Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 26 de novembro de 1998 Páx. 12.701

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 329/1998, do 12 de novembro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV e centro de transformación das Cortizas-As Leguas, no concello de Monfero, provincia da Coruña. (Expediente 51578).

Hidroeléctrica del Zarzo, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Mancebo, 6, Pontedeume-A Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 1.216 m de lonxitude, conductor tipo LA-30, desde a L.M.T. Eume-O Pedrido, e un C.T. de nova construcción nas Cortizas de 25 kVA a 15.000-20.000 (2,5 5%/398-230 V, afectando no seu percorrido o termo municipal de Monfero (A Coruña). (Expediente 51578).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 5-10-1994, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 24 de novembro, e no BOP da Coruña do 19 de novembro.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable a este expediente en virtude do establecido polo punto 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 28-7-1998, no BOP da Coruña do 15-7-1998, no xornal La Voz de Galicia do 22-7-1998 no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Monfero e nos

da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública formularon alegacións:

1. María del Carmen Espiñeira Blanco, titular dos predios nº 1, 7, 9 e 12, manifesta que os predios afectados están poboados na súa totalidade por especies forestais e que carece de documentación que permita coñece-la afección da liña así como a valoración económica; que se pretende instala-la liña eléctrica pola zona que máis prexuízos orixina para subministrar enerxía a tres vivendas, considerando máis idóneo reforza-la liña xa existente, polo que solicita que o proxecto sexa modificado ou anulado.

2. Antonio Blanco Marcos, propietario dos predios nº 2 e 8, manifesta que os predios están poboados na súa totalidade por especies forestais, polo que o trazado supón un gravame para o desenvolvemento forestal dos predios; ademais carece de documentación que permita coñece-la afección da liña así como a valoración económica; engade que no ano 1996 a empresa beneficiaria entrou en contacto co propietario para advertirlle sobre a instalación da liña, e desde entón non foi proposta ningunha actuación pola empresa para o mutuo acordo. Por último, propón que utilice o trazado unha liña de baixa tensión existente na zona.

3. Antonio García Corral, propietario dos predios nº 3, 6 e 12, manifesta que os predios afectados están poboados na súa totalidade por especies forestais polo que o trazado supón un gravame para o desenvolvemento forestal dos predios, ademais carece de documentación que permita coñece-la afección da liña así como a valoración económica; por último, propón que utilice o trazado unha liña de baixa tensión existente na zona.

4. Andrés Vila García, propietario do predio nº 14, manifesta que os predios afectados están poboados na súa totalidade por especies forestais polo que o trazado supón un gravame para o desenvolvemento forestal dos predios; ademais carece de documentación que permita coñece-la afección da liña así como a valoración económica; por último, propón que se modifique o proxecto facendo a liña subterránea ou utilizando o trazado unha liña de baixa tensión existente na zona.

As alegacións fóronlle remitidas á empresa beneficiaria.

Á vista das alegacións presentadas e das respostas da empresa beneficiaria, dedúcese que non se pode acceder ás modificacións propostas polos alegantes xa que non é tecnicamente posible utiliza-las ins

talacións de baixa tensión existentes para a conducción de enerxía eléctrica a 15/20 kV; así mesmo, non se pode acepta-lo paso a subterráneo, xa que excede amplamente o 10% de exceso de orzamento que establece o artigo 26 do Decreto 2619/1966. Por outra banda, non se consideran as alegacións relativas á valoración da afección, por non se-lo prezo xusto obxecto desta fase do expediente.

Unha vez practicada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Polo que antecede, considérase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Hidroeléctrica del Zarzo, S.A., xa que con esta liña se pretende subministrar enerxía a subestación de Cedeira, partindo da de Intasa para poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, calidade e regularidade do servicio, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Hidroeléctrica del Zarzo, S.A., da liña eléctrica aérea ó centro de transformación das Cortizas-As Leguas.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Monfero (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

10445