Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 01 de febreiro de 1999 Páx. 1.090

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 8/1999, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento.

A Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia crea e regula nos seus aspectos esenciais o canon de saneamento como ingreso de dereito público da Comunidade Autónoma, facultando o Consello da Xunta para dicta-las disposicións regulamentarias de desenvolvemento da devandita regulación, cunha habilitación xeral que se complementa coas específicas chamadas ó regulamento contidas nos diversos preceptos da lei. Ingreso de dereito público que participa da natureza dos tributos, xa que a súa estructura e elementos esenciais, definidos nos artigos 34 a 41 da devandita lei, coinciden cos previstos no artigo 10 da vixente Lei xeral tributaria para a xeneralidade dos tributos.

Para estes efectos, o Consello da Xunta de Galicia dictou o Decreto 27/1996, do 25 de xaneiro, polo que se daba cumprimento ó previsto na norma legal, adoptando a forma de desenvolvemento xeral do tributo naquilo que ten de singular e facendo remisións expresas ou xenéricas ás disposicións comúns aplicables ó resto de tributos de Galicia.

Nembargantes, a experiencia de máis de dous anos na xestión recadatoria do canon de saneamento por parte da Administración hidráulica de Galicia, xunto coa recente aplicación do tributo ós usuarios domésticos da auga desde o pasado 1 de xullo, tal como se prevía na Lei de orzamentos do exercicio que corre, aconsellan revisar e modifica-lo devandito Decreto 27/1996 en varios dos seus aspectos, singularmente aqueles referidos á intervención das entidades subministradoras, e os correspondentes á determinación do canon por volume e por medición directa da carga contaminante.

É por isto que se dicta o presente decreto, o cal, para maior seguridade xurídica, refunde nun só documento normativo o anterior Decreto 27/1996 xunto coas modificacións e revisións operadas polo novo decreto, obténdose así un único texto regulamentario, de mais fácil consulta e aplicación.

Así pois, na regulación que se efectúa, o canon de saneamento configúrase, despois das disposicións xerais (Art. 1 a 3) a partir da definición dos seus elementos esenciais. De acordo coa delimitación legal, o feito impoñible (Art. 4) consiste na utilización ou dispoñibilidade da auga por razón da contaminación producida. Seguen os preceptos dedicados ó devengo e ós suxeitos pasivos (Art. 5 e 6),

e dáse o tratamento da base impoñible e correlativamente do tipo impositivo (Arts. 7 a 14) un carácter nuclear, ó establecer detalladamente os métodos de determinación da base, segundo o modelo da Lei xeral tributaria, atendendo especialmente á consideración dos usos da auga e ós diversos parámetros para a determinación da carga contaminante.

De acordo coa distinción legal, o regulamento establece procedementos de xestión do canon, segundo deba ser percibido por entidades subministradoras de auga (Cap. 2º) ou aboado por aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte, sexa en función do volume de auga utilizada (Cap. 3º, sección 1ª) ou pola contaminación producida (sección 2ª). Os devanditos procedementos de xestión artéllanse de acordo con criterios de simplificación de trámites e de garantía da posición xurídica dos interesados mediante a súa comparecencia nos diversos expedientes de fixación de modalidades de aplicación, bases e tipos de gravame.

Finalmente, unha parte extensa da regulación dedícase ás normas adxectivas en materia de xestión, con atención especial ós procedementos de comprobación e investigación, recadación, sanción e revisión, que constitúen un contido necesario de acordo co criterio expresado de tratamento integral da figura tributaria.

A complexidade técnica das operacións necesarias para a determinación dos elementos cuantificadores do canon fai inevitables diversas referencias a métodos analíticos e procesos que se agrupan nun anexo ó texto articulado. A devandita opción de ordenación non exceptúa, nembargantes, as normas expresadas, do seu carácter regulador da parte do procedemento a que se refiren e constitúen tamén preceptos de necesaria observancia tanto para a Administración xestora como para os contribuíntes, na medida en que están suxeitos á práctica das operacións descritas.

Por todo isto, e de conformidade coa habilitación legal contida na disposición derradeira segunda da Lei 8/1993, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica, relativo ó canon de saneamento que figura como anexo ó presente decreto.

Disposición adicional

As entidades subministradoras de auga facturaranlle o canon de saneamento ós respectivos abonados suxeitos a el desde a data de entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria

Naqueles casos nos que Augas de Galicia non efectuase aínda a liquidación directa a que se refire a disposición adicional terceira do Decreto 27/1996, procederase do seguinte xeito:

a) Augas de Galicia requirirá do suxeito pasivo unha declaración específica do volume de auga consumido ou utilizado no período comprendido entre o día 1 de xullo de 1995 e o día 31 de xaneiro de 1996.

b) Se o suxeito pasivo contase con abastecemento procedente de entidade subministradora, Augas de Galicia requiriralle a información sobre os caudais subministrados.

c) Cos datos así obtidos, Augas de Galicia emitirá unha única liquidación directa en concepto de canon de saneamento correspondente á totalidade do devandito período.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado integramente o Decreto 27/1996, do 25 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, relativo ó canon de saneamento; así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido no presente decreto. Con excepción das ordes do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda con datas do 8 de febreiro de 1996 e 9 de maio de 1996, polas que se aproban determinados modelos ós que se refire o Regulamento de desenvolvemento lexislativo do capítulo IV da Lei 8/1993.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinteún de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuiña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

REGULAMENTO DE DESENVOLVEMENTO LEXISLATIVO DO CAPÍTULO IV DA LEI 8/1993, REGULADORA DA ADMINISTRACIÓN HIDRÁULICA, RELATIVO Ó CANON DE SANEAMENTO

Capítulo I

Configuración do canon de saneamento

Sección primeira

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

É obxecto do presente regulamento o desenvolvemento normativo do canon de saneamento creado

e regulado na Lei 8/1993, do 23 de xuño, como tributo de carácter finalista destinado integramente ó financiamento de gastos de investimentos e de explotación de infraestructuras de evacuación en alta e de tratamento de augas residuais de acordo coa programación aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo da aprobación da Xunta de Goberno de Augas de Galicia.

Artigo 2º.-Normativa.

O canon de saneamento réxese:

a) Polas normas tributarias da Lei 8/1993, de 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

b) Polo presente regulamento e o resto de disposicións regulamentarias específicas que se dicten en desenvolvemento da citada lei.

c) No seu defecto, polas disposicións legais e regulamentarias de carácter xeral en materia tributaria.

Artigo 3º.-Competencias.

1. A xestión do canon de saneamento e a aplicación dos recursos xerados mediante a súa exacción correspóndelle ó organismo autónomo Augas de Galicia. En consecuencia, correspóndenlle as funcións de:

a) Resolución de recursos e reclamacións en vía de xestión, agás aqueles previstos no artigo 43.2º deste regulamento.

b) Comprobación e investigación nos termos previstos no capítulo V deste regulamento.

c) Cualificación de infraccións e imposición de sancións.

d) Concesión de aprazamentos e fraccionamentos.

2. O organismo autónomo Augas de Galicia está obrigado a levar un rexistro separado dos recursos obtidos por este concepto, que estará suxeito a fiscalización pola Consellería de Economía e Facenda.

Sección segunda

Elementos do tributo

Artigo 4º.-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible do canon de saneamento a producción de vertidos de augas e productos residuais realizados directa ou indirectamente polos usuarios domésticos e industriais de auga, e susceptibles de contamina-las augas continentais ou marítimas. En todo caso, enténdese realizado o feito impoñible polo consumo ou pola utilización potencial ou real da auga de calquera procedencia.

2. Para efectos do presente regulamento, enténdese por vertido directo o realizado inmediatamente sobre as augas continentais ou canle de rega ou desde terra ó mar territorial, ou ben o realizado mediante

infiltración ó terreo; e por vertido indirecto o que non reúne estas circunstancias, como o realizado en azarbes, rede de sumidoiros, canles de desacougamento e pluviais.

3. Para efectos do presente regulamento, enténdese por usos industriais ou asimilados da auga os efectuados polos usuarios, cando o consumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m, ou, cando sendo inferior, orixine contaminación de carácter especial na súa natureza ou na súa cantidade, nos termos expresados no artigo 40 da Lei 8/1993; e por usos domésticos de auga aqueles que non teñan a consideración de usos industriais ou asimilados.

4. De acordo co establecido no punto segundo do apartado primeiro, a aplicación do canon de saneamento afecta:

a) Á utilización da auga subministrada polas entidades definidas no artigo 6.2º deste regulamento.

b) Á utilización da auga procedente de captacións de augas superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra procedencia que efectúen directamente os mesmos usuarios.

c) Á utilización de auga procedente de entidades subministradoras ou de aproveitamentos propios do contribuínte e nos termos establecidos na lei.

5. Non darán lugar á aplicación do canon de saneamento os usos da auga correspondentes a:

a) Subministración en alta a servicios públicos de distribución de auga potable.

b) Alimentación de fontes públicas ou monumentais, bocas de rego e extinción de incendios por conta de entidades públicas e os seus servicios, propios ou concertados.

c) Utilización da auga para o uso de rega agrícola.

6. Estará exento do canon de saneamento o consumo ou a utilización da auga para usos domésticos en núcleos nos que a poboación de dereito non supere os 2.000 habitantes ou aqueloutras exencións referidas a núcleos ou aglomeracións que se sinalen legalmente.

Artigo 5º.-Devengo e aboamento do canon.

1. O devengo do tributo prodúcese:

a) Nos supostos de manifestación do feito impoñible polo consumo ou utilización da auga, tanto procedente dunha entidade subministradora como de captacións propias, coincidindo coa devandita utilización ou consumo, sen prexuízo da esixibilidade do canon de acordo cos períodos impositivos que estean establecidos.

b) En todo caso, e a falta da determinación a que se refiren os puntos precedentes, no momento de producirse o vertido.

2. No caso de suxeitos pasivos con subministracións de auga efectuadas por unha das entidades previstas no artigo 6.2º deste regulamento, o aboamento do canon coincidirá co da factura-recibo correspondente.

3. No caso de suxeitos pasivos con aproveitamentos de auga non derivados da subministración dun terceiro, o canon será directamente liquidado por Augas de Galicia con periodicidade trimestral.

Artigo 6º.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos en calidade de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas de calquera natureza e demais entidades sen personalidade xurídica ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que, na súa calidade de usuarios domésticos ou industriais de auga, produzan o feito impoñible segundo é definido no artigo 4º deste regulamento.

2. As entidades subministradoras teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte en relación coa utilización ou consumo da auga dos seus abonados.

3. Teñen a condición de entidades subministradoras de auga as persoas físicas e xurídicas de calquera natureza que, mediante instalacións de titularidade pública ou privada, ben sexa con carácter oneroso ou gratuíto, efectúen unha subministración en baixa de auga potable.

4. Na súa virtude, dentro do procedemento de xestión do canon de saneamento, as devanditas entidades subministradoras están obrigadas a:

a) Facturar e recada-lo tributo dos seus abonados.

b) Autoliquidar e ingresar dentro dos prazos establecidos as cantidades facturadas unha vez foran percibidas ou cando a súa falta de pago non fora xustificada de acordo co que prevé o artigo 17.3º.

c) Satisfacer como débeda tributaria as cantidades non facturadas en incumprimento do que dispón a letra a) precedente.

d) Cumpri-los deberes formais derivados da xestión e inspección do tributo establecidos neste regulamento ou nas normas tributarias de aplicación xeral.

Artigo 7º.-Base impoñible.

1. A base impoñible do canon consiste:

a) En xeral, no volume de auga consumido ou utilizado no período que sexa considerado

b) Nos casos en que a Administración, de oficio ou por instancia do suxeito pasivo, opte pola determinación por medida directa ou por estimación obxectiva singular da carga contaminante, a base consistirá na contaminación efectivamente producida ou estimada, expresada en unidades de contaminación

2. Para efectos deste regulamento, enténdese por carga contaminante a cantidade total de materias ou formas de enerxía contidas nun vertido, representada polo conxunto de valores obtidos para cada un dos parámetros indicados no artigo 10, expresadas nas unidades que alí se indican.

Artigo 8º.-Métodos de determinación da base impoñible.

A base impoñible determinarase:

a) Con carácter xeral, por estimación directa, mediante procedementos de medida do volume da auga, ou dos establecidos para a carga contaminante nos artigos 26º a 28 ºdeste reglamento, así como a través das declaracións a que fan referencia os artigos 21º e 29º, respectivamente, cando sexan aceptadas pola Administración.

b) Por estimación obxectiva nos seguintes casos:

b.1. Captacións superficiais, subterráneas ou pluviais de auga , cando o volume de auga non sexa medido directamente.

b.2. Cando a base impoñible sexa determinada pola carga contaminante cando non se efectuase a medida directa da base impoñible.

c) Con carácter supletorio por estimación indirecta segundo as normas dos artigos 50 e 51 da Lei Xeral tributaria, a Administración deberá motiva-la adopción desta modalidade en relación coas circunstancias que expresamente se indican e atenderá para a cuantificación da base a magnitudes características da actividade do contribuínte, tales como producción, persoal empregado, potencia eléctrica contratada, volumes de materias primas ou similares. A estimación indirecta procederá cando a Administración non poida chegar a coñece-los datos necesarios para a estimación completa da base impoñible, debido a algunha das seguintes causas:

c.1.Falta de presentación de declaracións.

c.2.Resistencia, escusa ou negativa á actuación inspectora.

c.3.Incumprimento substancial das obrigas impostas pola normativa vixente.

Artigo 9º.-Estimación obxectiva da base impoñible expresada en volume de auga.

1. Nas captacións de augas superficiais ou subterráneas que non teñan instalados dispositivos de medición de caudais e que fosen obxecto de concesión ou resolución administrativa, a base impoñible trimestral será o resultado de dividir por catro o caudal anual máximo obxecto de concesión.

2. No caso de captacións subterráneas que non teñan instalados dispositivos de medida directa de caudais, e non fosen obxecto de concesión nin de resolución administrativa o consumo mensual, para os efectos da aplicación do canon, avaliarase en función da potencia nominal do grupo elevador mediante a fórmula:

25.000 x P

Q=----------------

h + 20

No cal:

Q é o consumo mensual facturable expresado en metros cúbicos.

P é a potencia nominal do grupo ou grupos elevadores expresada en kilovatios.

h é a profundidade dinámica media do acuífero na zona considerada, expresada en metros.

3. En caso de aproveitamentos de augas pluviais ou augas superficiais que non teñan instalados dispositivos de medición de caudais nin fosen obxecto de concesión ou resolución administrativa, e nos que a distribución de auga se produza mediante bombeo, a base impoñible mensual será determinada por aplicación da seguinte fórmula:

25.000 x P

Q=----------------

20

Na cal P e Q son os valores indicados no punto segundo.

4. Nos aproveitamentos previstos no punto anterior, nos que a distribución de auga se produza por gravidade a través dunha ou varias conduccións, a base impoñible trimestral será determinada, para cada unha delas, por aplicación da seguinte fórmula:

Q = 454 x Qm.

Na cal:

Q é o consumo trimestral facturable expresado en metros cúbicos.

Qm é a capacidade hidráulica máxima da conducción expresada en metros cúbicos por hora.

Artigo 10º.-Estimación directa da carga contaminante.

1. Os parámetros de contaminación que se considerarán na determinación da carga contaminante, de acordo co procedemento previsto no artigo 26º, son os seguintes:

a) Materias en suspensión (MES).

b) Sales solubles (SOL).

c) Materias oxidables (MO).

d) Metais pesados (MP).

e) Materias inhibidoras (MI).

2. A cantidade de contaminación correspondente a cada un dos parámetros medirase como segue:

a) Nas materias en suspensión, por concentración na auga despois da solubilización das sales solubles.

b) O contido en sales solubles da auga pola conductividade da auga (a 25 Cº) expresada en Siemens por centímetro (S/cm). A cantidade de sal vertido expresarase mediante o producto destas conductividades polo volume vertido:

SOL = S/cm x m.

c) Nas materias oxidables, pola súa concentración na auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas horas.

As materias oxidables determinaranse de acordo coa ecuación:

MO = (2/3)DQO

d) Os metais pesados (MP), pola suma dos miligramos por litro existentes na auga dos seguintes metais, mercurio Hg, cadmio Cd, chumbo Pb, aluminio Al, cromo Cr, cobre Cu, níquel Ni e cinc Zn, afectadas cada unha das concentracións encontradas por un coeficiente multiplicador en función da súa perigosidade potencial, de acordo coa seguinte expresión:

Mg/l de equimetal= (200 x mg/l de Hg) + (40 x mg/l de Cd) + (40 x mg/l de Pb) + (10 x mg/l de Al)+ (4 x mg/l de Cr) + (2 x mg/l de Cu) + (2 x mg/l de Ni) + (1 x mg/l de Zn); e todo iso dividido por «n», sendo «n», o número de metais realmente analizados.

e) As materias inhibidoras (MI), pola cantidade contida na auga, unha vez repousadas as materias decantadas en dúas horas, medindo a inhibición de mobilidade de Daphnia magna, Strauss, ou ben a inhibición da luminiscencia de Photobacterium phosphoreum.

Se a medición feita mediante o primeiro dos devanditos métodos evidencia simultaneamente materias inhibidoras e sales solubles, a base relativa ás materias inhibidoras reducirase, para os efectos da súa determinación, en 70 equitox por cada S/cm X m. Sendo:

S/cm= o índice de conductividade do vertido, que determina o seu contido en sales solubles.

S/cm x m= a cantidade de sales solubles vertidas nun determinado volume de m de auga.

Equitox= índice de medición das materias inhibidoras presentes na auga despois de decantala durante dúas horas e medindo a inhibición de mobilidade de Daphnia magna, Strauss, ou ben a inhibición da luminiscencia de Photobacterium phosphoreum.

3.Os elementos enumerados nos puntos anteriores serán analizados segundo os métodos e procedementos detallados no anexo 1 deste regulamento.

Artigo 11º.-Tipo de gravame.

O tipo de gravame exprésase en pesetas por metro cúbico ou en pesetas por unidade de contaminación en función da base impoñible a que deba aplicarse.

Artigo 12º.-Usos da auga para efectos de aplicación do canon.

1. Para os efectos da aplicación do canon reputaranse como usos domésticos tódolos supostos de utilización da auga que constitúan feito impoñible daquel que non teñan a consideración de industriais ou asimilados, segundo o disposto no punto seguinte.

2. Terán a consideración de usos industriais ou asimilados da auga os efectuados polos usuarios, sexan ou non empresas industriais, nos que o con

sumo anual de auga sexa igual ou superior a 3.000 m, ou cando sendo inferior, orixine contaminación de carácter especial na súa natureza ou na súa cantidade. Para estes efectos, considerarase que un usuario orixina tal contaminación, cando medida ou estimada a contaminación diaria vertida, segundo os parámetros definidos no artigo 10, resulte que é superior á correspondente a douscentos habitantes equivalentes.

3. As referencias a un determinado número de metros cúbicos de consumo para a cualificación de usos domésticos ou industriais entenderanse con respecto ó ano inmediatamente anterior ou no suposto de nova creación elevarase o consumo do mes primeiro ó ano.

Artigo 13º.-Cantidade de contaminación equivalente a un habitante.

Ós efectos do artigo anterior, fíxase como cantidade de contaminación diaria a considerar por cada habitante ou «habitante equivalente».

a) 90 gramos de materia en suspensión.

b) 57 gramos de materias oxidables.

Capítulo II

Xestión do canon de saneamento percibido por medio de entidades subministradoras

Artigo 14º.-Obriga de facturación.

1. Tódalas entidades subministradoras de auga que desenvolvan a súa actividade no territorio de Galicia están obrigadas a facturar e recadar dos seus abonados o canon de saneamento.

2. Para este efecto, as entidades subministradoras deberán adapta-lo formato das súas facturas-recibo ou outros documentos de xeito que figuren, de forma diferenciada e comprensible os seguintes datos:

a) O número de metros cúbicos facturados no período de que se trate.

b) O tipo de gravame en pesetas por metro cúbico, afectado, se é o caso, dos coeficientes de concentración demográfica que sexan de aplicación, segundo o previsto na Lei de orzamentos.

c) O importe facturado en concepto de canon.

3. En ningún caso poderá incluírse o canon de saneamento en documento separado das facturas-recibo que emitan as entidades subministradoras ós seus abonados.

4. No caso que dentro dun mesmo período de facturación teña lugar a modificación do tipo de gravame do canon, cada un deles será aplicado ó volume facturado en proporción ó número de días de vixencia respectiva dentro do período.

5. As subministracións especiais, domésticas e industriais, realizadas por calquera entidade subministradora, estarán suxeitas, se procede, á aplicación do canon. Para a súa facturación e percepción, as empresas subministradoras quedan obrigadas a

confeccionar, antes do último día do ano natural en que tivera lugar a subministración, unha factura-recibo coas especificacións detalladas no número 2 deste artigo e a esixi-lo seu cobro. Terán a consideración de subministracións especiais, para efectos da aplicación do canon, os consumos propios das entidades subministradoras, e as subministracións non facturadas ós usuarios, sempre que non sexan destinados ós usos indicados no artigo 4.5º deste regulamento.

6. As entidades subministradoras de auga están obrigadas ó pagamento das cantidades correspondentes ó canon que non facturaron ós seus abonados. Esta obriga será esixible desde a data de expedición das facturas ou dos recibos que se emitisen infrinxindo as obrigas que impón este artigo, ou ben desde a data límite de emisión da factura-recibo a que fai referencia o número 5 del.

7. A facturación do canon de saneamento que efectúen as entidades subministradoras ós seus abonados, terán a consideración de actuación tributaria reclamable segundo o disposto no artigo 43º deste decreto, entendéndose efectuada a súa notificación desde que a devandita facturación fose comunicada en forma fidedigna ó abonado ou ben desde que exista constancia de que este tivo coñecemento da facturación.

Artigo 15º.-Facturación segundo carga contaminante.

1. Por iniciativa da Administración, cando a cota resultante da medición da carga contaminante sexa superior á que se deduza da determinación do canon por volume de auga utilizado, ou por solicitude do contribuínte, o tipo aplicable a un abonado de usos industriais da auga poderá ser individualizado nunha tarifa unitaria calculada en función da contaminación producida.

2. A medida da carga contaminante efectuarase de acordo cos procedementos regulados na sección segunda do capítulo III do presente regulamento e o tipo aplicable que resulte da dita medida será notificado pola Administración á entidade subministradora para os efectos da súa aplicación na seguinte factura-recibo expedida.

Artigo 16º.-Declaración e declaracións-autoliquidacións por conta das entidades subministradoras.

1. Dentro dos meses de xaneiro e xullo, as entidades subministradoras presentarán, por cada municipio que abastezan e en relación cos respectivos semestres naturais de cada ano, as autoliquidacións, axustadas ó modelo aprobado para o efecto das cantidades percibidas en concepto de canon naqueles períodos.

2. Dentro do mes de marzo de cada ano as entidades subministradoras presentarán, tamén por cada municipio, as declaracións resumo do ano anterior, axustadas ó modelo aprobado para o efecto.

Estas declaracións resumo conterán a determinación do saldo pendente facturado e non percibido a final de ano e irán acompañadas de:

a) Unha autoliquidación axustada ó modelo aprobado ó efecto por cada municipio abastecido, de regularización das cantidades percibidas ata a data da súa presentación e non liquidadas nos períodos a que se refire o punto 1.

b) Unha declaración anual do importe facturado neto, unha vez deducidos erros e anulacións, axustada ó modelo aprobado para o efecto.

c) Unha relación daqueles abonados ós que se lles facturou o canon de saneamento de acordo co tipo correspondente ós usos domésticos e que, ó finaliza-lo ano, consumiron máis de 3.000 metros cúbicos de auga.

d) Unha relación daqueles abonados ós que se lles facturou o canon de saneamento de acordo co tipo correspondente ós usos industriais e que, ó finaliza-lo ano, consumiron menos de 3.000 metros cúbicos de auga.

3. As cantidades percibidas dos usuarios polas entidades subministradoras correspondentes ó saldo pendente do ano anterior incorporaranse ás autoliquidacións do semestre respectivo.

Xunto coa declaración resumo do mes de marzo de cada ano, as entidades subministradoras procederán a xustificar, na forma que se detalla no número seguinte, as cantidades aínda non percibidas do saldo pendente na declaración resumo do mes de marzo do ano anterior. Esta xustificación terá, en relación cos contribuíntes, o carácter de declaración para os efectos previstos no artigo 65 da Lei xeral tributaria.

O importe non xustificado do devandito saldo considerarase como débeda tributaria líquida da entidade, e ingresarase no momento da presentación da declaración resumo a que fai referencia o punto 2 precedente.

4. A xustificación a que fai referencia o número anterior farase mediante a presentación dunha relación documentada axustada ó modelo aprobado para o efecto.

5. Unha vez presentada a documentación detallada no punto anterior as entidades subministradoras que eventualmente reciban pagamentos correspondentes a cantidades xustificadas de acordo co procedemento que se describe deberán ingresa-lo seu importe no organismo xestor, coincidindo coas autoliquidacións semestrais a que se refire o punto 1. As autoliquidacións acompañaranse neste caso dunha relación documentada segundo o modelo aprobado para o efecto.

6. As autoliquidacións a que se refire o presente artigo terán a consideración de actuacións tributarias impugnables en vía económico-administrativa, de acordo co que se prevé no artigo 42º.

Artigo 17º.-Liquidacións administrativas e notificacións.

1. A Administración poderá practicar liquidacións provisionais das declaracións-autoliquidacións presentadas polas entidades subministradoras co fin de:

a) Corrixi-los erros aritméticos ou de concepto.

b) Rectifica-las autoliquidacións, de acordo cos datos que consten previamente en poder da oficina xestora.

c) Liquida-la recarga establecida no artigo 61.3 da Lei xeral tributaria cando o ingreso se producise fóra de prazo.

2. As liquidacións administrativas serán notificadas ás entidades interesadas, logo do trámite de audiencia, facendo constar:

a) Os elementos básicos determinantes da débeda tributaria.

b) Breve expresión, se procede, dos motivos da corrección ou rectificación.

c) Os recursos que se poidan interpor.

d) O lugar e os prazos de pago.

3. O rexeitamento da notificación intentada en horas de funcionamento normal da empresa ou entidade producirá tódolos efectos propios da notificación sempre que exista constancia por medio de dilixencia asinada polo empregado de correos ou axente notificador con expresión da identidade deste, do número da liquidación e da data e hora do intento. Idénticas consecuencias seguiranse do rexeitamento da notificación das liquidacións a que se refiren os artigos 24º e 30º.

Artigo 18º.-Xestión dos saldos pendentes.

As cantidades correspondentes ós saldos pendentes a que fai referencia o artigo 16º.3, e xustificadas consonte o previsto no artigo 16º.4, serán notificadas ós interesados pola Administración, para o seu ingreso en período voluntario antes de pasar, se procede, á súa exacción en vía de constrinximento segundo o procedemento previsto no artigo 40º deste regulamento.

Artigo 19º.-Ingresos.

1. O ingreso das débedas tributarias derivadas da xestión do canon de saneamento efectuarase nas oficinas da Administración designadas para o efecto así como nas contas restrinxidas de recadación que sexan autorizadas.

2. Os prazos de ingresos serán:

a) Polas débedas autoliquidadas, simultaneamente coa presentación da declaración autoliquidación, dentro dos prazos establecidos no artigo 16º.

b) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas dentro da primeira quincena de cada mes natural, ata o día 5 do seguinte mes.

c) Polas débedas liquidadas pola Administración e notificadas a partir do día 16 e ata o remate de cada mes, ata o día 20 do seguinte mes.

Artigo 20º.-Subvencións.

A Administración xestora poderá establecer subvencións en favor das entidades subministradoras de auga dirixidas á compensación dos gastos dos elementos materiais que precisen para levar a termo o cumprimento das obrigas derivadas da súa intervención na xestión do canon de saneamento. Para estes efectos, o Consello da Xunta promoverá a promulgación da correspondente norma habilitante.

Capítulo III

Xestión do canon de saneamento en aproveitamentos efectuados directamente polo contribuínte

Sección primeira

Procedemento xeral

Artigo 21º.-Declaración inicial.

1. Tódolos titulares e usuarios reais de aproveitamentos de augas procedentes de captacións superficiais, subterráneas, pluviais ou de calquera outra procedencia suxeitos ó canon de saneamento, están obrigados a presentar unha declaración inicial (segundo o modelo aprobado para o efecto) que conterá tódolos datos e os elementos necesarios para a aplicación singular do tributo. A devandita obriga esténdese ós abonados das entidades subministradoras de auga, nos supostos en que así sexan expresamente requiridos por parte de Augas de Galicia.

2. A declaración inicial deberá ser presentada ante o organismo xestor no prazo dun mes contado desde o inicio do aproveitamento.

3. Calquera alteración das características declaradas deberá ser comunicada ó organismo xestor dentro do prazo dun mes desde o momento que se produza.

4. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo constituirá unha infracción sancionable de acordo co disposto no artigo 36º deste regulamento.

Artigo 22º.-Fixación da modalidade de aplicación do canon e da tarifa aplicable.

1. A Administración á vista dos datos contidos na declaración formulada e outros dos cales puidese dispoñer, dictará unha resolución na cal fixará de maneira singular a modalidade de aplicación do canon e a tarifa aplicable, expresada en pesetas por metro cúbico que corresponda a cada contribuínte.

2. A mesma resolución poderá decidir, se procede, sobre outros aspectos que hai que considerar na aplicación do canon de saneamento e, en particular, sobre os que fan referencia a prazos de aplicación e revisións do tipo de gravame fixado.

3. Antes de dicta-la resolución, o expediente deberá poñerse de manifesto ó interesado, durante un prazo de quince días, nos seguintes casos:

a) Cando a Administración teña que utilizar datos ou elementos de xuízo non contidos na declaración.

b) Cando a Administración non acceda ás modalidades de aplicación solicitadas polo usuario.

4. A tarifa contida nesa resolución revisarase automaticamente, sen necesidade dunha nova resolución, no caso de producírense por disposición legal aumentos ou diminucións dos valores asignados ós parámetros de contaminación, ós valores de base por volume ou outros elementos da base ou tipo de tributo.

Artigo 23º.-Declaracións periódicas.

1. Os contribuíntes comprendidos no artigo 21º presentarán ó organismo xestor, dentro dos primeiros vinte días naturais de cada trimestre, unha declaración segundo modelo aprobado para o efecto dos volumes de auga consumidos ou utilizados no trimestre inmediato anterior, coa lectura practicada en calquera dos aparellos de medida aceptados. Estes aparellos serán declarados polos contribuíntes mediante modelo aprobado para o efecto.

2. No caso de aproveitamentos que non tivesen instalado un aparello de medida de volumes farase a avaliación por estimación obxectiva, segundo dispón o artigo 9º.

Artigo 24º.-Liquidacións e notificacións.

1. O organismo xestor practicará, á vista dos volumes declarados, a liquidación provisional do trimestre correspondente, que será notificada ó suxeito pasivo. A regularización das devanditas liquidacións levarase a cabo nos mesmos termos previstos no artigo 30º.9.

2. No caso de falta de presentación da declaración periódica a que se refire o artigo anterior, a Administración procederá:

a) A abrir expediente sancionador, segundo prevén os artigos 31º e seguintes.

b) A practicar e notificar, logo do trámite de audiencia, se é o caso, a liquidación provisional por estimación indirecta, baseada no consumo do derradeiro trimestre declarado ou na media dos catro últimos trimestres declarados, aplicándolle os xuros de demora na contía regulada no artigo 42º.

c) A requiri-la presentación da declaración.

3. O organismo xestor practicará liquidacións complementarias de acordo co tipo correspondente ós usos industriais e sobre a totalidade da base impoñible a aqueles contribuíntes ós que se liquidou o canon de acordo co tipo doméstico e que, ó finaliza-lo ano, a suma das declaracións ás que se refire o artigo 23º.1 dese un resultado superior a 3.000 metros cúbicos. Do mesmo xeito procederase nos supostos previstos no artigo 16º.2.c).

4. No suposto previsto no artigo 16º.2.d) o organismo xestor, logo da comprobación dos datos que constan no expediente, procederá, se é o caso, á devolución de ingresos indebidos.

Artigo 25º.-Ingresos.

Serán de aplicación ó procedemento regulado nos artigos precedentes as normas do artigo 19º, en todo canto se refira ó ingreso das cotas tributarias resultantes.

Sección segunda

Normas específicas de procedemento para a determinación da contaminación producida

Artigo 26º.-Medida directa da contaminación.

1. A Administración, de oficio, poderá aplica-lo canon de saneamento en función da contaminación producida, determinada por medida directa de acordo co procedemento establecido nos artigos seguintes, cando a cota resultante da devandita medición sexa superior á que se deduza da determinación do canon por volume de auga utilizado.

2. A execución das probas, análises e mostraxes na que consista a medida directa será en todo caso levada a cabo ben polo organismo xestor, ben por un dos establecementos técnicos auxiliares recoñecidos de acordo co que regulamentariamente se dispoña.

3. O procedemento poderá iniciarse, así mesmo, por instancia do contribuínte. En tal caso, os gastos xerados pola realización das operacións de medida serán por conta do solicitante, con independencia do resultado ou duración das devanditas operacións.

4. Cos resultados obtidos, a Administración resolverá a aplicación individualizada do canon de saneamento.

Artigo 27º.-Medición inicial.

1. A medida da carga contaminante vertida por un usuario industrial comezará coa visita das instalacións e a redacción dun informe técnico no cal se analicen as peculiaridades existentes de xeración de contaminación:

Usos da auga.

Tipos de procesos.

Productos utilizados.

Perdas de auga por evaporación ou incorporación, así como posibles incrementos de auga.

Tipos de dispositivos de tratamento das augas residuais ou de regulación da contaminación.

O informe técnico debe rematar coa proposta dun plan de medicións e toma de mostras para a caracterización dos vertidos.

2. Para conseguir unha representatividade adecuada da carga contaminante xerada procederase a unha medición inicial de carácter continuado. De oficio ou por instancia do interesado poderá reducirse o tempo de toma de mostras fixado no punto seguinte.

3. O tempo de mostraxe continuado será o correspondente a unha quenda laboral completa. Se o usuario industrial presentase unha gran variedade de pro

cesos de fabricación ou puntas de estacionalidade que provoquen modificacións substanciais na cantidade ou calidade dos vertidos, este tempo poderá ser ampliado e fraccionado, para os efectos de tomar mostras significativas dos diversos vertidos. Estas mostras, debidamente ponderadas, fixarán a cantidade de contaminación producida, en función dos diversos períodos de fabricación, de volume de auga e da concentración da contaminación xerada en cada caso.

4. Durante a medición e toma de mostras, unha representación do usuario industrial suxeito a control pode acompañar ó persoal encargado da Administración e pedirlle a entrega de mostras xemelgas, así como facer constar na dilixencia que levante tódalas observacións que considere oportunas.

Unha vez rematada a medición, o persoal encargado entregaralle unha copia da dilixencia levantada, que deberán asinar ámbalas dúas partes.

5. Os resultados da medición inicial permanecerán vixentes mentres non sexa revisada de acordo co disposto no artigo 28º.

Artigo 28º.-Revisión da medición inicial.

1. No caso de variacións dos procesos productivos, do réxime de vertidos ou por calquera outra causa que modifique substancialmente as condicións nas que se levou a cabo a medición inicial, ou a declaración de carga contaminante regulada no artigo seguinte, a Administración de oficio, ou por instancia do contribuínte, poderá realizar unha nova medición ou ben requiri-la presentación dunha autodeclaración actualizada, segundo sexa o caso.

2. Os controis puntuais ou continuados que realice a Administración como comprobación da vixencia da medición inicial ou da declaración presentada, efectuados segundo o procedemento descrito nos puntos 2, 3 e 4 do artigo 27º, poderán servir como base para a modificación dos valores das unidades de contaminación.

Artigo 29º.-Declaración da carga contaminante vertida.

1. O procedemento regulado nos artigos precedentes poderá ser substituído, de oficio ou por petición do interesado, por unha declaración de carga contaminante presentada polo contribuínte segundo o modelo aprobado para o efecto.

2. A Administración, antes de dicta-la resolución correspondente, poderá rectifica-la dita declaración de acordo cos datos de que dispoña, dando audiencia ó contribuínte.

3. No caso que o contribuínte manifeste a súa desconformidade coa proposta da Administración esta procederá a realiza-la medición directa da contaminación de acordo co especificado nos artigos 26º, 27º ou, no caso de concorre-los orzamentos para iso, a súa estimación obxectiva, segundo o previsto no artigo 8º b).

4. Os resultados da declaración, unha vez aceptados pola Administración permanecerán vixentes mentres non sexan revisados, ben sexa de acordo co disposto no artigo 28º ou por unha nova declaración.

Artigo 30º.-Resolucións de determinación da base impoñible e da tarifa e liquidacións do canon.

1. De acordo co resultado das operacións efectuadas, que se incorporarán ó expediente, a Administración, dictará unha resolución fixando a modalidade de aplicación do canon de saneamento e os elementos integrantes da base impoñible e da tarifa expresada en pesetas por metro cúbico.

2. Con carácter previo á súa resolución, o expediente poñerase de manifesto ó interesado sempre que sexa preceptivo segundo as normas xerais de procedemento.

3. Na devandita resolución fixaranse, se proceden, o coeficiente corrector de volume, que expresa a relación existente entre o caudal de auga vertido e o caudal subministrado e o coeficiente de vertido ó mar.

Para os efectos da aplicación do coeficiente de vertido ó mar, os valores de dilución inicial indicados no artigo 40.7º da Lei 8/1993 serán determinados de acordo coa vixente normativa en materia de conduccións de vertidos desde terra ó mar. De oficio ou por instancia do interesado, poderán aplicarse outros métodos autorizados pola Administración.

4. A resolución poderá preve-la realización dun número mínimo ou determinado de operacións complementarias de medida da carga contaminante ou de calquera dos elementos que interveñen na determinación da base impoñible ou no cálculo da cota do tributo.

Así mesmo, tamén poderá preve-la instalación obrigatoria, por conta do establecemento, de aparellos de medida permanente de caudais e de mostraxe. Neste último caso a resolución fixará os datos que deste proporciona-lo suxeito pasivo, a periodicidade destas e os mecanismos de inspección e acceso do persoal da Administración para a verificación dos aparellos.

5. A tarifa resultante da resolución indicada no punto primeiro será de aplicación a partir do período de liquidación seguinte no que se efectúe a petición por parte dos contribuíntes, ou o inicio por parte da Administración do procedemento que dá lugar á determinación da base impoñible por medida directa da contaminación, a súa modificación nos supostos do Art. 28º, ou a presentación da declaración de carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º.

6. No suposto de que non se producisen liquidacións correspondentes á producción do feito impoñible con anterioridade á notificación da resolución regulada no punto primeiro deste artigo, a tarifa resultante dela aplicarase ós períodos trimestrais anteriores non liquidados.

7. No caso de aproveitamentos de augas efectuados directamente polo contribuínte, as liquidacións correspondentes practicaranse por trimestres naturais vencidos, e será de aplicación, se é o caso, o previsto nos artigos 23º e 24º. No caso de abonados conectados a entidades subministradoras rexerá o indicado no Art. 15º.

8. A petición por parte dos contribuíntes ou o inicio por parte da Administración do procedemento que dá lugar á determinación da base impoñible por medida directa da contaminación, de modificación dela nos supostos do Art. 28º ou a presentación da declaración de carga contaminante vertida regulada polo Art. 29º, non suspenderá a práctica, nin a obriga de atende-lo seu abono, das liquidacións realizadas de acordo coa modalidade de determinación da base impoñible existente anterior ó devandito momento, tanto no caso de que o canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente pola propia Administración xestora.

9. As liquidacións realizadas nos supostos regulados no punto precedente terán a consideración de liquidacións provisionais. A comprobación das anteriores liquidacións provisionais, de oficio, ou por instancia do suxeito pasivo, será realizada directamente pola Administración xestora tanto no caso de que o canon de saneamento sexa percibido por medio das entidades subministradoras como se é percibido directamente pola propia Administración xestora.

Capítulo IV

Infraccións e sancións

Artigo 31º.-Infraccións e sancións.

1. O réxime de infraccións e de sancións en materia de canon de saneamento é o vixente con carácter xeral para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.

2. As sancións por infraccións graves e por infraccións simples graduaranse e aplicaranse en cada caso segundo os criterios enunciados nos artigos 82º a 89º, ámbolos dous inclusive, da Lei xeral tributaria e na normativa dictada para o seu desenvolvemento.

Artigo 32º.-Competencia.

Os expedientes sancionadores por infraccións relativas ó canon de saneamento incoaranse por acordo do presidente de Augas de Galicia. As sancións que procedan serán impostas:

a) As que consistan en multa pecuniaria fixa ou proporcional, polo presidente de Augas de Galicia se corresponden a infraccións simples e polo conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, corresponden a infraccións graves.

b) As que se refiren nos puntos b) e c) do artigo 81.1º da Lei xeral tributaria, polo conselleiro de Economía e Facenda.

c) As previstas no punto a) do artigo 81.1º da Lei xeral tributaria, polo Consello da Xunta.

Artigo 33º.-Procedemento.

1. A imposición de sancións tributarias realizarase mediante expediente independente daqueles instruídos para a comprobación e investigación da situación tributaria do suxeito infractor.

2. O procedemento iniciarase de oficio mediante acordo do presidente de Augas de Galicia, por propia iniciativa, por orde superior ou por petición razoada dos órganos de xestión do canon de saneamento. O acordo incorporará o nomeamento de instructor.

3. O instructor formulará prego de cargos, que indicará os seguintes extremos:

a) Identificación da persoa ou entidade presuntamente responsable.

b) Feitos que motivan a incoación, a súa posible cualificación e a cuantificación das sancións que poidan impoñerse.

c) Órgano competente para a resolución do expediente.

d) Indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento.

e) Posibilidade de recusación do instructor.

4. Cando no procedemento sancionador se tomen en conta datos procedentes dos expedientes de investigación e comprobación da situación tributaria do suxeito presuntamente responsable, aqueles serán formalmente incorporados ó expediente sancionador con anterioridade ó trámite de audiencia.

5. O expediente será instruído de oficio, realizando cantas actuacións resulten necesarias para determinar, se é o caso, a existencia da infracción tributaria.

6. Á vista das alegacións formuladas á incoación e ó prego de cargos, e trala conclusión da instrucción, formularase proposta de resolución, na que se fixarán motivadamente os feitos constatados e a súa cualificación xurídica, con determinación da infracción que poidan constituír, concretarase o seu responsable e a sanción que se propoña con expresión dos correspondentes criterios de gradación; noutro caso, se propoñerá a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade.

7. A proposta de resolución notificarase ós interesados, con posta de manifesto do expediente e concesión dun prazo de quince días para formula-las alegacións e presenta-la documentación que consideran conveniente.

8. Tralo devandito prazo de alegacións, a proposta será elevada ó organo competente, xunto coa documentación que consta no expediente, e cun informe do instructor sobre as alegacións, se se presentasen.

9. Finalmente, o órgano competente dictará resolución motivada, á vista dos documentos indicados no punto anterior, con fixación dos feitos, valoración

das probas practicadas e con determinación da infracción cometida, do seu responsable e da sanción que se impón xunto cos criterios de gradación; noutro caso, declararase a inexistencia de infracción ou de responsabilidade.

10. A resolución, que deberá adoptarse no prazo de seis meses desde a incoación do expediente, notificarase ós interesados, con expresión dos medios de impugnación e as correspondentes instancias e prazos para facelo.

Capítulo V

Outras normas de procedemento

Sección primeira

Procedemento de comprobación e investigación

Artigo 34º.-Actuacións de comprobación e investigación.

1. A comprobación e investigación do canon de saneamento será exercido por funcionarios do organismo xestor especificamente nomeados para o efecto polo presidente de Augas de Galicia, e que actuarán baixo o seu mando. Nembargantes, por proposta do presidente de Augas de Galicia, o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda poderá motivadamente solicita-lo auxilio do persoal inspector da Consellería de Economía e Facenda

As facultades dos funcionarios antes citados serán as que a normativa xeral atribúe ós órganos encargados da comprobación e investigación dos tributos, en particular, as de exame de libros, documentos e xustificantes contables, coas limitacións que a citada normativa xeral establece. A entrada e recoñecemento dos predios levarase a cabo nos termos do artigo 141 da Lei xeral tributaria.

2. Corresponderalle ó presidente de Augas de Galicia dicta-las liquidacións derivadas das actuacións de comprobación e investigación; así como resolve-los recursos de reposición que, se é o caso, se interpoñan contra estas.

Artigo 35º.-Lugar e tempo das actuacións de comprobación e investigación.

1. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar, indistintamente, no domicilio do suxeito pasivo ou do seu representante, onde se realicen as actividades gravadas polo canon de saneamento ou ben nas dependencias do organismo xestor.

2. Os funcionarios inspectores poderán requiri-la presentación nas oficinas da Administración dos rexistros e modelos oficiais referidos ó canon de saneamento indicados neste regulamento. Noutro caso, os libros e a documentación do suxeito pasivo que teñan relación co feito impoñible do canon ou coa súa xestión no suposto das entidades subministradoras, serán examinados no domicilio destes e na súa presencia ou na do seu representante.

3. As actuacións de comprobación e investigación terán lugar nos locais da empresa ou entidade suxeita ás ditas actuacións dentro da xornada laboral de

oficina ou da actividade que rexa nela. Cando as actuacións teñan lugar nas oficinas do organismo xestor, axustaranse ó horario oficial deste.

4. As actuacións que se van efectuar nas dependencias do organismo xestor iniciaranse mediante comunicación debidamente notificada cunha antelación mínima de dez días. A recepción da comunicación producirá os seguintes efectos:

a) Interrupción dos prazos de prescrición ou caducidade da acción administrativa que estivese en curso.

b) Os ingresos que puidesen efectuarse con posterioridade terán o carácter de ingresos a conta e non impedirán a aplicación das sancións polas infraccións nas que o obrigado tributario incorrese.

Os mesmos efectos producirá a comparecencia en forma dos funcionarios actuantes nos locais ou oficinas do obrigado tributario, documentada mediante unha dilixencia.

Artigo 36º.-Expediente de comprobación e investigación.

1. Os expedientes de comprobación e investigación comprenderán tódolos documentos que emitan os funcionarios actuantes coa finalidade de recolle-los resultados das actuacións de comprobación e investigación.

2. Se dos expedientes anteriores resultasen diferencias coas declaracións dos suxeitos pasivos, procederase a practica-la oportuna liquidación complementaria de oficio, por parte do organismo xestor.

Artigo 37º.-Documentación das actuacións de inspección e comprobación.

1. As actuacións de inspección e comprobación do canon de saneamento documentaranse en actas ou en dilixencias.

2. Os resultados das actuacións inspectoras nos que se propoña unha liquidación tributaria documentaranse en actas, co contido previsto no artigo 145 da Lei xeral tributaria e na súa normativa de desenvolvemento.

3. As actuacións inspectoras consistentes en medición de caudais de abastecemento ou de vertido ou de medición de contaminación, e, en xeral, aquelas non tendentes directamente á determinación da débeda tributaria, documentaranse en dilixencias, nas que se fará constar, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación do inspector e do suxeito pasivo ou do seu representante.

b) Lugar e tempo das actuacións.

c) Descrición das operacións técnicas levadas a cabo e resultado das medicións in situ.

d) No caso de toma de mostras, ofrecerase unha mostra xemelga ó interesado.

e) As alegacións e manifestacións do interesado, se é o caso.

Sección segunda

Imposición de sancións derivadas das actuacións de comprobación e investigación

Artigo 38º.-Procedemento.

Cando, no curso das actuacións de comprobación e investigación, se observe a comisión de presuntas infraccións tributarias, procederase á iniciación do correspondente expediente sancionador, que será tramitado separadamente e consonte os termos dos artigos 31º e seguintes deste regulamento.

Sección terceira

Procedemento de recadación

Artigo 39º.-Recadación.

A recadación en período voluntario, dentro dos prazos establecidos, correspóndelle ó organismo xestor, con suxeición ás normas do Regulamento xeral de recadación e disposicións modificativas e complementarias.

A recadación en periodo executivo corresponderá á Consellería de Economía e Facenda.

Artigo 40º.-Recadación en vía de apremio.

1. Transcorridos os prazos de recadación en período voluntario, a Intervención Delegada do organismo xestor procederá a estender:

a) Certificación de descuberto das débedas tributarias individualizadas das entidades subministradoras de auga ou dos titulares ou usuarios reais de aproveitamento de auga.

b) Relación certificada das débedas non pagadas dos usuarios.

2. Os títulos executivos serán enviados ó órgano competente da Consellería de Economía e Facenda, que dictará a correspondente providencia de constrinximento.

Estes títulos terán a mesma forza executiva que a sentencia xudicial para proceder contra os bens e dereitos dos debedores.

3. O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación e as súas disposicións modificativas e complementarias.

Artigo 41º.-Aprazamentos e fraccionamentos.

1. A competencia para outorgar aprazamentos e fraccionamentos das débedas tributarias, en período voluntario, correspóndelle ó presidente de Augas de Galicia.

O procedemento será o regulado no Regulamento xeral de recadación e as súas disposicións modificativas e complementarias.

2. A facultade prevista no artigo 53 do Regulamento xeral de recadación, en casos en que se dean circunstancias excepcionais ou razóns de interese público correspóndelle ó conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Artigo 42º.-Xuros de demora.

1. A falta de ingreso dentro dos prazos regulamentarios das cotas debidas e notificadas pola Administración por canon de saneamento, determinará a esixibilidade de xuros de demora desde o día seguinte ó seu vencemento.

2. Cando o ingreso da débeda tributaria teña lugar fóra do prazo establecido sen previo requirimento serán de aplicación as recargas establecidos na Lei xeral tributaria.

3. O tipo de xuro de demora cando proceda a súa aplicación será o establecido para o resto dos tributos da Xunta de Galicia.

Sección cuarta

Procedemento de revisión

Artigo 43º.-Actos impugnables.

1. Poden ser obxecto de reclamación económico-administrativa, logo de, potestativamente, recurso de reposición:

a) As liquidacións provisionais ou definitivas a que se refiren os artigos 17º, 24º, 30º e 34º.

b) Os actos administrativos de fixación das tarifas e modalidades regulados nos artigos 22º e 30º.

c) As providencias de constrinximento a que se refire o artigo 40º.2.

d) Os actos de imposición de sancións, previstos nos artigos 31º a 33º.

e) Calquera outro acto administrativo que, provisional ou definitivamente, declare un dereito ou unha obriga e os de trámite que decidan directa ou indirectamente sobre o fondo do asunto.

2. Teñen a consideración de actuacións tributarias impugnables en vía económico-administrativa:

a) As actuacións reguladas no artigo 16º, logo de instancia ante os órganos de xestión da súa confirmación ou rectificación.

b) Os actos das entidades subministradoras a que se refire o artigo 14º.7.

Artigo 44º.-Competencia.

1. É competente para resolve-los recursos de reposición o mesmo órgano que dictase o acto obxecto do recurso.

2. As reclamacións económico-administrativas serán resoltas polo Tribunal Económico-Administrativo da Comunidade Autónoma.

Artigo 45º.-Procedemento.

1. O prazo para a interposición do recurso potestativo de reposición é de quince días contados desde a notificación do acto impugnado.

2. O prazo para a interposición da reclamación económico-administrativa é de quince días contados:

a) Cando se interpoña directamente, desde a data de notificación do acto impugnados.

b) Cando se interpuxese recurso de reposición previo, desde a notificación do acto expreso resolutorio do recurso.

c) Cando este non se resolvese no prazo de trinta días desde a súa interposición, o recorrente poderá consideralo desestimado e inicia-la vía económico-administrativa. Ó notificarse a resolución expresa e con independencia do tempo transcorrido desde a desestimación presunta, comezará a computarse o prazo a que se refire o punto 2 anterior.

3. O procedemento do recurso de reposición axustarase ás normas do Real decreto 2244/1979, do 7 de setembro de 1979, e as suas disposicións modificativas e complementarias.

4. O procedemento da reclamación económico-administrativa axustarase ás normas do Regulamento de procedemento na materia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Para a estimación obxectiva da carga contaminante o Consello da Xunta aprobará por decreto as táboas que conteñen as clases de actividades, as súas magnitudes características e os coeficientes específicos de contaminación correspondentes a cada actividade.

Segunda.-As normas técnicas referenciadas no anexo deste regulamento entenderanse sempre en relación coa última actualización publicada e serán substituídas polas normas UNE equivalentes, a partir do momento da súa publicación.

ANEXO

Métodos analíticos e procedementos para a determinación dos parámetros de contaminación.

1. Preparación e conservación da mostra.

Tódalas augas sometidas a análise pasaranse previamente por un baruto de malla cadrada de cinco (5) milímetros.

A determinación das materias oxidables e das materias inhibidoras débese efectuar sobre mostras decantadas durante dúas horas.

A decantación previa á medición das materias oxidables e materias inhibidoras efectuarase da seguinte forma: verterase un litro de auga que se analizara dentro da probeta. Despois de deixala repousar durante dúas horas e sen engadirlle as materias decantadas ou as que poidan flotar, succionaranse por sifón cincocentos mililitros (500 ml) de auga, mantendo a boca do instrumento de succión no centro dunha sección da probeta, a media altura entre a superficie do lodo depositado e a superficie do líquido. O diámetro interior do tubo de succión será de cinco milímetros (5 mm).

Para información, anotarase o volume de materia decantada en dúas horas, lido sobre a probeta de decantación.

No caso particular de que a carga contaminante, en materias oxidables ou en materias inhibidoras, da auga que se vai analizar estivese concentrada na parte flotante, a preparación da mostra que se vai analizar deberíase facer, como no caso xeral, sobre auga decantada durante dúas horas. Así mesmo, rematada a decantación succionaranse as materias sedimentadas e homoxeneizarase adecuadamente o resto, da que se separarán, nas condicións habituais, cincocentos (500) ml que servirán para a análise. As determinacións da DQO e das materias inhibidoras faranse sobre a mostra así obtida.

Para esta decantación utilizarase preferentemente unha probeta especial formada por unha parte cónica e unha cilíndrica. A parte cónica, de 19 cm de altura, terá un ángulo de vértice da xeratriz co eixe, de nove graos sesaxesimais (9). A parte cónica quedará coroada pola parte cilíndrica de trinta centímetros (30 cm) de altura e seis centímetros e medio (6,5) de diámetro interior. Por outra banda poderase utilizar unha probeta similar sempre que a altura de sedimentación sexa a establecida (49 cm). As probetas poderán ter unha billa no extremo inferior para facilita-las operacións de succión e limpeza.

2. Método para a determinación das materias en suspensión.

As materias en suspensión serán medidas segundo a norma UNE-EN 872, de setembro de 1996, seguindo o sistema de filtración por discos filtrantes de fibra de vidro.

No caso de que o filtrado anterior non sexa efectivo utilizarase como sistema alternativo a técnica de centrifugación realizada segundo a norma Afnor T 90-1054-2, de xaneiro de 1997.

No caso de mostras que conteñan sales solubles non disoltas, as materias en suspensión mediranse despois de solubiliza-las citadas sales solubles, o que se realizará diluíndo a mostra con auga permutada ou destilada ata que a conductividade sexa inferior a cincocentos microsiemens por centímetro (500 micro s/cm). Controlarase este valor e comprobarase que permanece constante durante un cuarto de hora, mentres se remove a mostra. Procederase entón á medición das materias en suspensión, tal como indica a norma, tendo en conta o factor de dilución no resultado final.

O conxunto de materias en suspensión poderá ser obxecto de corrección no caso de utilizar un aparello de captación continua, por ter en conta a captación imperfecta de materias en suspensión. Neste caso, tomarase manualmente unha mostra representativa dunha hora de vertido, polo menos, e mediranse as materias en suspensión totais contidas nesta mostra. Calcularase, entón, a relación entre as materias en suspensión contidas, por unha banda, nesta mostra manual, e por outra, na mostra elemental levantada polo aparello durante o mesmo período de tempo, e, a continuación, multiplicaranse por este coeficiente os contidos das materias en suspensión totais

obtidos nas diversas mostras elementais que proporcionase o aparello de mostraxe automática.

3. Método para a determinación da demanda química de osíxeno.

De forma xeral a determinación da demanda química de osíxeno efectuarase, sobre a auga decantada durante dúas horas, polo método do dicromato potásico segundo a norma Afnor T 90-101. Logo do acordo entre a Administración xestora e o contribuínte, poderase segui-la norma Une 77-004-89 ou un método reducido equivalente.

No caso de mostras con contidos salinos, superiores a 3 g/l, seguirase o método 508 D referenciado na Standard Methods 16th Edition.

No caso de mostras que poidan presentar valores de DQO inferiores a 50 mg/l empregarase o método 5220B.4b referenciado na Standard Methods 17th Edition.

4. Método para a determinación das sales solubles.

Enténdese por sales solubles dunha auga o conxunto da masa salina contida nela. A determinación das sales solubles efectuarase segundo a norma Afnor T 90-111 expresando os resultados a 25º C.

5. Método para a determinación das materias inhibidoras

A determinación de materias inhibidoras efectuarase sobre a auga decantada durante dúas horas, baseándose na determinación da inhibición da mobilidade de Daphnia-Magna-Strauss de acordo coa norma UNE-EN-ISO 6341, ou ben na inhibición da luminiscencia da Photobacterium phosphoreum, de acordo coa norma Afnor T 90-320.

No caso de utilizarse o método descrito na norma Afnor T 90-320, os equitox deberán determinarse a 15 minutos (15').

Para a conservación da mostra seguiranse as indicacións marcadas en cada unha das normas.

Para os efectos da determinación do canon de saneamento, os resultados que presenten valores inferiores a 1 equitox/m serán considerados coma de valor 0.

6. Método para a determinación de metais pesados.

6.1. Método para a determinación do mercurio.

A mostra filtrada, inmediatamente despois da toma, a través dunha membrana filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (exenta de mercurio), preservarase engadindo ácido nítrico concentrado (d=1,4 g/ml) ata axustala a un pH igual ou inferior a 1 e engadindo a continuación unha solución de permanganato potásico (50 g/l) á dose de 4 ml de solución por litro de mostra.

A determinación do mercurio efectuarase segundo o método descrito na norma UNE-EN 1483, de xaneiro de 1998.

6.2. Método para a determinación dos metais cadmio, cobre, níquel, chumbo, cromo, cinc e aluminio.

Para a determinación do contido en metais disoltos, a mostra deberase filtrar, inmediatamente despois da toma, por unha membrana filtrante de 0,45 micras de diámetro medio de poro (previamente lavada cunha solución de ácido nítrico 1,5 M). O filtrado destinado a análise deberase preservar en frascos de polietileno, acidificándoo con ácido nítrico concentrado (d=1,40 g/ml) ata un pH inferior a 2 (xeralmente abondará coa adición de 5 ml de ácido nítrico concentrado por litro de mostra).

A determinación de cobre, níquel, chumbo, cinc e aluminio efectuarase segundo o método descrito na norma UNE 77-056-83, de maio de 1983.

A determinación do cadmio efectuarase por espectrometría de absorción atómica de lapa segundo o método descrito na norma UNE-EN-ISO 5961, de decembro de 1995.

A determinación do cromo efectuarase por espectrometría de absorción atómica de lapa segundo o método descrito na norma UNE-EN 1233, de febreiro de 1997.

O método anteriormente mencionado para a determinación do cobre, níquel, chumbo, cinc e aluminio poderá ser substituído polas normas UNE-EN equivalentes para cada metal, a partir do momento da súa publicación.