Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 03 de decembro de 1998 Páx. 13.020

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 344/1998, do 20 de novembro, polo que se acepta a cesión, a título gratuíto, dun predio situado no termo municipal de Valga (Pontevedra), feita a favor da Comunidade Autónoma de Galicia para a construcción dun centro de ensino secundario.

O Pleno da corporación municipal de Valga, en sesión celebrada o 16 de marzo de 1998, acordou a cesión á Xunta de Galicia dun predio para a construcción dun centro de ESO e ESPO.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da dita lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco; se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Valga acordou a cesión e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, nos termos fixados no acordo do Pleno do Concello de Valga, a cesión gratuíta feita polo dito concello a favor da Comunidade Autónoma de Galicia do terreo situado no monte de Baño, parroquia de Xanza, termo municipal de Valga (Pontevedra) dunha superficie aproximada de 12.000 m que se segregará do predio matriz denominado Casal. Linda ó norte e ó sur, estrada; e ó leste e ó oeste, campo de fútbol que se segregará do dito predio matriz.

O predio matriz figura inscrito no Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis, no tomo 465, libro 66 de Valga, folio 176, predio nº 6.025, inscrición 1ª.

Artigo 2º

O inmoble cedido destínase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dun centro de ensino secundario.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e a inscrición do ben no rexistro da propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10947