Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 01 de febreiro de 1999 Páx. 1.103

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de decembro de 1998 pola que se regula a oferta de materias optativas dos estudios do grao medio das ensinanzas de música conforme o Decreto 253/1993, do 29 de xullo.

O Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo dos graos elemental e medio das ensinanzas de música determina, no seu artigo 10º que os centros incluirán dentro da súa oferta educativa polo menos catro materias optativas, das cales Coro será de oferta obrigatoria, completándose o resto con aquelas materias que cada centro poida ofrecer en función do profesorado e da carga lectiva que asuma.

Igualmente, o dito artigo 10º establece que os alumnos que no terceiro ciclo do grao medio elixan a materia de Análise deberán cursar, polo menos, dúas materias optativas. Así mesmo, no anexo III do devandito Decreto 253/1993 non se cuantifica o tempo lectivo semanal das ditas materias optativas.

Por outra banda, o artigo 27.5º do Real decreto 986/1991, do 14 de xuño polo que se establece o calendario de implantación do novo sistema edu

cativo, dispón que no curso académico 1999-2000 se implantará o quinto curso do grao medio das ensinanzas de música.

En consecuencia, cómpre regular, por unha parte, a distribución horaria correspondente ás materias optativas e, pola outra, regular todo o que respecta á planificación e organización destas por parte dos centros.

En virtude do cal e no uso das competencias que lle están atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente orde é de aplicación en tódolos conservatorios de música e centros autorizados de música da Comunidade Autónoma de Galicia que impartan os tres ciclos do grao medio das ensinanzas de música.

Artigo 2º

A presente orde regula as materias optativas correspondentes ó terceiro ciclo do grao medio das ensinanzas de música ás que fai referencia o artigo 10º do Decreto 253/1993, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do grao elemental e do grao medio das ensinanzas de música.

Artigo 3º

1. A oferta de materias optativas nos centros deberá realizarse en función da dispoñibilidade horaria do profesorado, dos recursos de equipamento existentes e das condicións que se establecen nesta orde.

2. A distribución horaria de cada materia optativa será de sesenta minutos semanais.

Artigo 4º

1. Os centros deberán propoñer para o terceiro ciclo do grao medio, ademais da materia de Coro, polo menos tres materias optativas que deberán ser autorizadas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Estas deberán considerar aspectos como:

a) As características do seu medio xeográfico e sociocultural.

b) A inserción dos alumnos no mundo profesional.

c) As novas especialidades previstas no grao superior destas ensinanzas.

2. A solicitude de autorización das materias optativas sinaladas no punto anterior deberá tramitarse, por proposta do claustro de profesores e coa aprobación do consello escolar, a través da delegación provincial correspondente, antes do 20 de febreiro anterior ó comezo do curso no que se desexe impartila. Xuntarase á solicitude:

a) Unha xustificación da proposta.

b) O currículo da materia optativa no que figuren os obxectivos, os contidos básicos e os criterios de avaliación.

c) A xustificación dos recursos materiais e humanos suficientes para o desenvolvemento e impartición da materia en todo o ciclo.

d) O departamento didáctico ó que se vincula a materia.

3. As delegacións provinciais remitirán á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, antes do 15 de abril, os expedientes de autorización acompañados do informe da inspección educativa.

4. As materias optativas autorizadas pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderán impartirse nos cursos sucesivos sen necesidade de nova autorización mentres non se modifiquen as condicións que motivaron a súa autorización.

Disposición transitoria

Sen prexuízo do establecido no artigo 4º da presente orde, os centros poderán solicita-la autorización de materias optativas para o ano académico 1999-2000 ó longo do período dun mes, a partir da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria