Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.142

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 21 outubro de 1998 pola que se establecen axudas para a realización de actividades de alfabetización e formación de adultos na Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 1999.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa

extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolven.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 51.1º que o sistema educativo garantirá que as persoas adultas poidan adquirir, actualizar, completar ou amplia-los seus coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Así mesmo no seu artigo 63.1º recolle que os poderes públicos desenvolverán accións de carácter compensatorio en relación coas persoas, grupos e ámbitos territoriais que se encontren en situacións desfavorables.

A Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos establece no seu artigo 5, entre outras actuacións e programas de acción, a de promove-la colaboración das institucións culturais, profesionais, sindicais, empresariais e universitarias.

Co fin de potenciar aquelas accións conducentes a un mellor desenvolvemento persoal e profesional das persoas adultas e moi especialmente das máis desfavorecidas ou carentes de titulación básica, e á vista dos resultados das convocatorias anteriores, procede continuar co apoio a este tipo de accións cada vez máis consolidadas, así como iniciar novos proxectos que proporcionen a estes cidadáns unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa, promocionarse profesionalmente ou prosegui-los seus estudios.

Os proxectos que teñen por finalidade alcanzar unha cualificación acorde coas necesidades tecnolóxicas e a evolución do mercado de traballo encádranse dentro da acción F.1.-Formación Profesional Educación do obxectivo 1.7 do Marco de Apoio Comunitario para o período 1994-1999, polo que son considerados entre os proxectos susceptibles de seren cofinanciados co Fondo Social Europeo.

Entre as accións que se van desenvolver inclúese as actividades orientadas a supera-las probas de ensinanzas non escolarizadas de formación profesional de primeiro grao, conducentes á obtención do título de técnico auxiliar, así como as orientadas ós programas de garantía social para alumnos que non conseguisen os obxectivos básicos unha vez rematado o ensino obrigatorio e que lles permitan incorporarse á vida activa, continuar estudios posteriores de formación profesional específica de grao medio mediante proba de acceso ou outras ofertas educativas para a obtención do título de graduado en educación secundaria.

Por todo isto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Establécense axudas para o desenvolvemento de actividades que teñan como obxectivo alfabetizar ou eleva-lo nivel de formación básica ou cualificación profesional da poboación adulta, que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 1999, e que o período no que se desenvolven as actividades non sexa inferior a seis meses e 240 horas. Ademais, a cantidade máxi

ma solicitada por actividade deberá ser de 900.000 pesetas correspondente a 360 horas e 9 meses.

Segundo.-A esta convocatoria poderán concorre-las corporacións locais e as institucións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas da Comunidade Autónoma de Galicia. Quedan excluídos os centros docentes que proxecten desenvolver actividades que teñan como obxectivo prioritario a alfabetización ou outras actividades relacionadas coa educación de adultos.

Terceiro.-O importe total das axudas económicas efectuarase con cargo ós conceptos orzamentarios 07.04.322H.480.0, 07.04.322H.460.0, 07.04.322S.460.0 e 07.04.322S.480.0 da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, ata un total de 174.411.000 ptas. A teor do disposto na Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG do 19) pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 1999, en trámite parlamentario.

Para a concesión da axuda será requisito indispensable contar cun mínimo de 15 alumnos por actividade no momento do inicio e da realización das mesmas. Non obstante, cando existan razóns que o xustifiquen, a dirección xeral poderá autorizar excepcionalmente mínimos lixeiramente máis baixos do sinalado anteriormente naqueles concellos con pouca poboación e que non teñan outra oferta educativa.

Cuarto.-As solicitudes serán presentadas polo titular ou representante legal da entidade solicitante, por duplicado, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo de San Caetano, s/n, ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-As solicitudes axustaranse ó modelo establecido no anexo I e irán acompañadas dun proxecto e orzamento de cada actividade, tamén por duplicado, conforme o anexo II.

Así mesmo, xuntarán á documentación sinalada unha certificación bancaria da conta corrente a nome do titular ou representante legal da entidade solicitante na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

Sexto.-Os datos que se presentaran coa solicitude, serán tidos en conta para a súa valoración e pagamento das axudas, polo tanto, esixirase o seu cumprimento sempre e cando non haxa comunicación da súa variación á dirección xeral.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude deberá ser comunicada polo solicitante á devandita dirección xeral para que se resolva o que proceda.

A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para cumplementa-lo expediente, e tamén poderá dis

poñer que se leven a efecto as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional constituirase unha comisión de selección encargada de valora-las solicitudes presentadas.

A dita comisión estará integrada por:

-O subdirector xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos.

-Catro inspectores correspondentes ós Servicios Provinciais da Inspección Educativa.

-O xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica.

-Dous funcionarios da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional; un deles actuará como secretario, con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorreren ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá o que proceda.

A selección e contía das axudas establecerase de acordo coas seguintes prioridades:

a) Con carácter xeral terán prioridade as actividades que:

* Se realicen en concellos ou comarcas nas que non exista oferta pública suficiente de educación de persoas adultas.

* Sexan continuidade de actividades que xa se viñan realizando en cursos pasados.

b) Con carácter particular:

* Actividades dirixidas a persoas adultas que non dominan as técnicas instrumentais elementais, sendo o seu obxectivo dotalos dos coñecementos, destrezas, habilidades e técnicas imprescindibles que lles faciliten a súa promoción persoal, social e laboral, así como a continuidade noutros procesos formativos. Estas ensinanzas estructúranse en dous niveis (Nivel I e II) en función das características e necesidades das persoas que as cursarán e están reguladas na Orde do 26 de maio de 1997 (DOG do 15 de xullo).

* Preparación para a obtención do título de graduado escolar mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional nos meses de xuño e setembro.

* Preparación para a obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional (grao 1º) mediante a proba libre que se realiza nas datas de abril e novembro, que facilite a integración laboral e permita o acceso a outros estudios.

* Programas de iniciación profesional como parte integrante da estructura dun programa de garantía social, de acordo co regulado na Resolución do 19 de maio de 1998 (DOG do 9 de xuño) pola que se

regula o desenvolvemento dos programas de garantía social en centros públicos para o curso 1998-1999.

Sen prexuízo do anterior, terase en conta, ademais dos obxectivos dos proxectos e os orzamentos dispoñibles, a rendibilidade das accións.

Noveno.-Unha vez aprobada a axuda, enviarase, á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional a programación das actividades que se pretenden realizar na que se reflictan: obxectivos, contidos, actividades, metodoloxía, avaliación..., para a súa posterior supervisión.

A dirección xeral, os centros públicos de educación permanente de adultos, e os centros de formación profesional asesorarán as entidades beneficiarias na elaboración das programacións e achegarán a documentación de apoio que sexa necesaria.

Décimo.-As axudas concedidas en cada caso irán destinadas fundamentalmente a sufraga-los gastos de persoal que, como mínimo, alcanzarán o 75% do importe total da axuda concedida e os gastos de funcionamento xerados polo proxecto que non superarán o 25% do importe total da subvención. Deste 25% permitido para gastos de funcionamento arbitraráse a distribución de gastos de forma que un 20% tería a finalidade de gastos de materiais didácticos (textos e materiais dun só uso e materiais funxibles) e un 5% para outros gastos.

As axudas serán aboadas unha vez finalizada a actividade no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para a que foi concedida, xuntando certificación de percibir ou non outras axudas e subvencións para a finalidade subvencionada para o efecto do diposto no artigo 78.3º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financiero e presupostario. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados na mesma data en que se lles comunique a súa concesión das mesmas.

Para aquelas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse, no momento da concesión, un anticipo de pagamento de ata un 80% logo de aceptación da subvención e certificación por parte da entidade de ter comezadas todas las actividades. Así mesmo, xuntarase por parte das entidades solicitantes relación nominal dos alumnos matriculados co seu DNI. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade.

Undécimo.-As entidades que obteñan axudas no marco da presente convocatoria comprométense a:

-Gratuidade das actividades.

-Xestión directa do proxecto subvencionado (non se admitirán convenios ou subcontratas do profesorado, nin cesión da xestión a axencias).

-Facilitar canta información demande a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional.

-Cesión de cantos documentos e materiais se deriven do proxecto para a súa publicación.

-Comunica-lo número real de participantes e os axustes que se pretendan.

-Xuntar copia dos contratos do persoal laboral contratado pola entidade e visados pola oficina pública de emprego.

-En xeral, ó cumprimento do que establece a presente orde e a normativa laboral que lle sexa de aplicación.

Duodécimo.-Como remate de todo o proceso, as entidades subvencionadas quedan obrigadas a presentar, no transcurso dos 15 días posteriores á finalización da execución do proxecto, unha memoria detallada do seu desenvolvemento, que poderá servir como documento de difusión e debate. En todo caso deberán organizarse as actividades co obxecto de poder presentar no seu momento e, sempre antes do 15 de outubro de 1999, a memoria e a xustificación de gastos.

Décimo terceiro.-Nas convocatorias públicas, así como na publicidade e propaganda das accións formativas conducentes á obtención do título de técnico auxiliar de formación profesional ou ensinanzas profesionalizantes que se desenvolvan ó amparo desta orde e, así mesmo, nos lugares onde se realicen as referidas accións, deberá figurar que estas, están cofinanciadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e o Fondo Social Europeo, ambas denominacións cos seus respectivos logotipos.

Décimo cuarto.-A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional realizará o seguimento dos proxectos subvencionados a través dos Servicios Provinciais da Inspección Educativa. Este seguimento ten como obxecto a realización de visitas e posterior avaliación de todas e cada unha das actividades subvencionadas.

Décimo quinto.-A subvención poderá ser revogada, despois da audiencia ós interesados, sempre que dos informes de seguimento se deduza que as actividades non se axustan ó proxecto subvencionado. Esta circunstancia suporá a devolución das cantidades percibidas en virtude desta convocatoria e exerceranse, se for o caso, as accións legais pertinentes para esixi-lo reintegro correspondente segundo Orde do 21 de xullo de 1998 (7 de agosto) do conselleiro de Economía e Facenda pola que se regula o procedemento de recadación nos supostos de reintegros de axudas ou subvencións públicas, pensións asistenciais e subsidios económicos.

Décimo sexto.-Facúltase expresamente a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo sétimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 1998.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

10775