Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 12 de novembro de 1998 Páx. 12.158

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 28 de outubro de 1998 pola que se recoñece de interese galego a Fundación Expomar e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Expomar, con domicilio en Burela (Lugo), rúa Pardo Bazán, nº 6.

Supostos de feito.

1.-Manuel Mon Rouco, na súa calidade de presidente da fundación e do padroado, en escrito de 3 de xullo de 1998, presentou solicitude de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Expomar.

2.-A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Burela, o día 22 de maio de 1998, ante a notaria María Dolores Rodríguez Fernández

co número cincocentos setenta e oito do seu protocolo, por Manuel Mon Rouco, Sergio López García, Narciso González García, Laudelino Alperi Baragaño, Ángel Fernández Véquez, José Roca Dopico, Carlos González Casas e Jesús Pernas Carreira que interveñen no seu propio nome e dereito e, ademais, Manuel Mon Rouco en nome e representación do Concello de Burela; Laudelino Alperi Baragaño en nome e representación da entidade mercantil Astilleros Armón Burela, Sociedade Anónima; Ángel Fernández Véquez, en nome e representación da sociedade Armadores de Burela, S.A.; José Roca Dopico en nome e representación da Confraría de Pescadores San Juan Bautista de Burela; Carlos González Casas en nome e representación da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e Jesús Pernas Carreira en nome e representación da Cámara Oficial de Comercio, Industria e Navegación da provincia de Lugo.

3.-A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da

Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese náutico-pesqueiro da Fundación Expomar, dado o seu obxecto e finalidade polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procedeuse á súa clasificación como de interese náutico-pesqueiro e a súa adscrición á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura por Orde do 21 de xullo de 1998 (DOG do 29 de xullo) da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

4.-O obxecto da fundación é a promoción e desenvolvemento do sector náutico-pesqueiro de acordo co establecido no artigo 6 dos estatutos da fundación.

5.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación fanse constar, entre outros puntos: a acreditación da personalidade dos fundadores; a dotación inicial da fundación e os seus estatutos, onde se reflicte a súa denominación, domicilio, ámbito, obxecto, órganos de goberno, patrimonio e recursos da fundación e a súa modificación, fusión e extinción.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución Española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa Lei e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3ºa) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Expomar, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación dela.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo as obrigas de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data da finalización do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e de xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado

no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección de Fundacións da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 8, 11.1º e 18 da Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Expomar.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección de Fundacións da Conselleria de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a formación do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de da-la publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a rende-las contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento antes do último mes do exercicio económico anterior a aquel para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 1998.

P.D. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22-12-1997)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura

10137