Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 12 de novembro de 1998 Páx. 12.202

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente a ampliación da subestación de Cartelle (Ourense), mediante a instalación dun novo parque de 220 kV. (Expediente 95/50-3 A.T. modificado).

Vistos o escrito e a documentación presentados pola empresa Red Eléctrica de España, S.A., con domicilio para efectos de notificación en Paseo do

Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas Madrid, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 25 de novembro de 1997 a citada empresa solicitou a autorización administrativa da ampliación da subestación de Cartelle. Novo parque de 220 kV.

Acompañan a dita solicitude o preceptivo anteproxecto a que fai referencia o artigo 8 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente segundo o disposto na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, do sistema eléctrico nacional.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Modificación do parque de 400 kV coa prolongación das barras 1 e 2 e a instalación dun trafo inductivo por barra. A rúa 2 (futuro Auto 1 - Auto 2) equípase con: 2 seccionadores pantógrafos de 420 kV, 3150 A e 50 kA; 3 seccionadores rotativos de 3 columnas de 420 kV, 3150 A e 50 kA, un deles con coitelas de p.at.; 2 interruptores de SF6; 6 transformadores de intensidade tipo C.T.I.-420; 3 pararraios autoválvulas de 360 kV, 20 kA. Instalación dun autotrafo de 400/220/24 kV, formado por tres unidades monofásicas de 200 mVA cada unha e na zona de 220 kV dun embarrado para o cerramento do terciario a 24 kV ó que se conectará un trafo para servicios auxiliares de 400 kVA.

-O parque de 220 kV construirase entre o edificio e a rúa 1 do parque de 400 kVA, en configuración de dobre barra, cunha posición de auto e dúas de liña (Castrelo/Pazos) e lugar para outras dúas, un auto e un acoplamento.

-Elementos de seguridade, control e manobra.

Segundo.-O citado anteproxecto someteuse a información pública, por anuncio da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense do 10-3-1998, publicándose no Diario Oficial de Galicia do 31 de marzo e no BOP de Ourense do 30 de marzo.

Durante o período legalmente establecido recibíronse as seguintes alegacións.

1. O Concello de Cartelle oponse á ampliación da subestación por estar relacionada coa instalación dunha nova liña denominada Castrelo-Pazos que esperta gran alarma nos veciños do concello polos posibles efectos prexudiciais sobre a saúde dos campos electromagnéticos producidos por estas instalacións, así como os efectos negativos sobre a economía e a calidade de vida da zona pola limitación de usos actuais e futuros, sen que se obteña unha compensación nin económica nin dotacional.

2. A asociación ADIMBA manifesta que a implantación da subestación producirá un grave impacto ambiental, sen estar aínda corrixido o impacto cau

sado pola implantación do parque de 400 kV e as liñas Mesón do Vento-Lindoso e Cartelle-A Poboa de Trives, non prevéndose no proxecto ningunha partida orzamentaria para mitigar este impacto. Engaden a existencia de estudios que relacionan este tipo de instalacións con diversas enfermidades e a existencia de zonas máis despoboadas onde se poden situa-las instalacións, considerando que estas producen máis prexuízos para a zona que beneficios.

As alegacións fóronlle remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable á delegación provincial de Ourense.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Non se pode acepta-la alegación presentada polo Concello de Cartelle, xa que se basea simplemente na relación desta instalación con outra á que se opón e que constitúe un expediente diferente; non obstante non existen estudios concluíntes e aceptados pola comunidade científica internacional que demostren a relación das liñas eléctricas de alta tensión sobre a saúde humana; de tódalas formas, o proxecto de execución da instalación deberá cumprir tódalas distancias e demais medidas de seguridade que esixe a lexislación vixente na materia. En relación cos terreos afectados, a implantación dunha instalación deste tipo deixa practicamente inalterada a área afectada, salvo os terreos en que se sitúa, non afectando sensiblemente a súa socioeconomía.

2. Non se pode acepta-la alegación presentada por ADIMBA relativa ó impacto ambiental da instalación, xa que mediante acordo de 30 de setembro de 1997, a Comisión Galega de Medio Ambiente aprobou o informe ambiental correspondente á elección co corredor de menor impacto das futuras entradas e saídas na subestación de Cartelle das liñas a 220 kV Castrelo-Velles e Castrelo-Pazos.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la ampliación da subestación de Cartelle (Ourense) consistente na instalación dun novo parque de 220 kV.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9751