Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 1999 Páx. 267

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE de 21 de decembro de 1998 pola que se regulan axudas e subvencións para actividades realizadas por entidades destinadas á promoción da muller.

O Estatuto de autonomía, no seu artigo 4, determina que lles corresponde ós poderes públicos de Galicia promove-las condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos nos que se integra sexan reais e efectivas, remove-los obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilita-la participación de tódolos galegos na vida política, económica, cultural e social.

Así mesmo, o artigo 27.23º do Estatuto de autonomía asígnaselle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social, e no seu artigo 33.2º establécese que lle corresponde o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de Seguridade Social.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, establece no seu artigo 3 como funcións do servicio promover, coordinar e avaliar plans e programas de acción e o desenvolvemento de actividades que, para a consecución dos obxectivos previstos na dita lei, realicen deputacións e concellos; así como incentiva-la participación das mulleres na vida política, económica, cultural, educativa e social.

O Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, no seu artigo 1 atribúelle a dita consellería as competencias en materia de muller de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados pola Constitución española.

O Decreto 258/1990, do 27 de abril, establece o réxime xeral de axudas e subvencións en materia de servicios sociais, normativa á que, en consecuencia, se adaptará a presente orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

A tramitación desta orde acóllese ó disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedentes de gasto, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia na súa sesión celebrada o día 15 de outubro de 1998 aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para o ano 1999.

Esta axuda financiarase con cargo ás partidas orzamentarias 14.50.212A.460, 14.50.212A.480 e 14.50.212A.486 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1999.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto da presente orde da convocatoria, que se rexerá polo disposto na Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario, e no Decreto 258/1990, do 27 de abril, é conceder axudas e subvencións para programas e actividades, destinadas a faceren posible a incorporación da muller na vida política, económica, cultural e social, e que fomenten a relación e colaboración entre as asociacións de mulleres, para acada-la igualdade real e efectiva e a non discriminación entre homes e mulleres, así como axudas económicas ás entidades que presten servicios de atención á muller e centros onde se presten os ditos servicios.

2. Para os efectos da presente orde consideraranse centros e servicios para a muller:

a) Os servicios e centros de información e asesoramento sobre temas xurídicos, laborais, de servicios sociais, e calquera outro que supoña a promoción da muller en tódolos ámbitos.

b) As casas de acollida e pisos tutelados para mulleres víctimas de malos tratos.

c) Centros de atención a mulleres en situacións de especial dificultade.

Artigo 2º.-Destinatarias.

Poderán solicita-las subvencións as asociacións ou entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que sexan titulares de centros, presten algún dos servicios establecidos no artigo anterior ou realicen calquera outra actividade de carácter social, sempre que se atopen inscritas no rexistro ó que se refire a Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, ou que teñan presentada a correspondente solicitude de inscrición, aínda que non se poderá aboa-lo importe das ditas axudas ata que non se efectúe a inscrición.

Poderán solicitalas tamén as entidades locais que presten algún dos servicios ou sexan titulares dalgúns dos centros ós que se refire o artigo anterior.

Artigo 3º.-Tipos de axuda.

Os tipos de axuda que se poderán solicitar son os seguintes:

a) Promoción de actividades.

a.1. De carácter formativo.

a.2. De carácter asociativo ou comunitario

a.3. De asistencia a congresos e convencións de mulleres.

a.4. De información e asesoramento.

As actividades incluídas nas alíneas a.1 e a.2 deberán incluír obrigatoriamente un módulo de políticas de igualdade.

b) De realización de programas de atención especializada a mulleres.

Artigo 4º.-Normas xerais sobre as subvencións.

1. Tódalas axudas reguladas por esta orde poderán estar suxeitas á formulación dun convenio entre o destinatario e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, que poderá ser prorrogado para futuros exercicios nas condicións legalmente previstas. No suposto de que se formulase convenio, a asociación ou entidade non estará obrigada a presentar solicitude durante a vixencia deste.

2. Para os distintos tipos de axuda a subvención poderá significa-lo financiamento total ou parcial do gasto, sen que en ningún caso implique duplicidade, de tal xeito que a suma das subvencións concedidas por todo tipo de organismos públicos, percibidas coa mesma finalidade, non supere o 100% do importe do gasto efectuado.

3. O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá efectua-las comprobacións que considere oportunas en canto ó cumprimento dos requisitos esixidos pola Lei de servicios sociais de Galicia ás asociacións de iniciativa social.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I á presente orde, debidamente cuberto, dirixidas á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Documentación que se xuntará á solicitude:

2.1. Documentos comúns para tódalas axudas:

a) Fotocopia do DNI da persoa que asina a solicitude e, se representa unha entidade, documentación acreditativa da dita representación.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

c) Orzamento desagregado dos gastos previstos para cada actividade, programa ou servicio, así como

os recursos humanos e materiais cos que conta para o seu funcionamento.

d) Certificación bancaria de existencia de conta.

e) Compromiso de cubri-la diferencia que resulte entre o importe da actividade ou do programa e a subvención concedida.

Cando a solicitante sexa unha entidade local, ademais da documentación prevista nas letras b), c), d) e e) deste número, deberá xunta-lo seguinte:

a) Certificación da contía establecida nos orzamentos da entidade local destinada ó mantemento e desenvolvemento dos servicios obxecto da solicitude.

b) Certificado do acordo da entidade local de solicita-la subvención e, no caso de prórroga, de que continúa na prestación dos servicios nas mesmas condicións do ano anterior.

2.2. Documentos específicos para cada tipo de axuda.

2.2.1. Para subvencións de promoción de actividades:

-Proxecto no que figura a actividade ou actividades que se realizarán (incluíndo, se é o caso, a descrición específica do módulo de políticas de igualdade), descrición dos obxectivos, metodoloxía, calendario, poboación e ámbito xeográfico do desenvolvemento da actividade.

2.2.2. Para subvencións de programas de atención especializada a mulleres:

Descrición pormenorizada das actividades que se pretenden realizar.

Artigo 6º.-Prazo e lugar de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da data de publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes e maila documentación requirida presentarase, de conformidade cos modelos formalizados, no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, nas delegacións provinciais da consellería, ou por calquera dos medios previstos nas normas reguladoras do procedemento administrativo.

Artigo 7º.-Tramitación dos expedientes.

1. No caso de tratarse de asociacións ou outras entidades prestadoras de servicios sociais, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano encargado do seu rexistro emitirá certificación relativa ás entidades inscritas e ás que solicitaron a inscrición pero que están pendentes de resolución no rexistro nesa data, para comproba-lo disposto no artigo 2, e remitiralla ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

2. O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller comprobará que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde e procederá a reclamarlles por escrito ós interesados os datos, documentos e aclaracións que consideren necesarios para completa-lo expediente co apercibimento de que, se así non se fixese no prazo de 10 días, se arquivará o expediente sen máis trámite.

3. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiráselle á comisión para propoñe-la aprobación ou a denegación de axudas, seguindo os criterios recollidos na presente orde.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará constituída do seguinte xeito:

Presidenta: a secretaria xeral do Servicio Galego de Promoción de Igualdade do Home e da Muller

Vocais: o xefe de servicio de Cooperación, Estudios e Programas e o xefe de servicio de Administración xeral, que actuará como secretario.

Artigo 9º.-Criterios de valoración das axudas.

1. Axudas para promoción de actividades:

1.1. Adecuación das actividades á finalidade e obxecto da presente orde.

1.2. Fomento e tecnificación do asociacionismo.

1.3. Intercambio e coordinación entre distintas asociacións de mulleres para a realización de actividades conxuntas.

1.4. A realización de programas, publicacións, conferencias e encontros que sexan de interese para as mulleres.

1.5. O ámbito territorial de desenvolvemento da actividade.

1.6. O alcance social da actividade e, en especial, a súa contribución ó desenvolvemento persoal e á integración social do colectivo ó que se dirixe.

1.7. Os elementos innovadores das actividades.

1.8. A non percepción doutras subvencións para a mesma finalidade.

1.9. O número de persoas ás que se dirixen as actividades, especialmente aquelas dirixidas á mulleres beneficiadas da RISGA.

2. Axudas para a realización de programas de atención especializada.

2.1. A súa adecuación ós obxectivos incluídos no vixente Plan de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas.

2.2. O maior grao de participación económica na execución dos programas, por parte da entidade solicitante.

2.3. A continuidade no funcionamento dos centros e servicios que recibiron subvención no ano anterior, sempre que os resultados acadados fosen positivos.

2.4. O maior ámbito territorial de desenvolvemento do programa.

3. Cando se trate de entidades locais terase en conta ademais como criterio de valoración, a existencia de partida orzamentaria destinada a actuacións a prol das mulleres.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, unha vez emitido o informe-proposta pola Comisión de Valoración e fiscalizado pola intervención, correspóndelle á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller. A dita resolución poñerá fin á vía administrativa.

2. A resolución dos expedientes deberase producir no prazo de 3 meses, contados a partir do día seguinte ó do remate do prazo para a presentación de solicitudes. Transcorrido o devandito prazo sen que recaese resolución expresa, esta entenderase desestimada.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

Unha vez dictada a resolución pola que se concede a subvención, procederase ó pagamento e xustificación, na forma que a continuación se indica, agás nos casos nos que se establezan convenios nos que se aplicará o que neles se sinale.

As subvencións poderanse facer efectivas de conformidade co establecido na Lei de orzamentos para 1999.

A entidade receptora, cando se trate de programas de atención especializada, deberá presentar antes do 31 de xaneiro do seguinte exercicio, perante o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, un balance de ingresos e gastos que abranga todo o ano natural conforme o anexo IV. No suposto de que se trate de promoción de actividades, a entidade receptora deberá presenta-la certificación que figura no anexo V. En tódalas axudas concedidas ó abeiro desta orde, a entidade deberá presentar perante o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller unha memoria dos programas e actividades desenvolvidos.

O cumprimento deste trámite será requisito previo para a concesión de subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 12º.-Obrigas das adxudicatarias das subvencións.

1. Para a promoción de actividades

a) Facer constar en todo tipo de publicidade e información a condición de que a actividade está

subvencionada polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

b) Remitir en calquera momento a información e informes que soliciten os órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

c) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, sobre os seus centros e actividades.

2. Para programas de atención especializada a mulleres.

a) Remitir trimestralmente memoria descritiva do estado de execución do programa indicando o nº de mulleres beneficiadas e unha memoria final.

b) Autoriza-la inspección e control dos órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, sobre os seus centros ou actividades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin detraídas, se é o caso, as cantidades destinadas a sufraga-los importes dos convenios subscritos durante a súa vixencia.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.6º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o órgano competente para o outorgamento das axudas e, sempre que sexa posible, o dito nomeamento deberá recaer noutra persoa do mesmo servicio cá substituída.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude

11749