Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 07 de xaneiro de 1999 Páx. 161

V. ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA

XULGADO DE PRIMEIRA INSTANCIA E INSTRUCCIÓN NÚMERO UN DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

AUTO (137/1998-01).

En Santiago de Compostela, o dous de novembro de mil novecentos noventa e oito.

I. Feitos.

Primeiro.-As presentes actuacións séguense por denuncia de Ríos Vázquez, posta na comisaría de Santiago de Compostela o 21 de xaneiro de 1998, pola mordedela dun can que dixo ter sufrido o día anterior por volta das 19 horas na dita cidade, tendo que ser asistida nunha farmacia próxima.

Segundo.-Determinada pola policía a identificación da responsable do can, Vanessa Váquez Rull, actualmente en paradoiro descoñecido, foi ratificada a denuncia, mostrándose parte Ríos, a cal, segundo

informe de sanidade, precisou dunha única asistencia facultativa, tardou 12 días en curar, sen incapacidade transitoria e sen secuelas nin deformidade.

Terceiro.-Reputados falta os feitos, sinalouse para a vista oral o 3 de novembro de 1998, tendo estado paralizadas as actuacións entre o auto do 27 de febreiro de 1998 e o 10 de setembro do dito ano, datas, respectivamente, da consideración dos feitos como falta e a providencia que fixo o sinalamento do xuízo.

II. Razoamentos xurídicos.

Primeiro.-O artigo 130 número 5 do Código penal establece que a responsabilidade penal se extingue por prescrición do delicto, entendéndose analoxicamente aplicable este precepto ás faltas.

O artigo 131 número 2 do referido corpo legal establece que as faltas prescriben ós seis meses.

Segundo.-Sobre a prescrición, a sentencia do Tribunal Supremo do 5 de xaneiro de 1988 determina que debe ser estimada, mesmo de oficio, cando se dan os dous presupostos básicos necesarios, isto é, paralización do procedemento e lapso de tempo correspondente. En sentido parecido, sentencias da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 14 de decembro de 1988 e 31 de outubro de 1990. A xurisprudencia aproxima e case identifica a prescrición penal coa caducidade. Así, sentencias (T. Supremo) do 1 de febreiro de 1968, 31 de maio de 1976, 22 de febreiro de 1985, 27 de xuño de 1987, 3 de decembro de 1990 e 19 de decembro de 1991.

O Tribunal Constitucional (sentencias 1521/1987, do 7 de outubro, 225/1988, do 21 de decembro, e 83/1989, do 10 de maio) deixa ó arbitrio do tribunal a consideración de se a dilación indebida paraliza o procedemento en circunstancias que xustifiquen a prescrición.

A sentencia da Sala Segunda do Tribunal Supremo do 19 de decembro de 1991 (relator Delgado García), di que a prescrición existe cando transcorreu o tempo que a lei sinala sen procedemento contra o culpable, ben porque a causa penal non chega a se iniciar, ben porque termina sen resolución con eficacia de cousa xulgada, ben porque o procedemento queda paralizado, calquera que for a fase en que tal interrupción se producir, pois sobre isto a lei non distingue, sendo de apreciación mesmo en casos de rebeldía e cando se tivese dictado sentencia en fase anterior, en canto aquela non adquira firmeza.

Posterior xurisprudencia (T. Supremo, Sala Segunda, sentencias do 18 de xuño e 31 de marzo de 1992, 10 de xullo de 1993 e 8 de febreiro de 1995) mesmo manifesta que o cómputo da prescrición non se interrompe pola realización de dilixencias inocuas ou que non afectan o procedemento.

Terceiro.-A falta de acción durante o tempo previsto pola lei, xa referido (6 meses), supón a prescrición de responsabilidade penal, polo que procede sobreser libremente as actuacións, de conformidade

co previsto no artigo 637 número 3 da Lei de axuizamento criminal.

Cuarto.-Aínda que non se considerase que os feitos están prescritos, a mordedela de can que produce lesións dunha única asistencia facultativa están fóra dos tipos penais, ó seren causadas por imprudencia, non considerándose o can como animal daniño mentres non fose adestrado para atacar, converténdose, así, en animal feroz e perigoso.

Parte dispositiva.

Déixase sen efecto o sinalamento do xuízo fixado para mañá. Arquívense os autos, con reserva de accións civís á prexudicada.

Esta resolución non é firme e contra ela cabe recurso de reforma ante este xulgado, que se interporá no prazo de tres días.

Así o acorda, manda e asina José Espinosa Lozano, maxistrado-xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Santiago de Compostela.

Dilixencia. Cúmprese a seguir. Dou fe.

Rubricado

10850