universidade situados no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela (Colexio de San Xerome. Praza do Obradoiro s/n), no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo (Avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, Augas Férreas, Polígono de Fingoi, Lugo), ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.5. Os dereitos de exame serán de 3.000 pesetas, que se ingresarán na conta de Caixa Galicia «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura como anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5.1. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-los datos bancarios que para tal efecto figuran na solicitude. De non figuraren estos datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

3.6. Os aspirantes con minusvalideces deberán indicalo na súa instancia e solicita-las posibles adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios nos que a adaptación sexa necesaria.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de admisión de solicitudes o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de admitidos e excluídos, na que consten as causas da exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado.

Para repara-los defectos que motivaran a exclusión ou omisión das devanditas relacións, os aspirantes disporán dun prazo de dez días contados a partir do seguinte ó da publicación da devandita resolución. Os aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non reparasen a exclusión ou omisión serán definitivamente excluídos da realización das probas.

A resolución que aprobe a lista definitiva de admitidos e excluídos esgotará a vía administrativa.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo), modificada pola Resolución do 22 de marzo de 1993 da Subsecretaría de Economía e Facenda e para as administracións públicas, pola que se revisan os importes das indemnizacións establecidas (BOE do 26 de marzo), e no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14 de febreiro).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos devanditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. A partir da súa constitución o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.4. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.5. O tribunal poderá dispo-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores deberá comunicárselle ó rector da universidade. O nomeamento dos asesores farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación igual que ós membros do tribunal.

5.6. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten na forma prevista na base 3.6 as adaptacións posibles en tempo e medios para a súa realización.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos

sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.8. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ó das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Para os efectos de comunicación e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.10. O tribunal, de conformidade co previsto no artigo 22.2º do convenio colectivo, poderá preve-la constitución de listas de espera, segundo a orde de puntuación acadada nas probas, cos aspirantes que non as superaron, coa finalidade de atender, mediante contratacións temporais as vacantes e necesidades que poidan producirse ata a realización da próxima convocatoria.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra «B», de conformidade co establecido na Resolución do 24 de marzo de 1998 da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal para que acrediten a súa identidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio nun só chamamento e serán excluídos das probas aqueles que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio faranse públicos na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuarase nos locais onde se realizara o primeiro deles así como no rectorado da universidade, ou por calquera outro medio que se coide conveniente para asegura-la súa máxima divulgación, cunha anticipación de polo menos vintecatro horas á sinalada para a súa iniciación.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia ó interesado, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, comunicándolle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na súa solicitude para os efectos procedentes.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública a rela

ción dos aspirantes seleccionados en cada un deles, con indicación da puntuación obtida.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez celebrado o derradeiro exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición maila obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida no anexo I. En caso de empate, daráselle preferencia á maior puntuación obtida na fase de oposición. De persisti-lo empate dirimirase a prol do candidato que obtivese a maior puntuación na fase de coñecementos específicos. O tribunal fará pública, para cada sistema de acceso, a lista dos aspirantes que, segundo a orde da puntuación total acadada por cada un deles, fosen seleccionados, e que en ningún caso poderá conter un número de candidatos superior ó das prazas convocadas. A devandita relación, que será elevada polo tribunal ó rector da universidade xunto coa proposta de contratación a favor dos aspirantes que figuren nela, será publicada no taboleiro de anuncios do rectorado.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán presentar no Servicio de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova, 6 de Santiago de Compostela) a seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Fotocopia compulsada do título esixido.

-Declaración xurada de non ter sido separado mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública e de non acharse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas, nin realizar actividade ou actividades suxeitas a incompatibilidades.

Os nacionais doutros estados membros da Unión Europea deberán acreditar igualmente non estaren sometidos a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu estado, o acceso á función pública.

-Certificado médico acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servicio.

-Os aspirantes con minusvalidez con grao de discapacidade igual ou superior ó 33 % deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante certificación dos órganos competentes da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e, se é o caso, da Administración correspondente.

8.2. Os que tivesen a condición de persoal laboral fixo de calquera universidade pública de Galicia, estarán exentos de xustificar documentalmente as condicións e demais requisitos xa probados para acceder ó seu anterior posto, debendo presentar certificación da universidade correspondente para acreditar tal condición, de non tela presentado con anterioridade.

8.3. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.4. Quen, dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Disposición derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven desta e das actuacións do tribunal poderán ser impugnados nos casos e nas formas establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 1999.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico de imaxe e son. Grupo III.

Procedemento de selección.

O procedemento de selección será o de concurso-oposición:

O concurso-oposición constará das fases que a continuación se indican:

1.1. Primeira fase, de carácter eliminatorio (para sistemas de promoción interna e acceso libre). Constará de dúas probas:

Primeiro exercicio: consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 50 preguntas, tipo test, con tres respostas alternativas, das que só unha será a correcta.

A puntuación desta primeira fase será de 0 a 20 puntos. Para aprobar será necesario obter un mínimo de 10 puntos

O tempo máximo para a realización desta proba será de 1 hora

Segundo exercicio: constará de dúas partes:

Primeira: consistirá na realización dunha proba práctica con equipos de radio.

A duración desta proba será de 30 minutos.

A puntuación será de 0 a 20 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 10 puntos.

Segunda: consistirá na realización dunha proba práctica con equipos de televisión.

A duración desta proba será de 30 minutos.

A puntuación será de 0 a 20 puntos, sendo necesario para aprobar obter un mínimo de 10 puntos.

1.2. Segunda fase:

Quenda de promoción interna.

Proba de coñecemento da lingua galega. Terá carácter selectivo e non eliminatorio. Constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora.

A puntuación será de 0 a 10 puntos.

Quenda de acceso libre: terá carácter selectivo non eliminatorio, constará de dúas partes:

Primeira: coñecementos non específicos do posto. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de preguntas tipo test, con 3 respostas alternativas das que só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes á segunda parte do programa.

A duración desta proba non será inferior a unha hora.

A puntuación desta parte será de 0 a 10 puntos

Segunda: constará de dúas probas:

Primeira: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

Segunda: consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do galego para o castelán elixido por sorteo de entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será dunha hora. Terá carácter selectivo non eliminatorio. A puntuación será de 0 a 10 puntos.

1.3. Terceira fase: concurso:

Quenda de promoción interna: máximo 30 puntos.

a) Antigüidade: máximo 10 puntos, valorarase a razón de 0,069 puntos por mes traballado.

b) Experiencia: máximo 15 puntos, valorarase a razón de 0,21 puntos por mes traballado na mesma categoría en universidades públicas.

Cursos de formación e perfeccionamento, dispensados por centros ou organismos oficiais e que estean directamente relacionados co contido da praza. Máximo 5 puntos, que se puntuarán do seguinte xeito:

-Cursos de formación recibidos:

Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora de duración do curso.

Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora de duración do curso.

Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

Curso de perfeccionamento lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora de duración do curso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

Quenda de acceso libre: máximo 15 puntos.

Valorarase o seguinte:

a) Experiencia: máximo: 11 puntos. Valorarase do seguinte xeito:

Na mesma categoría en universidades públicas: 0,15 puntos por mes traballado.

Na mesma categoría noutras administracións públicas: 0,076 puntos por mes traballado.

Outras categorías universidades públicas: 0,076 puntos por mes traballado.

b) Cursos: valoraranse igual que na quenda de promoción interna ata un máximo de 4 puntos.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico de imaxe e son. Grupo III.

Programa.

1. Nocións básicas de electricidade e electrónica. Corrente continua. Lei de Ohm e leis de Kirchoff. Pilas. Baterías. Amperímetros. Voltímetros. Corrente alterna. Diodos. Transistores. Modulación de amplitude e de frecuencia. Conceptos xerais de técnicas dixitais.

2. O son. Características físicas. Propagación do son. Comportamento das ondas sonoras. Cualidades do son. Medida de control do sinal de audio. O decibelio.

3. Fisioloxía da audición. Proceso descodificador. A voz. Características da voz humana e do aparello fonador.

4. Os micrófonos: características e tipos. Diagrama polar do micrófono. Planos de son. Tomas de son en exteriores e en estudio. Cables e conectores de audio.

5. Mesas de mesturas de audio. Caracteríticas e tipos. Selector de sensibilidade. Niveis micro e liña. Alimentación para micrófonos. Filtros. Ecualizadores. Atenuador de canle. Preescoita. Só mute. Selector de saídas. Saídas principais e saídas auxiliares. Monitorización. Medidores de nivel. Comunicación entre control e estudio.

6. Fundamentos da gravación magnética de audio. Factores que interveñen no proceso de rexistro. Mag

netófonos, características, tipoloxía e funcións. Sistemas informáticos de tratamento, conservación, manipulación e xeración de son. Soportes dixitais de audio.

7. O estudio de radio. Elementos que o compoñen. Tipos e funcións. Elementos do control de radio, fontes do sinal e monitorización. Altofalantes. Principios de funcionamento. Características e tipos. Amplificador de potencia. Acústica, leis xerais, aplicación a recintos cerrados, acondicionamento acústico de locutorios.

8. Colorimetría. Natureza da luz. Tricromía. Leis de Grassman. Triángulo internacional da cor. Óptica. Lentes. Tipos de lentes. Obxectivos, características e tipos. Distancia focal. Luminosidades e números F. Profundidade de campo. Diafragma. Ganancia. Balance de brancos. Filtros. Fontes de iluminación: tipos de lámpadas, tipos de proxectores. Esquemas básicos de iluminación.

9. A imaxe televisiva, análise e síntese. Varrido entrelazado. O sinal de televisión e cor. Codificadores e sistemas. Barras UER. Distorsión do sinal de vídeo. Monitor de forma de onda. Vectorscopio.

10. Construcción da imaxe. Concepto de composición e encadre. Angulacións e movementos de cámara. Valor descritivo e expresivo do plano: os tamaños. A toma, o plano, a escena, a secuencia. O plano-secuencia. O plano máster. A continuidade narrativa (reccord). Os eixos de acción. Transicións. Elipses.

11. A cámara de vídeo, características e tipos. Compoñentes. Sensores CCD. Controis de cámara: barras/ganancia, temperatura de cor, selector de filtro e balance de brancos. Operación manual coa cámara. Soportes de cámara.

12. Gravación magnética do sinal de vídeo. Fundamentos. Formatos profesionais, semiprofesionais e domésticos. Gravación dixital de vídeo. Magnetoscopios, características e tipos. Percorrido do sinal de vídeo nun magnetoscopio en gravación e reproducción. Sinais de entrada e saída. Cables e conectores de vídeo.

13. Técnicas de edición, unidades básicas e complexas. Edición por ensamble. Edición por inserto. Edición lineal e non lineal. Edición «off-line» e «on-line». Conceptos básicos de montaxe. O ritmo na montaxe. A continuidade. A montaxe sonora. Técnicas de posproducción. Elementos técnicos que interveñen na posproducción de vídeo e audio. Posibilidades das mesas de mestura e xeradores de efectos dixitais. As librerías dixitais e o deseño gráfico por ordenador.

14. O estudio de TV.: elementos do control de realización dun estudio de televisión. O mesturador de imaxe. O monitorado. Diferentes fontes do sinal de audio e vídeo no control. Intercomunicación entre o plató e o control. Elementos dun plató de TV. Técnicas de realización.

15. O guión. Diferentes tipos de guións segundo os xéneros ou programas. Guión literario. Guión técnico de radio e guión técnico de televisión: diferentes formatos. A desagregación do guión. Sinopse e escaleta.

ANEXO III

Denominación da praza: técnico de imaxe e son. Grupo III.

Tribunal cualificador.

Titulares.

Presidente: Xosé Ramón Pousa Estévez, profesor titular do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes da universidade:

-Xosé Soengas Pérez, profesor titular do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

-Ángel Fagilde Trabada, grupo III do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

-Aurelio F. Barreiro González, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Manuel García Freire, grupo IV do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: Ana María Paz Torres, funcionaria de carreira da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Suplentes.

Presidente: Celso Rodríguez Fernández, vicerrector de Ordenación Académica e Titulacións da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes da universidade:

-Marcelo Martínez Hermida, profesor titular do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.

-Mª Luisa Fernández Soilán, grupo III do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Representantes do comité de empresa:

-Juan Oreiro Formoso, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

-Luciano A. Romero Mosconi, grupo V do cadro de persoal laboral da Universidade de Santiago de Compostela.

Secretaria: María Consuelo Noya Sabel, funcionaria de carreira da escala auxiliar da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.