Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Xoves, 22 de outubro de 1998 Páx. 11.413

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 1998, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, depósito e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Urbaser, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Urbaser, S.A. que tivo entrada nesta delegación provincial o día 4-8-1998, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 30-7-1998, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 26 de agosto de 1998.

Ramón Hermo Rey

Delegado provincial de Pontevedra en funcións

Convenio colectivo para os traballadores da recollida do lixo do concello de Redondela adscrito á empresa Urbaser, S.A.

Normas xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio colectivo afecta a todo o persoal da recollida do lixo do concello de Redondela adscrito á empresa Urbaser S.A.

Artigo 2º.-Duración e vixencia.

O presente convenio terá unha duración de tres anos anos, contados do 1 de xaneiro de 1998 ata o 31 de decembro do ano 2000. Entrará en vigor no momento da súa sinatura, mais os seus efectos económicos pactados para o primeiro ano de vixencia do convenio terán efecto retroactivo desde ó 1 de xaneiro de 1998.

Entenderase prorrogado tacitamente por períodos anuais sempre que por calquera das partes non sexa denunciado cando menos con tres meses de antelación ó seu vencemento ou de calquera de súas prorrogas.

Artigo 3º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas e de calquera índole contidas no presente convenio teñen carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas ou situacións implantadas polas empresas e que impliquen condicións máis beneficiosas para os traballadores verbo do presente convenio, subsistirán para aqueles que as veñan desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas teña que computarse o melloramento económico que supón o presente convenio.

Artigo 4º.-Absorción.

As melloras económicas contidas no seu conxunto no presente convenio compensarán ou absorberán aquelas melloras que se teñan producido voluntariamente e que veñan así cualificadas na nómina polas empresas desde a sinatura do último.

Artigo 5º.-Comisión mixta paritaria.

Estará formada por dous representantes da parte económica e dous da parte social. Ambas partes poderán contar con asesores e reuniranse por instancia de calquera delas cantas veces sexa necesario, debendo celebrarse a reunión dentro dos cinco días seguintes á convocatoria.

As súas funcións serán:

a) Interpretación da totalidade das cláusulas deste convenio.

b) Estudio e valoración das novas disposicións legais de promulgación posterior á entrada en vigor do presente convenio que puidesen afectar ó seu contido.

c) Cantas outras actividades tendan a unha eficacia práctica do convenio e a unha mellor solución interna dos conflictos.

As reunións da comisión paritaria non se descontarán do crédito de horas sindicais.

Artigo 6º.-Interpretación e aplicación.

As dúbidas e diverxencias que poidan xurdir sobre a aplicación deste convenio serán sometidas á comisión mixta paritaria antes de presenta-la reclamación pertinente no organismo competente.

A comisión mixta deberá emiti-lo seu informe nun prazo máximo de 72 horas, a partir do día seguinte no que fora solicitado.

As funcións e actividades da comisión mixta paritaria non obstruirán en ningún caso o libre acceso á xurisdicción administrativa e contenciosa prevista na lei.

Condicións de traballo

Artigo 7º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 39.25 horas semanais que supón unha xornada diaria de 6 horas e 35 minutos, iniciando o traballo as 23, de luns a sábado que inclúen 20 minutos de bocadillo de tempo efectivo de traballo.

Os días 24 e 31 de decembro serán inhábiles.

Artigo 8º.-Días de descanso.

Os traballadores disporán de tres días de descanso no ano 1998, 6 días en 1999 e 9 días para o ano 2000; estes días serán aboados como efectivamente traballados. O persoal terá que solicitalo con cinco días de antelación como mínimo, os traballadores desfrutarán de ese día por orde de petición establecéndose como máximo de desfrute coincidente nel un peón e un conductor.

Artigo 9º.-Vacacións.

1. Todo o persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas, ou a parte proporcional que lle corresponda en función do tempo traballado.

2. En 1998 as vacacións desfrutaranse durante os meses de xullo e agosto. O inicio das vacacións terá lugar en día laborable que non sexa nin sábado, domingo, festivo ou día de descanso. A rotación de cada ano establecerase a través dun sorteo público.

3. Os traballadores da mesma categoría profesional poderán cambiar entre sí a súa quenda de vacacións, logo de notificación á empresa.

4. O aboamento, destas farase en función do salario base do convenio, antigüidade, plus de transporte (máis 6 días) e plus tóxico. O plus de transporte aboaranse a pro rata do tempo traballado durante o ano.

5. A empresa concederá ó persoal que o solicite o desfrute das vacacións fóra do período establecido neste convenio.

6. Os traballadores que con anterioridade ó período vacacional se encontren en situación de IT, terán dereito ó desfrute das vacacións sempre que causen alta antes de finaliza-lo ano natural en curso.

7. O empresario saínte dunha contrata adxudicada a outra empresa estará obrigado a liquidar a parte proporcional que lles corresponda ós/as traballadores/as no concepto de vacacións.

Artigo 10º.-Licencias.

1. Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador/a: 15 días naturais.

b) Divorcio: 3 días.

c) Matrimonio de pais, pais políticos, fillos ou parente que convivan co traballador: 1 día natural.

d) Nacemento de fillos: 5 días laborais.

e) Falecemento, enfermidade grave ou hospitalización:

-Do cónxuxe: 5 días naturais.

-Pais, pais políticos e fillos: 3 días naturais.

-Irmán e parentes ata segundo grao de consaguinidade ou afinidade: 2 días naturais.

Se entre o traballador e os parentes anteriormente detallados houbera convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorriría se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra da localidade.

f) Falecemento de tío: 1 día natural. Se houbera convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia sería de 2 días naturais.

g) Traslado de domicilio: 2 días laborais.

h) Os/as traballadores/as que cursen con regularidade estudios para a obtención dun título oficial académico ou profesional, terán dereito a un permiso retribuído do tempo necesario para concurrer a exames, logo de comunicación do traballador/a á dirección da empresa con quince días de antelación e xustificación correspondente.

As referencias que as alíneas d) e e) do presente artigo fan á cónxuxe e o cónxuxe respectivamente, entenderanse feitos, así mesmo, ó compañeiro/a que en situación estable e acreditada conviva co traballador/a.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispoñer de ata quince días de permiso e unha vez ó ano, non retribuídas pola empresa.

2. Asistencia a consultorios médicos.

Tódolos/as traballadores/as terán dereito a unha licencia retribuída polo tempo necesario para asistir a consultorios médicos.

O/a traballador/a que teña que acudir a un consultorio médico estará obrigado a avisar anticipadamente á empresa, debendo xustificar, por outra parte, que foi atendido polo facultativo correspondente.

Así mesmo, terán dereito a asistir a consultorio médico con fillos menores ou fillos minusválidos calquera que sexa a súa idade, cun máximo de tres veces ó mes.

Este punto será de aplicación sempre que a súa xornada laboral coincida co horario da consulta médica, co horario da súa cónxuxe, compañeiro ou compañeira. Os procesos de rehabilitación non terán a consideración de consulta médica para efectos do dereito regulado neste punto.

Artigo 11º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT derivada de accidente laboral ou enfermidade profesional, a empresa complementará ata o 100% do salario real desde o primeiro día de baixa.

Do mesmo modo complementarase o 100% de salario real desde o primeiro día, en caso de accidente in itinere, entendendo como tal aquel que se produce

durante o desprazamento entre o domicilio habitual e o centro de traballo, sempre e cando o accidente que derive do feito causante se produza nunha hora (60 minutos) antes do inicio da xornada e ó rematar esta.

No caso de IT, derivada de caso de enfermidade común ou accidente non laboral, a empresa complementará segundo a seguinte escala:

1. A empresa complementará o 100% de salario real desde o primeiro día de baixa do ano.

2. A empresa complementará o 100% de salario real desde o décimo quinto día para a segunda baixa do ano.

3. A empresa complementará o 100% de salario real desde o vixésimo primeiro día para a terceira e sucesivas baixas do ano.

Artigo 12º.-Roupas de traballo.

A roupa de traballo será de uso obrigatorio para todo o persoal e a empresa facilitará cada 2 anos as seguintes pezas:

-Conductores:

* Roupa de inverno:

2 pantalóns

2 camisas

1 par de calzado

1 anorak.

1 roupa de augas.

1 cazadora.

1 gorra.

2 xerseis.

* Roupa de inverno:

2 pantalóns

2 camisas

1 par de calzado

1 xersei.

-Peóns:

* Roupa de inverno:

3 pantalóns

2 camisas

1 par de calzado

1 par de botas de auga

* Roupa de verán:

2 pantalóns

2 camisas

1 par de calzado

1 xersei

1 anorak

1 roupa de auga

1 gorra

2 xerseis

1 cazadora

Tres pares de guantes ó mes e un de reserva no camión.

A roupa de verán entregarase ó longo do mes de maio e a roupa de inverno entregarase ó longo do mes de outubro.

Cando realizando o traballo a roupa rompa ou quede inservible a empresa a cambiará por outra nova logo de entrega da peza deteriorada.

Condicións sociais

Artigo 13º.-Póliza de seguro.

A empresa subscribirá unha póliza de seguros que garanta as seguintes indemnizacións:

-Falecemento derivado de enfermidade profesional e/ou accidente laboral polo importe de dous millóns de pesetas.

-Incapacidade laboral permanente, absoluta, gran invalidez para calquera acitividade laboral, derivada de enfermidade profesional e/ou accidente laboral incluído in itinere por importe de 2 millóns de pesetas.

A dita póliza entrará en vigor o día da súa sinatura, quedando en canto non entre en vigor, as continxencias descritas no apartado anterior, cubertas coa póliza subscrita no ano anterior.

Os traballadores afectados polo presente artigo e que se atopan dentro do ámbito de aplicación do presente convenio terán a facultade de designar por escrito ante a empresa o beneficiario/os de acordo cos preceptos legais establecidos para efecto na lexislación vixente, exonerando a empresa de calquera reclamación posterior por parte dos herdeiros e/ou beneficiarios.

Artigo 14º.-Bolsa cancelación diferida.

A empresa comprométese á citación dun fondo de 600.000 pts. para aqueles traballadores que o necesiten poidan solicitar anticipos de cancelación diferida nas seguintes condicións:

A cantidade máxima que se poderá anticipar por traballador non poderá exceder de 150.000 ptas.

Os ditos anticipos deberán solicitarse dentro dos 5 primeiros días hábiles de cada mes, facendo a concensión unha vez aprobada pola comisión paritaria o día 15 do mes no que se solicita.

O anticipo será cancelado nun prazo máximo de doce meses reténdose dos haberes mensuais de cada traballador os importes dos distintos vencementos.

A primeira retención farase efectiva no mes seguinte a aquel no que se concede o anticipo.

Se o traballador antes da total cancelación do anticipo causa baixa na empresa sexa cal xexa o motivo, descontaráselle da liquidación que puidera corresponderlle a cantidade que lle quedara pendente de amortizar. No suposto de que non alcanzase, o traballador comprométese a liquida-la cantidade pendente nun prazo máximo de dous meses contados desde a data pendente da baixa.

Artigo 15º.-Excedencias.

1. O traballador con alomenos unha antigüidade na empresa dun ano terá dereito a que se lle recoñeza unha excedencia voluntaria de un a cinco anos. A empresa reservará o posto de traballo ó traballador na dita situación, concertando para o efecto o contrato de interinidade ou substitución correspondente.

2. Se a excedencia fora solicitada por un prazo inferior a cinco anos, o traballador poderá, logo de comunicación á empresa, prorroga-la dita situación anualmente ate consegui-los cinco anos. O traballador avisará a empresa con dous meses de antelación á data prevista para a súa reincorporación ó seu posto de traballo.

3. Este dereito só poderá ser exercido de novo polo mesmo traballador unha vez transcorridos catro anos desde o remate da anterior excedencia.

4. En todo o non previsto neste artigo observarase ó establecido con carácter xeral no artigo 46 do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre a materia.

Artigo 16º.-Servicio militar ou civil substitutorio.

O tempo no que o personal permaneza no servicio militar ou civil substitutorio terá dereito a conserva-lo posto de traballo así como a seguir mantendo o cómputo de antigüidade.

Artigo 17º.-Cobertura pola retirada do carné de conducir.

No suposto da retirada provisional do permiso de conducir, a empresa adaptará o conductor afectado a outro posto de traballo conservando a súa categoría e salario durante o prazo que dure a retirada do permiso de conducir. Este artigo será de aplicación no suposto de que a infracción da que derive a retirada do permiso de conducir se produza do desenvolvemento das funcións que lle foran encomendadas. Estes beneficios non terán lugar cando a infracción da que derive a retirada do permiso de conducir sexa debida a embriaguez, drogadicción ou exista reincidencia. Ó remate da retirada do permiso de conducir, será reintegrado á súa anterior categoría e posto de traballo.

O resto das categorías que desempeñen os labores de conductor, rexeranse por este artigo.

Artigo 18º.-Saude laboral.

Dada a importancia que recoñecen os asinantes á prevención de accidentes, inclúese este capítulo dedicado á saúde laboral. E considerando de obrigada aplicación ámbalas dúas partes a lexislación sobre saúde laboral, para tal efecto elixirase un delegado de prevención, co obxecto de velar polo cumprimento das medidas legais e regulamentarias, así como a posta en práctica do estipulado na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Artigo 18º bis.-Medidas de seguridade e hixiene.

A dirección da empresa adoptará as medidas de seguridade e hixiene pertinentes como consecuncia

do control do lugar de traballo e as instalacións e instrumentos que pon á disposición dos traballadores.

As medidas de prevención afectarán igualmente ós traballadores obrigándose a traballar con seguridade e a coidar que os locais e instrumentos de traballo se atopen en perfectas condicións, debendo pór en coñecemento do delegado de prevención, ou no seu defecto do delegado de persoal, tódalas anomalías que se detecten para que adopte as medidas oportunas.

Artigo 18º bis.-Función do delegado prevención.

1. As funcións do delegado de prevención serán as seguintes:

a) Promove-la observancia da disposicións vixentes para a prevención de riscos profesionais.

b) Fomenta-la colaboración de todo o persoal na práctica e observancia das medidas preventivas e estimula-lo ensino, divulgación, propaganda de saúde laboral e riscos laborais, fundamentalmente do representante dos traballadores.

2. A empresa facilitará os medios de propaganda que considere necesarios a través do delegado de prevención, a fin de que todo o persoal estea ó día sobre as recomendacións, obrigas e prácticas en materia de saúde laboral ou prevención de riscos laborais.

Artigo 19º.-Recoñecemento médico e vacinación.

Anualmente farase a tódolos traballadores un recoñecemento médico de carácter obrigatorio.O recoñecemento médico consistirá como mínimo en:

-Audiometría.-Control da vista.-Análise de sangue.-Análise de urina.-Espirometría.-Exploración clínica.

Os resultados do recoñecemento médico entregaranse ó traballador.

A campaña de vacinación consistirá como mínimo no seguinte:

-Vacina contra o tétanos.

-Vacina contra a hepatite B con análise de sangue previa.

-Vacina contra a gripe.

Dereitos sindicais

Artigo 20º.-Acción sindical e garantías de cargos sindicais.

En todo o relacionado con este tema observarase ó disposto nos artigos 61 e seguintes do Estatuto dos traballadores, determinándose que cando un representante legal deba saír da empresa para exercer funcións de representación deberá comunicarlles a esta o día anterior, salvo situacións excepcionais que se terán que xustificar posteriormente. Como

xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

A representación dos traballadores corresponde ó delegado de persoal.

Este terá as garantías e competencias establecidas no artigo 64 do ET. Do mesmo xeito seranlle de aplicación as normas sobre sixilo profesional establecidas no artigo 65 do ET.

Ante posibles modificacións substanciais das condicións de traballo efectuadas pola empresa, ó amparo do establecido nos artigos 40 e 41 do ET, a empresa notificará ó delegado de persoal para que nun prazo de tres días presente as alegacións que en dereito considere oportunas antes do preaviso ó traballador afectado. No caso de presentación ou non de alegacións, a empresa actuará conforme no establecido na lexislación vixente.

Será obrigatorio colocar un taboleiro de anuncios para información sindical que se axustará ó disposto no ET.

Así mesmo, o delegado de persoal disporá dun crédito de 18 horas sindicais mensuais retribuídas para realiza-lo seu cometido, debendo xustificalas adecuadamente así como solicitalas cunha antelación mínima de 24 horas salvo casos excepcionais, que poderá solicitalas fóra do prazo establecido.

Condicións salariais

Artigo 21º.-Salarios.

As retribucións correspondentes ás distintas categorías do persoal afectado por este convenio fíxanse na táboa salarial anexa para os anos 1998, 1999 e 2000.

O abamento dos salarios deberá efectuarse o derradeiro día hábil de cada mes.

Artigo 22º.-Antigüidade.

Os/as traballadores/as fixos comprendidos no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicio prestado na mesma empresa, na contía do cinco por cento para cada trienio sobre o salario base.

Artigo 23º.-Pagas extraordinarias.

O personal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes a xullo e Nadal, na contía, cada unha delas, dunha mensualidade de salario base do convenio máis antigüidade, se é o caso.

As ditas pagas extraordinarias de xullo e Nadal percibiranse na súa integridade, independentemente de que o traballador tivera estado en situación de IT durante o período de devengo de cada unha delas, as pagas de xullo e do Nadal aboaranse entre os días 10 e 20 dos respectivos meses.

Igualmente percibirán no día 10 de marzo unha paga, na contía dunha mensualidade de salario base

do convenio, máis a antigüidade, se é o caso. A dita paga deberá de referirse ó ano natural anterior, aboándose a prorata dos días traballados. Non obstante o anterior, esta paga percibirase na súa integridade, independentemente de que o traballador/a estivera en situación de IT durante o período de devengo da dita paga.

Artigo 24º.-Plus de transporte.

Os traballadores percibirán un plus transporte nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial final para os anos 1998, 1999 e 2000.

Artigo 25º.-Plus de asistencia.

Os traballadores percibirán un plus asistencia nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial final para os anos 1998, 1999 e 2000.

Artigo 26º.-Plus de toxicidade e perigosidade.

Os traballadores percibirán un plus toxicidade e perigosidade nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial final para os anos 1998, 1999 e 2000.

Artigo 27º.-Plus de nocturnidade.

Os traballadores percibirán un plus de nocturnidade nas cantidades e días reflectidos na táboa salarial final para os anos 1998, 1999 e 2000.

No ano 2001 a porcentaxe do plus de nocturnidade completarase ó 25%, quedando o plus para ese ano nas seguintes cantidades:

Encargado: 1.035 ptas.

Conductor: 835 ptas.

Peón: 767 ptas.

Artigo 28º.-Festivos traballados.

Os festivos traballados serán aboados na contía de 8.000 ptas. para tódalas categorias, ou ben se compensarán en día de descanso; a elección faraa o traballador. Este concepto será cotizable.

Artigo 29º.-Xubilación.

Os/as traballadores/as que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderán acollerse á modalidade de xubilación determinada no Real decreto lei 14/1981, do 20 de agosto, e Real decreto 1194/1985, estando as empresas obrigadas a contratar simultaneamente no lugar da/o xubilado/a a outro traballador/a que sexa titular de dereito a calquera das prestacións económicas de desemprego ou xove demandante de primeiro emprego, tal e como dispoñen as normas citadas.

Quedará pendente para o vindeiro convenio chegar a un acordo en incorporar premios anticipados por xubilación.

Artigo 30º.-Anticipos.

O persoal que o solicite por escrito terá dereito a percibir un anticipo á conta do traballo realizado durante a mensualidade na que o solicita, por un importe máximo ata un 80% do salario devengado.

Os anticipos concederanse o día 18 de cada mes solicitándoos con alomenos 24 horas de antelación.

Outras condicións

Artigo 31º.-Adscrición do persoal.

Co obxecto de contribuír a garanti-lo principio de estabilidade no emprego, a absorción do personal entre os que se suceden, mediante calquera das modalidades de contratación de xestión de servicios públicos, contratos de arrendamento de servicios ou doutro tipo, nunha concreta actividade das reguladas no ámbito funcional do presente convenio, levarase a cabo nos termos indicados no presente artigo e seguintes.

No sucesivo, o termo contrata engloba con carácter xenérico calquer modalidade de contratación, tanto pública como privada, e identifica unha concreta actividade que pasa a ser desempeñada por unha determinada empresa, sociedade ou organismo público.

a) En tódolos supostos de remate, perda, rescisión, cesión ou rescate dunha contrata, así como respecto de calquera outra figura ou modalidade que supoña a substitución entre entidades, persoas físicas ou xurídicas que levan a cabo a actividade de que se trate, os traballadores da empresa saínte pasarán a adscribirse á nova empresa ou entidade pública que vaia realiza-lo servicio, respectando esta os dereitos e obrigacións que desfruten na empresa substituída. Producirase a mencionada subrogación de personal sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

1. Traballadores/as en activo que presten os seus servicios na contrata cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo do servicio, sexa cal for a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, con anterioridade ó citado período de catro meses, traballasen noutra contrata.

2. Traballadores/as con dereito a reserva do posto de traballo que, no momento do remate efectivo da contrata, teñan unha antigüidade mínima de catro meses nela e se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, vacacións, permiso, descanso maternal, servicio militar ou situacións análogas.

3. Traballadores/as que, con contrato de interinidade, substitúan algún dos traballadores nomeados no apartado segundo, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

4. Traballadores/as de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporaran á contrata de servicios públicos como consecuencia dunha ampliación, nos catro meses anteriores ó remate daquela.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen, tendo cumplido 64 anos dentro dos catro últimos meses anteriores ó remate efectivo da contrata e teñan unha antigüidade mínima nela dos catro meses anteriores á xubilación, sempre que esta estea pactada en convenio colectivo estatutario de ámbito inferior, en virtude do R.D 1191/1985, do 17 de xullo.

b) Tódolos supostos considerados, deberán ser acreditados verídica e documentalmente pola empresa ou entidade pública saínte á entrante, mediante os documentos que se detallan no artigo 30º no prazo de dez días hábiles contados desde o momento en que, ben a empresa entrante, ou a saínte, comunique veridicamente á outra empresa o cambio na adxudicación no servicio.

c) Os traballadores que non desfrutaran as vacacións regulamentarias ó producirse á subrogación, desfrutaranas coa nova adxudicataria do servicio, que só aboará a parte proporcional do período que a ela corresponda, xa que o aboamento do outro período corresponde ó anterior adxudicatario, que deberá facelo na correspondente liquidación.

d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes a que vincula: empresa ou entidade pública ou privada cesante, nova adxudicataria, cliente e traballador.

Se o cliente rescindira a contrata a unha empresa para deixar de presta-lo servicio, ou realizalo por sí mesmo, operará a subrogación para o propio cliente nos termos sinalados neste artigo.

División de contratas

No suposto de que unha ou varias contratas, a actividade das cales vén sendo desenvolvida por unha ou distintas empresas ou entidades públicas, se fragmenten ou dividan en distintas partes, zonas ou servicios co obxecto da súa posterior adxudicación, pasarán a estar adscritos ó novo titular aqueles traballadores que realizasen o seu traballo na empresa saínte nas concretas partes, zonas ou servicios resultantes da división producida, cun período mínimo dos catro últimos meses, sexa cal fose a súa modalidade de contrato de traballo, e todo isto aínda cando con anterioridade traballasen noutras zonas, contratas ou servicios distintos.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 e 5, ámbolos dous inclusives, do artigo 30º e que realizasen o seu traballo nas zonas, divisións e servicios resultantes.

Agrupacións de contratas

No caso de que distintas contratas, servicios, zonas ou divisións daquelas se agrupen nunha ou varias, a subrogación do personal operará respecto de tódolos traballadores que, con independencia da modalidade do seu contrato de traballo, realizasen o seu traballo nas que resulten agrupadas cun tempo mínimo dos catro meses anteriores e todo isto aínda cando con anterioridade prestasen servicios en distintas contratas, zonas ou servicios.

Subrogaranse así mesmo os traballadores que se atopen nos supostos 2 e 5, ámbolos dous inclusive, do artigo 31º, e que prestasen os seus servicios nas contratas, zonas, divisións ou servicios agrupados.

Obrigatoriedade

A subrogación de persoal, así como os documentos que se facilitarán, operarán en tódolos supostos de substitución de contratas, partes, zonas ou servicios que resulten da fragmentación ou división delas, así como nas agrupacións que daquelas poidan efectuarse, aínda tratándose das normais substitucións que se produzan entre empresas ou entidades públicas ou privadas que leven a cabo a actividade dos correspondentes servicios, e isto aínda cando a relación xurídica se estableza só entre quen adxudica o servicio por un lado e a empresa que resulte adxudicataria por outro, sendo de aplicación obrigatoria, en todo caso, a subrogación de personal, nos termos indicados e isto con independencia tanto da aplicación, se é o caso, do previsto no artigo 44 do Estatuto dos traballadores, como da existencia por parte do empresario saínte doutras contratas alleas á que é obxecto de sucesión.

Documentos que facilitará a empresa saínte á empresa entrante

A empresa saínte deberá facilitar a entrante os seguintes documentos:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC-1 e TC-2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións. Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o período do seu mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do personal afectado pola subrogación.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, na que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio da nova titular.

Artigo 32º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregar ós/ás traballadores/as fotocopia da alta desta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de dúas semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Artigo 33º.-Asembleas.

Os traballadores dunha mesma empresa terán dereito a reunirse en asemblea, unha vez ó mes e por un tempo máximo de dúas horas durante a xornada debendo comunicar á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, salvo situacións

excepcionais de conflicto ou folga, na que bastará con preavisar con 24 horas de antelación.

Artigo 34º.-Axuda familiar.

Os traballadores afectados por este convenio que teñan ó seu cargo unha persoa diminuída psíquica ou física, de acordo coas estipulacións requiridas pola Seguridade Social, e logo de xustificación, percibirán un complemento extrasalarial de 6.500 pts por doce pagas.

Artigo 35º.-10 de marzo día da Clase Traballadora Galega.

Este día considérase non laborable e considérase como festivo.

Se o día coincide en festivo ou en domingo, os traballadores desfrutarán o festivo no día anterior ou posterior.

Ámbalas partes acordan substituílo o día do patrón San Martiño de Porres polo día 10 de marzo día da Clase Obreira Galega.

Artigo 36º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son en representación dos traballadores, a Central Sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) e Comisións Obreiras (CC.OO.).

Pola parte empresarial asina Urbaser, S.A.

Disposicións adicionais

Primeira.-As diferencias ou atrasos salariais producidos como consecuencia da aplicación retroactiva dos efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 1998 serán aboados pola empresa ó mes seguinte da sinatura do convenio.

Segunda.-En todo o non previsto no vixente convenio observarase o disposto no convenio xeral do sector, Estatuto dos traballadores e demais lexislación vixente na materia.

Terceira.-Con respecto á antigüidade, establécese, expresamente, un compromiso institucional da totalidade das partes presentes nesta mesa para negocia-la súa conxelación a partir do ano 2001. Para tal efecto constituirase unha mesa de negociación na primeira quincena do mes de xaneiro do dito ano. As partes deixan constancia de que este compromiso institucional ten causa no conxunto da presente negociación.

Táboa de salarios ano 1998

Días ano365274304298303030274
CategoríasS. BaseAsistenicaTransporteTóxico/Pelg.P. marzoP. xulloP. NadalNocturnoTotal
Enc./Cond.4.1402234548284.1404.1404.1402592.400.544
Cond.3.3402234546683.3403.3403.3402091.975.164
Peón3.0672234546133.0673.0673.0671921.829.719

Táboa de salarios ano 1999

Días ano365274304298303030274
CategoríasS. BaseAsistenicaTransporteTóxico/Pelg.P. marzoP. xulloP. NadalNocturnoTotal
Enc./Cond.4.1732235198284.1734.1734.1735182.506.249
Cond.3.3732235196683.3733.3733.3734182.067.169
Peón3.0992235196133.0993.0993.0993831.917.040

Táboa de salarios ano 2000

Días ano365274304298303030274
CategoríasS. BaseAsistenicaTransporteTóxico/Pelg.P. marzoP. xulloP. NadalNocturnoTotal
Enc./Cond.4.2042235808284.2044.2044.2047762.609.634
Cond.3.4042235806683.4043.4043.4046262.156.854
Peón3.1302235806133.1303.1303.1305752.002.041

9352