Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Martes, 01 de decembro de 1998 Páx. 12.845

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 16 de novembro de 1998 pola que se regulan os pagamentos ás unidades informantes pola súa colaboración co Instituto Galego de Estatística.

O Instituto Galego de Estatística precisa da colaboración cidadá para a elaboración das estatísticas incluídas no Plan Galego de Estatística e os seus programas anuais.

A obriga de colaboración regúlase na sección terceira do capítulo III, título I da Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia modificada pola Lei 7/1993, do 24 de maio. No artigo 23 recóllese que a norma reguladora de cada estatística sinalará, se é o caso, o dereito á compensación económica polos gastos que teña que asumi-la unidade informante provocados pola esixencia de subministra-la información en soporte informático ou que obrigue a unha recompilación previa de datos que na forma demandada non se encontre á disposición da administración ordinaria do informante.

Para unha adecuada execución do Plan Galego de Estatística 1998-2001, quérense compensar aquelas unidades que faciliten información de forma reiterada e aquelas ás que lles supoña un esforzo en tempo -polo elevado número de datos solicita

dosou complexidade. É o caso da operación estatística denominada Producción e Prezos do Leite que ten por obxectivo coñecer, cunha periodicidade mensual, a evolución dos prezos percibidos e pagados nas explotacións, ou da operación Enquisa de Condicións de Vida das Familias que investiga datos básicos sobre a evolución da situación da familia, vivenda, residencia, formación, actividade e coñecemento e uso do galego.

Con base no anterior, por proposta do Instituto Galego de Estatística, e en uso da facultade que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderase compensa-lo tempo e o esforzo realizado polas unidades informantes que, elixidas mediante mostraxe, lle faciliten ó Instituto Galego de Estatística información para as operacións estatísticas Producción e Prezos do Leite e Enquisa de Condicións de Vida das Familias, contidas no Plan Galego de Estatística 1998-2001.

Artigo 2º

A contía da compensación que se vai aboar será un pagamento de 3.000 pesetas por cuestionario correctamente cuberto no caso da Enquisa de Condicións de Vida das Familias, e outro de 15.000 pesetas anuais pola colaboración mensual na enquisa Producción e prezos do leite. Ámbalas dúas cantidades enténdese por importes brutos.

Artigo 3º

O pagamento aplicarase á operación estatística correspondente e con carga á aplicación 05.050.441A.640.1 Plan Galego de Estatística do orzamento do Instituto Galego de Estatística para cada exercicio.

Artigo 4º

A información subministrada terá o carácter de segredo estatístico e estará sometida ó preceptuado ó respecto na Lei 9/1988, do 19 de xullo, de estatística de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director do Instituto Galego de Estatística para dicta-las instruccións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 1998.

José A. Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

10928