Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 19 Venres, 29 de xaneiro de 1999 Páx. 1.024

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 22 de xaneiro de 1999 pola que se particularizan as condicións específicas, para o presente exercicio orzamentario de varias ordes de convocatoria de axudas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 26 de febreiro de 1997 (DOG nº 45, do 6 de marzo) regula o procedemento de concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes do 26 de febreiro de 1997 (DOG nº 44, do 5 de marzo) regula o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva.

Esta axuda ó consumo de aceite de oliva, baseada no Regulamento (CEE) 136/1966, do 22 de setembro, non se pode seguir concedendo para o aceite

envasado despois do 31 de outubro de 1998, por mor do disposto no Regulamento (CE) 1638/1998, que modifica o anterior. Non obstante, esteblécese, neste último regulamento, un réxime transitorio, ata a campaña 2000/2001, que ampara a xestión das axudas solicitadas para o aceite envasado antes do 1 de novembro de 1998 e, por conseguinte, en trámite hoxe en día. Por iso cómpre que a orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, manteña a súa vixencia ata que se tramiten tódalas solicitudes de axudas para o aceite envasado antes da data indicada, aínda que xa non ampare novas solicitudes posteriores a esta.

A orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 4 de marzo de 1997 (DOG nº 45, do 19 de marzo) establece o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz.

Nas disposicións adicionais das ordes mencionadas anteriormente indicábase a existencia de dotación orzamentaria adecuada e suficiente para satisface-las axudas con cargo ós orzamentos xerais desta Comunidade Autónoma para 1997.

Con motivo da aprobación da Lei 6/1998, do 29 de decembro, de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, cómpre estable-lo financiamento das axudas concedidas ó abeiro das anteditas ordes con cargo a este.

Por todo o anterior, de acordo co disposto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Restitución á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas.

As axudas que se satisfagan no ano 1999 con cargo á orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, pola que se regula o procedemento de concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas, financiaranse a través do concepto orzamentario 09.50.614A.779 -Axudas comunitarias a productores derivadas da nova PACdo orzamento de gastos do ILGG para o dito exercicio, dotada, para esta finalidade, con dous mil millóns de pesetas.

Artigo 2º.-Axudas ó consumo de aceite de oliva.

2.1. As axudas que se satisfagan no ano 1999 con cargo á orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 26 de febreiro de 1997, pola que se regula o réxime de axudas ó consumo de aceite de oliva, financiaranse a través do concepto orzamentario 09.50.614A.779 -Axudas comunitarias a productores derivadas da nova PAC- do orzamento de gastos do ILGG, dotada, para esta finalidade, con cinco millóns de pesetas para o dito exercicio.

2.2. Non obstante o anterior, ó amparo desta orde de convocatoria de axudas e con cargo á aplicación orzamentaria citada, tan só se poderán atende-los expedientes en trámite que sexan consecuencia de solicitudes de axudas para aceite envasado antes do 1 de novembro de 1998.

Artigo 3º.-Restitucións á producción nos sectores dos cereais e do arroz.

As axudas que se satisfagan no ano 1999 con cargo á orde da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, do 4 de marzo de 1997, pola que se establece o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz, financiaranse a través do concepto orzamentario 09.50.614A.779 -Axudas orzamentarias comunitarias a productores derivadas da nova PAC- do orzamento de gastos do ILGG, dotada, para esta finalidade, con quince millóns de pesetas para o dito exercicio.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do ILGG para que dicte as instruccións necesarias para a execución do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 1999.

Castór Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política

Agroalimentaria