Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 08 de xaneiro de 1999 Páx. 188

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 28 de decembro de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18 de decembro de 1998, polo que se aproban as instruccións relativas ós créditos afectados ás actuacións relacionadas coa investigación e o desenvolvemento.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 18 de decembro de 1998, adoptou, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, o acordo polo que se aproban as instruccións relativas ós créditos afectados ás actuacións relacionadas coa investigación e o desenvolvemento e se ordena a súa publicación no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento.

En cumprimento do citado acordo ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia das referidas instruccións, que figuran como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 1998.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Acordo polo que se aproban as instruccións

relativas ós créditos afectados ás actuacións

relacionadas coa investigación

e o desenvolvemento

Polo Decreto 350/1997, do 10 de decembro, determináronse os centros directivos dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, figurando entre eles a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A estructura orgánica deste novo centro directivo, as súas funcións e competencias reguláronse mediante o Decreto 12/1998, do 8 de xaneiro, que no seu artigo 12 lle atribúe, entre outras funcións, a ordenación, planificación e execución de competencias en materia de fomento da investigación, a coordinación dos recursos dirixidos a potenciar esta actividade, a promoción da consecución da calidade total do sistema de ciencia-tecnoloxía-sociedade o desenvolvemento dos servicios comúns de apoio á comunidade científica, así como o coñecemento e a coordinación da marcha das investigacións, dos programas e dos proxectos nos que participen os centros e institucións de Galicia.

De acordo coa súa natureza multi e interdisciplinar, o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico integra unha serie de programas que dependen de diferentes consellerías pero que son partes operativas e relacionadas do mesmo sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia. Por esta diversidade de centros directivos que xestionan os distintos programas, cómpre establecer unhas mínimas normas, complementarias das aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia e publicadas por resolución da Consellería de Economía e Facenda do 25 de maio de 1998 (DOG do 8 de xuño), para

conseguir unha certa uniformidade, a necesaria coordinación, así como a máxima eficacia e garantía do sistema.

Para estes efectos e coa premisa de establecer un sistema que asegure a maior homoxeneidade e a máis axeitada utilización dos recursos afectados ás actuacións relacionadas coa investigacións, díctanse as seguintes instruccións:

Primeira.-Os créditos destinados á investigación e o desenvolvemento tecnolóxico non incluídos nos capítulos I e II dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1999, correspondentes ás súas diferentes seccións e servicios, que non teñan como finalidade a dotación de infraestructura específica para os centros de investigación pertencentes ás propias consellerías, o sostemento do nivel básico da actividade investigadora dos devanditos centros, o financiamento dalgunha acción específica de acompañamento das previstas no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico nin sexan créditos de carácter finalista por corresponder a subvencións concedidas por outras administracións para un fin específico, terán, para os efectos destas instruccións, a consideración de fondos competitivos.

Segunda.-A selección de accións ou proxectos de investigación relativos a algún dos instrumentos ordinarios contidos no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico realizarase mediante concurso público, a través das convocatorias nas que se fará referencia ó mencionado Plan Galego de IDT e indicarase expresamente o programa concreto ó que corresponden os créditos que financiarán as devanditas accións ou proxectos.

Terceira.-Rematados os prazos establecidos nas convocatorias para a presentación de proposicións, os centros receptores remitirán unha copia destas, xunto coa documentación presentada polos solicitantes, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Cuarta.-As solicitudes dos proxectos de investigación, calquera que sexa a súa modalidade, serán sometidas a un proceso de avaliación externa.

Quinta.-As solicitudes referidas a proxectos ou actuacións de investigación sobre campos comprendidos no Programa de Promoción Xeral da Investigación serán resoltas pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, por proposta da Comisión de Selección de Investigación.

Nos restantes casos, as solicitudes serán resoltas polos diferentes centros xestores, por proposta de comités de expertos ad hoc. Os devanditos comités estarán formados por cinco membros, dos que tres deles serán designados pola consellería correspondente e os dous restantes pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Sexta.-A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será informada de calquera inci

dencia nos procesos de adxudicación e execución das accións obxecto das convocatorias, que se produzan con posterioridade á data de formalización das actas de selección dos comités mencionados na instrucción anterior.

Sétima.-A utilización de convenios administrativos como forma de asignación de fondos competitivos só poderá ser utilizada nos seguintes supostos:

a) Cando unicamente exista un destinatario capaz de realiza-la acción que se pretende executar.

b) Cando a natureza do problema non permita unha solución axeitada a través da libre concorrencia.

Oitava.-Co obxecto de garanti-la homologación e a coordinación mencionadas, tódalas convocatorias ou convenios que se refiran a actividades relacionadas coa investigación e o desenvolvemento que se pretendan realizar (bolsas, proxectos de investigación, axudas de infraestructura, etc.), enviaranse, previamente á súa publicación, á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, para que emita informe sobre eles, no prazo improrrogable de dez días naturais. Transcorrido o devandito prazo sen que se emita o mencionado informe, entenderase que non existen obxeccións á proposta formulada.

Novena.-Cando as accións que se van levar a cabo teñan por obxecto a solución dun problema de emerxencia xurdido de forma imprevista, o órgano responsable do programa adoptará as medidas oportunas, dando conta, posteriormente, das actuacións realizadas á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Décima.-No hipotético caso de que algún programa ou acción, por razón das súas peculiares características, non poida ser desenvolvido seguindo as instruccións anteriores, o órgano encargado da xestión do programa acordará, coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, o procedemento a seguir, dentro do marco da normativa vixente para o efecto.

11590