Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Xoves, 26 de novembro de 1998 Páx. 12.702

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 11 de novembro de 1998 pola que se convocan subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais.

A orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998 (DOG nº 34, do 19 de febreiro) regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

A aplicación desta orde supón un paso moi importante na axilización do proceso de execución orzamentaria coas conseguintes vantaxes para os administrados e sen mingua da soberanía do Parlamento, xa que non se poderán conceder efectivamente as subvencións ata a aprobación do crédito que vaia ampara-lo gasto.

O asociacionismo cultural ten un forte enraizamento na sociedade galega. Galicia goza de múltiples asociacións que veñen realizando un inxente labor de potenciación e creación do día a día da cultura en tódolos seus campos, así como actividades de recuperación da nosa memoria histórico-cultural, contribuíndo así ó acceso á cultura da poboación galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quere contribuír desde as súas posibilidades á promoción e desenvolvemento das actividades culturais de especial relevancia e difusión, tanto as de carácter puntual como aquelas que teñan unha continuidade no tempo realizadas polas entidades culturais galegas. Por todo isto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

Convócanse subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais de Galicia, destinadas á realización de actividades nos campos de promoción e cooperación cultural, e da difusión e animación sociocultural que contribúan á difusión e promoción da cultura galega.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.B.481.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1999.

2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de cinco millóns (5.000.000) de pesetas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, as asociacións e institucións culturais legalmente constituídas, sen ánimo de lucro, con domicilio social en Galicia, así como aquelas que realicen as súas actividades culturais, de interese xeral, na Comunidade Autónoma de Galicia, e sexan de especial relevancia cultural, cunha repercusión no ámbito auto

nómico ou provincial e cunha acreditada continuidade no tempo.

2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 4º.-Presentación de solicitude, prazo e documentación.

1. Os que desexen acollerse a esta orde deberán presenta-la correspondente solicitude no prazo de 30 días naturais contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais desta ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude irá xunto coa documentación seguinte:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

-Memoria explicativa do programa de actividades que se pretenden realizar indicando o ámbito territorial e social destas.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Memoria na que se sinalen as actividades realizadas ata o ano 1998 polo solicitante, así como a traxectoria cultural desta.

Artigo 5º.-Valoración e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

a) Importancia e intererese cultural das actividades propostas no proxecto presentado, con especial valoración dos proxectos que contribúan á difusión da cultura galega.

b) Ámbito territorial e social do proxecto.

c) Carácter continuado e non ocasional do proxecto, así como a súa proxección social.

d) Valoración económica do proxecto.

2. Unha vez analizadas e valoradas as solicitudes, o director xeral de Promoción Cultural elevará proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Pagamentos e xustificación.

1. Unha vez concedida a subvención e aceptada por escrito, polo beneficiario, librarase a cantidade

adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa de aplicación.

2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas, no prazo dos quince días naturais posteriores á realización das actividades e, en todo caso, antes do 1 de novembro do ano 1999, mediante a achega dos xustificantes acreditativos, o orixinal e dúas fotocopias, de que a actividade foi realizada, xunto coa relación detallada destes, así como memoria das actividades desenvolvidas en relación coa finalidade da axuda concedida.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos e deben comunicarlle á Dirección Xeral de Promoción Cultural o lugar, o día e a hora da actividade subvencionada, así como comunicar calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada, que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Dirección Xeral de Promoción Cultural, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

Artigo 8º.-Anulación e reintegro da axuda.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º.-Desestimación.

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir do remate do prazo de presentación de solicitudes, entenderase desestimada a petición correspondente e poderá o solicitante, a partir desta data, retira-la documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 1998.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

10710