Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 18 de novembro de 1998 Páx. 12.386

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DE CONTAS DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 12 de novembro de 1998 pola que se aproban as bases de axuda á adquisición da vivenda habitual para 1998.

1. Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda que regulan estas bases é facilitarlle ó persoal ó servicio do Consello de Contas a adquisición da súa vivenda habitual.

Consideraranse situacións asimiladas á adquisición de vivenda a construcción propia dela e as reparacións ou melloras con custo superior a dous millóns de pesetas.

2. Características da axuda.

A axuda consistirá na cobertura polo Consello de Contas dunha parte dos custos derivados da adquisición da vivenda habitual do solicitante, ou situacións asimiladas, con carácter non reintegrable ben financiado con créditos bancarios, referidos neste caso a xuros e amortización deles, ou ben con financiamento propio, dentro dos límites que para cada caso se establezan nestas bases.

2.1. Período de cobertura.

O período de cobertura da axuda convocada conforme estas bases estenderase entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 1998. En ningún caso a convocatoria e concesión da axuda orixinará dereitos para exercicios posteriores.

2.2. Beneficiarios.

Poderá solicita-la concesión da axuda o persoal en servicio activo no Consello de Contas durante o período de cobertura.

2.3. Cuantificación da axuda.

2.3.1. Montante total.

No ano 1998 destinarase a axudas para adquisición de vivenda un importe global de 8.000.000 de ptas. distribuído inicialmente do seguinte xeito:

-Adquisición de vivenda financiada con préstamo concedido por entidade financeira: 70%.

-Adquisición de vivenda financiada con fondos propios: 20%.

-Reparación ou mellora de vivenda habitual: 10%.

No caso de producirse remanentes nalgún dos apartados repartiríase entre os restantes proporcionalmente ás cantidades que tiveran asignadas inicialmente.

2.3.2. Importe individual.

a) Axudas para a adquisición de vivenda financiada con préstamos concedidos por entidade financeira.

O importe que se lle vai conceder a cada beneficiario virá determinado polo reparto do montante asignado que resulte da aplicación do punto 2.3.1. entre tódolos solicitantes que cumpran os requisitos establecidos, ata un máximo de 250.000 ptas.

Cando a suma da amortización de capital e xuros aboados e previstos polo solicitante durante o período de cobertura fose inferior ó determinado segundo o parágrafo anterior, o importe da axuda non poderá ser superior a esta.

b) Axudas para a adquisición de vivenda financiada con fondos propios.

A contía que se lle vai conceder, por unha soa vez, a cada beneficiario virá determinada polo reparto do montante asignado que resulte da aplicación do previsto no punto 2.3.1. entre o número de solicitudes que cumpran os requisitos establecidos ata un máximo de 400.000 ptas. e excluirao para futuras axudas para a mesma vivenda pola modalidade recollido na alínea a).

c) Axudas para a reparación ou mellora de vivenda habitual.

A contía que se lle vai conceder a cada beneficiario virá determinada polo reparto do montante asignado que resulte de aplicación do punto 2.3.1., entre o número de solicitudes que cumpran os requisitos establecidos, ata un máximo do 10% do gasto xustificado, sen que a axuda poida supera-las 300.000 ptas.

O persoal ó que se lle conceda a axuda recollida nesta alínea non poderá percibir axuda para a mesma vivenda por esta modalidade no periodo dos 3 anos seguintes.

No suposto de que o período de servicios prestados no consello polo solicitante sexa inferior ó período de cobertura, a axuda reducirase proporcionalmente ó tempo prestado.

2.4. Incompatibilidades.

a) As axudas establecidas nestas bases son incompatibles entre si.

b) No caso de que xurdan varios solicitantes de axudas para a adquisición dunha mesma vivenda, o importe que se vai conceder estará limitado no seu conxunto polos custos xustificados, dentro da suma dos límites individuais establecidos para a modalidade para a que se solicita axuda.

c) As axudas son incompatibles coa percepción por parte do beneficiario ou do seu cónxuxe doutra axuda de natureza similar concedida por outro organismo oficial ou empresa privada, agás que fosen de contía inferior; neste caso, se se acredita documentalmente a súa natureza e contía poderá solicitarse a diferencia ata a cantidade que, en cada caso, corresponda. En todo caso deberá presentarse certificación do importe anual percibido expedido polo organismo correspondente.

3. Requisitos para a obtención da axuda.

Ademais dos requisitos que para os beneficiarios se reflicten no punto 2.2. destas bases, a concesión da axuda estará supeditada ó cumprimento das seguintes condicións:

Que o solicitante teña adquirida a propiedade ou copropiedade sobre a vivenda con anterioridade ó remate do prazo de presentación de solicitudes de concesión de axuda.

Entenderase que o solicitante accede á propiedade da vivenda cando adquire esta por calquera medio de transmisión ou procede á súa construcción propia, xa sexa directamente ou por participación en calquera das formas asociativas legalmente previstas.

Que a vivenda que orixina a situación obxecto da axuda sexa a única que pode ser considerada como habitual do solicitante, extremo éste que se entenderá que se produce cando, ademais de así constar no correspondente padrón municipal, se xustifique a súa residencia.

Que, se é o caso, o solicitante teña concedido un préstamo con garantía hipotecaria sobre a vivenda da que se trate, sen prexuízo de que se considere calquera outra modalidade crediticia cando se acredite suficientemente a súa aplicación íntegra á adquisición da vivenda. O préstamo considerarase concedido ó solicitante mesmo cando o fose en réxime de cotitularidade co seu cónxuxe ou persoa coa que conviva de xeito legal. Se a cotitularidade fose con persoa distinta, entenderase concedido en proporción á copropiedade da vivenda adquirida.

No caso de que o solicitante adquirise a vivenda con fondos propios en réxime de cotitularidade, observarase o previsto no parágrafo anterior para esta situación.

4. Procedemento de concesión das axudas.

4.1. Solicitude e prazo.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro maior e presentaranse no modelo que figura como anexo I destas bases no rexistro xeral da institución no prazo de quince días contados desde o seguinte ó da publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia por calquera das formas recollidas na lexislación vixente en materia de procedemento administrativo.

4.2. Documentación que hai que presentar.

4.2.1. Para tódalas solicitudes.

a) A acreditativa da propiedade ou copropiedade do solicitante sobre a vivenda para a que se solicita a axuda por adquisición. En todo caso, constituirá proba suficiente a copia compulsada da escritura pública na que conste tal extremo. No obstante, o órgano competente para resolve-la solicitude poderá valorar calquera outro medio de proba de propiedade.

b) A acreditativa de que a vivenda para a que se solicita a axuda por adquisición constitúe a vivenda habitual do solicitante conforme estas bases, segundo o seguinte detalle:

-Declaración responsable do solicitante na que se faga constar que a vivenda para a que solicita a axuda por adquisición constitúe a súa residencia habitual.

-Certificación municipal de empadroamento e certificación de residencia. No único caso de que a vivenda para a que se solicita a axuda por adquisición non tivese rematada a súa fase de construcción, poderá

ser substituída a documentación requirida neste punto e no anterior por unha declaración de futura residencia.

-No caso de cotitularidade co seu cónxuxe ou persoa coa que conviva legalmente, libro de familia ou certificación do rexistro correspondente.

c) Os beneficiarios destas axudas terán que acreditar como requisito previo ó pagamento, que se atopan ó día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos supostos e dentro dos límites establecidos na lei.

4.2.2. Para axudas financiadas con préstamos concedidos por entidade financeira.

Certificación da entidade financeira que concedeu o crédito, acreditativa dos seguinte extremos:

-Identificación do préstamo e data de inicio.

-Contía dos pagamentos efectuados polo interesado desde o 1 de xaneiro do ano que corre ata a data de presentación da solicitude, en concepto de xuros e amortización de capital.

-Información bancaria dos pagamentos pendentes previstos ata finaliza-lo ano, por xuros e amortización.

4.2.3. Axudas financiadas con fondos propios ou reparación e mellora.

Xustificación do pagamento dos gastos para os que se solicita a axuda, mediante factura cos requisitos legalmente establecidos e copia do documento acreditativo do pagamento.

4.3. Órgano de resolución.

As solicitudes de axuda para a adquisición de vivenda habitual serán resoltas pola Comisión de Goberno logo de informe do secretario xeral de que se axustan a estas bases.

O secretario xeral poderá solicitar do interesado a ampliación ou aclaración da documentación achegada e da súa adecuación á requirida nestas bases. A súa non presentación será motivo de denegación da axuda solicitada, logo de acordo da Comisión de Goberno.

A Comisión de Goberno será o órgano encargado de interpretar estas bases e de resolve-las dúbidas que se susciten na súa aplicación.

5. Xustificación.

Os documentos para presentar coa instancia servirán de xustificación sen prexuízo dos actos de comprobación que poida establece-lo órgano resolutorio.

6. Pagamento.

As axudas concedidas conforme estas bases serán aboadas na conta bancaria que indique o interesado.

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 1998.

Carlos G. Otero Díaz

Conselleiro maior

10326