Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 23 de novembro de 1998 Páx. 12.546

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 316/1998, do 12 de novembro, polo que se establecen os órganos competentes para a incoación e a instrucción dos procedementos sancionadores en materia de turismo.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, dota a Comunidade Autónoma dunha normativa turística xeral, que fixa o marco legal adecuado para o desenvolvemento do sector, axustado ás peculiaridades do turismo desta comunidade.

Entre as pretensións máis salientables desta lei atópase a ordenación e promoción do sector turístico, mediante unha política integradora na que as funcións de policía desempeñan un papel relevante para a vixilancia do cumprimento da normativa e a previsión dos mecanismos correctores das conductas infractoras.

Así, o título VI da lei aborda canto se refire á disciplina turística, regulando o procedemento sancionador aplicable, axustado ós principios previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, entre os que se atopa o principio de separación entre o órgano instructor e o resolutor como unha garantía de imparcialidade derivada da vixencia do principio acusatorio.

Respecto da potestade resolutoria, o artigo 99 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, establece os diferentes órganos competentes para imposición da sanción, en función da contía ou natureza dela. Nembargantes, a lei deixa pendente de desenvolvemento regulamentario a determinación dos órganos competentes para incoar e instruí-los procedementos sancionadores.

Así, en cumprimento do disposto no artigo 100.2º da Lei 9/1997, do 21 de agosto, por este decreto determínanse os órganos competentes para incoar e instruí-los procedementos sancionadores que se tramiten ó abeiro da devandita lei.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Cultura, Cumunicación Social e Turismo, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Incoación.

A competencia para a incoación dos procedementos sancionadores por infraccións en materia de turismo correspóndelles ós delegados pronvinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 2.-Instrucción.

A instrucción dos procedementos sancionadores incoados en materia de turismo será levada a cabo polos servicios de Turismo das delegacións pronviciais da Consellería de Cultura, Comunicación

Social e Turismo, e axustarase ó previsto nos artigos 134 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, 100 e 101 da Lei autonómica 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

10707