Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 24 de decembro de 1998 Páx. 13.657

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 4 de decembro de 1998 pola que se regula o sistema específico de vixilancia da tuberculose en Galicia.

En virtude do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, creouse a rede galega de vixilancia en saúde pública, coa finalidade de identificar e caracterizar problemas de saúde na poboación galega, para facilita-lo seu control, sexa con medidas individuais ou colectivas. A dita rede está constituída polo sistema básico e polo sistema específico de vixilancia.

O Rexistro do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose forma parte do sistema específico de vixilancia e ten como obxectivo recoller e xestiona-la información precisa par describi-la incidencia, evolución e características da tuberculose en Galicia.

Por todo isto, e facendo uso das facultades que me confiren os artigos 34 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Definición e obxecto.

1. A vixilancia epidemiolóxica da tuberculose farase en Galicia a través do Rexistro do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose.

2. O Rexistro do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose recollerá información sobre os casos de enfermidade tuberculosa, sobre o seu seguimento, sobre os estudios de infección nos contactos destes casos e sobre o seguimento das quimioprofilaxes instauradas, segundo as definicións recollidas no Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose.

Artigo 2º.-Dependencia funcional e concepto.

1. O Rexistro do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose estará adscrito á Dirección Xeral de Saúde Pública como órgano encargado da súa xestión.

2. Para os efectos desta orde terán a consideración de unidades de tuberculose as definidas na orde comunicada do 23 de maio de 1994 e posteriores modificacións.

Artigo 3º.-Notificación de caso de enfermidade tuberculosa.

1. Tódolos médicos/as en exercicio no ámbito territorial da Comunida Galega, están obrigados a notifica-los casos de enfermidade tuberculosa ó Rexistro Galego de Tuberculose, a través da Unidade de Tuberculose que teñan de referencia.

2. A dita declaración deberase facer segundo o sistema que a Dirección Xeral de Saúde Pública estableza, e conterá, como mínimo, os datos que se recollen no anexo I desta orde.

3. A información será remitida polos médicos/as inmediatamente, tralo diagnóstico, a máis tardar antes do mércores da semana seguinte á que se realice. Para estes efectos, considérase que a semana é a unidade básica temporal para a notificación dos casos, e que comeza ás 0 horas do domingo e remata ás 24 horas do sábado seguinte.

4. As unidades de tuberculose notificarán cada venres ás delegacións provinciais de Sanidade e Servicios Sociais os datos dos novos casos de tuberculose respiratoria e menínxea recibidos na semana anterior.

5. As unidades de tuberculose remitirán tódolos datos dos casos á Dirección Xeral de Saúde Pública segundo a periodicidade establecida pola dirección do programa.

Artigo 4º.-Notificación á delegación provincial.

As unidades de tuberculose estarán obrigadas a notificar, con carácter urxente, á delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais correspondente, a existencia dos casos de enfermidade tuberculosa que necesiten realizar unha actuación de control nun colectivo (ámbito educativo, laboral, etc.) así como o seu resultado, coordinando as actuacións que se van realizar no colectivo laboral, se é o caso, coas unidades que teñan asignadas as funcións de prevención de riscos laborais.

Artigo 5º.-Notificación do seguimento do caso de enfermidade tuberculosa.

1. O médico/a responsable do seguimento evolutivo e da adhesión ó tratamento do caso de enfermidade tuberculosa, notificará esta información á Unidade de Tuberculose que teña de referencia, conforme o sistema que se recolle no Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose.

2. As unidades de tuberculose enviarán estes datos á Dirección Xeral de Saúde Pública segundo a periodicidade establecida no programa.

Artigo 6º.-Notificación do estudio dos contactos.

1. O médico/a que realice o estudio dos contactos do caso de enfermidade tuberculosa notificará o seu resultado á Unidade de Tuberculose que teñan de referencia, confome o sistema que se recolle no Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose.

2. As unidades de tuberculose enviarán estes datos á Dirección Xeral de Saúde Pública segundo a periodicidade establecida no programa.

Artigo 7º.-Notificación do seguimento das quimioprofilaxes instauradas.

1. O médico/a responsable do seguimento e cumprimento da quimioprofilaxe notificará esta información á Unidade de Tuberculose que teñan de referencia, co sistema que se recolle no Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose.

2. As unidades de tuberculose enviarán estes datos á Dirección Xeral de Saúde Pública segundo a periodicidade establecida no programa.

Artigo 8º.-Unidades de microbioloxía.

1. As unidades de microbioloxía dos centros sanitarios de Galicia están obrigadas a envia-las cepas segundo os criterios establecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública, ó laboratorio de seguimento de micobacterias, designado por esta dirección.

2. O laboratorio de seguimento de micobacterias de Galicia enviará trimestralmente informe de resultados á Dirección Xeral de Saúde Pública, así como os informes que solicite esta dirección.

Artigo 9º.-Réxime sancionador.

O incumprimento do previsto nesta orde constituirá infracción administrativa sanitaria tipificada como tal no artigo 35 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade.

Artigo 10º.-Confidencialidade de datos.

De acordo co especificado no artigo 7.2º do Decreto 177/1998, do 11 de xuño, polo que se crea a Rede Galega de Vixilancia en Saúde Pública, a información que recolla o Rexistro do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose considerarase estrictamente confidencial e utilizarase só para fins exclusivamente sanitarios.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Saúde Pública para adoptar cantas medidas sexan precisas no desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor transcorridos vinte días desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 1998.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO I

Información que debe figurar na declaración de tuberculose:

*Datos da declaración:

Datos sobre o médico/a responsable do diagnóstico.

Datos sobre a identificación do caso.

Datos sobre o diagnóstico da enfermidade.

Datos sobre o tratamento.

Datos para a investigación dos contactos.

Censo de contactos íntimos e conviventes.

*Datos de seguimento do tratamento:

Datos do seguimento evolutivo e control da adhesión ó tratamento.

Datos da situación final do ciclo de tratamento.

*Datos do diagnóstico dos contactos:

Datos sobre o resultado do estudio dos contactos.

*Datos da quimioprofilaxe:

Datos sobre o seguimento da quimioprofilaxe.

11619