Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 1999 Páx. 274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 21 de decembro de 1998 pola que se convocan bolsas de especialización para a realización de estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en Galicia.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller establece entre os seus obxectivos o de realizar estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades.

Na Conferencia Mundial da Muller celebrada en Pekín en setembro de 1995, baixo os auspicios de Nacións Unidas aprobouse o documento Plataforma de Acción, tódolos estados membros do mundo se obrigaban a desenvolve-las distintas áreas contidas nela; e O Consello da Unión Europea, nas súas decisións de 22 de decembro de 1995 modificada por decisión de 2 de decembro de 1996 relativa ó cuarto programa de acción comunitaria a medio prazo para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, establece como un medio de execución das áreas previstas na Plataforma de Acción as de realización de estudios sobre a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Parece conveniente tratar de impulsar estudios específicos sobre determinadas áreas, mediante bolsas de estudios que impulsen os traballos relacionados coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes na sociedade galega e nas áreas que se relacionan no anexo III.

A tramitación desta orde acóllese ó disposto na Orde de 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, toda vez que o Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión celebrada o día 15 de outubro de 1998, aprobou o proxecto de orzamentos xerais para a Comunidade Autónoma para 1999.

Na sua virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida a aplicación dos créditos orzamentarios para o fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente convocatoria ten por obxecto a concesión de tres (3) bolsas ou axudas económicas dun ano de duración, prorrogable por outro, para a realización de estudios sobre a muller e a igualdade de oportunidades de mulleres e homes en Galicia.

Este número verase reducido no caso de prórroga das bolsas concedidas no anterior exercicio, convocadas con cargo á Orde do día 3 de marzo de 1998.

A concesión destas axudas rexerase polas bases do anexo I desta orde.

Artigo 2º

O importe global máximo que alcanzarán as axudas é de tres millons novecentas sesenta mil pesetas

(3.960.000 ptas.), a razón dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 ptas.) por bolsa, das que serán deducidas as correspondentes retencións fiscais, que serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 14.50.212A.480 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 1998.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude

ANEXO I

Bases

Primeira.-Obxecto e dotación.

O obxecto da presente convocatoria é a concesión de bolsas de acordo co establecido no artígo 1º da presente orde.

A contía das axudas será dun millón trescentas vinte mil pesetas (1.320.000 ptas.) cada unha, aboables en doce mensualidades de cento dez mil pesetas (110.000 ptas.) nas que se aplicará a correspondente retención fiscal.

Segunda.-Carácter da bolsa.

Dado o seu carácter formativo e de apoio ó estudio que realizará a/o bolseira/o, a concesión destas bolsas non implica relación laboral ou administrativa entre a/o beneficiaria/o e o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, aínda que si a necesaria e natural coordinación e supervisión, nin dará lugar á súa inclusión na Seguridade Social.

A/o bolseira/o deberá dedicarse de maneira plena a realiza-los estudios para os que foi concedida a bolsa, con aceptación das indicacións da dirección do traballo. É incompatible o desfrute da bolsa coa percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

Terceira.-Condicións xerais.

Para optar a estas bolsas é necesario:

a) Ser galega/o, maior de idade, a teor do artigo 3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Posuír, na data da solicitude, a titulación universitaria referida á área do estudio que se vai realizar.

c) Que non transcorresen máis de cinco anos desde a obtención da titulación requirida.

Cuarta.-Centros de realización.

Os estudios ou traballos serán realizados en calquera centro universitario ou departamento de investigación de Galicia, ó que a/o bolseira/o se incorporará, segundo o que se estableza no escrito de aceptación do dito centro sobre a realización e dirección do estudio.

Quinta.-Documentación e trámites.

1. A solicitude destas bolsas farase mediante escrito dirixido á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, segundo modelo do anexo II, xunto ós seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI compulsada.

b) Currículum vitae da/o solicitante, cos documentos acreditativos dos méritos alegados.

c) Certificación académica completa e fotocopia do título correspondente ou, no seu defecto, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

d) Outros datos que se poidan xustificar documentalmente e que a/o solicitante considere de interese en relación coa bolsa.

e) Escrito da entidade ou departamento onde se vai desenvolve-lo traballo no que figure a súa aceptación expresa.

f) Escrito da/o directora/or do traballo no que manifeste a súa aceptación e o compromiso de dirixilo.

g) Memoria descritiva do estudio que se vai realizar, con mención dos seus obxectivos, metodoloxía, tempo de duración previsto, e cantos outros se consideren de interese, en especial se o dito estudio foma parte dun proxecto máis amplo realizado pola entidade na que se integra a/o bolseira/o.

A memoria debe estar conformada pola/o directora/or do traballo.

h) No caso de formar parte dun proxecto máis amplo, memoria sinxela onde se relacionen os traballos xa realizados e en curso, e composición e pequeno currículo do equipo que o integra, asinado pola/o directora/or do proxecto.

2. A presentación das solicitudes farase no rexistro xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, (praza de Europa, 15-A-2º, Área Central. As Fontiñas, Santiago de Compostela) ou ben por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación será dun mes a partir da entrada en vigor da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

4. O Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller comprobará que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e

Xuventude e no Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, así como nas delegacións provinciais da mencionada consellería unha resolución coa lista de admitidos e excluídos, indicando, se é o caso, as causas de exclusión. Contra a dita resolución poderán as/os interesadas/os formula-la reclamación, para emendar erros e faltas de documentos, ante a Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no prazo de 10 días a partir da publicación da resolución, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se corrixan as causas de exclusión, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámites.

Sexta.-Outorgamento das bolsas.

1. As bolsas serán adxudicadas pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por proposta da comisión de selección.

2. A comisión de selección será nomeada pola directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e a súa composición farase pública no taboleiro de anuncios do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

3. Na fase de selección teranse en conta como criterios de valoración:

a) Obxecto do estudio que se vai realizar, que en todo caso corresponderá a algunha das áreas relacionadas no anexo III.

b) Expediente académico e currículum vitae.

c) A integración do estudio obxecto da bolsa en programas de traballo máis amplos, e en equipos de investigación que xa traballen sobre o tema.

Só se valorarán os méritos acreditados documentalmente.

Ademais, a comisión poderá convoca-las/os solicitantes para unha entrevista persoal e para as probas obxectivas que coide procedentes.

4. Efectuada a selección pola comisión, a Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller fará pública a relación provisional de beneficiarias/os seleccionadas/os mediante anuncio no taboleiro do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, no da consellería e as súas delegacións. Contra esta resolución poderase formular reclamación no prazo de 10 días; transcorrido o dito prazo, a comisión procederá a estudia-las reclamacións presentadas e elevará a proposta definitiva á directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller para que resolva.

5. A resolución da directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller,

pola que se adxudicarán as bolsas, publicarase no Diario Oficial de Galicia.

6. Se, transcorridos 10 días desde a publicación da resolución de adxudicación no Diario Oficial de Galicia, a/o bolseira/o non formalizase a adscrición, perderá a bolsa e procederase a cubri-las vacantes coa/co suplente nomeada/do.

7. As solicitudes entenderanse desestimadas se, nun prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, non se dictou resolución.

Sétima.-Do pagamento e efectividade.

1. Formulada a adscrición e ratificada pola/o directora/or do estudio, procederase ó pagamento da cantidade mensual fixada na base primeira, con efecto a mes vencido.

O abandono inxustificado da realización dos traballos será causa de perda da bolsa, e a devolución das cantidades percibidas.

2. a) A Dirección Xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá en calquera momento da realización da bolsa, solicitarlle á/ó bolseira/o un informe sobre as súas actividades.

b) Antes do pagamento da última mensualidade, a/o bolseira/o fará entrega do estudio realizado ou un informe por escrito do traballo desenvolvido ó que se xuntará informe da/o directora/or do proxecto. O incumprimento inxustificado deste requisito dará lugar á perda da bolsa e á devolución da cantidade percibida.

Oitava.-Renuncia á bolsa concedida.

No caso de renuncia á bolsa concedida, a/o bolseira/o presentará a correspondente solicitude fundamentada.

Novena.- Condicións da prórroga.

Transcorrido un ano, e logo de informe favorable dos órganos competentes do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, e sempre que exista partida orzamentaria, o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, por solicitude da/o bolseira/o, poderá acorda-la prórroga por un ano da bolsa que este tiña concedida, nas mesmas condicións nas que se concedeu a orixinaria.

Décima.-Os estudios realizados pola/o bolseira/o pasarán a ser propiedade do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, reservando para si a posibilidade da súa publicación.

No suposto de que o servicio decidise non publica-lo traballo e este se publicase en calquera editorial, deberase mencionar expresamente a condición de subvencionado polo Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

ANEXO III

Áreas prioritarias.

1. Exclusión social.

2. Educación.

3. Saúde.

4. Violencia.

5. Traballo.

6. Medios de comunicación.

7. Medio ambiente.

11709