Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 1999 Páx. 158

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

AUTO (71/1998).

En Santiago de Compostela, o dezasete de xuño de mil novecentos noventa e oito.

I. Feitos.

Primeiro.-As presentes actuacións séguense polo accidente de tráfico que se dirá, téndose recibido partes hospitalarios de asistencia de Carlos Vázquez Rodríguez, de "Ver PDF", así como o correspondente atestado da Garda Civil de Tráfico e orzamento de reparación do autobús Pegaso C-2167-AB, quedando testemuñado en autos o permiso de circulación e o recibo do seguro.

Segundo.-Comparecido o procurador, Raposo Quintas, en nome "Ver PDF", e como parte prexudicada, compareceu tamén o procurador Cuns Núñez, en nome e representación de Caixa de Previsión e Socorro, S.A., de Seguros e Reaseguros, e de Manuel Vázquez Rebolo, sendo reputados como falta os feitos, por auto do 9 de marzo de 1994.

Terceiro.-Oído en declaración Vázquez Rodríguez, formulou expresa denuncia, presentando facturas de roupa por 35.650 pesetas e 18.990 pesetas, e tamén se mostrou parte reclamante Vázquez Rebolo, que presentou factura de reparación da súa moto polo importe de 298.133 pesetas.

Cuarto.-Obtido informe de sanidade de Vázquez, foi oída, a través de exhorto, a prexudicada, María Estefanía Martínez Abad, que se mostrou tamén denunciante, téndose obtido o seu informe de sanidade.

Quinto.-Oído no xulgado "Ver PDF", que deu poder á procuradora Esperanza Álvarez, a cal compareceu no seu nome, e testemuñada a documentación do vehículo de Vázquez Rebolo, compareceu o procurador García Boado, en nome e representación de Caixa de Previsión e Socorro, dictándose providencia con data do 13 de maio de 1997, pola cal quedaron sen efecto as representacións dos procuradores posteriormente susbstituídos, Raposo Quintas e Cuns Núñez (este último, da Caixa de Previsión), e dispúxose a constitución de peza separada para resolve-la petición de pensión provisoria solicitada pola defensa e representación de "Ver PDF".

Sexto.-Sinalado o xuízo oral para o 2 de xuño de 1998, foi suspendido ó non consta-la citación de Estefanía Martínez Abad, sinalándose novamente para xuízo o próximo 21 de xullo de 1998 e ás 12 horas.

Sétimo.-Das declaracións das partes e do atestado correspondente, así como dos informes médicos que constan en autos, dedúcese que sobre as 19.35 horas do 5 de decembro de 1993 tivo lugar un accidente de circulación no km 70,800 da estrada N-550 (A Coruña-Tui), termo municipal de Teo e partido de Santiago de Compostela, ó colidiren por raspado a motocicleta Honda NSR-125, matrícula PO-4681-AV, asegurada en Caixa de Previsión e Socorro, S.A., de Seguros e Reaseguros, póliza 1098012, propiedade de Manuel Vázquez Rebolo, e conducida polo seu fillo Carlos Vázquez Rodríguez, co ciclomotor Suzuki, número de identificación NA-11-A-ES145655, asegurado na Cía. Lepanto, número de póliza E-110819321503105, propiedade de "Ver PDF" e conducido por el mesmo, caendo a motocicleta para o seu lado dereito (circulaba en dirección Tui) e o conductor do ciclomotor, que caeu á calzada, e que circulaba en dirección contraria, continuou unha traxectoria curva cara á esquerda para entrar en

colisión na parte anterior esquerda do autobús Setra matrícula C-2167-AB asegurado en Mutua Nacional, propiedade da empresa O Celta, S.A., e conducido por Antonio Gil Mariño.

Oitavo.-Ademais dos danos materiais do ciclomotor, moto e autobús, e dos gastos xustificados ou por xustificar, sufriu lesións Vázquez Rodríguez, precisando, ademais da primeira asistencia, tratamento médico, e tardou 125 días en curar, tempo durante o cal estivo incapacitado para as súas ocu

pacións habituais, quedándolle como secuelas, material de osteosíntese no brazo esquerdo e cicatriz traumática de 3x3 cm no ombro esquerdo, non incapacitante nin deformante, e cicatriz cirúrxica no cóbado esquerdo, non incapacitante nin deformante.

Tamén resultou lesionada María Estefanía Martínez Abad, usuaria da moticleta, que precisou dunha única asistencia, tardando 60 días en curar, con incapacidade laboral transitoria durante 35 días, quedándolle como secuelas molestias no tendón de Aquiles do pé esquerdo, ó correr e baixar escaleiras, que se prevé que vaian cedendo co tempo (o informe médico é do 12 de xaneiro de 1994), ou precisará unhas sesións de fisioterapia; e limitación da dorsiflexión do tornecelo en 10 graos.

Resultou con graves lesións "Ver PDF", das que aínda non se recuperou, non téndose obtido aínda informe de sanidade.

Noveno.-Por instancia do procurador García Boado obtívose informe do Servicio de Toxicoloxía do Instituto de Medicina Legal, xustificativo de que "Ver PDF", no momento do accidente, tiña un índice de alcoholemia de 2,06 gr/l, informe do 10 de decembro de 1996.

Por outra parte, o procurador Cuns Núñez, renunciou á representación de Manuel Vázquez Rebolo, acordándose mante-la dita representación mentres non conste a notificación fidedigna ó seu cliente, conforme o artigo 9.2º da LAC, segundo providencia do 3 de xuño de 1998.

Décimo.-Con ocasión de pasa-los autos á fiscalía para citación a xuízo, o fiscal pide que se declare a prescrición porque o procedemento estivo paralizado en distintas ocasións durante un prazo superior a dous meses, en concreto desde o 20 de xullo de 1995 ata o 19 de outubro do dito ano; desde o 13 de xuño de 1996 ó 18 de setembro de 1996, e desde o 18 de setembro de 1996 ata o 25 de marzo de 1997.

II. Razoamentos xurídicos.

Primeiro.-O artigo 112.6º do Código Penal establece que a responsabilidade penal se extingue por prescrición do delito; o artigo 113 fixa un prazo de prescrición de dous meses para as faltas, e finalmente o artigo 114 establece que o termo das prescrición comezará a correr desde o día en que se cometeu o delito, interrompéndose desde que o procedemento se dirixa contra o culpable.

Segundo.-Sobre a prescrición, a sentencia do Tribunal Supremo do 5 de xaneiro de 1988 determina que debe ser estimada, mesmo de oficio, cando se dan os dous presupostos básicos necesarios, isto é a paralización do procedemento e lapso de tempo correspondente. En sentido parecido sentencias da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 14 de decembro de 1988 e 31 de outubro de 1990. A xurisprudencia aproxima e case identifica a prescrición penal coa caducidade. Así sentencia (T. Supremo)

do 1 de febreiro de 1968, 31 de maio de 1976, 22 de febreiro de 1985, 27 de xuño de 1987, 3 de decembro de 1990 e 19 de decembro de 1991.

O Tribunal Constitucional (sentencias 1521/1987, do 7 de outubro, 225/1988, do 21 de decembro, e 83/1998 do 10 de maio) deixa ó arbitrio do tribunal a consideración de se a dilación indebida paraliza o procedemento en circunstancias que xustifiquen a prescrición. A sentencia da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 19 de decembro de 1991 (relator Delgado García) di que a prescrición existe cando transcorreu o tempo que a lei sinala sen procedemento contra o culpable, ben porque a causa penal non se chega a iniciar, ben porque termina sen resolución con eficacia de cousa xulgada, ben porque o procedemento queda paralizado, calquera que for a fase en que tal interrupción se producir, pois sobre isto a lei non distingue, sendo de apreciación mesmo en casos de rebeldía e cando se dictase sentencia en fase anterior, mentres aquela non adquira firmeza.

Posterior xurisprudencia (T. Supremo, Sala Segunda, sentencias do 18 de xuño e 31 de outubro de 1992, 10 de xullo de 1993 e 8 de febreiro de 1995) mesmo manifesta que o cómputo da prescrición non se interrompe pola realización de dilixencias inocuas ou que non afectan o procedemento.

Pode, no presente caso, comprobarse que as datas que indica o fiscal para que se produza a prescrición corresponden á realidade.

Terceiro.-Á firmeza desta resolución, as partes poden acudir ó xuízo verbal correspondente, en reclamación do que crean procedente, ou poderán insta-la creación de auto que conteña a contía líquida reclamable á aseguradora ou aseguradoras correspondentes, o que, no caso de "Ver PDF" non tería lugar en canto non constase o alcance total das súas lesións, a través do informe de sanidade, visto o artigo 10 da Lei de responsabilidade civil e seguro na circulación de vehículos de motor.

Cuarto.-É de aplicación o artigo 637, número 3, da Lei de axuizamento criminal.

Parte dispositiva.

Sobresense libremente os autos sen responsabilidade penal para ningún dos conductores denunciados, por prescrición da falta, con reserva de accións ás partes, nos termos a que se refire o razoamento xurídico terceiro.

Déixase sen efecto o sinalamento para xuízo, fixado para o próximo 21 de xullo.

Notifíquese esta resolución ás partes a través dos seus procuradores e a Vázquez Rebolo, persoalmente, momento a partir do cal cesará a representación de Cuns Núñez.

Contra esta resolución cabe directamente recurso de apelación, no prazo de 5 días, ante este xulgado, e para ante a audiencia provincial correspondente,

coas formalidades procesuais dos artigos 795 e 796 da Lei de axuizamento criminal.

(Visto o artigo 976 desta lei, aplicado por analoxía).

Así o acorda, manda e asina José Espinosa Lozano, maxistrado-xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela.

Dilixencia. Cúmprese a seguir. Dou fe.

Rubricado

10303