Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 04 de xaneiro de 1999 Páx. 7

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de decembro de 1998 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, con domicilio en Cecebre, concello de Cambre.

Supostos de feito:

1. César Rodríguez Castañeira na súa calidade de administrador da fundación, en escrito do 26 de xuño de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo, o día 23 de novembro de 1998, ante o notario Alejo Calatayud Sempere, co número tres mil seiscentos tres do seu protocolo por Avelino Pousa Antelo, Alfonso Zulueta de Haz, Francisco Fernández del Riego, Xaime Isla Couto, César Rodríguez Castañeira e Antonio Montero Carro, que interveñen no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos o obxecto da fundación é realzar e revitaliza-la vida e a obra de Wenceslao Fernández Flórez. As actividades para levar a cabo o fin fundacional concretaranse en: reedición da obra literaria do autor, ciclos de conferencias, charlas, programas de animación á lectura da súa obra, ciclos de cine, ciclos literarios e calquera outra actividade que se considere necesaria para o mellor desenvolvemento dos fins.

4. O padroado da fundación estará constituído por Xaime Isla Couto como presidente, Avelino Pousa Antelo como vicepresidente, Antonio Montero Carro como secretario, César Rodríguez Castañeira como administrador e Alfonso Zulueta de Haz e Francisco Fernández del Riego como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de decembro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Wenceslao Fernández Flórez e adscribila á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

11713