Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Martes, 17 de novembro de 1998 Páx. 12.335

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 1998, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Ángel López Soto, S.L.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Ángel López Soto, S.L. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 24-9-1998, e posteriormente rectificado con data do 15-10-1998, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social polo comité de empresa o día 1-9-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º da Lei 8/1980, do 10 de marzo, do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autó

noma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de outubro de 1998.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Ángel López Soto, S.L.

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O convenio colectivo será de aplicación a tódolos traballadores e traballadoras que presten servicios no centro de traballo, sito en Couso-Aguiño, da empresa Ángel López Soto, S.L.

Artigo 2º.-Vixencia e duración.

As normas establecidas no presente convenio colectivo serán aplicables desde o 1º de outubro de 1998 ata o 31 de decembro do ano 2000.

De conformidade coa lexislación vixente, este convenio darase por denunciado tres meses antes da data de finalización, comprometéndose ámbalas partes a comeza-los trámites de negociación dun novo convenio a partir da dita data.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse as condicións persoais que sexan máis beneficiosas cas establecidas neste convenio colectivo e que de forma individual puidesen goza-los traballadores e traballadoras desta empresa.

Artigo 4º.-Retribucións salariais.

Os salarios aplicables serán os reflectidos na táboa salarial anexa, cantidades ás que se chega incrementando 5.000 pesetas lineais ós salarios establecidos ata o de agora.

Artigo 5º.-Revisións salariais.

Os salarios establecidos sufrirán unha revisión o primeiro de xaneiro de 1999 e o primeiro do ano 2000. Estas revisións salariais serán igual ó incremento do IPC previsto polo Goberno máis unha cantidade fixa de dúas mil cincocentas pesetas que se aplicará sobre os salarios vixentes o 31 de decembro do ano anterior.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Os traballadores/ras percibirán polo concepto de antigüidade un 5 % sobre o salario base que corres

ponda a cada categoría profesional por cada trienio de permanencia ó servicio da empresa.

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores e traballadoras teñen dereito a percibir dúas gratificacións extraordinarias ó ano, chamadas extra de verán e extra do Nadal. O importe de cada unha delas será igual a 30 días de salario base máis a antigüidade que corresponda.

Artigo 8º.-Vacacións anuais.

As vacacións anuais para tódolos empregados e empregadas da empresa Ángel López Soto, S.L., será igual a 30 días naturais, e aplicarase o seguinte réxime para o seu desfrute:

a) Establecerase un calendario anual dentro do primeiro trimestre do ano entre a dirección da empresa e o comité de empresa.

b) Gozaranse 15 días nos meses de xullo, agosto e setembro e outros 15 días en decembro.

c) Os 15 días que se gocen nos meses de xullo a setembro estableceranse por quendas a pedimento dos traballadores e traballadoras, e tendo como límite que non poderán coincidir por quincena máis dunha sexta parte do cadro de persoal.

d) Os 15 días no mes de decembro, e posiblemente os primeiros de xaneiro do ano seguinte, gozaraos conxuntamente todo o persoal. Exceptúase desta norma o persoal de mantemento, que gozará das vacacións por acordo coa empresa.

e) De coincidiren máis solicitantes, nalgunha quincena, das que poden realiza-las vacacións conxuntamente, nos meses de xullo a setembro, concederanse en primeiro lugar por orde de antigüidade; despois, por orde alfabética e rotando en anos sucesivos.

f) Calquera excepción ós criterios establecidos anteriormente será atendida na medida das posibilidades pola dirección da empresa, coa comunicación preceptiva ó comité de empresa.

g) As vacacións serán retribuídas a razón de 30 días de salario base que corresponda pola categoría profesional e maila antigüidade correspondente.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 7,30 horas diarias para as traballadoras/res con xornada intensiva de mañá, e realizarase de luns a venres; dentro da devandita xornada, terán dereito a 30 minutos para o bocadillo.

Para o persoal con xornada partida, a xornada laboral será de 8 horas diarias; dentro desa xornada terán dereito a 20 minutos para o bocadillo.

A xornada nocturna será 8 horas diarias, e terán dereito a 20 minutos de descanso.

Artigo 10º.-Horas extraordinarias.

Acórdase reducir ó máximo a realización de horas extraordinarias, e con obxecto de favorece-la creación de emprego.

As que sexan imprescindibles aboaranse a razón de 800 pesetas/hora para tódalas categorías.

O importe das horas extraordinarias sufrirá un incremento o primeiro de cada ano na porcentaxe experimentada polo resto dos conceptos retributivos.

As horas extraordinarias non motivadas por causa de forza maior serán de voluntaria realización por parte das traballadoras e traballadores afectados.

Terán a consideración de horas extraordinarias de forza maior as que sexan precisas para a reparación de sinistros ou danos extraordinarios e urxentes.

Artigo 11º.-Licencias.

As traballadoras e traballadores terán dereito ó uso de licencias retribuídas, tralo aviso previo e a posterior xustificación, nas seguintes situacións:

a) Matrimonio do traballador ou traballadora: quince días.

b) Tres días naturais no caso de enfermidade grave, ademais dos casos que precisen hospitalización e intervención cirúrxica de pais, pais políticos, cónxuxe ou fillos. Esta licencia de 3 días e nos mesmos casos, será aplicable a irmáns ou irmás que convivan no mesmo domicilio có productor.

c) Tres días naturais por nacemento de fillos/as.

d) Cinco días naturais por falecemento do cónxuxe ou fillos/as.

e) Tres días naturais no caso de falecemento de irmáns/ás, netos/as, avós/as, fillos/as políticos/as e irmáns/ás políticos.

f) Cumprimento dun deber público inescusable establecido polas leis e disposicións en vigor: polo tempo indispensable. Cando conste en norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e a compensación económica.

g) Cambio de domicilio: un día.

h) Matrimonio dun fillo ou filla: un día.

i) As traballadoras e traballadores, por lactación dun fillo/a menor de nove meses, terán dereito a unha hora diaria de ausencia ó traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller podrá substituír este dereito pola reducción da xornada nunha hora diaria ó comezo ou ó final desta.

j) Para acudir á consulta médica, 8 horas anuais ampliables a 12 horas no suposto de necesita-la consulta dun médico especialista.

Artigo 12º.-Excedencias.

1. A excedencía poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto de traballo e ó cómputo da antigüidade durante a súa vixencia, considerarase pola elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ó traballo. O reintegro á empresa deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ó cesamento no cargo público.

2. A traballadora ou traballador con, polo menos, unha antigüidade dun ano, ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un período non inferior a un ano e non superior a cinco. Non se poderá volver exercer este dereito ata despois de catro anos de finaliza-la anterior excedencia.

3. Igualmente poderán goza-la excedencia forzosa os traballadores e traballadoras que exerzan funcións sindicais durante o período que duren estas ou cando así o decida o sindicato ó que pertenza.

4. A traballadora ou traballador excedente voluntario, conserva só un dereito preferente para o seu reingreso ó seu posto de traballo, quedando ás expensas de que se produza unha vacante na súa categoría ou similar.

5. As solicitudes deberán ser contestadas nun prazo improrrogable de 15 días, entendéndose que son aceptadas de non recibir contestación.

6. De non se solicita-lo reingreso no prazo establecido, o traballador ou traballadora perderá tódolos dereitos.

Artigo 13º.-Dereitos sindicais.

Do comité de empresa:

A empresa e a comisión negociadora valoran como necesario reforza-la comunicación entre a dirección da empresa e o comité de empresa. Para tal fin, e ademais dos dereitos recoñecidos na lexislación laboral vixente, articularanse mecanismos de comunicación e relación en tódolos asuntos de interese para as traballadoras e traballadores, tales como:

a) Información previa da decisión de contratar novo persoal, así como o tipo de contratos que pretende realizar e a súa duración estimada.

b) Cambios na organización do traballo que impliquen modificación das condicións de traballo.

c) Valoración mensual das propostas ou opinións que puideran te-los traballadores e traballadoras sobre calquera procedemento productivo ou doutro tipo.

Dos dereitos á afiliación sindical:

A empresa recoñece o dereito de tódalas, e tódolos traballadores a afiliarse ó sindicato da súa preferencia, e non se exercerá acción ningunha que directa ou indirectamente puidera menoscaba-la afiliación sindical.

A empresa recoñece o dereito de tódalas traballadoras e traballadores a que lles sexa descontado da nómina mensual de salarios o importe da súa afiliación sindical, trala orde previa comunicada por escrito por parte do traballador ou traballadora.

Artigo 14º.-Incapacidade temporal.

As prestacións por incapacidade temporal derivada de accidente laboral, ocurrido no centro de traballo ou en desprazamentos a outros centros ou lugares

de traballo ou deses centros alleos ós respectivos domicilios, será igual ó cen por cento do salario que lle corresponda traballando normalmente. Estas retribucións percibiranse desde o primeiro día de baixa.

Artigo 15º.-Plus de nocturnidade.

As traballadoras e traballadores que realicen a súa xornada laboral das 10 da noite ás 6 da mañá percibirán, en concepto de plus de nocturnidade, o 25 % sobre o salario base que corresponda á súa categoría profesional. O dito plus percibirase en proporción ás horas ou días traballados.

Artigo 16º.-Plus de penosidade.

As traballadoras e traballadores que desempeñen o seu traballo en cámaras frigoríficas e de conxelación de forma habitual, continua ou discontinua, soportando temperaturas entre -18º C ou inferiores, percibirán un complemento igual ó 25% sobre o seu salario base e categoría, polo tempo traballado nesas condicións.

Artigo 17º.-Plus distancia e plus de actividade.

Os productores manterán e consolidarán os importes a que tiveran dereito o 30 de setembro de 1998.

Os importes manteranse invariables e polo tempo indefinido como un complemento retributivo ad personam, é dicir, non sufrirán modificacións en ningún sentido e por ningunha causa, extinguíndose xuntamente coa finalización do contrato do traballador ou traballadora afectado coa empresa. O dito complemento retributivo ad personam reflectirase nos recibos oficiais de salarios coa denominación de plus de distancia e o plus actividade.

Artigo 18º.-Seguridade e hixiene no traballo.

Dentro da vontade manifestada por ámbalas partes de mellora-las condicións de traballo para evitar enfermidades ou accidentes evitables, así como de aumenta-la eficiencia productiva e reduci-lo absentismo laboral, acórdase:

a) Aplica-la Lei de prevención de riscos laborais e, en particular, a elaboración dun mapa de riscos laborais na empresa.

b) Fomenta-la formación neste campo para que as actitudes de risco se reduzan ó máximo.

c) Realiza-los cambios precisos nas instalacións, etc., que se constaten como elementos de risco.

Artigo 19º.-Réxime contractual de aplicación.

As partes asinantes deste convenio colectivo manifestan a vontade de establece-la maior estabilidade no emprego en beneficio da maior eficacia productiva e seguridade do persoal traballador, con este fin acordan:

1. A empresa asume que a composición do cadro de persoal ó final da vixencia deste convenio colec

tivo quede establecida nunha relación aproximada dun 50% de traballadoras e traballadores fixos e máis un 50% de persoas sometidas a contratación temporal.

2. Os contratos temporais motivados pola fluctuación da carteira de pedidos e tamén para cubrir ausencias por vacacións, así como para a realización de liñas de producción estacionais terán unha duración máxima de 13,5 meses dentro dun período de 18 meses; de acordo co establecido no artigo 15.1º b) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e mailas disposicións de desenvolvemento.

No caso de se concertar por período inferior a 12 meses, poderá ser prorrogado por acordo entre as partes, sen que a duración total do contrato poida ser superior ó máximo establecido.

Artigo 20.-Réxime disciplinario.

1. Concepto de infracción e facultade disciplinaria. Son infraccións as accións ou omisións do persoal que supoñan un incumprimento dos deberes laborais nos termos establecidos neste artigo.

A empresa poderá sanciona-las accións ou omisións das traballadoras ou traballadores que supoñan incumprimentos laborais, de acordo coa gradación das faltas e sancións establecidas nos apartados seguintes:

2. Gradación das faltas: toda falta cometida pola traballadora ou traballador clasificarase segundo a súa importancia, trascendencia e intención en leve, grave e moi grave.

3. Faltas leves. Considéranse faltas leves as seguintes:

a) Dunha a tres faltas de puntualidade na asistencia ó traballo sen a debida xustificación, no período dun mes.

b) Non comunicar previamente ou, se é o caso, dentro das 24 horas seguintes á falta, agás no caso de forza maior, a razón da non asistencia ó traballo, non sendo que se probe a imposibilidade de telo feito.

c) O abandono do servicio ou posto de traballo sen causa xustificada, mesmo por un tempo breve, se como consecuencia del se producise prexuízo de certa consideración á empresa ou ás compañeiras/os de traballo.

d) Pequenos descoidos na conservación ou mantemento dos equipos e material de traballo.

e) Non atende-los clientes e provedores coa corrección e a dilixencia debidas.

f) Non comunicarlle á empresa os cambios de residencia ou domicilio, sempre que se ocasione algún tipo de conflicto ou prexuízo a terceiros ou á empresa.

g) Faltar ó traballo un día ó mes sen causa xustificada.

h) Non comunicar coa puntualidade debida dos datos experimentados na familia que poidan afectar á Seguridade Social que teñan efectos tributarios.

i) As que supoñan incumprimentos de mandatos ordes dun superior no exercicio regulamentario das súas funcións.

j) Falta de asistencia non xustificada a cursos de formación teórica ou práctica, dentro da xornada ordinaria de traballo.

k) Discutir coas compañeiras/os, cos clientes ou provedores dentro da xornada de traballo.

1. Faltas graves. Consideraranse faltas graves as seguintes:

a) Máis de tres faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo cometidas no período dun mes.

b) Falta de 2 a 3 días ó traballo durante un período de 30 días sen causa xustificada. Abondará unha soa falta se tivera que relevar a un compañeiro/a, ou cando como consecuencia dela se lle causase un dano de consideración á empresa.

c) Falsidade na comunicación de datos familiares que puideren afectar á Seguridade Social ou Administración tributaria.

d) O entregarse a xogos durante a xornada de traballo de forma reiterada e causando, con iso, un prexuízo ó desenvolvemento laboral.

e) A desobediencia ás ordes ou mandatos dos superiores no exercicio regular das súas funcións, sempre que teñan trascendencia grave para a empresa.

f) A continuada e habitual falta de aseo e limpeza, de tal índole que provoque queixas xustificadas de compañeiros/as ou compañeiros de traballo.

g) O simular ou suplanta-la presencia doutro/outra ó traballo, asinando ou fichando por ela/el.

h) A neglixencia ou desidia no traballo que afecte á boa marcha deste; tamén terá tal consideración se, froito desta neglixencia, fose causa de accidente grave.

i) O realizar, sen o oportuno permiso, traballos particulares dentro da xornada, así como o emprego para usos propios de ferramentas, maquinaria, aparellos ou vehículos da empresa.

j) A reincidencia en falta leve (excluída a puntualidade) aínda que sexa de distinta natureza, dentro do trimestre mediada sanción escrita.

k) Calquera atentado á liberdade sexual de traballadoras/es por medio de manifestacións de tipo verbal ou físico, falta de respecto á intimidade ou dignidade da persoa.

2. Faltas moi graves. Consideraranse faltas moi graves as seguintes:

a) Máis de dez faltas non xustificadas de puntualidade na asistencia ó traballo, cometidas no

período de seis meses, ou 20 nun ano.

b) Faltas inxustificadas ó traballo durante tres días consecutivos ou cinco alternos no período dun mes.

c) Fraude, a deslealdade ou abuso de confianza nas xestións encomendadas e o roubo, tanto a calquera compañeira/ro de traballo como a calquera persoa dentro das dependencias da empresa ou fóra dela dentro da xornada laboral.

d) A simulación de enfermidade ou accidente. Considerarase que existe falta cando un traballador ou traballadora de baixa realice calquera traballo por conta allea ou conta propia que se manifesten incompatibles a criterio médico. Terá igualmente tal consideración, toda manipulación tendente a prolonga-la baixa por enfermidade.

e) O abandono do servicio ou do posto de traballo sen causa xustificada, aínda por breve tempo, se como consecuencia lle ocasiona un prexuízo á empresa ou ás compañeiras/ros de traballo, pon en perigo a seguridade ou é causa de accidente.

f) A embriaguez ou estado derivado do consumo de drogas, sempre que supoña algunha alteración nas facultades físicas ou psicolóxicas no desempeño das súas funcións.

g) Viola-la correspondencia e difundir datos confidenciais da empresa.

h) A realización de actividades que impliquen competencia desleal coa empresa.

i) Malos tratos de palabra ou de obra, o abuso de autoridade ou a falta grave de respecto e de consideración ós xefes e ás súas familias, así como a compañeiras/ros, subordinados, ós provedores e ós clientes da empresa.

j) A diminución voluntaria non xustificada e avaliable no rendemento no traballo.

k) A reincidencia en falta grave, aínda que sexa de distinta natureza, sempre que se cometa no período de dous meses e fose obxecto de sanción.

l) A desobediencia ás ordes e mandatos dos superiores en calquera materia de traballo, se implicar quebrantamento manifesto da disciplina e diso se derivase prexuízo evidente para a empresa ou para os compañeiros/as de traballo. Terán a consideración de abuso de autoridade os actos arbitrarios realizados con infracción manifesta e deliberada dos preceptos legais, e con prexuízo para as traballadoras/res realizados por directivos, xefes e mandos intermedios.

m) Os atentados contra a liberdade sexual das traballadoras/es que se produzan valéndose da superioridade laboral ou se exerzan sobre persoas especialmente vulnerables pola súa situación persoal ou laboral.

3. Réxime de sancións. Correspóndelle á empresa e ós seus representantes, no exercicio das facultades de dirección, impoñeren sancións nos termos recollidos no presente artigo.

As sancións das faltas requirirán a comunicación escrita á/ó traballadora/dor, facendo consta-la data e mailos feitos que a motivan.

A empresa informará a representación legal das/os traballadoras/res de toda sanción por falta grave ou moi grave que se impoña.

Imposta a sanción, o cumprimento temporal poderase dilatar ata un máximo de 60 días despois da data da súa imposición ou firmeza.

4. Sancións. As sancións máximas que se poderán impoñer a quen incorra en faltas leves, graves ou moi graves serán as seguintes:

a) Por faltas leves:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

b) Por faltas graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de dous a vinte días.

c) Por faltas moi graves:

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo de vinte a sesenta días.

-Despedimento.

5. Prescrición. Dependendo da súa gradación, as faltas prescriben ós seguintes días:

a) Faltas leves: 10 días.

b) Faltas graves: 20 días.

c) Faltas moi graves: 60 días.

A prescrición das faltas sinaladas empezará a contar a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se cometeren.

As/Os traballadoras/es que se consideren inxustamente sancionados poderán interpoñe-las reclamacións legais ante o Servicio de Mediación, Conciliación e Arbitraxe, así como ante o Xulgado do Social.

Logo da interposición de reclamacións legais tentarase un acordo.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

Créase unha comisión paritaria encargada de resolve-los problemas de interpretación do presente convenio colectivo.

Igualmente, a comisión paritaria encargarase de negociar un cadro de categorías profesionais.

A comisión paritaria estará composta pola comisión negociadora do convenio.

Disposición transitoria

Primeira.-En todo o non regulado no presente convenio colectivo se aplicará a lexislación laboral en vigor, especialmente o Estatuto dos traballadores.

Disposición derradeira

Acórdase remiti-lo texto orixinal do convenio colectivo á Delegación Provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para o seu rexistro e publicación no BOP e máis no Diario Oficial de Galicia.

6. Táboas salariais 1998.

Categoría profesionalPesetas

Persoal de acabado, envasado e empaque:
Oficial de primeira80.600
Oficial de segunda79.600
Auxiliar74.300
Aprendiz68.040

Peonaxe:
Peón74.300
Persoal de limpeza74.300

Subalternos:
Almaceneiro82.500
Conserxe80.600
Cobrador80.600
Basculeiro-pesador80.600
Garda xurado80.600
Garda vixilante80.600
Ordenanza80.600
Porteiro80.600
Mozo de almacén80.600

Técnicos non titulados:
Encargado xeral120.000
Xefe de taller120.000
Encargado de sección110.000
Auxiliar de laboratorio82.500

Oficina técnica de organización:
Xefes de organización120.000
Técnico de organización de primeira92.000
Técnico de organización de segunda90.000
Auxiliar de organización82.500

Técnicos de proceso de datos:
Xefe de proceso de datos120.000
Operador de ordenador87.300

Administrativos:
Xefe de administración120.000
Oficial de primeira92.000
Oficial de segunda87.300
Auxiliar82.100
Aspirante68.040
Telefonista74.300

Mantemento e servicios:
Oficial de primeira92.000
Oficial de segunda87.300
Axudante74.300

10296