Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 18 de xaneiro de 1999 Páx. 561

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 1998, da División Xeral de Recursos Humanos, de convocatoria de concurso voluntario de traslados para a provisión de prazas de persoal facultativo especialista nas institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde.

Bases.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse para a súa provisión por concurso de traslados, as prazas básicas vacantes de persoal estatutario do Sergas na categoría de facultativo especialista de área, que se especifican no anexo I desta resolución. Os aspirantes poderán solicitar, por orde de preferencia, parte delas ou a totalidade, sen prexuízo do disposto na base 2.6 respecto ós concursantes forzosos.

1.2. A solicitude de praza nunha institución sanitaria de atención especializada supón a petición da totalidade das vacantes convocadas nela.

1.3. As prazas convocadas e non adxudicadas, así como as que resulten vacantes como consecuencia deste concurso de traslados, acumularanse ás que se convoquen no concurso-oposición correspondente á oferta de emprego público de 1999.

1.4. O concurso de traslados que se axusta as presentes bases regulamentarase de conformidade co previsto no Decreto 364/1998 (DOG nº 248, do 24 de decembro) sobre selección e provisión do persoal facultativo e demais normativa que resulte de aplicación.

2. Requisitos.

2.1. Poderá participar neste concurso de traslados o persoal estatutario fixo ou con praza en propiedade como facultativo especialista de área nos servicios xerarquizados das institucions sanitarias da Seguridade Social.

2.2. Os concursantes deberán atoparse na situación administrativa de servicio activo ou en situación distinta á de activo, con ou sen reserva de praza, en institucións sanitarias xestionadas polo Sergas, Insa-

lud, os servicios de saúde das comunidades autónomas que asumiran as competencias do Insalud ou o Instituto Social da Mariña.

2.3. O persoal en situación de activo ou distinta á de activo pero con dereito a reserva de praza deberá tomar posesión da praza desde a que concursa polo menos cun ano de antelación á data na que remate o prazo de presentación de solicitudes para participar no presente concurso.

2.4. O persoal en situación distinta á de activo e sen reserva de praza deberá reuni-los requisitos necesarios para o seu reingreso o último día de prazo para a presentación de solicitudes para participar no presente concurso.

2.5. Os requisitos esixidos para participar nesta convocatoria deberán manterse durante todo o proceso de execución que se entenderá concluído no nomento da toma de posesión na praza adxudicada; xa que logo, en caso contrario, perderanse tódolos dereitos derivados da convocatoria.

2.6. O persoal facultativo especialista de área que se atope en situación de reingreso provisional nas institucións sanitarias de atención especializada do Sergas, terá a consideración de concursante forzoso e estará obrigado a participar neste concurso. No suposto de non obter praza tendo solicitado tódalas convocadas na súa área de saúde, poderá optar por obter un novo destino provisional nalgunha das prazas que resulten vacantes como consecuencia da súa resolución ou por pasar á situación de excedencia voluntaria.

2.7. O profesional en situación de reingreso provisional que non participe neste concurso de traslados ou non teña solicitado tódalas vacantes ofertadas na súa área de saúde, será declarado, de oficio, en situación de excedencia voluntaria.

3. Adxudicación de prazas.

3.1. As prazas serán adxudicadas de acordo co baremo de méritos que se indica no punto 9 desta convocatoria. No caso de empate resolverase a favor do concursante que obtivese a mellor puntuación en cada un dos apartados do baremo e pola súa orde. De manterse o empate resolverase a favor do concursante de maior idade.

4. Solicitudes.

4.1. Cada concursante cubrirá unha solicitude que se axustará necesariamente ó modelo que figura como anexo II a esta resolución.

4.2. Así mesmo, deberá cubri-la solicitude indicando por orde de preferencia os destinos ós que se opta, especificando para tal fin cada centro e especialidade que figura no anexo desta convocatoria. As solicitudes presentaranse nos lugares e da

forma que determina a Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, advertíndose que na instancia debe figura-lo selo do rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración coa expedición de copias ós interesados.

4.3. As solicitudes, ás que deberán unirse tódolos documentos que se achegen, deberán remitirse á División de Recursos Humanos do Sergas (San Lázaro s/n, 15703 Santiago de Compostela).

4.4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte á data da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo fora inhábil trasladarase ó día seguinte hábil.

4.5. Durante o prazo de presentación de solicitudes os concursantes poderán modificar ou retira-las súas solicitudes mediante a presentación dunha nova solicitude que anulará totalmente a anterior.

4.6. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes e ata a finalización do prazo para formular reclamacións contra a resolución provisional do concurso, os concursantes poderán desistir da súa solicitude. Os concursantes en situación de reingreso provisional que desistisen da súa participación no concurso serán declarados de oficio na situación de excedencia voluntaria.

4.7. No que se refire ós servicios prestados, en tódolos apartados do baremo, serán valorados unicamente os acreditados ata o día inmediatamente anterior, inclusive, ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

5. Documentación.

5.1. Xunto coa solicitude tódolos concursantes achegarán, para a súa verificación nesta división a seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade.

b) Copia compulsada do nomeamento en propiedade como facultativo da especialidade á que concursa.

c) Fotocopia compulsada de calquera outro nomeamento do que se pretenda facer vale-los servicios prestados segundo o baremo.

d) Historial profesional onde de xeito sucinto e esquematizado se especifiquen, na orde establecida no baremo de aplicación, os méritos valorables.

e) Orixinal ou fotocopia compulsada da certificación acreditativa dos méritos específicos valorables segundo baremo.

f) Os concursantes que se atopen en situación de excedencia voluntaria ou en reingreso provisional

ó servicio activo, xuntaranlle á súa solicitude fotocopia compulsada da resolución de concesión da dita excedencia ou reingreso.

g) Certificación orixinal de servicios prestados, expedida polo director de xestión do centro no que actualmente presta os seus servicios, conforme o modelo que se xunta como anexo III á presente resolución. O persoal en situación de excedencia voluntaria presentará a certificación orixinal dos servicios prestados que vaian ser valorados.

h) Ademais, o persoal en activo deberá presentar copia compulsada do seu último nomeamento no suposto de non corresponder co seu nomeamento inicial da categoría.

i) Copia compulsada, se é o caso, dos diplomas acreditativos de ter superados os cursos de coñecemento da lingua galega.

5.2. Esta división poderá requiri-los interesados para que faciliten, mediante comparecencia ou remisión de documentación, calquera tipo de aclaración ou información complementaria sobre os méritos achegados polos concursantes. Se se deducise a falsidade dalgún dos documentos achegados, esta división, logo de audiencia do interesado, procederá á súa exclusión sen prexuízo das responsabilidades a que, por falsidade ou ocultación, houber lugar.

5.3. Serán desestimados sen máis trámite os documentos que conteñan algunha emenda, riscadura ou raspadura, sempre que non se atopen salvados baixo sinatura.

6. Resolución do concurso.

6.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a División de Recursos Humanos do Sergas aprobará e publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución provisional do concurso.

6.2. As prazas serán adxudicadas atendendo ás vacantes solicitadas polos concursantes e á orde determinada pola puntuación obtida a teor do baremo de méritos que figura como anexo da presente resolución.

6.3. Os interesados disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da súa publicación, para formular reclamacións contra a resolución provisional do concurso.

6.4. As reclamacións formuladas serán estimadas ou desestimadas na propia resolución definitiva do concurso, que será aprobada igualmente polo órgano convocante e publicada no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación serviralles de notificación ós interesados e, a partir desta empezará a contarse o prazo para formula-las reclamacións que se estimen pertinentes.

6.5. Conforme o establecido na normativa de aplicación, as prazas adxudicadas serán irrenunciables, agás que, durante o prazo posesorio se obtivese outro destino mediante convocatoria pública.

Neste caso e dentro deste prazo os interesados poderán optar entre os postos que lle foran adxudicados, estando obrigados a lles comunica-la opción realizada ós organismos convocantes dos concursos en que teña participado, dentro do prazo de tres días hábiles.

Os prazos posesorios, que deberán coincidir, en todo caso, cos que se establezan no proceso selectivo que se vehicule no ano 1999, serán fixados na resolución definitiva do concurso.

7. Efectos derivados do concurso.

7.1. Os concursantes que obtivesen praza deberán cesar na que, se é o caso, desempeñen, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se fixe na resolución definitiva do concurso. Non obstante, o xerente da institución na que estivese prestando servicios e por causa de necesidades asistenciais, poderá ampliar este prazo ata un máximo de 20 días hábiles, comunicando esta decisión á institución na que se obtivese novo destino.

7.2. A toma de posesión da nova praza deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó do cesamento, se as prazas son da mesma localidade, no prazo de 15 días hábiles se son de distinta localidade e da mesma área de saúde, ou no prazo dun mes se pertencen a distinta localidade e área de saúde.

7.3. No caso de que a adxudicación da praza supoña o reingreso ó servicio activo o prazo de toma de posesión será dun mes contado a partir da publicación da resolución definitiva do concurso pola que se determine a apertura do prazo de toma de posesión.

7.4. O prazo posesorio iniciarase cando remate o permiso ou licencia, que, se é o caso, lle fora concedido ó interesado, salvo que por causas xustificadas se acorde suspende-lo desfrute deles.

Non disporán de ningún dos prazos posesorios sinalados aqueles adxudicatarios de praza no concurso que xa viñeran ocupando praza no mesmo centro de destino, en virtude de comisión de servicios ou reingreso provisional.

Os prazos posesorios do persoal en situación de comisión de servicios entenderase sempre referidos á praza que vén ocupando en comisión de servicios.

7.5. Se así o permiten as necesidades do servicio e por petición do interesado, os prazos a que se refiren os puntos anteriores poderán ser prorrogados por tempo non superior á metade da súa duración inicial.

7.6. Cando un concursante non tome posesión da súa nova praza, dentro do prazo posesorio ou, se é o caso, da prórroga, entenderase que renuncia a ela e causará baixa na súa categoría como persoal estatutario, salvo que tal feito se produza por causas suficientemente xustificadas, así apreciadas, logo de audiencia do interesado, pola autoridade convocante.

En tal caso, poderá deixarse sen efecto a dita baixa, debendo incorporarse á nova praza tan pronto como desaparezan os motivos que imposibilitaron a toma de posesión. No suposto de que a autoridade convocante acorde a súa baixa na categoría de conformidade co establecido no parágrafo anterior, daráselle conta diso ós órganos centrais do Insalud e ós servicios de saúde das comunidades autónomas que teñen asumidas as competencias do Insalud, segundo corresponda.

7.7. Os concursantes que non obteñan praza neste concurso manteranse na situación de destino que teñen, con excepción dos reingresados provisionais que poderán exerce-la opción á que se refire a base 2.6 da presente resolución.

Excepto cando a resolución do concurso implique o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión e, se é o caso, a súa prórroga, terá a consideración de servicio activo.

8. Normas derradeiras.

8.1 A comisión ou, se é o caso, comisións encargadas da baremación de méritos no presente concurso de traslados, serán nomeadas co ámbito que se acorde pola autoridade convocante, dándose coñecemento de todo o acordado ás organizacións sindicais presentes na mesa sectorial de negociación de persoal sanitario, que poderán nomear un representante como membro da comisión ou comisións segundo sexa.

Estas comisións terán a condición de primeira categoría para efectos do disposto no Decreto 299/1990, de 24 de maio (DOG nº 106, do 1 de xuño).

8.2. De conformidade co establecido no artigo 16.2º do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril, polo que se aproba o texto articulado das bases contidas no capítulo 3º do título I da Lei 13/1991, de 9 de decembro de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, serán gratuitas tódalas compulsas e certificacións que expidan os distintos centros de gasto do Sergas ó persoal estatutario fixo que participe no concurso.

8.3. Os traslados derivados deste concurso teñen carácter voluntario, non xerando dereito ó aboamento de ningunha clase de indemnización.

8.4. Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de

dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación conforme o disposto no artigo 46 da Lei reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa do 13 de xullo de 1998.

9. Baremo de méritos.

1. Experiencia profesional.

1.1. Por cada mes de servicios prestados como titular en propiedade da mesma categoría e especialidade que a praza solicitada: 0,30 puntos.

Estarán comprendidos neste epígrafe coa mesma puntuación, os servicios prestados con praza en propiedade en servicios xerarquizados en especialidade distinta daquela á que se concursa tendo modificada a súa denominación pola actual ó abeiro do disposto na Resolución do 22 de xaneiro de 1985 (BOE de 20 de febreiro) da Subsecretaría de Sanidade e Consumo.

1.2. Por cada mes de servicios prestados como xefe de servicio ou sección en propiedade da especialidade á que se concursa en prazas estatutarias xerarquizadas: 0,35 puntos

1.3. Por cada mes de servicios prestados como titular en propiedade como facultativo especialista de área pero sen que sexa a especialidade á que concursa: 0,20 puntos.

1.4. Por cada mes de servicios prestados na mesma especialidade que a praza á que concursa, como médico de cupo ou zona:

En propiedade: 0,20 puntos.

Noutro vínculo: 0,10.

1.5. Por cada mes de servicios prestados na mesma categoría e especialidade que a praza á que concursa con vínculo distinto ó de propiedade: 0,15 puntos.

1.6. Por cada mes de servicios prestados en propiedade noutras categorías estatutarias: (máximo de 5 puntos).

-0,10 puntos de servicios prestados como médico xeral.

-0,07 puntos de servicios prestados noutras categorías.

1.7. Por cada mes de servicios prestados na mesma especialidade á que se concursa noutras institucións públicas ou privadas con programa acreditado para a docencia pola Comisión Nacional, ou en centros de países da Unión Europea con programa acreditado para a docencia de posgraduados polo departamento ministerial correspondente: 0,10 puntos.

Os servicios prestados baremables nos números 1.1 a 1.6 inclusive serán os desenvolvidos como persoal estatutario das institucións sanitarias xestionadas polo Sergas, demais servicios de saúde das comunidades autónomas, e Insalud.

2. Outras actividades.

As comisións de baremación valorarán de forma conxunta e co máximo de puntuación de 7,5 puntos neste epígrafe os puntos seguintes:

2.1. Os traballos científicos e achegas a reunións científicas sobre a especialidade da que é titular e na que concursa.

2.2. As bolsas e permisos para formación que fagan referencia á especialidade da que é titular e na que concursa.

2.3. As actividades docentes e discentes en cursos relativos á especialidade da que é titular.

2.4. A asistencia a cursos ou estudios no estranxeiro en hospitais nun programa de docencia para posgraduados, dunha duración igual ou superior a 30 horas, e que en tódolos casos fagan referencia á especialidade da que é titular.

A valoración dos puntos anteriores deberá ser motivada e segundo os criterios predeterminados que fixe a comisión de valoración.

2.5. Doutoramento: máximo 2 puntos.

a) Por ter superadas as disciplinas ou os cursos monográficos de doutoramento, ou dispoñer dos créditos que permitan a presentación da tese de doutoramento: 0,5 puntos.

b) Por te-lo grao de doutor: 1 punto.

c) Por te-lo grao de douctor cum laude ou excellent: 2 puntos.

2.6. Grao de licenciado: 0,50 puntos.

3. Coñecemento da lingua galega.

3.1. Por ter acreditado o coñecemento da lingua galega mediante a superación dos seguintes cursos ou de acordo coa normativa de homologación dictada pola Consellería de Educación e Ordenación Sanitaria: máximo 6 puntos.

Grao de iniciación: 3 puntos.

Grao de perfeccionamento: 6 puntos.

A valoración do grao de perfeccionamento exclúe a valoración do grao de iniciación.

Notas:

Os períodos valorables en cada un dos puntos non poderán ser nunca coincidentes no tempo. Os meses serán completos, coas fraccións debidamente totalizadas en múltiplos de 30.

O tempo de permanencia en situación distinta á de activo pero con reserva de praza (excedencia por maternidade, servicio militar, especial en activo...), cuantificarase como servicios prestados na praza reservada.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1998.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO III

Don director

de Xestión do

Certifico:

Que segundo a documentación que consta no expediente persoal de Don/Dona

persoal facultativo especialista de área da especialidade de, queda acreditado que

prestou os seguintes servicios:

1. Punto 1.1 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

2. Punto 1.2 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

3. Punto 1.3 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

4. Punto 1.4 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

5. Punto 1.5 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

6. Punto 1.6 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

7. Punto 1.7 do baremo de méritos

Desde............ ata............ total días:

E para que así conste, por petición do interesado expídese esta certificación co visto e prace do director-xerente ou director médico, en..................... a..... de......... de mil novecentos noventa e nove.

Visto e prace

O director-xerente ou director médico