Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Mércores, 13 de xaneiro de 1999 Páx. 399

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE CORTEGADA

EDICTO.

O Pleno incluíu a oferta de emprego público deste concello para o ano 1998 e aprobou as bases na sesión ordinaria que tivo lugar o día 10 de outubro de 1998. Convócase o concurso-oposición libre para a provisión en propiedade dunha praza de administrativo de Administración xeral consonte as bases do teor literal seguinte:

Bases que rexerán a convocatoria para a provisión en propiedade por acceso libre, mediante o sistema de concurso-oposición, dunha praza de administrativo de Administración xeral deste concello.

Primeira.-Obxecto.

É obxecto desta convocatoria a provisión en propiedade, mediante o sistema de concurso-oposición, dunha praza de administrativo de Administración xeral deste concello, incluída na oferta de emprego público de 1998. A praza está encadrada na escala de Administración xeral, subescala administrativa, pertencente ó grupo C, de conformidade co establecido na Lei 30/1984, do 2 de agosto.

A convocatoria publicarase integramente no BOP e no DOG, anunciándose un extracto dela no BOE. Os anuncios sucesivos publicaranse soamente no BOP.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

a) Ser español.

b) Ter cumpridos os dezaoito anos.

c) Estar en posesión ou en condicións de obte-lo título de bacharelato, formación profesional de segundo grao, ter superadas as probas de acceso para maiores de 25 anos ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Tódolos requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Solicitudes.

As instancias polas que se solicita tomar parte nas probas selectivas dirixiranse ó alcalde e presentaranse no rexistro xeral do concello, durante o prazo de vinte días naturais a partir do seguinte ó da publicación do anuncio da convocatoria no BOE.

As instancias poderán tamén presentarse na forma que determina o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nas instancias farase constar, expresamente, que o solicitante reúne todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda da convocatoria.

Así mesmo, xunto coa instancia, os interesados presentarán a documentación acreditativa dos méritos, que se valorarán na fase de concurso (orixinais ou fotocopias compulsadas), pois non se tomarán en conta nin serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados en tódolos seus puntos, no momento da presentación da instancia, e xustificante de teren aboados os dereitos de exame, que se fixan na cantidade de 2.000 (dúas mil) pesetas.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Finalizado o prazo de presentación de instancias, o alcalde aprobará a lista provisional de admitidos e excluídos que se publicará no BOP e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello, concedendo un prazo de dez días hábiles para os efectos de reclamacións. Se as houbera, serán aceptadas ou rexeitadas na resolución que aprobe a lista definitiva, que será, así mesmo, publicada na forma indicada.

Na resolución que aprobe a lista definitiva o alcalde determinará o lugar, a hora e a data de comezo dos exercicios e a composición do tribunal cualificador.

Quinta.-Tribunal cualificador.

O tribunal que xulgue as probas estará composto do seguinte modo:

Presidente: o alcalde da corporación ou membro desta en quen delegue.

Secretario: o da corporación ou funcionario en quen delegue.

Vocais:

Un representante da Xunta de Galicia.

Dous funcionarios de carreira nomeados polo presidente da corporación.

A designación dos membros do tribunal incluirá a dos seus respectivos suplentes, e farase pública no BOP e no taboleiro de anuncios do concello, para os efectos de recusación.

O tribunal non poderá constituírse nin actuar sen a asistencia de polo menos tres dos seus membros, titulares ou suplentes. En todo caso, requírese a asistencia do presidente e do secretario ou das persoas nas que deleguen.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. O tribunal queda facultado para a valoración das ditas asesorías.

Sexta.-Comezo e desenvolvemento das probas.

As probas selectivas non poderán dar comezo ata que transcorran dous meses desde a data de publicación do extracto da convocatoria no BOE. O día, a hora e o lugar de celebración do concurso e a oposición anunciaranse no BOP. A publicación dos sucesivos anuncios faraa o tribunal no taboleiro de anuncios do concello.

Sétima.-Sistema de selección.

A selección farase mediante concurso-oposición. A fase de concurso será previa á de oposición.

a) Na fase de concurso valoraranse os méritos presentados polos aspirantes, ata un máximo de 12 puntos, segundo o seguinte baremo:

1. Coñecementos informáticos: cursos de informática impartidos por organismos oficiais sobre informática de xestión municipal, tratamento de textos, bases de datos, follas de cálculo ou calquera outro curso de informática: 1 punto por curso, ata un máximo de 5 puntos.

2. Antigüidade: por cada ano completo de servicio no mesmo grupo, en calquera Administración pública: 1 punto, ata un máximo de 4 puntos.

3. Coñecemento de lingua galega: cursos impartidos pola Administración pública ou centros oficiais de formacións:

-Curso básico ou equivalente: 0,50 puntos.

-Curso medio ou equivalente: 1 punto.

-Curso superior (curso de especialización en linguaxe administrativa galega para a Administración local-diploma de traductor especializado en linguaxe administrativa galega), ou equivalente: 2 puntos.

Só se puntuará o curso acreditado de maior nivel.

4. Cursos de formación: cunha duración igual ou superior a 20 horas lectivas e deberán estar relacionados coa actividade administrativa e seren impartidos por administracións públicas ou centros oficiais de formación: 0,25 puntos por curso, cun máximo de 1 punto.

Esta fase non terá carácter eliminatorio nin se poderá ter en conta para supera-las probas da fase de oposición.

b) Fase de oposición: consistirá na realización dos seguintes exercicios:

1. Contestar por escrito, no prazo máximo dunha hora e media, un test de 60 preguntas, baseadas no contido do programa anexo. O test cualificarase de forma matemática, asignándose puntuación positiva ós acertos e negativa ós erros, non se computando as deixadas en branco.

2. Realización, no prazo máximo dunha hora, dun ou varios supostos prácticos, propostos polo tribunal, en relación co programa anexo e que poderán consistir en exercicios de carácter informático.

3. Traducir, nun tempo máximo de 30 minutos, do idioma castelán para o galego un texto facilitado polo tribunal.

Oitava.-Cualificación.

Os exercicios serán obrigatorios e eliminatorios. Cualificaranse ata un máximo de 10 puntos cada un deles, sendo necesario obter un mínimo de 5 puntos para superalos. O número de puntos que poderá outorgar cada membro do tribunal será de 0 a 10 e a cualificación de cada aspirante será o resultado de dividir polo número de compoñentes do tribunal a suma dos puntos obtidos. A cualificación definitiva do concurso-oposición será o resultado de suma-las puntacións outorgadas polo tribunal en cada un dos exercicios que compoñen a fase de oposición, maila puntuación resultante na fase de concurso.

Novena.-Relación de aprobados, presentación da documentación e nomeamento.

Rematadas as probas, o tribunal publicará a relación de aprobados, que non poderá ser superior ó número de prazas convocadas e elevará proposta, con carácter vinculante, xunto coa acta da última sesión, á Comisión de Goberno para que formule o nomeamento pertinente.

O aspirante proposto presentará na secretaría do concello, no prazo de vinte días hábiles, contados a partir da publicación da lista de aprobados, a documentación acreditativa de reuni-los requisitos sinalados na base segunda.

Décima.-Toma de posesión.

Unha vez aprobada a proposta de nomeamento, o opositor nomeado tomará posesión do seu cargo no prazo de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte a aquel en que lle fose notificado o

nomeamento. En caso contrario, sen que mediase causa xustificada, quedará en situación de cesante.

Décimo primeira.-Incidencias.

A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma en que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O tribunal queda facultado para resolve-las dúbidas que puidesen presentarse e adoptar resolucións, criterios ou medidas necesarias para a boa orde do concurso-oposición, naqueles aspectos non previstos nas presentes bases.

Para o non previsto na convocatoria, será de aplicación o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, R.D.L. 781/1986, do 18 de abril, Lei 30/1984, do 2 de agosto, Regulamento xeral de ingreso na Administración pública e demais disposicións concordantes de aplicación.

Cortegada, 30 de novembro de 1998.

Enrique Carpintero Araújo

Alcalde

ANEXO

Programa de temas

Tema 1. A Constitución española de 1978. Principios xerais.

Tema 2. Dereitos e deberes fundamentais. O Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo.

Tema 3. A organización territorial do Estado na Constitución.

Tema 4. A Coroa. Funcións constitucionais de El-Rei. Sucesión e rexencia.

Tema 5. As Cortes Xerais. Composición, atribucións e funcionamento.

Tema 6. O poder xudicial na Constitución. A organizacion xudicial española.

Tema 7. A Administración central do Estado. O presidente do Goberno. O Consello de Ministros. A Administración periférica do Estado.

Tema 8. As comunidades autónomas. Constitución e competencias. Os estatutos de autonomía.

Tema 9. A Comunidade Autónoma de Galicia. O Estatuto de autonomía. A Administración autonómica: organización e estructura básica.

Tema 10. As fontes do dereito administrativo. Sometemento da Administración á lei e ó dereito. A lei: clases.

Tema 11. O regulamento: clases. Outras fontes do dereito administrativo.

Tema 12. O procedemento administrativo. Principios xerais. Dimensión temporal: días e horas hábiles, cómputo de prazos. Recepción e rexistro de documentos.

Tema 13. Fases do procedemento administrativo xeral. O silencio administrativo. Os actos presuntos.

Tema 14. O acto administrativo. Concepto, clases e elementos.

Tema 15. A teoría da invalidez do acto administrativo. Actos nulos e anulables. Validación. Revisión de oficio.

Tema 16. Os recursos administrativos. Clases. Recursos ordinarios e de revisión. As reclamacións económico-administrativas.

Tema 17. O administrado. Colaboración e participación dos cidadáns nas funcións administrativas. O principio de audiencia ós interesados.

Tema 18. As formas de actividade administrativa, O fomento. A policía.

Tema 19. A intervención administrativa na propiedade privada. A expropiación forzosa.

Tema 20. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación actual. A autonomía local.

Tema 21. A provincia no réxime local. Organización provincial. Competencias.

Tema 22. O municipio. O termo municipal. A poboación. Empadroamento municipal.

Tema 23. A organización municipal. O concello: o alcalde, o Pleno, a Comisión de Goberno e as comisións informativas. Competencias.

Tema 24. Funcionamento dos órganos colexiados locais. Convocatoria e orde do día. Requisitos, constitución. Votación. Actos e certificados de acordos.

Tema 25. Estructuras supramunicipais. As mancomunidades de concellos. A comarca.

Tema 26. Ordenanzas e regulamentos das entidades locais. Procedemento de elaboración e aprobación. Os bandos. Réxime de sesións e acordos dos órganos locais.

Tema 27. O procedemento administrativo na esfera local. Rexistro de entrada e saída de documentos. Comunicacións e notificacións.

Tema 28. As formas de actividades das entidades locais. A intervención administrativa na actividade privada. Réxime xurídico das licencias.

Tema 29. Os bens das entidades locais. Regulación. Concepto e clasificación. O dominio público local.

Tema 30. O patrimonio das entidades locais. Conservación e tutela dos bens.

Tema 31. O servicio público. Os modos de xestión.

Tema 32. A contratación administrativa na esfera local.

Tema 33. A función pública local. Cadros de persoal e relacións de postos de traballo. A oferta de emprego público. A selección dos funcionarios da corporación.

Tema 34. Dereitos e deberes dos funcionarios públicos locais. Réxime económico. A Seguridade Social dos funcionarios locais. Referencia ó persoal laboral.

Tema 35. A facenda local. Ordenanzas fiscais. Clasificación dos ingresos.

Tema 36. Os orzamentos locais. Concepto e estructura. Formación e aprobación. As modificacións orzamentarias.

Tema 37. Réxime xurídico do gasto público local, ordenación de gastos e orde de pagamentos, órganos competentes. Documentos contables.

Tema 38. Control e fiscalización da xestión económica. Control interno e control externo. A conta xeral: estados e anexos que a forman. Aprobación.

Tema 39. Libros de contabilidade. Obrigatoriedade e requisitos. A apertura da contabilidade.

Tema 40. O planeamento urbanístico. Clases de planos. Procedemento de elaboración e aprobación.

Tema 41. Intervención na edificación e uso do solo. A licencia urbanística. Protección da legalidade urbanística. Infraccións urbanísticas.

11416