Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 12 de novembro de 1998 Páx. 12.203

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 7 de outubro de 1998, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente a instalación eléctrica aérea de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV, doble circuíto, denominada entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Pazos, nos concellos de Castrelo de Miño, Arnoia e Cartelle, provincia de Ourense. (Expediente 98/17-3 A.T.).

Vistos o escrito presentado pola empresa Red Eléctrica de España, S.A., con domicilio en Paseo do Conde de los Gaitanes, 177, 28109 Alcobendas Madrid, esta dirección xeral ten en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-O día 25 de novembro de 1997, a citada empresa solicitou a autorización administrativa da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV, doble circuíto, denominada entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Pazos, nos concellos de Castrelo de Miño, A Arnoia e Cartelle (Ourense), (expediente 98/17-3), presentando o preceptivo anteproxecto de instalacións a que fai referencia o artigo 8 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña eléctrica aérea a 400 kV, en doble circuíto, de 7.390 m de lonxitude, conductor duples raíl (AW), illadores de vidro e apoios metálicos de celosía, derivada desde o apoio nº 6 da liña 400/220 kV, Castrelo

de Miño-Pazos de Borbén (Arnoia) e remate na subestación de Cartelle.

O orzamento da instalación ascende a 238.000.000 de ptas.

Segundo.-O citado anteproxecto de instalacións someteuse a información pública, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Ourense do 23-1-1998, publicándose no Diario Oficial de Galicia do 16-2-1998, no BOP de Ourense do 18-2-1998 e no BOE do 17-2-1998. Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente

Terceiro.-Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. O Concello de Cartelle solicita planos a unha escala que permita coñecer claramente por que lugares do concello vai pasa-la liña e a que actividades pode afectar. Manifesta que non se presenta ningún estudio sobre os efectos que as instalacións proxectadas poden ter nos bens, dereitos e persoas. Por último engade que non se realiza ningunha determinación da distancia a outra liña de parecidas características xa existente.

En escrito posterior, propón un novo trazado alternativo ó proxectado por R.E.E.

2. Veciños das localidades de Armada, Pereda e Reigoso, do termo municipal de Cartelle, manifestan a súa oposición á instalación, debido ós presuntos efectos das liñas eléctricas de alta tensión sobre a saúde das persoas; así como sobre o ambiente, as expectativas de desenvolvemento urbanístico e económico da zona.

As alegacións foron remitidas á empresa promotora para a súa contestación.

Carto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola delegación provincial de Ourense.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O anteproxecto cumpre o disposto no capítulo III do Decreto 2617/1966, xa citado.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. A empresa promotora remitiu ó Concello de Cartelle a cartografía solicitada, se ben hai que indicar que segundo o establecido no apartado 2º do artigo 8 do Decreto 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas, á solicitude de autorización administrativa dunha liña eléctrica, xuntarase un anteproxecto da instalación, que deberá conter unha memoria na que se consignen a orixe, percorrido e fin dela, sinalados en mapas a unha escala axeitada, pero sen esixir nesta fase do expediente unha especificación detallada, puntual e concreta dos terreos polos que haberá de discorre-la liña, xa que isto se reserva ó momento procedemental de representación do proxecto de execución, por outra banda, a descrición dos bens e dereitos afectados deberá presentarse no momento de solicitude de declaración de utilidade pública.

Con respecto á variante proposta por este concello, esta será estudiada pola empresa R.E.E. e, se é o caso, recollida no proxecto de execución que se presente no seu día.

2. Non se pode acepta-la alegación presentada por veciños das localidades de Armada, Pereda e Reigoso, xa que o proxecto de execución deberá cumprir tódalas distancias e demais medidas de seguridade que esixe o Regulamento das liñas eléctricas aéreas de alta tensión.

Cuarto.-Red Eléctrica de España, S.A. cumprirá coas condicións e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar, polos organismos públicos consultados.

Quinto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Autorizar administrativamente a instalación da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 400 kV, dobre circuíto, denominada entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Pazos, nos concellos de Castrelo de Miño, Arnoia e Cartelle (Ourense).

Esta instalación non poderá entrar en servicio mentres non conte o seu peticionario coa aprobación do seu proxecto de execución, logo do cumprimento dos trámites que se sinalan no capítulo IV do citado Decreto 2617/1966, do 20 de outubro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso ordinario, perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de

acordo co disposto no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 1998.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

9659