Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 04 de xaneiro de 1999 Páx. 6

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de decembro de 1998 pola que se clasifica como de interese agroalimentario a Fundación Instituto Tecnológico del Pienso.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Instituto Tecnológico del Pienso, con domicilio na Coruña.

Suposto de feito:

1. Raúl Benito Ibáñez, na súa calidade de vocal da fundación, en escrito do 3 de decembro de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 5 de novembro de 1998, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número dous mil douscentos cincuenta e oito do seu protocolo por José Alfonso Encinas Santos, Juan Carlos González Fernández, Manuel Ramón Balado Paz, Secundino Grobas Mosquera, Raúl Benito Ibáñez, Juan Antonio Raposo Sabin, Juan Carlos Iglesias Rouco, Luis Antonio de Gerónimo Vázquez e Severino García García; interveñen Alfonso Encinas Santos, como presidente, en representación da Asociación Gallega de Fabricantes de Piensos Compuestos, Juan Carlos González Fernández, como conselleiro delegado, en representación da sociedade Ceferino Nogueira, S.A., Manuel Balado Paz en representación da sociedade Moyresa Molturación e Refino S.A., Secundino Grobas Mosquera intervén como director xeral de Industrias e Alimentación, en representación da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia e os

restantes comparecentes interveñen en nome propio.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas fabricantes de pensos compostos e, en particular, apoia-la investigación e o desenvolvemento, mellora-las técnicas de xestión productiva e atende-la formación profesional dos recursos humanos.

4. O padroado da fundación estará constituído por José Alfonso Encinas Santos como presidente, Juan Carlos González Fernández como vicepresidente primeiro, Manuel Ramón Balado Paz como vicepresidente segundo e Segundo Grobas Mosquera, Raúl Benito Ibáñez, Juan Antonio Raposo Sabin, Juan Carlos Iglesias Rouco e Luis Antonio de Gerónimo Vázquez, como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese agroalimentario da Fundación Instituto Tecnológico del Pienso, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese agroalimentario e a súa adscrición á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

Fundamentos de dereito:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 16 de decembro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei

11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demáis normas de desenvolvemento e de xeral aplicación. Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese agroalimentario a Fundación Instituto Tecnológico del Pienso e adscribila á Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

11819