Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.141

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 27 de novembro de 1998 pola que se clasifica como formativo-ocupacional a Fundación Mestre Mateo.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Mestre Mateo, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Ramón Diéguez Rodríguez, en escrito do 30 de outubro de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 16 de outubro de 1998, ante o notario Manuel Reigada Montoto, co número tres mil trescentos trinta e oito do seu protocolo por Antonio Dieter Moure Areán, Francisco Feliz Gudiña, Martín Roberto Rivas Pérez, Serafín Pita Freire, Guillermo García Sangiao, Antonio Pérez Pérez, Ramón Hermida Pumares, Julio Díaz Esculante e José Lodeiros Blanco, que interveñen todos no seu propio nome e dereito e Antonio Dieter Moure Areán, ademais, en representación da entidade Federación Galega de Academias.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promover e imparti-la formación dirixida á inserción ou mellora profesional, especialmente dos mozos, e, sinaladamente, dos que teñen máis dificultades por carencia económicas ou de adaptación social.

4. O padroado da fundación estará constituído por Antonio Dieter Moure Areán como presidente, José Lodeiros Blanco como vicepresidente primeiro, Ramón Hermida Pumares como vicepresidente segundo, Guillermo García Sangiao como secretario, Francisco Feliz Gudiña como tesoureiro e Martín Roberto Rivas Pérez, Serafín Pita Freire, Antonio Pérez Pérez e Julio Díaz Esculante como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como formativo-ocupacional da Fundación Mestre Mateo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como formativo-ocupacional e a súa adscrición á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de novembro de 1998.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como formativo-ocupacional a Fundación Mestre Mateo e adscribila á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 1998.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública

10940