Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 03 de decembro de 1998 Páx. 13.019

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 343/1998, do 20 de novembro, polo que se cede, a título gratuíto, o dereito de superficie do terreo sobre o que se construíu o campo de fútbol da Zapateira, situado na parroquia de San Vicente de Elviña, termo municipal da Coruña.

Mediante escritura pública outorgada o 19 de febreiro de 1975, a Caja de Ahorros- Monte de Piedad de La Coruña y Lugo cedeu gratuitamente, por trinta anos, ó Movemento Nacional (Delegación Nacional de Educación Física e Deportes) un dereito de superficie sobre un predio de 16.074 m situado na parroquia de San Vicente de Elviña, termo municipal da Coruña, coa finalidade de construír un campo de fútbol.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura (BOE nº 235, do 1 de outubro), posúe a titularidade do dereito de superficie constituído sobre o terreo no que se construíu o campo de fútbol da Zapateira, situado no termo municipal da Coruña.

O Concello da Coruña solicitou da Secretaría Xeral para o Deporte a cesión das citadas instalacións do campo de fútbol da Zapateira, co fin de dedicalas a actividades deportivas.

A Secretaría Xeral para o Deporte, con data do 5 de maio de 1998, informou favorablemente a cesión solicitada.

Logo da petición da Secretaría Xeral e do Patrimonio, a Caixa de Aforros de Galicia, concedente do dereito de superficie, manifestou a súa conformidade coa cesión ó Concello da Coruña do dereito de superficie, sempre con suxeición ós mesmos termos que constan na dita escritura.

Mediante Decreto 301/1998, do 12 de novembro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 222, do 16 de novembro) desafectouse do dominio público o antedito inmoble, logo do informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Mediante orde da Consellería de Economía e Facenda do 13 de novembro de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 223, do 17 de novembro) declarouse a alleabilidade do antedito ben inmoble.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da antedita consellería, tramitou o expediente de cesión da titularidade do devandito ben inmoble de acordo co previsto nos artigos 30 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 83 e seguintes do seu regulamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello

da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión, a título gratuíto, a favor do Concello da Coruña, do seguinte ben inmoble:

Dereito de superficie do terreo sobre o que se construíu o campo de fútbol da Zapateira, situado na parroquia de San Vicente de Elviña, termo municipal da Coruña, que se describe como segue: monte baixo penedoso, con algún labradío, que recibe as denominacións de Revolta, Gómez, Revolta de Maeda, Maeda, Revolta de Adentro, Castelo e Pedra das Meigas, dunha extensión superficial de dezaseis mil setenta e catro metros cadrados, que linda ó norte, monte Da Revolta da Baieda e máis de José Rumbo García; ó sur, Juan Bermúdez Pan e Manuela Bermúdez Pan, muro no medio; ó leste, muro que separa do monte do Sr. Rostro, hoxe de José Rumbo García, outro de Juan Bermúdez Galán, hoxe tamén do citado Sr. Rumbo García e ó oeste, camiño público a Vilaboa, cerre no medio.

O dito ben inmoble atópase inscrito a nome da Comunidade Autónoma de Galicia no Rexistro da Propiedade nº 2 da Coruña, no libro 460, folio 260, predio número 35.156.

Artigo 2º

A cesión queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do ben inmoble a actividades deportivas, con suxeición ás condicións establecidas na escritura pública de constitución do dereito de superficie do 19 de febreiro de 1975.

b) Se ó ben cedido non se aplicase o fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, considerarase resolta a cesión e o inmoble reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioracións que experimentase.

Artigo 3º

A cesión formalizarase mediante escritura pública subscrita polo secretario xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10984