Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Mércores, 09 de decembro de 1998 Páx. 13.147

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 19 de novembro de 1998 pola que se recoñece de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego a Fundación Lois Peña Novo.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lois Peña Novo, con domicilio na rúa Alfonso XII 2º. Redondela. Pontevedra.

Supostos de feito:

Primeiro.-Carmen Pérez Vaquero, na súa calidade de secretaria do padroado da fundación, en escrito do 10 de xuño de 1998, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública outorgada en Redondela, o día 12 de febreiro de 1998, ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Ramón Mucientes Silva co número douscentos dezaoito do seu protocolo por María Carmen Pérez Vaquero, Juan Manuel García Rodríguez, Josefa Salgueiro Míguez, Juan Rodríguez Aira, Margarita Luz Lubián Costas, Óscar Guillermo Fontán Feijóo, Alejandro González Suárez, Manuel Iglesias Camaño, José Antonio Amoedo Barciela, Xosé González Martínez, Luis Torrado Vázquez, Sonia Sánchez Muñoz-Redondo e Rafael Castro Cardama, que interveñen no seu propio nome, facéndoo Xosé González Martínez en nome e representación de Obdulio Iglesias Otero, José Antonio Lago García, Casiano García Barciela, Fernando Covelo Rodríguez, Ramón Ángel Agulla Bara, José Ramón Mato Lodeiro e Roberto Gil Moure.

Terceiro.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Lois Peña Novo, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública, do 19 de outubro de 1998 (DOG do 27 de outubro) clasificouse como de inte

rese cultural a Fundación Lois Peña Novo, tendo en conta o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo cinco dos seus estatutos, o obxecto da fundación é o de estimula-lo estudio e fomento da lingua galega no eido das administracións públicas, para os que a fundación prevé a publicación de monografías e convocatoria de seminarios e premios anuais.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, constan, entre outros, os seguintes puntos: acreditación da personalidade dos fundadores, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación da fundación como Fundación Lois Peña Novo, capacidade xurídica, enderezo e obxecto.

O padroado da fundación estará constituído por Óscar Guillermo Fontán Feijóo como presidente, Carmen Pérez Vaquero como secretaria, Fernando Covelo Rodríguez como tesoureiro, Manuel Iglesias Camaño como vicepresidente, José Ramón Mato Lodeiro como vicesecretario, Sonia Sánchez Muñoz-Redondo, José Antonio Lago García e Xosé González Martínez como vocais.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27. 26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o artigo 1 do Decreto 12/1990, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Lois Peña Novo, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débense destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da súa dotación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21. 2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria

das actividades realizadas ó longo do ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data do peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións da Sección de Fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Lois Peña Novo.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de fundacións da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

10776