Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 24 de decembro de 1998 Páx. 13.652

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 364/1998, do 4 de decembro, sobre selección e provisión de prazas de persoal facultativo especialista de área das institucións sanitarias da Seguridade Social de atención especializada do Servicio Galego de Saúde.

Tralo proceso de transferencias da asistencia sanitaria á Comunidade Autónoma de Galicia, operado con efectos do 1 de xaneiro de 1991, foi vehiculado un proceso de provisión por concurso de traslados respecto do persoal facultativo especialista de área. Este proceso formalizouse por convocatoria do 1 de decembro de 1993 (DOG do 10 de decembro), que ofertaba un número de prazas por concurso de traslados distribuídas por centros hospitalarios dependentes do organismo.

Unha vez ultimado o proceso provisorio de anterior referencia, o Servicio Galego de Saúde non efectuou a ulterior convocatoria de proceso selectivo para o acceso ás prazas da categoría en cuestión, por mor da existencia indubidable dunha problemática referente á definitiva configuración dos cadros do persoal das institucións dependentes del. Tal problemática fundábase, esencialmente, en dous aspectos nucleares, a saber: a distribución por institucións hospitalarias das especialidades pertinentes trala análise e concreción das necesidades asistenciais e, sobor de todo, a marcada incidencia que tiveron os procesos de transferencias ó Sergas dos centros sanitarios propiedade das corporacións locais, que procuraron unha aplicación e tratamento integral máis axeitado, a través da titularidade e xestión directa dos medios materiais e humanos que se van utilizar no eido prestacional do servicio.

Deste xeito, fíxose consta-la demora do proceso no pacto asinado coas organizacións sindicais sobre o proceso selectivo para o acceso ás categorías estatutarias, vehiculado a continuación do mencionado proceso provisorio, a través do Decreto 74/1995, do 10 de marzo (DOG nº 54, do 17 marzo). O propio teor da exposión de motivos do decreto refire que a exclusión da categoría se motivou por razóns de carácter estructural e funcional que a impelían nese intre.

Así as cousas, fóronse ultimando os procesos de transferencias dos centros sanitarios das corporacións locais e, debidamente cohonestadas con eles, conformáronse os cadros de persoal das II.SS. da rede do servicio. Practicamente xa neste intre existe unha definición plausible dos cadros dos distintos centros hospitalarios en relación cos profesionais facultativos especialistas de área que posibilita o acometemento das actuacións pertinentes para a execución dos procesos.

Paralelamente a tal decurso, é razoable colixi-la a actual circunstancia de que determinados profesionais especialistas de área fixos desexan trasladarse a outros centros sanitarios da rede da nosa Comunidade, motivada a súa querencia por razóns familiares, profesionais ou de variada índole, todas elas lexitimamente asumibles. Isto a pesar do anterior concurso de traslados executado que, se ben satisfixo en certo xeito as demandas dun número de profesionais, require a súa continuación a través doutro proceso que complete debidamente as actuacións neste extremo.

Tamén, durante este período, xa prolongado no tempo desde as transferencias sanitarias ó noso organismo, mantense un número considerable de profesionais con vínculo precario, que, loxicamente, instan unha definitiva estabilidade no emprego, a través da formalización do sistema regrado de acceso idóneo.

Por iso, cómpre xa principiar co tratamento normativo dos procesos de provisión e selección-á marxe doutras medidas precisas que co máximo rango se poidan articular- dentro das competencias estatutarias da Comunidade Autónoma, con respecto en todo caso da normativa básica afectante ó conxunto do Sistema Nacional de Saúde; tendo en conta ademais que neste intre concorren importantes aspectos que indefectiblemente deben ser obxecto de regulamentación na procura de adaptar con xeito ó sistema ás concretas necesidades das II.SS. do noso Servicio de Saúde. Para tal fin a Comunidade Autónoma ten arrogadas competencias dentro do marco de actuación normativo explicitado, polas referencias constitucionais, a propia norma estatutaria da Comunidade Autónoma de Galicia e a concreta remisión da normativa estatal aplicable na materia.

Ademais, a problemática concitada para este colectivo de profesionais ten o suficente enxunlla e características propias como para necesitar unha norma particularizada atinente a ela, que na maior medida a resolva. Así ocorre, tanto no proceso de provisión pola idiosincrasia do colectivo ó que propende e as características da organización concernentes, ora estructurais, ora funcionais, como no de selección polas mesmas circunstancias e o feito engadido da existencia dun importante colectivo de profesionais con vínculo temporal, que supoñen en moitos casos un verdadeiro baseamento prestacional do servicio onde se residencian.

Loxicamente, a conformación de ámbolos dous procesos colíxese das características dos servicios que se pretenden cubrir a través deles. Así, no caso do proceso provisorio, tanto a determinación do número de prazas, como o sistema de méritos avaliables dependerá indefectiblemente das peculiaridades asistenciais dos servicios que en moitos casos non resultan totalmente parangonables entre si, así como dos seus aspectos organizativos, funcionais e a composición dos cadros de persoal.

O mesmo tratamento debe predicarse para a configuración do proceso selectivo que deberá atender as citadas características organizativo-funcionais, de ineluctable consideración e o estado do cadro de persoal dos distintos servicios de atención especializada das II.SS. do Sergas.

O sistema aplicado de concurso-oposición resulta o máis plausible para a selección do colectivo onde a relevancia dos méritos acreditados nos distintos aspectos baremables é notable, notoria e de atención indefectible para unha máis correcta valoración das competencias. Así mesmo, constátase que este sistema está plenamente arraigado e goza de verdadeiro predicamento e tradición no sector.

En resumo, con tales alicerces, vehicularanse os dous procesos, coas secuencias e forma que se considere pertinente polas mencionadas razóns e a través do sistema provisorio e selectivo que procure a adecuación ós servicios dos profesionais axeitados, en función das competencias e méritos que acrediten, sen que, de ningún xeito, se menoscabe a harmónica actividade asistencial.

Finalmente, cómpre sinalar que a presente regulamentación apunta a cuestións xenéricas, nucleares ou esenciais dos procesos, sen menoscabo dos aspectos máis concretos que conterán as súas respectivas convocatorias.

Xa que logo, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, trala negociación pertinente coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de persoal sanitario, na reunión do día 11 de novembro de 1998 e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de decembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A presente disposición inclúe no seu ámbito a totalidade dos procesos de provisión por concurso de traslados e selección con vinculación fixa de persoal estatutario da categoría de facultativo especialista de área das institucións sanitarias de atención especializada dependentes do Servicio Galego de Saúde.

A regulamentación que contén non empece, nin menoscaba a aplicación dos preceptos de carácter básico que estean vixentes para o persoal de II.SS. do Sistema Nacional de Saúde. Asimesmo, a presente regulamentación completarase co resto dos preceptos non dotados daquel substancial carácter de aplicación no ámbito do Sistema Nacional de Saúde.

Finalmente, de non existir regulamentación aplicable para o sector sanitario, as lagoas que se produzan supliranse co contido das normas que conforman o estatuto dos funcionarios públicos.

a) Proceso de provisión por concurso de traslados.

Artigo 2º

1. O órgano competente do Servicio Galego de Saúde convocará, para a súa provisión por concurso de traslados, o número de prazas básicas que determine en cada convocatoria, nas correspondentes II.SS. da rede, en función das necesidades organizativas, funcionais e de composición dos cadros de persoal dos servicios afectados no intre en que aquela sexa vehiculada.

2. Os procesos de provisión por concurso de traslados poderán convocarse de xeito conxunto, separado ou independente dos procesos selectivos que se realicen. Emporiso as prazas convocadas non cubertas no proceso ou procesos de provisión por traslados executados acrecerán ó proceso selectivo.

Artigo 3º

1. Só poderán ser adxudicadas no correspondente proceso de traslados de que se trate as prazas previamente convocadas nel, sen que caiban ampliacións ulteriores á formalización das respectivas convocatorias.

2. Se as circunstancias o aconsellan e permiten será posible a adxudicación de prazas por resultas, afectante a aquelas que fiquen vacantes por traslado dun profesional no concreto proceso. Tal sistema de adxudicación deberá ser reflectido necesariamente nas bases da convocatoria respectiva.

Artigo 4º

1. Poderán participar nos concursos de traslados os facultativos especialistas de área estatutarios fixos en situación de servicio activo ou con reserva de praza na especialidade obxecto da convocatoria.

Así mesmo, poderán concorrer aqueles profesionais que se atopen en situación distinta á de activo sen reserva de praza, que reúnan os requisitos legais e reglamentarios para incorporarse ó servicio activo o último día de prazo fixado para presenta-la solicitude.

2. Para poder ser admitido ó concurso será preciso que o persoal en servicio activo ou con reserva de praza tivera tomado posesión da praza desempeñada cun ano de antelación, como mínimo, á finalización do prazo da presentación das solicitudes da respectiva convocatoria. Durante ese período de tempo esixirase a situación de servicio activo do profesional.

3. Será obrigatoria a participación no concurso de traslados para aqueles profesionais facultativos especialistas de área que se achen en situación de reingreso provisorio.

Artigo 5º

1. A convocatoria do concurso de traslados publicarase no Diario Oficial de Galicia. Nela fixarase o prazo para a presentación de solicitudes dos profesionais fixos que desexen concorrer ó concurso de traslados correspondente, que non poderá ser inferior a un mes natural.

Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes, non caberá admitir modificacións do contido daquelas.

2. A presentación de solicitudes poderá realizarase en calquera das institucións sanitarias dependentes do Servicio Galego de Saúde, ademais dos servicios centrais do organismo e da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Igualmente, caberá a súa presentación do xeito previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Artigo 6º

1. Para a resolución do concurso de traslados terase en conta necesariamente un baremo de méritos, publicado como anexo á convocatoria, sen que poida ser de ningún xeito preterido tal baremo, nos termos e valoración que conteña, para a adxudicación de calquera das prazas afectadas.

2. O baremo de méritos conterá, en todo caso, e con valoración preferente, os servicios prestados polo profesional facultativo que conformen as competencias da praza obxecto de cobertura. De tal forma que non se pretira en ningún aspecto substancial o exercicio profesional da especialidade de que se trate, nas modalidades e vínculos varios que poidan resultar de concorrencia.

3. Tamén se terá en conta, en menor medida, a formación do profesional facultativo especialista, cando menos nos seus aspectos docente e discente, que sempre será valorada, de xeito motivado, co fin de procurar da-la entidade pertinente, dentro dos niveis valorativos que se establezan, a esa formación esencial para o devir do desenvolvemento da prestación.

4. Igualmente, valorarase o coñecemento da lingua galega, a través da súa acreditación, nos graos correspondentes, expedida segundo as disposicións aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Finalmente, na convocatoria que formalice o proceso poderá incluírse a valoración doutras actividades, relativas tanto ó exercicio profesional como ós aspectos formativos ou de participación e colaboración, que teñan virtualidade para o cometido profesional dos facultativos.

Artigo 7º

1. O concurso de traslados poderá resolverse con carácter provisional, coa especificación das puntuacións e o destino asignado provisoriamente ós solicitantes. Se as circunstancias o aconsellan caberá publicar exclusivamente as puntuacións para coñecemento dos solicitantes.

2. Os solicitantes disporán dun prazo non inferior a dez días hábiles para formular reclamacións instando a revisión da puntuación asignada e, se é o caso, o destino adxudicado provisoriamente no concurso.

3. Ó tratarse dunha resolución provisoria será posible a súa modificación, ora de oficio, ora por instancia de parte, de existiren erros materiais ou de valoración.

Artigo 8º

O concurso de traslados resolverase con carácter definitivo, especificando as puntuacións asignadas e as prazas adxudicadas ós aspirantes. De terse resolto anteriormente con carácter provisorio, esta resolución definitiva suporá a admisión ou rexeitamento, segundo o caso, das reclamacións formuladas previamente.

A resolución definitiva do concurso, igual que a provisoria, de producirse, será publicada no DOG.

Artigo 9º

1. Os concursantes que obteñan prazas deberán cesar necesariamente na anterior que viñeran ocupando no prazo máximo de tres días hábiles seguintes ó da publicación da resolución definitiva no DOG.

2. A toma de posesión dos adxudicatarios efectuarase nun prazo mínimo de tres días, contados da efectividade do cesamento e un máximo dun mes contado desde a data de publicación da resolución definitiva no DOG. A concreción dos prazos, dentro do mínimo e máximo sinalados, farase na resolución da convocatoria do concurso, respecto en todo caso da normativa básica que resulte de aplicación.

O prazo de toma de posesión será retribuído, agás no suposto de que o concursante reingresara ó servicio activo a través del.

3. Os destinos definitivos adxudicados no concurso serán irrenunciables, coa obriga por parte dos concursantes da toma de posesión da praza nos prazos sinalados na convocatoria, dentro dos máximos e mínimos anteriormente reflectidos. Emporiso poderase prorroga-lo prazo de toma de posesión cando concorran razóns obstativas dela nese prazo de suficiente peso e entidade que o aconsellen, alegadas e probadas polo adxudicatario.

b) Proceso de selección de prazas de facultativo especialista de área.

Artigo 10º

1. As probas selectivas para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de persoal sanitario facultativo especialista de área axustaranse ós principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. O sistema selectivo será o de concurso-oposición, que constará desas dúas fases diferenciadas.

2. A convocatoria ou convocatorias dos procesos selectivos que se vehiculen no ámbito do Sergas deberán inserirase no DOG. Así mesmo adoptaranse as medidas de publicidade necesarias para asegura-la divulgación da convocatoria entre as organizacións, institucións e servicios nos que poida resultar de interese.

3. O proceso selectivo poderase vehicular de xeito conxunto, separado ou independente do proceso ou procesos de provisión por traslados que se formalicen. Isto sen menoscabo de que as prazas non cubertas nese proceso ou procesos provisorios acrezan a aquel.

Artigo 11º

As probas selectivas poderán desenvolverse de xeito descentralizado, ben a través dunha convocatoria única, ou ben mediante convocatorias previas realizadas nos ámbitos territoriais que se determinen. As convocatorias formalizaranse polo órgano competente na materia.

Artigo 12º

O número e especialidade das prazas vacantes que se convoquen nos procesos de selección virán determinados polas razóns organizativas, funcionais e de composición e dotación dos cadros de persoal das institucións e servicios respectivos.

Artigo 13º

A convocatoria das probas selectivas deberá conter alomenos as seguintes especificacións:

a) Número, categoría e especialidade das prazas convocadas.

b) Condicións e requisitos que deberán reuni-los aspirantes.

c) Contido das probas de selección, baremos e programas aplicables nelas, así como o sistema de cualificación.

d) Modelo de solicitude.

e) Prazo de presentación de solicitudes.

f) Composición dos tribunais.

Artigo 14º

As convocatorias establecerán as medidas de coordinación que para o desenvolvemento das probas resulten necesarias, dirixidas, se é o caso, a asegura-la realización simultánea dos exercicios nas distintas localidades.

Requirirase a publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria do proceso e tamén de cada unha das fases que o compoñan.

Artigo 15º

1. A convocatoria e as súas bases vinculan o Servicio Galego de Saúde, os tribunais encargados de xulga-las probas e a quen participen nelas.

2. Unha vez publicadas as convocatorias coas súas bases, poderán ser modificadas no relativo ó incremento de número de prazas convocadas por mor das necesidades do servicio. Neste suposto, sempre que tal incremento non supere o 15% das prazas inicialmente convocadas e que a resolución que o autorice sexa publicada antes da finalización da fase de oposición, non será perceptiva a apertura de novo prazo de presentación de instancias.

3. Poderán aprobarse bases xerais nas que se determinarán os requisitos dos aspirantes, o procedemento de selección, as probas que haxa que superar, os programas e as formas de cualificación aplicables ás sucesivas convocatorias para o acceso a unha determinada especialidade. As citadas bases serán publicadas no DOG.

Artigo 16º

1. Os tribunais serán nomeados pola autoridade convocante, mediante acordo que se publicará no DOG coa antelación dun mes como mínimo ó comezo das probas.

2. Os tribunais estarán compostos dun número de membros non inferior a cinco, e deberá designarse o mesmo número de membros suplentes. Tódolos membros do tribunal, tanto titulares como suplentes, deberán atoparse en posesión de titulación de licenciado universitario co mesmo grupo de clasificación que a esixida para o ingreso. Alomenos dous dos membros que o compoñan acreditarán indefectiblemente a titulación da especialidade convocada.

3. Os tribunais poderán dispoñe-la incorporación ó seu labor de asesores especialistas para todas ou algunhas das probas, de acordo co previsto nas convocatorias. Os devanditos asesores deberán posuí-la titulación académica correspondente á especialidade/s esixidas para o ingreso e limitaranse ó exercicio das súas cualificacións técnicas, en funcións de mero asesoramento para co órgano de selección.

4. Entre os membros dos tribunais deberán figurar con carácter xeral persoas que manteñan unha vinculación profesional de carácter fixo ou en propiedade coas administracións públicas ou os servicios de saúde. Emporiso, con carácter excepcional e se as circunstancias o requiren, coa explicitación suficiente incorporada ó expediente, poderá incorporarse persoal con vínculo non fixo. Tamén poderá designarse como membro do tribunal un representante das organizacións sindicais integrantes da mesa sectorial de persoal sanitario, que deberá acreditar como mínimo o requisito da tiulación de licenciado universitario.

5. Correspóndelles ós tribunais as funcións relativas á determinación da cualificación dos aspirantes con fundamento nos criterios de selección e baremación establecidos, tanto na fase de oposición coma na de concurso. Igualmente, con carácter xeral, adoptarán tódalas medidas que sexan precisas, para o correcto desenvolvemento das probas selectivas, de conformidade co establecido neste decreto e nas correspondentes convocatorias.

Artigo 17º

As probas selectivas para o acceso á categoría de facultativo especialista de área efectuarase polo sistema de concurso-oposición.

A configuración e finalidade de cada unha das fases, procurarán determina-la aptitude, competen

cia e méritos dos aspirantes co resultado da súa orde de prelación no proceso selectivo.

Artigo 18º

1. A fase de oposición, a puntuación máxima da cal será determinada na convocatoria, constará da realización da proba ou probas de carácter selectivo que se concreten nela, coa consideración ineluctable do conxunto de competencias que conforman as prazas que se pretenden cubrir.

2. Cada exercicio ou exercicios da fase de oposición serán eliminatorios, requiríndose para a súa superación atinxir unha porcentaxe de alomenos o 50% da puntuación máxima asignada a cada un deles.

3. O número de aspirantes que superen a fase de oposición poderá ser superior ó número de prazas convocadas. A fase de oposición entenderase superada sempre que o aspirante obteña puntuación igual ou superior á porcentaxe aludida no parágrafo anterior.

4. A fase de oposición das probas selectivas que poidan convocarse pola quenda de promoción interna constará do mesmo ou mesmos exercicios que conformen a quenda libre.

Artigo 19º

1. A fase de concurso terá a puntuación determinada na convocatoria que, en ningún caso, poderá supera-lo 40% da puntuación total asignada ó conxunto do proceso selectivo. Nesta fase de concurso valoraranse unicamente os méritos que se fixen no baremo previo a aquela.

2. Co respecto do contido dos preceptos que resulten básicos para a confección do baremo, sen menoscabo respecto a eles das medidas excepcionais que se poidan articular con rango legal, tal baremo incluirá necesariamente a valoración da experiencia profesional da especialidade convocada concernente á totalidade das competencias que a configuran.

Así mesmo, conterá a avaliación da formación dos aspirantes no seu máis amplo espectro, na procura de que se teña en conta a estimación completa das competencias que conforman a praza de que se trate.

Tamén poderán valorarse outras actividades de carácter científico, discente, docente e de investigación, así como de participación e colaboración en órganos colexiados e igualmente os servicios prestados nas administracións públicas desempeñando funcións de ordenación e planificación de servicios sanitarios.

3. En ningún caso a puntuación obtida na fase de concurso poderá ser aplicada para superar exercicios da fase de oposición.

4. A acreditación dos méritos de acordo co baremo, faranse no prazo e nos termos esixidos na convocatoria.

Artigo 20º

1. Finalizadas as probas selectivas o tribunal fará pública a relación de aspirantes aprobados pola orde da puntuación acadada, que será a que resulte de suma-las puntuacións da fase de concurso e oposición. As prazas adxudicaranse ós aspirantes de acordo coa súa solicitude e pola orde de puntuación final que resulte acadada nas distintas especialidades convocadas.

2. Os empates resolveranse a prol do aspirante que obteña a maior puntuación no conxunto da fase de oposición. No caso de manterse o empate resolverase a favor do aspirante que acredite maior puntuación en cada un dos exercicios desa fase pola súa orde de realización. De persisti-lo empate terase en conta para resolvelo a puntuación acreditada no apartado de experiencia profesional da fase de concurso. Finalmente, de continua-lo empate, resolverase a favor do aspirante de maior idade.

3. A autoridade convocante publicará a relación de aspirantes selecionados no DOG con indicación da praza adxudicada. Só poderán ser declarados aprobados nas probas selectivas e, xa que logo, nomeados, os aspirantes que obteñan praza.

Artigo 21º

1. Con carácter xeral, en función do número de prazas convocadas na oferta de emprego, poderá reservarse unha porcentaxe, cun mínimo dun 25% e un máximo do 50% do total de prazas convocadas para a súa provisión polo sistema de promoción interna.

2. De efectuarse tal reserva, aplicarase ós aspirantes que concorran polo sistema de promoción interna o mesmo contido das fases de oposición e de concurso do proceso selectivo que ós demais aspirantes da quenda libre.

Artigo 22º

Para dar cumprimento á normalización do idioma galego e para garanti-lo dereito dos usuarios dos distintos servicios sanitarios do Sergas ó uso de tal lingua, así como para a promoción do seu manexo por parte dos poderes públicos de Galicia, terá que demostrarse o coñecemento do idioma galego nos termos que establezan as correspondentes convocatorias.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de decembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

11493