Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Luns, 23 de novembro de 1998 Páx. 12.541

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 315/1998, do 12 de novembro, polo que se aproba o Regulamento da Inspección Turística.

A Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción do turismo en Galicia, delinea as bases dunha normativa turística xeral, fixando o marco legal axeitado para o desenvolvemento do sector turístico, axustado ás peculiaridades do turismo da Comunidade Autónoma, para consecución dos fins que lle son propios.

Entre os obxectivos finalistas da lei, atópase a potenciación da Inspección do Turismo como garante dos principios e directrices establecidos na propia lei. Neste sentido a inspección configúrase como instrumento axeitado e relevante para a verificación e o control do cumprimento das obrigas impostas por aquela e pola demais normativa turística aplicable.

A virtualidade práctica das pretensións apuntadas atopa o seu acomodo normativo no título VI capítulo II da Lei 9/1997, do 21 de agosto, que establece o marco xurídico básico da Inspección Turística, creando no seu artigo 80 a escala técnica de Inspección do Turismo dentro do corpo de xestión da Xunta de Galicia, coa estructura, dependencia e funcionamento orgánico que regulamentariamente se estableza.

Ó abeiro destas previsións, díctase o presente decreto aprobando o Regulamento da Inspección Turística, que vai configura-la inspección como medio idóneo para contribuír á mellora do turismo, mediante a verificación do cumprimento da normativa vixente, a colaboración na ordenación turística, así como o asesoramento e apoio ó sector, garantindo á vez os dereitos dos propios usuarios.

O regulamento, que se estructura en cinco capítulos e trinta e un artigos, establece unha regulación precisa das funcións, organización, planificación e actuación da Inspección do Turismo, así como o sistema de acceso á escala técnica de inspección e horario de traballo dos inspectores, en atención ás peculiaridades propias do seu labor.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de conformidade co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de novembro de mil novecentos noventa e oito,

DISPOÑO:

Artigo único.-Apróbase, en aplicación do artigo 80 e da disposición derradeira primeira da Lei 9/1997, do 21 de agosto, de ordenación e promoción

do turismo en Galicia, o Regulamento da Inspección Turística que se xunta no anexo do presente decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.-O persoal da Xunta de Galicia que, á entrada en vigor do presente decreto, desempeñe funcións de inspector de turismo, poderaas seguir desempeñando na forma e condicións previstas neste regulamento, mentres ocupen os seus actuais postos de traballo.

Segunda.-Os funcionarios pertencentes ó corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, grupo B, que á entrada en vigor do presente decreto desempeñen funcións de Inspector do Turismo poderán integrarse na escala técnica de inspección turística ou mante-la súa situación actual de acordo co establecido na disposición anterior. Para tales efectos deberán presentar escrito de opción no prazo dun mes desde a data de entrada en vigor do presente regulamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo para dicta-las normas que sexan precisas para o desenvolvemento do disposto neste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de novembro de mil novecentos noventa e oito.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO

Regulamento da Inspección Turística

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º

O presente regulamento establece a estructura, dependencia e funcionamento orgánico da escala técnica de Inspección Turística.

Artigo 2º

A Inspección Turística ten por obxecto á verificación e control do cumprimento das obrigas impostas pola normativa turística vixente, así como o asesoramento e informe sobre requisitos de infraestructura e funcionamento das empresas, establecementos e actividades, e o seguimento da execución dos investimentos subvencionados.

Artigo 3º

A función inspectora en materia de turismo correspóndelle á Administracción turística da Comunidade

Autónoma de Galicia, e será exercida de conformidade co artigo 80 da Lei 9/1997, do 21 de agosto, polos funcionarios da escala de Inspección Turística.

Artigo 4º

Correspóndelle á Inspección Turística as seguintes funcións:

1. Vixilancia e verificación do cumprimento das disposicións e normativa vixente en materia de turismo.

2. Investigación e comprobación dos feitos obxecto das reclamacións e denuncias dos particulares, asociacións e organismos de consumidores e usuarios, así como das comunicacións de presuntas infraccións ou irregularidades.

3. Constatación da existencia de infraestructuras e dotación dos servicios obrigatorios esixidos pola lexislación turística.

4. Asesoramento ás empresas turísticas sobre as esixencias, cumprimento e aplicación da normativa vixente.

5. Emisión dos informes técnicos que lle solicite a Administración turística, nos seguintes casos:

a) Apertura e clasificación de novos establecementos e instalacións turísticas e demais autorizacións necesarias para o funcionamento das empresas turísticas, así como para as modificacións, cambios de actividade e reclasificacións.

b) Peche de establecementos e instalacións.

c) Control da execución das accións subvencionadas e vixilancia do cumprimento das condicións requiridas ou dos convenios asinados que motivaron a concesión de subvencións por parte da Administración turística.

d) Estado das infraestructuras turísticas.

e) Calquera outro informe que lle sexa solicitado en materia de turismo.

6. Velar pola igualdade na prestación dos servicios turísticos en Galicia, en atención á modalidade e categoría dos establecementos, dentro do marco normativo vixente.

7. Obtención e canalización da información turística de calquera clase, relativa á situación real do turismo en Galicia.

Artigo 5º

1. Os funcionarios da Inspección de Turismo, no exercicio das súas funcións inspectoras, serán considerados axentes da autoridade, para os efectos da responsabilidade de quen ofreza resistencia ou cometa atentado ou desobediencia contra eles, en acto de servicio ou con motivo del. O director xeral de Turismo dará conta daqueles actos á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, para que exerza as accións legais que correspondan.

2. No exercicio do seu cometido os inspectores gozarán de independencia e para o mellor cumpri

mento das súas funcións poderán, polas canles adecuadas, solicita-lo auxilio e apoio das Forzas e Corpos da Seguridade do Estado, da policía adscrita á Comunidade Autónoma e da policía local, así como a cooperación doutras administracións públicas.

3. Os inspectores de turismo estarán provistos dunha tarxeta de identificación expedida pola Dirección Xeral de Turismo, que deberán exhibir con carácter previo ó exercicio das súas funcións e en tódolos casos en que lle sexa requirida polos interesados.

Artigo 6º

1. No exercicio das súas funcións, sen mingua da súa autoridade e do cumprimento dos seus deberes, os inspectores de turismo, gardarán a maior consideración e cortesía cos interesados e co público en xeral, informándoos, con motivo das súas actuacións inspectoras, tanto dos seus dereitos e deberes como das actuacións que deben levar a cabo en cumprimento das súas obrigas.

2. O persoal da Inspección Turística, deberá gardar sixilo e observar estricto segredo verbo dos asuntos que coñeza por razón do seu cargo.

Capítulo II

Planificación e ordenación da inspección

Artigo 7º

1. O director xeral de Turismo, que asume a dirección da Inspección do Turismo, aprobará no mes de xaneiro de cada ano o Plan Anual de Inspección.

Artigo 8º

1. O Plan Anual de Inspección constitúe o marco básico da actuación inspectora, para o cumprimento dos obxectivos marcados pola Dirección Xeral de Turismo, sen prexuízo das actuacións específicas, consonte os criterios de eficacia e oportunidade.

2. O plan anual será confeccionado polo Servicio de Inspección do Turismo baixo a supervisión da Subdirección Xeral de Ordenación do Turismo, que o proporá para a súa aprobación.

3. O plan determinará como mínimo os seguintes aspectos:

a) Tipoloxía das empresas, actividades e establecementos turísticos obxecto da inspección.

b) Modalidade e categoría dos establecementos que se van inspeccionar.

c) Obxecto material, contido e finalidade da inspección.

d) Duración temporal e ámbito xeográfico de determinadas actuacións, se fose o caso.

4. O Servicio de Inspección do Turismo e os Servicios de Turismo das delegacións provinciais confeccionarán unha memoria xustificativa da execución e resultado do plan dentro do seu respectivo ámbito. As memorias serán elevadas polo responsable de cada servicio, antes do 15 de decembro, á Dirección Xeral de Turismo.

Artigo 9º

A Inspección Turística estructúrase nas seguintes unidades administrativas:

a) Inspección central.

b) Inspeccións provinciais.

Artigo 10º

A inspección central e as inspeccións provinciais teñen como ámbito xeográfico de actuación a Comunidade Autónoma galega e a provincia respectivamente, e estarán integradas polos inspectores de turismo que en cada momento se atopen destinados nelas.

Artigo 11º

1. A inspección central dependerá do Servicio de Inspección do Turismo. As inspeccións provinciais dependerán dos servicios de Turismo das delegacións provinciais.

2. O Servicio de Inspección do Turismo exercerá, en relación á inspección nos seus diferentes ámbitos, as seguintes funcións:

a) Coordinar e orienta-la Inspección Turística.

b) Propoñer á Subdirección Xeral de Ordenación de Turismo e, a través desta, ó director xeral de Turismo, directrices e criterios de actuación en materia de inspección.

c) Supervisa-lo cumprimento do plan anual de inspección e das directrices e criterios emanados da Dirección Xeral de Turismo, e propoñer, de se-lo caso, as medidas correctoras oportunas.

d) Emiti-los informes e propostas que lle sexan solicitados a través dos órganos da Dirección Xeral de Turismo.

e) Propoñer actividades de formación e perfeccionamento para os membros da inspección e, en xeral, cantas medidas poidan redundar nunha maior cualificación destes.

3. Dentro do seu propio ámbito, corresponderanlle ó Servicio de Inspección do Turismo e ós servicios de turismo das delegacións provinciais, baixo a supervisión do subdirector xeral de Ordenación do Turismo e dos delegados provinciais, respectivamente, as seguintes funcións:

a) Exerce-la xefatura, programación e organización da actuación inspectora.

b) Adopta-las medidas e promove-las actuacións necesarias para a consecución dos obxectivos fixados polo plan anual.

c) Visa-los informes, propostas e dictames dos inspectores.

d) Ordenar visitas extraordinarias ou urxentes da Inspección Turística.

e) Cantas outras que, relacionadas coas anteriores, lle sexan encomendadas polo director xeral de Turis

mo, polo subdirector xeral de Ordenación de Turismo ou polos delegados provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos seus respectivos ámbitos.

Capítulo III

A actuación inspectora

Artigo 12º

A actuación inspectora levarase a cabo:

a) En desenvolvemento do plan anual de inspección, por orde do sefe de servicio responsable.

b) Sen suxeición a plan de actuación, por iniciativa do citado servicio.

c) Por orde do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, do director xeral de Turismo, do subdirector xeral de Ordenación de Turismo, ou dos delegados provinciais da citada consellería, nos seus respectivos ámbitos.

d) Con motivo de denuncia, reclamación ou queixa.

e) Por propia iniciativa do persoal inspector.

Artigo 13º

1. Para o exercicio das funcións que teñen encomendadas, os inspectores de turismo dispoñerán dos seguintes medios:

a) Visitas de comprobación.

b) Citacións e requirimentos.

c) Exame da documentación do administrado relacionada coa súa actividade turística.

2. Poderán valerse, así mesmo, doutros medios que consideren convenientes, como:

a) Declaracións dos interesados.

b) Datos ou antecedentes que afecten o asunto, obtidos doutras persoas ou entidades.

c) Datos ou informes conseguidos como consecuencia do deber de colaboración e do dereito de denuncia.

d) Información obtida doutros órganos ou organismos administrativos.

e) Cantos datos, informes ou antecedentes poidan procurarse legalmente.

Artigo 14º

1. Os inspectores de Turismo poderán en calquera momento realizar visitas ás empresas, actividades e establecementos turísticos, para práctica de calquera das actuacións referentes ós seus cometidos. Para estes efectos, os inspectores terán a facultade de acceder libremente, e sen notificación previa, en calquera momento, ás instalacións ou locais, logo de acreditación da súa condición.

O xefe de servicio do que dependa o inspector poderá acompañar a este durante a visita, naqueles casos en que aquel o coide conveniente.

2. Durante a visita os inspectores poderán:

a) Inspecciona-lo local e as súas dependencias, realizando as verificacións e comprobacións que procedan.

b) Esixi-la presentación da documentación, libros e rexistros que teñan relación co obxecto da investigación, co fin de examinalos e obte-las copias ou reproduccións necesarias.

c) Solicitar declaración, datos ou antecedentes do titular, responsable ou representante da empresa ou actividade, e recadar información dos empregados ou clientes sobre cuestións relacionadas co obxecto da inspección.

d) Realizar medicións e tomar mostras ou fotografías.

e) Levar a cabo cantas actuacións sexan precisas por mor do cumprimento das funcións de inspección que desenvolvan.

3. Entenderase como obstrucción ó labor inspector para os efectos previstos pola Lei 9/1997, do 21 de agosto, toda conducta que impida ou dificulte a entrada ó local ou establecemento do inspector, dilate ou entorpeza o seu labor, así como as coaccións ou a falta da debida consideración a inspección, sen prexuízo das demais responsabilidades que poidan esixirse ó abeiro do artigo 5.1º.

4. Finalizada a visita, o inspector deixará constancia do resultado dela no libro de inspección.

Artigo 15º

O persoal inspector poderá propoñer ó órgano competente a adopción de medidas cautelares, como o peche do establecemento, a suspensión das actividades, a intervención de medios materiais ou cantas outras autorice a normativa vixente, se apreciara a existencia dunha situación de risco inminente ou prexuízo grave para os usuarios.

Artigo 16º

1. Os inspectores poderán efectuar citacións co fin de que as persoas titulares de empresas, actividades ou establecementos, ou os seus representantes, comparezan no lugar que se sinale, para os efectos de facilita-lo desenvolvemento do labor inspector, achega-la documentación precisa e canta información sexa necesaria ou subscribi-las dilixencias e actas.

2. Na citación, que poderá realizarse mediante acta de inspección, farase constar expresamente o lugar, data, hora e obxecto da comparecencia, significándolle o interesado que a incomparecencia sen causa xustificada entenderase ó abeiro do artigo 87.7º da Lei 9/1997, do 21 de agosto, como infracción grave en materia de turismo pola negativa a facilita-la información requirida pola inspección.

3. O lugar, a data e hora da comparecencia, na medida do posible, deberá ser fixada polo inspector actuante na forma que resulte máis cómoda para

o citado, procurando a compatibilidade coas súas obrigas laborais ou profesionais, sen menoscabo do labor inspector.

4. Cando o comparecente o solicite, faráselle entrega dun certificado acreditativo dela, expedido polo inspector perante quen se realizou a comparecencia.

5. Os interesados poderán acudir ás comparecencias acompañados de asesores.

Artigo 17º

1. Os inspectores de Turismo no exercicio das funcións que teñen recoñecidas, están facultados para requirir dos interesados a presentación ou remisión de documentos ou a execución das actuacións necesarias para o esclarecemento dos feitos obxecto da actividade inspectora. O seu incumprimento entenderase como obstrucción á inspección ou negativa a facilita-la información requirida polos inspectores, para os efectos previstos pola Lei 9/1997, do 21 de agosto.

2. Así mesmo, cando da inspección realizada resultaran simples inobservancias de esixencias ou requisitos facilmente emendables, das que non deriven danos ou prexuízos inmediatos para os usuarios, a inspección poderá formular ó titular ou representante do establecemento ou servicio os requirimentos que considere oportunos, co fin de acada-la súa efectiva adecuación á normativa vixente.

Neste caso, o requirimento recollerá as anomalías, irregularidades ou deficiencias apreciadas con indicación do prazo para súa emenda, e con apercibimento de que, para o caso de non atendelo, se procederá a levanta-la correspondente acta de infracción.

3. Os requirimentos efectuaranse por calquera medio que permita ter constancia deles, incluídas as actas de inspección.

Capítulo IV

Documentación da actuación inspectora

Artigo 18º

As actuacións da Inspección de Turismo documentaranse en comunicacións, dilixencias, informes e actas.

Tales documentos só son de obrigada formalización pola inspección, nos termos establecidos no presente decreto.

Os inspectores poderán toma-las notas ou apuntamentos que consideren convenientes.

Artigo 19º

1. Son comunicacións os medios documentais mediante os que a inspección do turismo se relaciona unilateralmente con calquera persoa, no exercicio das súas funcións.

2. Nas comunicacións, a Inspección poderá pó-los feitos ou circunstancias en coñecemento dos inte

resados nas actuacións, así como realizar a estes as citacións ou efectua-los requirimentos que procedan.

3. As comunicacións, unha vez asinadas polo inspector actuante, seranlle notificadas ós interesados, na forma prevista pola Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 20º

1. Son dilixencias os documentos que redacta a inspección no curso do procedemento inspector para facer constar calquera feito, circunstancia, ou manifestación con relevancia para a inspección.

As dilixencias teñen natureza de documento público e constituirán a proba dos feitos que motiven a súa formalización, agás que se acredite o contrario.

2. As dilixencias serán asinadas polo inspector actuante e pola persoa coa que se entendan as actuacións. Se este se negara a asina-la dilixencia, non poida ou non saiba facelo, farase constar tal circunstancia nela. Cando da natureza das actuacións recollidas na dilixencia non se requira a presencia de persoa ningunha, a dilixencia será asinada unicamente polo inspector actuante.

3. Das dilixencias que se redatan entregarase sempre un exemplar á persoa coa que se entendan as actuacións. Se se negase a recibilo, remitiráselle por calquera dos medios admitidos en dereito.

Artigo 21º

1. A Inspección de Turismo emitirá informes, de oficio, a petición dos instructores dos procedementos sancionadores ou por orde superior, para valora-la adecuación á normativa de aplicación das circunstancias de feito dunha determinada empresa, actividade ou establecemento turístico e, nos casos establecidos nos artigos 81.5º da Lei 9/1997, do 21 de agosto, e 4º.5 do presente regulamento.

Artigo 22º

1. Son actas da inspección os documentos que redactan os inspectores de turismo, nos que se recolle o resultado da función inspectora de vixilancia e comprobación da normativa turística vixente. As actas da inspección teñen carácter de documentos públicos.

2. As actas da Inspección do Turismo teñen valor probatorio, e acreditarán, agás que da valoración conxunta das probas presentadas resulte o contrario, a veracidade dos feitos susceptibles de percepción directa polo inspector, dos inmediatamente deducibles daqueles e dos acreditados por medios de proba consignados na propia acta, como os documentos ou declaracións incorporados a ela.

Artigo 23º

Se como resultado da actuación inspectora, o inspector considera que os feitos ou comportamentos que deron lugar a ela, puideran ser constitutivos de infracción administrativa, farao constar nunha

acta de infracción, na que se describirán os feitos e os preceptos normativos que considere vulnerados.

Artigo 24º

1. A Inspección do Turismo redactará as actas segundo modelo normalizado.

Se pola súa extensión non puideran recollerse nun só modelo tódalas circunstancias ou feitos que deban constar na acta, recolleranse en acta anexa que formará parte para tódolos efectos da principal.

2. Nas actas da inspección consignaranse necesariamente:

a) Lugar, data e hora da súa formalización.

b) Nome, apelidos e número de identificación do inspector actuante.

c) Nome e localización da empresa, actividade ou establecemento sobre o que recae a inspección.

d) Nome, apelidos e número do documento nacional de identidade da persoa coa que se entenden as actuacións e o carácter ou representación coa que intervén.

e) Nome e apelidos ou, se é o caso, denominación social completa do titular, número de identificación fiscal e domicilio.

f) Sucinta referencia dos feitos, destacando os relevantes para os efectos da tipificación da infracción, describindo coa necesaria precisión os medios utilizados para o esclarecemento dos feitos ou omisións en que se fundamente o levantamento da acta e as disposicións infrinxidas con expresión do precepto vulnerado.

3. Tamén se reflectirán na acta ou en documento anexo desta cantas alegacións ou aclaracións fagan os interesados ou os seus representantes na defensa dos seus intereses.

Artigo 25º

1. As actas levantaranse en presencia do titular da empresa, actividade ou establecemento ou do seu representante ou, en ausencia de ambos, perante calquera persoa dependente daquela que se atope á fronte da empresa ou actividade, ó que se lle entregará no acto copia dela. Para o caso de que rexeitase a copia, o inspector farao constar cos motivos da negativa, se os houbese, mediante dilixencia inserida na acta.

2. As actas serán asinadas polo inspector actuante e pola persoa perante quen se levantou a acta. Para o caso de que esta se negara a asina-la acta, non poida ou no saiba facelo, o inspector fará consta-la dita negativa ou circunstancia, mediante dilixencia inserida nela, especificando os motivos manifestados, se os houbese. A falta desta sinatura non exonerará da posible responsabilidade nin destruirá a presunción de veracidade do seu contido.

3. O asinamento da acta acreditará o coñecemento do seu contido, e en ningún caso implicará a súa

aceptación, agás cando así se recoñeza expresamente polo propio interesado.

4. A acta de infracción redactarase para os efectos de iniciación do expediente sancionador oportuno, e a entrega da súa copia, considerarase como notificación do resultado da visita ó interesado. A acta porase de manifesto ó titular da empresa, actividade ou establecemento ou ó seu representante, nas dependencias do servicio provincial de turismo, por un prazo de dez días, durante o que poderá presenta-las alegacións que teña por convenientes, ou se fose o caso, amplia-las expostas no corpo da acta.

Artigo 26º

As actas formalizadas con tódolos os seus antecedentes deberán ser entregadas polo inspector, no prazo máximo de cinco días, ó xefe do servicio do que dependan, para o seu exame e para os efectos que en cada caso correspondan.

Artigo 27º

Os inspectores rexistrarán as súas actuacións co detalle preciso para o seu debido control. Especialmente faranse consta-las datas das actuacións, os intervenientes nelas, e as demais circunstancias de interese.

Capítulo V

A escala técnica de Inspección Turística

Artigo 28º

1. O acceso á escala técnica de Inspección Turística, integrada no corpo de xestión da Xunta de Galicia, grupo B, efectuarase, de acordo co disposto na Lei da función pública galega, mediante o sistema de concurso-oposición, que incluirá un curso selectivo de formación.

2. As convocatorias realizaranse de acordo coas previsións da oferta pública correspondente, e deberán axustarse ó disposto no presente decreto e ós criterios de selección que se fixan na normativa autonómica en materia de función pública.

3. As bases das convocatorias publicaranse, en todo caso, no Diario Oficial de Galicia e vincularán o órgano convocante e o tribunal.

Artigo 29º

1. Para tomar parte no proceso selectivo de ingreso na escala técnica de Inspección Turística, a máis de reuni-las condicións xerais de acceso á función pública da Xunta de Galicia, deberán posuí-lo permiso de conducir da clase B1.

Artigo 30º

O procedemento de selección levarase a cabo de conformidade co Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 31º

O director xeral de Turismo poderá organizar actividades obrigatorias de formación e perfecionamento, dirixidas ós inspectores do turismo e relacionadas co exercicio das funcións establecidas no artigo 4º deste regulamento.

10365