Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Mércores, 18 de novembro de 1998 Páx. 12.382

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 9 de novembro de 1998 pola que se declaran provisionalmente as serras de Rubiá como espacio natural en réxime de protección xeral.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da nosa Constitución e unha necesidade para asegura-la pervivencia dos nosos ecosistemas e os seus compoñentes.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres, no seu artigo 12 crea diferentes tipos de espacios naturais protexidos. Así mesmo, no seu artigo 21.2º faculta as comunidades autónomas, con competencia para dictaren normas adicionais de protección en materia de ambiente, para establecer outras figuras de protección distintas ás establecidas no mencionado artigo 12.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.30º, confírelle á Comunidade Autónoma a competencia para dictar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe.

Conforme o anterior e en virtude das competencias establecidas polo Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño, foi regulado mediante Decreto 82/1989, do 11 de maio, a figura do «espacio natural en réxime de protección xeral», que son aqueles espacios con recoñecidos valores naturais, culturais, científicos ou educativos, singulares para o territorio galego.

Tras sucesivos estudios constatouse a existencia de numerosas singularidades presentes nas serras de Rubiá, converténdoa nunha das máis valiosas zonas do noroeste peninsular.

O valor biolóxico da comarca está baseado na súa posición bioxeográfica, o seu carácter mediterráneo e as peculiaridades que lle confire o seu substrato calcario. Todo iso fai que manteña un número moi elevado de plantas e animais (identificáronse da orde de 500 taxóns vexetais, 136 especies de aves, 40 especies de mamíferos), así como unha grande diversidade de hábitats con escasa representación no resto de Galicia.

É hábitat de especies de distribución restrinxida en Galicia e incluso é a única zona galega de nidificación para a aguia perdiceira, voitre branco (única parella de Galicia) e pardal chiador. Algunhas destas especies manteñen nesta zona as maiores poboacións de toda Galicia (choia biquivermella) e incluso de España (6º lugar de importancia para o morcego de cova). A zona, ademais, constitúe unha das mellores áreas de invernada para as distintas especies de tordos do noroeste peninsular.

Este espacio mantén moitas especies raras ou ameazadas. Das 211 especies de vertebrados, 28 delas están na «Lista vermella dos vertebrados ameazados de España» e 134 están protexidas pola lexislación nacional sobre especies ameazadas.

Por último, destacámo-la presencia dalgunhas especies endémicas que teñen as súas únicas poboacións dentro dos límites sinalados, 2 endemismos exclusivos, 6 endemismos de área restrinxida e 69 especies raras ( Aenthioma saxatile, Anthyllis vulneraria, Armeria rothmaleri, Carduus lusitanicus, Centaurea ornata, Chaenorrhinum serpyllfolium, Petrocoptis grandiflora, ...).

Reúne, en conxunto, unha serie de formacións de carácter mediterráneo moi raras en Galicia e podemos afirmar que nas serras de Rubiá se atopan as representacións mellor conservadas de determinados

hábitats calcarios tipicamente mediterráneos como son os pastos basófilos, mesofíticos, xerofíticos e crioturbados das altas montañas (Koelerio vallesianae-Erodietum galdulosi); os pastos mediterráneos xerofíticos de anuais e vivaces (Poo bulbosae-Trofolietum subterranei, Saxifrago tridactilae-hornungietum petraeae); vexetación casmofítica subtipo silicícola (Petrocoptoidetum grandiflorae, Saxifragetum trifurcatae, Saxifragetum panuculato ...).

A importancia que se lles concede ós hábitats presentes na zona, a salvagarda dos cales é de interese prioritario para a Unión Europea, así como a relevancia que a conservación do lugar ten para a preservación de determinadas especies de interese, fan aconsellable adoptar unha serie de medidas encamiñadas a garanti-la súa conservación.

En canto ó impacto social, existe un grande número de peticións, (entre as que figuran as das universidades de Santiago de Compostela, Vigo, León e o País Vasco, a Estación Biolóxica de Doñana, o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, o Consello Superior de Investigacións Científicas, a Sociedade Española para a Conservación e o Estudio dos Morcegos, a Sociedade Galega de Historia Natural e mesmo de comunidades veciñais da zona) para que a serras de Rubiá se convertan nun espacio natural protexido.

A Consellería de Medio Ambiente ten a posibilidade de facer uso do disposto no artigo 6 do Decreto 82/1989, do 11 de maio, polo que se crea a figura de Espacio Natural en Réxime de Protección Xeral, que permite que, para protexer un espacio ante os posibles riscos ou ameazas de degradación e para garanti-lo mantemento dos ecosistemas, se poida declarar provisionalmente como en «réxime de protección xeral» o espacio en cuestión.

Por todo o exposto

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Iníciase o trámite de inclusión no Rexistro de Espacios Naturais de Galicia do lugar denominado serras de Rubiá, situado no noroeste da provincia de Ourense no concello de Rubiá, cunha extensión de 1.493,5 ha.

Artigo 2º.-Ante a necesidade de dotar este espacio dunha protección preventiva, declárase provisionalmente «espacio natural en réxime de protección xeral», de acordo co disposto no artigo 6 do Decreto 82/1989, do 11 de maio.

Os límites do espacio son os que figuran sinalados nos anexos desta orde.

Artigo 3º.

1. Poderanse seguir levando a cabo de maneira ordenada os usos e actividades tradicionais; para o resto requirirase informe preceptivo e vinculante da Consellería de Medio Ambiente, que será solicitado polo promotor ou titular das accións, actividades, proxectos ou obras que se pretenden emprender.

2. De preverse efectos negativos que poidan derivarse das accións que se vaian emprender, a Consellería de Medio Ambiente poderá esixir un informe de incidencia ambiental delas co fin de evita-la deterioración dos valores que determinaron a inclusión destes espacios naturais no rexistro xeral, sen prexuízo da aplicación do disposto no artigo 24 da Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestre.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 1998.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Os límites do espacio, descritos graficamente no anexo II, son os seguintes:

Limita polo norte e polo leste coa provincia de León.

Polo sur, partindo desde o límite provincial á altura do punto quilométrico 278 da liña férrea que vai a Ponferrada e seguindo pola valgada dun regato coñecido no lugar como Bruñedo ou Chao, chégase ata o lugar da Portela, situado na cota 699 m, onde se alcanza a estrada que vai a Vilardesilva (esta poboación queda excluída, localizándose ó sur do regato Bruñedo). Neste lugar abandónase a estrada de Vilardesilva e, tomando o camiño vello de Pardellán, chégase ata a cota 808 e aquí trázase unha liña imaxinaria por un conxunto de cotas que constitúen un outeiro cos seguintes nomes: Alto do Carballín (formado polas cotas 808 e 824 m), Cabo do Carballín (cota 855 m) e Alto da Portela (cotas 896 e 798 m).

Este outeiro remata nun val chamado Val dos Pozos, desde onde parte o camiño vello coñecido como Val dos Pozos. Continuando por este camiño ata chegar á zona denominada Polo do Couso polo que, atravesando o caorco de Felgarón, se chega á estrada que une O Castelo con Biobra (este camiño enlaza coa citada estrada xusto a 300 m do cruzamento da comarcal O Castelo-Biobra coa N-120).

Comezamos a subir formando o límite oeste-suroeste, cruzando a N-120 e seguindo pola estrada de Biobra ata a valgada do Canadón. Seguimos polo camiño antigo de Covas que, partindo da valgada do Canadón, rodea o poboación de Biobra. Desde este punto tomando o camiño vello de Oulego (este camiño parte da estrada que sobe da vila do Portón a Biobra), continúase en dirección ás Galegas ata chegar á Cruz de Lamazal, (coñecida como de Aira Antiga). Continuando polo mesmo camiño de Oulego ata chegar ó punto coñecido como Chao do Marco, situado no PK-3 da estrada provincial OUR-622.

Desde este punto, en dirección a San Tirso seguimos pola estrada provincial OUR-622 ata o límite provincial con León.

10235