Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 15 de xaneiro de 1999 Páx. 480

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

DECRETO 381/1998, do 29 de decembro, polo que se establecen medidas para facilita-lo acceso á propiedade dos arrendatarios e parceiros a que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, das parcerías e dos arrendamentos rústicos históricos de Galicia.

Os números 4 e 5 do artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, en concordancia co artigo 149 da Constitución española, outórganlle competencias exclusivas á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de desenvolvemento das institucións de dereito civil galego, así como das normas procesuais e procedementos administrativos que se deriven do específico dereito galego.

A Lei 3/1993, do 16 de abril, regula o réxime xurídico das parcerías e arrendamentos rústicos históricos de Galicia, entendendo por tales aqueles que se pactaron con anterioridade a agosto de 1942, sexa cal fose a súa procedencia xurídica inicial, compoñendo no seu conxunto unha institución histórica propia de Galicia.

O artigo 7 da referida lei establece que a Xunta de Galicia poderá habilitar unha serie de medidas de axuda ás que poderán acollerse aqueles agricultores que desexen exerce-lo seu dereito de acceso á propiedade.

Por outra parte, o Regulamento (CE) Nº 950/97 do Consello, do 20 de maio de 1997, relativo á mellora da eficacia das estructuras agrarias, recolle a posibilidade de que os estados membros poidan adoptar, con cargo a eles, medidas de axudas para a adquisición de terras, sempre que se concedan de acordo co disposto nos artigos 92, 93 e 94 do Tratado CEE.

Na súa virtude, en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1993, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, de acordo co dictame do Consello Consultivo, aprobado pola Comisión Europea conforme co establecido nos artigos 92 a 94 do Tratado CEE, por proposta do conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, trala deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de decembro de mil novecientos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. É obxecto do presente decreto o establecemento dunhas liñas de axudas co fin delles facilitar ós parceiros e arrendatarios de predios rústicos situados no territorio da Comunidade Autónoma, ós que se refire a Lei 3/1993, do 16 de abril, o exercicio do dereito de acceso á propiedade dos predios arrendados ou levados en parcería.

2. As referidas liñas de axudas seralles aplicables a aqueles parceiros e arrendatarios que de confor

midade co previsto na Lei 3/1993, exerzan o dereito de acceso á propiedade.

Artigo 2º.-Liñas de axuda.

As axudas, en réxime de reintegro de custos, poderán consistir en:

a) Subvención directa de capital.

b) Subvención de tramitación.

Artigo 3º.-Subvencións directas de capital.

1. Para poder acollerse a este tipo de axudas, o peticionario, no momento de presentación da solicitude, deberá obter máis do 50 por 100 da súa renda individual anual da actividade agraria e estar dado de alta no réxime especial agrario da Seguridade Social ou no réxime especial de traballadores autónomos nunha actividade agraria.

2. No caso de que o arrendatario ou parceiro estea xubilado, e non obteña da actividade agraria máis do 50 por 100 da súa renda anual, poderáselle conceder a axuda prevista no apartado anterior sempre que no seu cónxuxe ou nun dos seus descendentes que con el convivan concorran os requisitos establecidos na letra anterior para o beneficiario e traballen na súa explotación.

3. Para o cálculo do importe da subvención directa de capital aplicarase a porcentaxe do 35 por cento ó valor atribuído á superficie total do predio ou dos predios adquiridos, tendo en conta que a dita porcentaxe se aplicará sobre un montante máximo de 2.000.000 de pesetas por hectárea, non podendo superar en ningún caso a cantidade de 15.000.000 de pesetas.

4. Cando a superficie obxecto da compra forme parte dunha explotación intensiva hortofructícola ou vitivinícola, cualificada como tal segundo informe preceptivo a emitir polos servicios técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a valoración por hectárea poderá ser superior á establecida no punto anterior, motivándose no propio informe o incremento de valor, pero respectando en todo caso o límite máximo de 15.000.000 de pesetas.

5. Cando se acredite que na superficie adquirida existan edificacións, o valor delas tamén poderá ser obxecto da subvención sempre e cando estas formasen parte do contrato orixinario, acreditación que se realizará por calquera dos medios de proba admitidos en dereito. Para os ditos efectos, na escritura pública de alleamento farase constar a instancia do comprador separadamente o valor das edificacións e o dos predios. En todo caso, na suma do valor da superficie e das edificacións respectarase o límite máximo de 15.000.000 de pesetas.

Artigo 4º.-Subvencións de tramitación.

Independentemente das subvencións directas de capital, poderá subvencionarse a totalidade dos gastos de tramitación, formalización de escrituras e inscrición rexistral, incluídos os que se deriven de hipotecas constituídas en garantía de créditos, así como os gastos derivados da realización de estudios cartográficos e de investigación da situación xurídica ou similares sobre os fundos arrendados ou levados

en parcería e que coadxuven á obtención das axudas para facilita-lo acceso á propiedade.

Artigo 5º.-Criterios de prioridade.

Para a concesión das axudas reguladas no presente decreto teranse en conta como criterios de prioridade, a maior antigüidade no arrendamento ou parcería, a superficie afectada por estes, a existencia ou non de mutuo acordo entre ámbalas partes, a existencia da solicitude de inscrición no rexistro que estea anotada no libro de presentacións e os arrendamentos e parcerías recollidas na relación circunstanciada elaborada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a que fai referencia a disposición adicional primeira da Lei 3/1993, do 16 de abril, e a existencia de sentencia xudicial firme relativa ó arrendamento ou parcería.

Artigo 6º.-Tramitación das axudas.

a) Para poder acollerse ás axudas que se establecen no presente decreto, os parceiros e arrendatarios comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 3/1993, do 16 de abril, deberán comunicar á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a súa intención de exercer dereito de acceso á propiedade nun prazo superior a tres meses á presentación da correspondente solicitude de axuda, que sempre será posterior á adquisición.

b) Independentemente da comunicación previa a que fai referencia a letra anterior, as solicitudes de axudas presentaranse preferentemente nas delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, oficinas comarcais da Xunta de Galicia ou Axencias de Extensión Agraria e formalizaranse en impreso oficial que se inclúe como anexo I do presente decreto. Así mesmo poderán presentarse por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) As solicitudes de axudas deberán presentarse acompañadas da seguinte documentación:

Copia compulsada da escritura de adquisición onde se acredite a condición de arrendamento histórico.

Relación de gastos, cos seus xustificantes, que poidan dar lugar á subvención de tramitación.

d) A tramitación e resolución dos expedientes de solicitude das axudas por parte dos beneficiarios, realizarase pola Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural.

e) Unha vez examinadas as solicitudes presentadas, a Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria esixirá a xustificación do cumprimento dos requisitos esixidos no presente decreto para poder ser beneficiario de calquera das liñas de axuda establecidas nel.

f) A Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria resolverá motivadamente sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de seis meses dende a recepción dos documentos esixidos para a xustificación do cumprimento dos requisitos solicitados. A resolución porá fin á vía administrativa e contra a ela poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 7º.-Formalización da axuda.

O beneficiario das axudas reguladas no presente decreto, previamente ó libramento dos fondos, virá obrigado a subscribir coa Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria o acordo que consta como anexo II do presente decreto, comprometéndose ámbalas partes ó cumprimento das estipulacións xerais e as condicións particulares establecidas nel.

Disposicións adicionais

Primeira.-Créditos orzamentarios.

Anualmente dotaranse, nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, os créditos necesarios para atende-las as axudas derivadas da aplicación do presente decreto.

Segunda.-Escrituras públicas outorgadas con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto.

A diferencia do valor das edificacións e dos predios a que fai referencia o artigo 3.5º do presente decreto, para aquelas escrituras públicas do alleamento outorgadas con anterioridade á entrada en vigor del, acreditarase mediante informe emitido polos servicios técnicos da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Disposición transitoria

Única.-Comunicacións de intención de exerce-lo dereito de propiedade efectuadas con anterioridade á entrada en vigor do presente decreto.

Os parceiros e arrendatarios dos predios rústicos que xa lle comunicasen á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria a súa intención de exercita-lo dereito de acceso á propiedade, poderán acollerse ás axudas establecidas no presente decreto sen prexuízo da presentación da correspondente solicitude a que se refire o artigo 6º.

Diposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria para dictar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Cástor Gago Álvarez

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

155