Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 25 de novembro de 1998 Páx. 12.678

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 1998 pola que se revoga a do 29 de novembro de 1995, e modificación das bases definitivas da zona de concentración parcelaria de Covas, Esmelle, Marmancón e Mandía (Ferrol-A Coruña).

A concentración parcelaria da zona de Covas-Esmelle-Marmancón (Ferrol-A Coruña), foi declarada de utilidade pública e urxente execución por Decreto 257/1983, do 15 de decembro, e acordouse, por resolución da Dirección Xeral de Planificación e Desenvolvemento Agrario do 27 de novembro de 1985 amplia-lo perímetro da devandita zona, comprendendo a parroquia de Santa Uxía de Mandiá. Con data do 28 de novembro de 1990 foron aprobadas as bases definitivas da devandita zona, que están actualmente pendentes de firmeza.

Con posterioridade a esta aprobación, con data do 29 de novembro de 1995, a Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural dicta resolución modificatoria das devanditas bases definitivas, pola que se autoriza o servicio provincial para a actualización destas, e ó mesmo tempo, acórdanse as seguintes exclusións:

2.1. Excluí-la extensión de terreo comprendido entre o límite da zona de influencia de costas e a liña de costa que delimita o dominio público marítimo-terrestre.

2.2. Excluír, así mesmo, as zonas incluídas nos seguintes subperímetros:

1.2.a) Mina de Covarredeiras (Covarredeiras-Covas).

1.2.b) A Toupeira (Ragón-Covas).

1.2.c) Necrópole de Espadañido (mámoas 1 e 2) (Valadora-Esmelle).

1.2.d) Castro de Tralocastro (Tralocastro-Esmelle).

1.2.e) Castro de Papoi (Papoi-Marmancón).

1.2.f) Castro de Vilela (Vilela-Mandiá).

1.2.g) Castro dos Castros (Fraga-Mandiá).

1.2.h) O Casal (Esmelle).

1.2.i) O Murado (Castido-Esmelle).

2.3. Excluí-lo subperímetro que abrangue a masa húmida situada ó sueste do Comunal das Cabazas, rodeada de parte do C-33, C-37, C-37a e C-35, a estrada que une Esmelle coa que une Covas con San Xurxo e esta última.

Ante a emisión de novos informes por parte dos diversos organismos públicos involucrados no proceso concentrador de referencia, así como o interese posto de manifesto polos representantes dos propietarios na xunta local da zona na reunión da súa comisión permanente celebrada o 13 de maio de 1998 e reiterada o día 5 de outubro de 1998, data na que se celebra a reunión da citada xunta local, na que se aproba por unanimidade a proposta de solicitar da Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural a revogación da Resolución do 29 de novembro de 1995 modificatoria das bases definitivas da zona, e

Vistas a Lei de reforma e desenvolvemento agrario do 12 de xaneiro de 1973, a Lei galega 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións legais vixentes de aplicación ó caso,

Esta dirección xeral, no uso das facultades que lle veñen conferidas pola citada lei galega,

ACORDA:

1. Revogar integramente os puntos 2 e 3 da resolución de Dirección Xeral de Estructuras e Desenvolvemento Rural, do 29 de novembro de 1995, modificatoria das bases definitivas de concentración parcelaria da zona de Covas-Esmelle-Marmancón-Mandiá (Ferrol-A Coruña).

2. Modifica-las bases definitivas de concentración parcelaria da zona de Covas-Esmelle-Marmancón-Mandiá (Ferrol-A Coruña), no sentido de:

2.1. No terreo comprendido entre o límite da zona de influencia de costas e a liña de costa que delimita o dominio público marítimo-terrestre, terán tratamento de subperímetro as zonas de Sta. Comba e Ponzos, así como O Vilar (entre as estradas de Covas a Prioiro e a estrada do Vilar). Todo iso sen prexuízo de posterior exclusión das parcelas ou porcións destas afectadas polo deslinde do citado dominio público.

2.2. Así mesmo, terán a consideración de subperímetros as zonas de protección ou respecto arqueolóxico dos seguintes xacementos:

-Mina de Covarradeiras (Covarradeiras) (Mandiá-Covas).

-A Toupeira (Ragón-Covas).

-Necrópole de Espadañido, mámoas 1 e 2 (Espadañido-Mandiá).

-Castro de Tralocastro (Tralocastro-Esmelle).

-Castro de Papoi e S. Pedro de Marmancón (Marmancón).

-Castro de Vilela (Vilela-Mandiá).

-Castro dos Castros (Fraga-Mandiá).

-O Casal (Esmelle).

-O Murado (Castido-Esmelle).

2.3. Excluí-las parcelas nºs. 45 a 62 (ámbalas dúas) e 134 a 171 (ámbalas dúas) do polígono 11-1 de bases definitivas, consonte coa recomendación recollida no informe emitido o 25 de agosto de 1998 pola Demarcación de Costas en Galicia.

3. Dispoñer que a presente resolución se lles comunique ás administracións públicas implicadas, así como que para o seu xeral coñecemento se publique na forma prevista na lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 1998.

José Mariano Pérez Fernández

Director xeral de Desenvolvemento Rural

10434