Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 26 de xaneiro de 1999 Páx. 907

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 12 de xaneiro de 1999 pola que se convocan subvencións a empresas para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual en lingua galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo establece as liñas de apoio ás diversas fases de producción audiovisual, co fin de potencia-la existencia en Galicia dunha auténtica industria da imaxe.

A través das axudas ó desenvolvemento dos proxectos audiovisuais en lingua galega preténdese fomentar unha das fases máis esenciais da producción audiovisual, como é a da previa posta a punto dos aspectos guionísticos e orzamentarios.

Enténdese por desenvolvemento de proxectos o conxunto de operacións que preceden á fase de producción propiamente dita, a rodaxe, dunha obra audiovisual. O dito concepto inclúe, en particular, a redacción do guión, a procura de socios, a preparación do plan financeiro da producción, a elaboración do plan de marketing e de distribución.

Para certos tipos de producción, considéranse como parte integrante do desenvolvemento da obra a investigación gráfica e a realización dun film piloto (para as películas de animación), a busca de arquivos (para as produccións que valoren o patrimonio audiovisual europeo) e o desenvolvemento de software específico (para produccións multimedia).

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Convócanse subvencións, mediante réxime de concorrencia competitiva, para apoia-lo desenvolvemento de proxectos de producción audiovisual.

As subvencións financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 10.04.353C.770. O dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999, nos que existe un crédito para este efecto por un importe de 30.000.000 de ptas.

Artigo 2º.

Será obxecto de subvención o desenvolvemento de tres tipos de proxectos:

a) Longametraxes cinematográficas.

b) Series de televisión.

c) Produccións multimedia.

Artigo 3º.

Poderán optar a estas subvencións:

a) Persoas físicas domiciliadas en Galicia que teñan prevista a escritura dun guión para proxectos como os sinalados no artigo 2º da presente orde.

b) Productoras audiovisuais e empresas de producción multimedia legalmente constituídas como tales, con domicilio social en Galicia e que teñan acordo ou contrato cun guionista para desenvolver algún proxecto dos tipos sinalados no artigo anterior.

Quedan excluídos os solicitantes que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento, así como proxectos encargados por terceiras persoas e as produccións didácticas e publicitarias.

Artigo 4º.

As solicitudes faranse mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarase no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ou nos rexistros das delegacións provinciais, sen prexuízo dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Xuntarase a seguinte documentación:

1) No caso de que o solicitante sexa unha persoa física:

a) Alta no IAE.

b) Fotocopia do DNI.

c) Currículum vitae do solicitante.

2) No caso de que o solicitante sexa unha productora:

a) Fotocopia do DNI do representante ou solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

b) Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da empresa, do seu domicilio social en Galicia, e da súa inscrición no Rexistro Mercantil.

c) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

d) Documentación acreditativa, no caso de longametraxes, da inscrición no correspondente rexistro de empresas do Instituto de Cinematografía e Artes Audiovisuais.

e) Fotocopia compulsada de estar ó día no pagamento do imposto de actividades económicas.

A documentación que se achegará á solicitude ou que sexa requirida no seu momento para a tramitación dun expediente presentarase en orixinal ou mediante fotocopia compulsada.

3) Ademais da documentación sinalada anteriormente, achegaranse cinco exemplares de:

a) Memoria explicativa do proxecto.

b) Sinopse, tratamento e/ou borrador de guión, con especificación da situación dos dereitos de autor correspondentes.

c) Orzamento da actividade de desenvolvemento.

Artigo 5º.

As solicitudes deberán presentarse, segundo o modelo que figura no anexo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.

Correspóndelles ós servicios competentes da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual a instrucción dos procedementos para a concesión das subvencións. Para a avaliación dos proxectos presentados constituirase unha comisión asesora nomeada polo conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que estará presidida polo director xeral de Comunicación Social e Audiovisual e composta polos seguintes vocais:

a) Un vocal en representación da CRTVG.

b) Dous vocais en representación do sector audiovisual.

c) Un vocal en representación das universidades de Galicia.

d) Un vocal en representación do Centro Galego de Artes da Imaxe.

e) Un vocal da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

f) Actuará como secretario, con voz e sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual.

Artigo 7º.

A comisión asesora poderá requirir dos solicitantes canta documentación complementaria considere precisa e atenderá para a súa valoración os criterios que figuran nas bases específicas correspondentes.

Os membros da comisión presentarán os seus informes previos dos proxectos, valorando cada criterio en catro niveis: moi favorable, favorable, pouco favorable e desfavorable, así como a cantidade de axuda que propoñen para cada proxecto.

A comisión elaborará un informe conxunto sobre os proxectos presentados á vista do cal, o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual elevará a proposta de concesión de axudas, dentro das dispoñibilidades económicas, ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que resolverá poñendo fin á vía administrativa.

Artigo 8º.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación. De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida.

Artigo 9º.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá realiza-las oportunas comprobacións para o mellor coñecemento da efectiva realización do proxecto obxecto de axuda.

Artigo 10º.

O pagamento das subvencións realizarase de acordo coas disposicións orzamentarias que lle sexan de aplicación.

Para proceder a calquera pagamento, os beneficiarios deberán presentar certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 11º.

O incumprimento por parte do beneficiario de calquera requisito desta orde facultará a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo para instruír expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común; se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 12º.

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, entenderase desestimada a petición correspondente; o solicitante poderá, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos trinta días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Artigo 13º.

A comisión asesora terá en conta para a elaboración do informe os seguintes criterios:

a) Calidade artística e interese do proxecto (orixinalidade e creatividade).

b) Viabilidade da execución do proxecto unha vez desenvolvido no marco da industria audiovisual galega.

c) Axuste entre o proxecto e o orzamento de desenvolvemento, así como a viabilidade do seu financiamento.

d) Capacidade empresarial do solicitante.

Artigo 14º.

A contía das subvencións non poderá exceder do 50% do custo total.

Artigo 15º.

O proceso de desenvolvemento deberá rematar antes do 15 de novembro do presente exercicio orzamentario.

Na futura documentación do proxecto e nos títulos de crédito da producción resultante farase constar que recibiu unha subvención ó seu desenvolvemento por parte da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Comunicación Social e Audiovisual da Xunta de Galicia, coa súa imaxe corporativa.

Artigo 16º.

A documentación que integrará a xustificación do desenvolvemento do proxecto será a seguinte:

-Documento de venda do proxecto (memoria do proxecto, orzamento e plan de financiamento inicial).

-Guión definitivo, plan de comercialización que inclúa a prospección de socios e coproductores e a presencia en mercados, feiras e festivais.

Disposición adicional

A presente orde tramítase anticipadamente ó amparo do previsto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, (DOG nº 33, do 19 de febreiro), de conformidade co disposto no artigo 4 punto 1º, da referida orde. A autorización do gasto e a contratación de obrigas demorarase ata a aprobación definitiva do crédito que deba ampara-lo gasto. Tódolos actos de trámite dictados nos expedientes de gasto regulados por esta orde entenderanse condicionados a que, ó dictarse o acordo de compromiso de gasto, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles actos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Comunicación Social e Audiovisual para dictar, no ámbito da súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 1999.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo