Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 1999 Páx. 160

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

AUTO (136/1998-01).

En Santiago de Compostela, o dous de novembro de mil novecentos noventa e oito.

I. Feitos.

Primeiro.-As actuacións séguense por denuncia de María del Carmen Fernández Andújar, posta na comisaría de Santiago de Compostela o 12 de decembro de 1997 contra unha tal Valeri, que, igual que a primeira, traballa nun club de Santiago de Compostela, xa que sobre as 6 horas do dito día a insultou chamándolle filla de puta e se abalanzou contra ela dándolle algúns golpes e arrincándolle o pelo.

Segundo.-Ratificada a denuncia, manifestou Fernández que non resultou lesionada nin foi ó médico, non sendo certo que lle arrincasen o pelo, ben que houbo un pequeno forcexo, e renunciou a tódalas súas accións.

Terceiro.-Identificada pola policía a denunciada, resultou ser Ana Cristina Barbosa Leal, actualmente en paradoiro descoñecido.

Cuarto.- Reputados falta os feitos por Auto do 9 de febreiro de 1998, non existe actuación ningunha ata a providencia do dez de setembro, que fixou para día do xuízo o 3 de novembro de 1998.

II. Razoamentos xurídicos.

Primeiro.-O artigo 130 número 5 do Código penal establece que a responsabilidade penal se extingue por prescricións do delicto, entendéndose analoxicamente aplicable o dito precepto ás faltas.

No artigo 131 número 2 do referido corpo legal, establece que as faltas prescriben ós seis meses.

Segundo.-Sobre a prescrición, a sentencia do Tribunal Supremo do 5 de xaneiro de 1988 determina que debe ser estimada, mesmo de oficio, cando se dan os dous presupostos básicos necesarios, isto é, paralización do procedemento e lapso de tempo correspondente. En sentido parecido sentencias da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 14 de decembro de 1986 e 31 de outubro de 1990. A xurisprudencia aproxima e case identifica a prescrición penal coa caducidade. Así, sentencias (T. Supremo) do 1 de febreiro de 1968, 31 de maio de 1976, 22 de febreiro de 1985, 27 de xuño de 1987, 3 de decembro de 1990 e 19 de decembro de 1991.

O Tribunal Constitucional (sentencias 1521/1987, do 7 de outubro, 225/1988, do 21 de decembro, e 83/1989, do 10 de maio) deixa ó arbitrio do tribunal a consideración de se a dilación indebida paraliza o procedemento en circunstancias que xustifiquen a prescrición.

A sentencia da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 19 de decembro de 1991 (relator Delgado García) di que a prescrición existe cando transcorreu o tempo que a lei sinala sen procedemento contra o culpable, ben porque a causa penal non chega a iniciarse, ben porque termina sen resolución con eficacia de cousa xulgada, ben porque o procedemento queda paralizado, calquera que for a fase en que tal interrupción se producir, pois sobre isto a lei non distingue, sendo de apreciación mesmo en casos de rebeldía e cando se tivese dictado sentencia en fase anterior, mentres aquela non adquira firmeza.

Posterior xurisprudencia (T. Supremo, Sala Segunda, sentencias do 18 de xuño e 31 de marzo de 1992, 10 de xullo de 1993 e 8 de febreiro de 1995) mesmo manifesta que o cómputo da prescrición non se interrompe pola realización de dilixencias inocuas ou que afecten o procedemento.

Terceiro.-A falta de acción durante o tempo previsto pola lei e xa referido (6 meses) supón a prescrición de responsabilidade penal, polo que procede sobreser libremente as actuacións, de conformidade co previsto no artigo 637 número 3 da Lei de axuizamento criminal.

Parte dispositiva.

Déixase sen efecto o sinalamento fixado para mañá.

Arquívense os autos, logo de rexistro.

Esta resolución non é firme e fronte a ela cabe recurso de reforma ante este xulgado, que se ha interpor no prazo de tres días.

Así o acorda, manda e asina José Espinosa Lozano, maxistrado-xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela.

Rubricado

10304