Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 1999 Páx. 484

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 3/1999, do 7 de xaneiro, polo que se modifica parcialmente o Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria.

Trala publicación do Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria, DOG número 88, do 11 de maio, co que se pretendeu establecer una marco normativo xeral para o conxunto de materias que compoñen a dita actividade de policía sanitaria mortuoria, evidenciáronse unha serie de problemas de funcionalidade, referidos en concreto, ás prácticas de tanatopraxia e as derivadas da licencia de enterramento, aspectos regulados nos artigos 10, 11, 25 e 26 da citada norma.

Con respecto ás prácticas de tanatopraxia cómpre sinalar como noutras comunidades autónomas se está a acepta-la realización das ditas prácticas por profesionais, que contando cunha formación específica, non son licenciados en medicina e cirurxía.

Así mesmo, e no que se refire ás licencias de enterramento, non existe uniformidade na regulación deste requisito nas diferentes comunidades autónomas. Mesmo no Real decreto 2263/1974, proponse que exista unha «autorización condicionada» para que as diferentes prácticas (conducción ordinaria, traslado e tanatopraxia), poidan realizarse ata que non se obteña a pertinente licencia de enterramento, o cal introduce un elemento de flexibilidade que axilizaría moito os trámites, sobre todo con vistas á saída dos cadáveres ata os lugares onde estea permitida a súa exposición ou onde se atopen autorizadas as diferentes prácticas sobre eles, sempre que se trate de cadáveres do grupo segundo da antedita norma.

Por outra banda, no caso de cadáveres con destino á cremación non se esixe a licencia de enterramento, tal como determina o artigo 20 do Decreto 134/1998, senón o certificado de inscrición de falecemento, autorizándose os propietarios das cinzas ó seu esparexemento ó aire libre baixo determinadas condicións. Así mesmo, o artigo 33, que regula a comunicación de traslado de cadáveres e prohibicións de traslado, non establece a esixencia de licencia de enterramento para os ditos traslados, entre os que se inclúen o destino a outra Comunidade Autónoma, entendendo que para isto precisa da práctica de embalsamamento regulada no artigo 12, que debe facerse nun establecemento autorizado para isto; do que se deduce que para o transporte dos defuntos ata aqueles a licencia de enterramento non é un requisito indispensable.

Consecuentemente co anterior, e polos motivos expostos, faise precisa a modificación parcial do Decreto 134/1998, do 23 de abril, sobre policía sanitaria mortuoria.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais e logo da deliberación

do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de xaneiro de mil novecentos noventa e nove,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Dáselle nova redacción ó artigo 10 do Decreto 134/1998, do 23 de abril, que queda redactado como segue:

«Artigo 10º.-Realización.

As prácticas de tanotopraxia efectuaranse en lugares autorizados baixo a supervisión e responsabilidade dun licenciado en medicina e cirurxía.

O facultativo responsable certificará a súa actuación con descrición das técnicas empregadas así como o precintado final do féretro».

Artigo 2º

Dáselle nova redacción ó artigo 25 do Decreto 134/1998, do 23 de abril, quedando redactado como segue:

«Artigo 25º.-Requisitos para o transporte do defunto.

Unha vez obtido o certificado médico de defunción, salvo nos casos de intervención xudicial ou cadáveres do grupo 1º do artigo 4º, poderá procederse ó transporte inmediato e directo ó domicilio do defunto, tanatorio ou lugar autorizado, dentro da Comunidade Autónoma».

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de xaneiro de mil novecentos noventa e nove.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais